Capítulos 91-95

SALMO 91 (90)

Nas palmas das mans

 

1O que habita ó agarimo do Altísimo

e mora á sombra do Omnipotente,

2dígalle ó Señor: ‑"Meu refuxio, miña forza,

meu Deus, en quen confío".

 

3El é quen te libra do lazo do cazador

e da peste maligna.

4Cóbrete coas súas plumas,

protéxete coas súas ás,

escóndete co seu brazo e deféndete.

 

5Non temerás as sorpresas da noite

nin as frechas que voan polo día,

6nin a peste que rolda nas tebras

nin o andazo que estraga ó mediodía.

 

7Se ó teu lado caen mil,

e dez mil á túa dereita,

a ti non te tocará.

8Só con abrir os ollos,

verás o pago dos malvados.

 

9Abofé o Señor é o teu refuxio,

tes no Altísimo a defensa.

10Ningún mal non te tocará,

ningunha praga non se achegará á túa tenda.

11Pois El manda os seus anxos

para que te garden en todos os camiños.

 

12Levarante nas palmas das mans,

para que non batan nas pedras os teus pés.

13Esmagarás áspides e serpes,

calcarás leóns e dragóns.

 

14Xa que me ten afecto, librareino,

poreino en seguro, xa que coñece o meu nome.

15Chamarame, e respondereille,

estarei con el nos apuros,

defendereino e honrareino.

16Dareille días a fartar,

mostrareille a miña salvación.

 

SALMO 92 (91)

Os xustos medrarán

 

1Salmo, cántiga, para o sábado.

 

2É bo loarte, Señor,

cantar o teu nome, Altísimo,

3pregoar de mañá o teu amor

e de noite a túa fidelidade,

4ó son da arpa e da lira,

coas soantes cordas da cítola.

 

5As túas obras, Señor, danme alegría,

as accións das túas mans fanme cantar;

6os teus feitos, Señor, ¡que grandes son!

¡Que profundos os teus proxectos!

7O ignorante non o sabe,

o parvo non o entende.

 

8Se medran os malfeitores coma a herba,

se os malvados florecen,

serán destruídos para sempre,

9mentres ti, Señor, es eternamente excelso.

10Aí están, Señor, os teus inimigos,

aí están os teus inimigos perecendo

e dispersos os malfeitores.

 

11Mais a min dásme a forza dun touro

e únxesme con óleo fresco.

12Cos meus ollos verei a ruína do opresor,

cos meus oídos a dos meus inxustos agresores.

 

13Os xustos medrarán coma palmeiras,

ergueranse coma cedros do Líbano.

14Plantados na casa do Señor,

florecerán nos adros do noso Deus.

15Aínda na vellez seguirán dando froito,

estarán fortes e frescos,

16para pregoar que recto é o Señor,

a miña rocha, en quen non hai iniquidade.

 

SALMO 93 (92)

Reina o Señor

 

1Reina o Señor, vestido de maxestade,

o Señor está vestido, cinguido de poder,

e o mundo non abanea, está firme.

2O teu asento está afincado desde sempre,

ti estás aí desde a eternidade.

 

3As correntes erguen, Señor,

as correntes erguen a súa voz,

as correntes erguen o seu fragor.

4Pero, máis cá voz das moitas augas,

máis podente cás ondas do mar

é potente nas alturas o Señor.

 

5A revelación do Señor é verdadeira,

a santidade é o ornato da túa casa,

polos séculos, Señor.

 

 

SALMO 94 (93)

O pago dos soberbios

 

1Señor, Deus xusticeiro,

Deus xusticeiro, maniféstate;

2xuíz da terra, érguete,

dálles o seu pago ós soberbios.

 

3¿Ata que día os malvados, Señor,

ata que día os malvados triunfarán?

4Os malfeitores latrican,

falan con insolencia e xactancia.

5Oprimen, Señor, o teu pobo,

asoballan o teu herdo;

6matan viúvas e estranxeiros,

asasinan orfos.

7Din: ‑"O Señor non o ve,

o Deus de Xacob non se decata".

 

8Entendede, xente insensata,

¿cando teredes xuízo, ignorantes?

9¿Non vai oír quen plantou o oído?

¿Non vai ver quen fixo os ollos?

10¿Non vai castigar quen educa os pobos

e ensina a ciencia ós humanos?

11O Señor coñece ben as ideas dos homes:

verdadeira vaidade.

 

12Feliz o que ti corrixes, Señor,

e lle ensinas a túa vontade.

13Despois das horas malas dáslle o sosego,

mentres para os malvados se cava unha cova.

14Certamente o Señor non rexeita o seu pobo

nin abandona o seu herdo.

15O xuízo será outra vez xusto

e todos os rectos o gardarán.

 

16¿Quen se erguerá por min contra os malvados?

¿Quen me axudará en contra dos malfeitores?

17Se o Señor non me acorrese,

xa estaría morando no silencio da morte.

18Cando digo: ‑"O meu pé tremelica",

o teu amor, Señor, sostenme.

19Cando medran as coitas no meu peito,

o teu consolo alégrame o espírito.

 

20¿Pode ser aliado teu o tribunal inxusto,

que no nome da lei amaña a opresión?

21Asaltan a vida dos rectos

e condenan os inocentes.

 

22Pero o Señor é o meu refuxio,

o meu Deus, a rocha onde me acollo.

23El pagaralles a súa iniquidade,

destruiraos na súa mesma maldade,

destruiraos o Señor, noso Deus.

 

SALMO 95 (94)

Invitación á loanza e á obediencia

 

1Vide, cantémoslle ó Señor,

aclamemos a nosa rocha salvadora;

2acheguémonos á súa presenza con loanza,

aclamémolo con cancións.

 

3O Señor é un Deus grande,

rei poderoso sobre todos os deuses.

4Ten os fundamentos da terra na súa man,

perténcenlle os cumes dos montes.

5Seus son os mares, que El fixo,

os continentes, que formou a súa man.

 

6Vide, adorémolo prostrados,

axeonllémonos ante o Señor, que nos creou.

7El é o noso Deus

e nós somos o seu pobo,

o rabaño que guía a súa man.

¡Se escoitásedes hoxe a súa voz!

 

8Non endurezades o corazón, coma en Meribah,

coma o día de Masah, no deserto,

9cando vosos pais me tentaron,

provocáronme aínda que viran os meus feitos.

 

10Corenta anos anoxoume aquela xente,

e dixen: ‑"Son un pobo de extraviado corazón,

que non recoñece os meus camiños".

11E xurei na miña cólera:

‑"Non entrarán no meu acougo".

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com