Capítulos 106-110

SALMO 106 (105)

O pobo confesa

 

1Aleluia.

Loade o Señor, que é bo

e o seu amor é eterno.

 

2¿Quen podería contar as proezas do Señor,

cumpridamente as súas obras gloriosas?

3Felices os que respectan o dereito

e fan sempre a xustiza.

 

4Recórdame, Señor, polo amor ó teu pobo,

visítame coa túa salvación,

5para que poida ver a felicidade dos teus elixidos,

alegrarme coa ledicia do teu pobo,

gloriarme coa túa herdanza.

 

6Nós pecamos igual cós nosos pais,

cometemos maldade e iniquidade.

7Os nosos pais en Exipto

non apreciaron os teus prodixios,

non lembraron o teu amor,

foron rebeldes no mar Rubio.

 

8Por mor do seu nome Deus salvounos,

para mostrar o seu poder.

9Increpou ó mar Rubio e secou;

conduciunos polo mar como se fose o deserto,

10librounos da man dos adversarios,

rescatounos dos inimigos.

11As augas alagaron os perseguidores,

sen quedar sequera un.

12Creron entón na súa palabra

e cantaron as súas glorias.

 

13Esqueceron axiña as súas obras,

non creron nos seus proxectos.

14Déronse no deserto a todos os caprichos,

tentaron a Deus na soidade.

15El deulles o que querían,

pero acurtou as súas vidas.

16Envexaron a Moisés no campamento

e a Aharón, consagrado ó Señor.

17Abriuse a terra e tragou a Datán,

pechouse sobre o bando de Abiram.

18O lume alampou os seus adictos,

a chama aburou os malvados.

 

19No Horeb fixeron un touro,

adoraron un ídolo,

20trocaron a súa gloria

pola imaxe dun boi que come herba.

21Esqueceron o Deus que os salvara,

que fixera portentos en Exipto,

22prodixios na terra de Cam,

escarmentos no mar Rubio.

23Deus falou de destruílos,

se non fose por Moisés, o seu elixido,

que se puxo na brecha diante del,

para arredalo do seu noxo destrutor.

 

24Desprezaron a terra cobizable,

non creron na súa palabra.

25Murmuraron nas súas tendas,

e non obedeceron ó Señor.

26El ergueu a man e xuroulles

que os abatería no deserto,

27que espallaría a súa descendencia entre as xentes,

que os espallaría entre as nacións.

 

28Colléronlle devoción a Baal-Peor

e comeron as ofrendas dos mortos.

29Provocárono coas súas obras,

e pegou neles a peste.

30Levantouse Pinhás para reparar,

e a peste cesou.

31Foille apuntado na súa conta

por todas as xeracións.

 

32Irritaron a Deus nas augas de Meribah

e por eles pagounas Moisés:

33amargáronlle o espírito

e el foise da lingua.

 

34Non destruíron os pobos

que o Señor lles mandara.

35Mesturáronse coas xentes,

aprenderon os seus costumes.

36Deron culto ós seus ídolos,

caeron nas súas trampas.

 

37Inmolaron para os demos

os seus fillos e as súas fillas.

38Verteron sangue inocente

‑o sangue dos fillos e das fillas

sacrificados ós ídolos cananeos‑

e profanaron a terra con sangue.

39Lixáronse coas súas obras,

corrompéronse coas súas accións.

 

40O Señor irritouse co seu pobo

e aborreceu a súa herdanza.

41Entregounos nas mans das xentes

e dominaron neles os que os odiaban.

 

42Os seus inimigos oprimíronos,

humilláronos baixo a súa man.

 

43Moitas veces os librou,

pero eles, obstinados na súa teima,

afondaban na iniquidade.

44Mais El ollaba a súa aflición

e escoitaba os seus salaios.

45Lembraba a alianza en favor deles

e, no seu amor, compadecíase.

46Facíalles ter dó deles

ós que os levaran cativos.

 

47Sálvanos, Señor, noso Deus,

axúntanos de entre as xentes.

Loaremos o teu santo nome,

a túa loanza será o noso gozo.

 

48Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,

desde sempre e por sempre.

Diga o pobo todo:

Amén.

 

Aleluia.

 

SALMO 107 (106)

Os redimidos do Señor

 

1Loade o Señor, que é bo

e o seu amor é eterno.

 

2Dígano os redimidos do Señor,

os que El redimiu da man dos opresores

3e reuniu de todos os países,

do nacente e do poñente,

do norte e do sur.

 

4Errando polo deserto solitario,

non atopaban camiño de cidade habitable.

 

5Famentos e sedentos,

encollíaselles o espírito.

 

6No apuro clamaron ó Señor

e El librounos da aflición.

 

7Levounos por camiño dereito

cara a unha cidade habitable.

 

8Dean grazas ó Señor pola súa misericordia,

polos seus prodixios cos humanos.

 

9El sacia ós sedentos

e farta de bens ós famentos.

 

10Xacían na escuridade e nas tebras,

presos de coitas e ferro,

11por se teren rebelado contra  a palabra de Deus

e desprezado o consello do Altísimo.

12Aflixiunos El con traballos,

e eles cambaleaban, sen ninguén que lles valese.

 

13No apuro clamaron ó Señor

e El librounos da aflición.

14Sacounos da escuridade e das tebras

e rompeu as súas cadeas.

 

15Dean grazas ó Señor pola súa misericordia,

polos seus prodixios cos humanos.

 

16El rompeu as portas de bronce

e esnaquizou os ferrollos.

 

17Doentes polos seus erros,

aflixidos polas súas culpas,

18dáballes noxo a comida

e andaban ás portas da morte.

 

19No apuro clamaron ó Señor

e El librounos da aflición.

 

20Mandou a súa palabra e sandounos,

rescatounos da perdición.

 

21Dean grazas ó Señor pola súa misericordia,

polos seus prodixios cos humanos.

 

22Ofrézanlle sacrificio de loanza

e pregoen con xúbilo os seus feitos.

 

23Os que baixan nos barcos ó mar,

para facer o seu traballo nas augas abismais,

24poden ver os feitos do Señor,

os seus prodixios no océano.

25Cun aceno del érguese o vento de temporal

e levántanse fortes as ondas:

26érguense cara ó ceo e caen no abismo.

Co estómago revolto, mareados,

27dan voltas coma borrachos:

toda a súa pericia queda en nada.

 

28No apuro clamaron ó Señor

e El librounos da aflición.

 

29El troca a tempestade en brisa lene,

e quedan caladas as ondas.

30Alégranse eles coa calma,

e El lévaos ó porto arelado.

31Dean grazas ó Señor pola súa misericordia,

polos seus prodixios cos humanos.

 

32Celébreno na asemblea do pobo,

lóeno na xunta dos anciáns.

 

33El converte os ríos en deserto,

o manancial en terra reseca;

34a terra vizosa en salinas,

pola maldade dos moradores.

35El cambia o deserto en lagoa

e a terra seca en manancial.

36Asenta alí os famentos,

e fundan cidade para habitar.

37Sementan agros, plantan viñas

e recollen os froitos.

38Dálles as bendicións, e van a máis

e as súas facendas non minguan.

39Se minguasen e fosen abatidos,

sería polo peso da malicia e das ansias.

 

40O que bota desprezos sobre os grandes

e os fai errar por unha soidade sen camiños,

41ergue os pobres da miseria

e acrecenta coma rabaños as súas casas.

42O velo, alégranse os rectos,

mentres que a iniquidade pecha a súa boca.

 

43O sabio terá en conta isto,

entenderá a misericordia do Señor.

 

SALMO 108 (107)

O meu corazón está disposto

 

1Cántiga, salmo de David.

 

2O meu corazón está disposto, meu Deus:

quero cantarche e loarte.

Espertade, miñas entrañas,

3espertade, cítola e arpa:

eu quero cantar coa aurora.

 

4Loareite, Señor, diante dos pobos,

cantareiche diante das nacións.

5O teu amor é máis alto có ceo,

a túa fidelidade chega ata as nubes.

 

6Érguete, Deus, sobre o ceo,

enche a terra da túa gloria.

7Para que os teus amigos sexan liberados,

socórrenos coa salvación da túa dereita.

 

8O Deus santo tiña dito:

‑"Cantarei triunfo, partirei Xequem,

parcelarei o val de Succot,

9Meu é Galaad, meu Menaxés,

helmo da miña cabeza é Efraím,

e Xudá o meu cetro.

10Moab é o estanque en que me baño,

sobre Edom poño a sandalia

e canto vitoria sobre Filistea".

 

11¿Quen me levará a unha praza forte?

¿Quen me guiará ata Edom?

12¿Quen, se non ti, Deus, que nos tes rexeitados

e xa non saes, Deus, co noso exército?

 

13Axúdanos ti no apuro,

pois inútil é a axuda dos homes.

14Con Deus faremos fazañas,

El esmagará os nosos opresores.

 

SALMO 109 (108)

Imprecacións

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

Deus a quen loo, non cales,

2pois ábrense contra min bocas malvadas e dolosas.

Falan de min con lingua mentireira,

3cércanme con palabras de odio,

combátenme sen razón.

4En pago do meu amor eles acúsanme,

mentres eu estou rezando.

5Vólvenme mal por ben,

xenreira por amor.

 

6Apurra contra el a un malvado,

que teña á súa dereita un acusador.

7Que no xuízo saia condenado

e a súa apelación se converta en culpa.

8Que os seus días se acurten

e que outro colla o seu posto.

9Que queden orfos seus fillos

e viúva súa muller.

10Que seus fillos vaian errantes e pedindo,

e que os boten das súas ruínas.

11Que os acredores collan os seus bens

e xente allea rapine o froito do seu traballo.

 

12Que ninguén teña dó del,

ninguén se apiade dos seus orfos.

13Que a súa posteridade sexa arrincada

e que se borre o seu nome nunha xeración.

14Que o Señor teña en conta as culpas do pai

e que non borre os pecados da nai.

15Que o Señor os teña diante

e que tache da terra a súa memoria.

 

16Xa que nunca pensou en facer ben,

perseguiu ó pobre e ó humilde,

e empurrou á morte o angustiado.

17Xa que prefire a maldición, que veña sobre el,

xa que non quere bendición, que se lle aparte.

18Véstese de maldición coma dun traxe:

¡que coma a auga lle entre nas entrañas,

coma o aceite nos ósos;

19que sexa o manto que o cobre,

e o cinguideiro que o cingue!

20Dea o Señor este pago ós que me acusan,

ós que pronuncian calumnias contra min.

 

21Pero ti, Señor, o meu dono,

actúa, polo teu nome, en favor meu,

líbrame, conforme ó teu amor.

22Eu son humilde e pobre,

e co corazón ferido.

23Voume coma a sombra que devala,

espantado, como a lagosta.

24Os meus xeonllos cambalean co xaxún,

o meu corpo anda esmorecido.

25Fan burla de min,

ó verme, abanean a cabeza.

 

26Señor, meu Deus, axúdame,

sálvame, conforme ó teu amor.

27Saberase que a túa man está aquí

e que es ti, Señor, quen o fai.

28Que maldigan, con tal que ti bendigas:

ergueranse eles para vergonza,

mentres se alegra o teu servo.

29Vestiranse de vergonza os meus acusadores,

cubriranse de confusión coma dun manto.

 

30Eu dareille as grazas ó Señor,

loareino ante a multitude.

31El ponse á dereita dos pobres

para os librar dos seus xuíces.

 

SALMO 110 (109)

A vitoria do rei mesías

 

1Salmo de David.

 

Palabra do Señor ó meu señor:

‑"Senta á miña dereita

mentres poño os teus inimigos

por estrado dos teus pés".

 

2O cetro do poder

mándacho o Señor desde Sión:

domina nos teus inimigos.

 

3‑"Es príncipe desde o día que naciches,

tes aura sagrada desde o seo,

desde o albor da túa infancia".

 

4O Señor xurouno, e non se arrepinte:

‑"Ti es sacerdote para sempre

conforme ó rito de Melquisedec".

 

5A túa dereita o Señor

esmaga reis, no día da súa cólera,

6xulga xentes, amorea cadáveres,

esmaga cabezas sobre a vasta terra.

7Bebe do regato, no camiño,

e de seguida ergue a cabeza.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com