Capítulos 1-5

SALMO 1

Dous camiños

 

1Benaventurado aquel

que non se guía polo consello dos malvados,

nin se detén no camiño dos pecadores,

nin senta na xunta dos burlóns,

2senón que ten o seu contento na vontade do Señor

e nela remoe día e noite.

 

3É coma árbore plantada onda os regueiros:

dá froito ó seu tempo,

as súas follas non murchan,

e todo o que fai acaba ben.

 

4Non son así os malvados,

serán coaño que leva o vento.

5Abofé non se erguerán os malvados no xuízo

nin os pecadores no concello dos xustos,

6pois do camiño dos xustos coida o Señor,

mentres vai á perdición o camiño dos malvados.

 

SALMO 2

O Señor co rei-mesías

 

1¿Por que barullan as nacións

e os pobos planean en balde?

2Os reis da terra levántanse,

os príncipes conspiran entre si

contra o Señor e o seu mesías:

3‑"Rompamos as súas sogas,

botemos de nós as súas cadeas".

 

4O que mora no ceo sorrí,

o Señor búrlase deles.

5Logo fálalles con ira

e estarréceos con asaño.

6‑"Eu son quen puxo o meu rei

sobre Sión, o meu monte santo".

 

7Pregoarei o decreto do Señor;

foi El quen me dixo: ‑"Ti es meu fillo,

eu mesmo che dei hoxe a vida.

8Pídeme, e dareiche por herdade as nacións;

por posesión, os termos da terra.

9Poderás rexelos con cetro de ferro,

rompelos, coma ola de barro".

10Entendede ben, reis,

aprendede, os que rexedes a terra:

11Servide o Señor con temor,

con tremor facédelle festa;

12non se alporice e perezades,

pois nun instante se acende a súa ira.

Ditoso o que nel busca agarimo.

 

SALMO 3

Axuda certa

 

1Salmo, de David. Cando fuxía do seu fillo Abxalom.

2Señor, moitos son os meus opresores,

moitos os que se levantan contra min,

3moitos os que din de min:

‑"Non ten salvación de Deus".

 

4Mais ti es, Señor, o meu escudo,

a miña gloria e o meu triunfo.

5Chamo a berros polo Señor,

e El respóndeme desde o seu monte santo.

6Déitome, durmo e acordo,

e, namentres, sostenme o Señor.

7Non teño medo á multitude

que está arredor contra min.

 

8Érguete, Señor; sálvame, meu Deus.

Ti dáslles na cara ós meus inimigos

e rómpeslles os dentes ós malvados.

9Ti tes, Señor, a salvación

e a bendición para o teu pobo.

 

SALMO 4

O home xusto non ten medo

 

1Do mestre do coro, con instrumentos de corda. Salmo, de David.

2Cando te chame, respóndeme, Deus, meu liberador;

ti que na angustia me consolas,

apiádate e escoita a miña oración.

 

3¿Ata cando, homes, aldraxaredes o meu nome,

Amaredes  vaidade e buscaredes o engano?

4Sabede que o Señor fai milagres co seu amigo,

que o Señor me escoita, cando o chamo.

 

5Tremede e non pequedes,

meditade nos vosos leitos e calade;

6ofrecede sacrificios xustos

e confiade no Señor.

7Moitos din: ‑"¿Quen nos mostrará a felicidade,

se fuxiu de nós, Señor, a luz da túa presenza?"

 

8Ti pos no meu corazón maior ledicia

cá dos que teñen fartura de trigo e de viño.

9En paz déitome e logo adormezo,

porque só ti, Señor, me dás seguridade.

 

SALMO 5

Os que agardan xustiza

 

1Do mestre do coro, con frautas. Salmo de David.

2Escoita, Señor, a miña palabra,

atende a miña queixa.

3Oe o balbordo dos meus xemidos,

ti, meu rei e meu Deus.

 

A ti dirixo, Señor, a miña súplica,

4de mañá escoitarás a miña voz;

de mañá presentareiche a miña causa

e quedarei agardando.

 

5Ti non es un Deus que queira a maldade:

non lles dás hospedaxe ós malvados

6nin os soberbios se sosteñen ante ti.

Aborreces os malfeitores

7e perdes os mentireiros;

ós falsos e sanguinolentos

abomínaos o Señor.

 

8Mais eu, pola túa moita bondade,

podo entrar na túa casa.

Prostrareime diante do teu templo,

cheo do teu temor.

 

9Guíame, Señor, na túa xustiza;

por causa dos meus inimigos,

achanza ante min o teu camiño.

 

10Na súa boca non hai sinceridade,

por dentro están corrompidos.

A súa gorxa é sartego aberto

e a súa lingua aloumiñeira.

 

11Castígaos ti, Señor,

que fracase o seu proxecto.

Abáteos polos seus moitos crimes,

pois son rebeldes contra ti.

 

12Alegraranse os que a ti se acollen,

terán un xúbilo eterno.

Protéxeos ti e alégrense contigo

os que aman o teu nome.

13Ti, Señor, bendís ós xustos,

cóbrelos co teu favor, coma escudo.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com