Capítulos 76-80

SALMO 76 (75)

Para salvar os oprimidos

 

1Do mestre do coro, con instrumentos de corda. Salmo de Asaf, cántiga.

 

2Deus é coñecido en Xudá,

en Israel é grande o seu nome.

3Ten a súa tenda en Xalem

e a súa morada en Sión.

4Alí rompe o arco flamexante,

o escudo, a espada e as guerras.

 

5Ti es resplandecente, poderoso,

dono de montañas de botín.

6Os valentes son espoliados mentres dormen;

ós guerreiros non lles responden as súas mans.

7Ante a túa ameaza, Deus de Israel,

paralízanse carros e cabalos.

 

8Ti, Señor, es temible,

¿quen resistiría ante ti,

ante a forza da túa ira?

9Desde o ceo pronuncias sentencia,

treme a terra e cala.

 

10Cando te ergues, Deus, para xulgar,

para salvar os oprimidos da terra,

11a carraxe humana proclama a túa gloria

e os salvados da túa ira serán a túa coroa.

 

12Facede votos ó Señor voso Deus, e cumprídeos

e que os pobos do arredor traian tributo ó terrible,

13o que lles corta ós príncipes o folgo,

que é terrible para os reis da terra.

 

SALMO 77 (76)

O meu espírito esculca

 

1Do mestre do coro, segundo Iedutún. Salmo de Asaf.

 

2Ergo cara a Deus a miña voz e clamo;

ergo cara a Deus a miña voz e El escóitame.

3Busco ó Señor na hora do apuro,

a miña man téndese na noite sen repouso

e a miña alma refuga o consolo.

4Relembrando a Deus eu son un xemido;

meditando, encólleseme o alento.

 

5Ti amárrasme as pálpebras dos ollos,

estou conturbado e sen fala.

6Penso nos días pasados,

nas idades remotas;

7relembro a música nas noites,

penso para min e esculca o meu espírito.

 

8¿Será que o Señor rexeita para sempre

e non mostrará máis a súa bondade?

9¿Acabaríase para sempre o seu amor

e calaría polas xeracións a súa palabra?

10¿Esquecería Deus a compaixón

e cerraría, irado, as súas entrañas?

11Digo para min: ‑"A miña dor é esta:

que se mudou a conduta do Altísimo".

 

12Eu recordo os feitos do Señor,

lémbrome dos prodixios doutros tempos;

13medito nas súas obras,

cavilo nas súas fazañas.

14Os teus camiños, Deus, son santos,

¿quen dos deuses é grande coma Deus?

15Ti es o Deus que fai prodixios

e mostras poder ante os pobos.

16Rescataches co teu brazo o teu pobo,

os fillos de Xacob e de Xosé.

 

17O vérente, Deus, as augas,

ó vérente, as augas tremeron

e os abismos estremeceron;

18as nubes desfixéronse en auga,

os nubeiros deron voces,

voaron as túas frechas;

19o trono foi retumbando,

os lóstregos alumaron os espazos,

a terra estremeceuse e tremelou.

 

20Abriches camiño nas augas,

un carreiro nas augas caudais,

sen deixares rastro dos teus pasos.

21Guiaches coma un rabaño ó teu pobo,

da man de Moisés e de Aharón.

 

 

SALMO 78 (77)

As leccións da historia

 

1Poema, de Asaf.

 

Escoita, meu pobo, a miña instrución,

atende as miñas palabras.

2Vouche falar en parábolas,

exporche vellas adiviñas.

 

3O que oímos e sabemos,

o que os pais nos contaron,

4non llelo podemos calar a seus fillos;

témolo que contar ás xeracións vindeiras:

as glorias do Señor, o seu poder,

e os milagres que fixo.

 

5El fixou unha norma en Xacob,

deulle unha lei a Israel

e mandou a nosos pais

que llela ensinasen a seus fillos,

6para que a xeración vindeira a coñeza

e os fillos que nazan llela conten ós seus fillos.

 

7Estes porán en Deus a súa esperanza,

non se esquecerán das súas obras,

gardarán os seus mandatos.

8Así non serán coma seus pais,

xente rebelde e teimuda,

raza de ánimo inquedo,

de espírito infiel a Deus.

 

9Os fillos de Efraím, bos arqueiros,

volveron as costas á hora do combate;

10non gardaron o pacto de Deus,

refugaron a súa lei;

11esqueceron as súas obras,

os prodixios que El lles mostrara.

 

12Diante de seus pais fixera marabillas,

na terra de Exipto, nos campos de Soán.

13Fendeu o mar para lles dar paso,

as augas fixeron diques.

14Coa nube guiábaos polo día

e con faro de lume pola noite.

15Fendeu rochas no deserto

e deulles de beber con abundancia;

16da rocha sacou caudais,

auga corrente coma ríos.

 

17Eles seguiron pecando,

ofendendo no deserto ó Altísimo.

18Tentaron a Deus no corazón,

pedíronlle comida por cobiza.

19Falaban así contra Deus:

‑"¿Poderá Deus pór unha mesa no deserto?

20Se bateu a rocha e deitou auga,

e reverteron os regachos,

¿poderá tamén darnos pan

e prover ó pobo de carne?".

21Sentiuno o Señor e indignouse,

acendeuse a súa ira contra Xacob,

ferveu o seu noxo contra Israel,

22por non teren confianza en Deus

nin esperanza no seu socorro.

 

23Ordenou logo ás nubes desde arriba,

abriu as portas do ceo,

24e fixo chover maná para comeren;

deulles trigo do ceo.

25Comeu o home pan dos fortes,

deulles sustento a fartar.

26Fixo soprar no ceo o vento do leste,

dirixiu con poder o vento do sur,

27e choveu, coma po, carne sobre eles

e, coma area do mar, aves aladas.

28Botóullelos no mesmo campamento,

arredor das súas tendas.

29Comeron ata se fartaren,

cumpriulles os seus degoros.

30Pero non desistiron no antollo,

cando tiñan aínda na boca a comida.

31A ira de Deus acendeuse contra eles,

deu morte ós máis fortes,

e dobregou a flor de Israel.

 

32Con todo isto aínda pecaron,

non creron nos seus prodixios.

33El reduciu a súa vida a un sopro,

os seus anos a un suspiro.

34Cando os castigaba, eles buscábano,

volvíanse e corrían cara a Deus,

35lembrando que Deus era a súa rocha,

o Deus Altísimo o seu redentor.

 

36Coa boca tratábano de enganar;

coa lingua, de lle mentir.

37Mais o seu corazón non era firme,

non eran fieis á súa alianza.

38Por piedade perdoaba El as súas culpas

e non os destruía.

Moitas veces contivo a súa ira,

non deixou acender o seu noxo,

39facendo conta de que eran carne,

sopro que se vai e que non volve.

 

40¡Cantas veces se rebelaron no deserto

e incomodaron a Deus na soidade!

41Tentaron a Deus moitas veces,

incomodaron ó Santo de Israel.

42Non facían conta da man

que un día os redimira da opresión,

43cando fixo sinais en Exipto,

escarmentos nos campos de Soán.

 

44Converteu en sangue os seus ríos

e non podían beber as súas augas.

45Mandoulles moscas que os picaban

e ras que os infestaban.

46Entregoulles ós saltóns as súas colleitas;

o froito do seu traballo, á lagosta.

47Bateu coa sarabia as súas viñas

e coa xeada as súas figueiras.

48Entregou os seus gandos ó pedrazo;

ós raios, as súas facendas.

 

49Descargou sobre eles a súa ira,

o noxo, o furor, a indignación,

mensaxeiros de desgrazas arreo.

50Deu renda solta ó seu noxo,

non escondeu da morte as súas vidas,

mais entregounos á peste.

51Feriu os primoxénitos de Exipto,

as primicias do vigor nas tendas de Cam.

 

52Sacou coma rabaño ó seu pobo,

guiouno coma un fato polo deserto.

53Conduciuno seguro, sen temor,

mentres o mar cubría os inimigos.

54Levounos á súa terra santa,

ó monte que adquirira coa súa dereita.

55Botou de diante deles ós pobos,

deulles en sorte o seu herdo,

apousentou nas súas tendas as tribos de Israel.

 

56Eles tentaron, provocaron ó Deus Altísimo,

non gardaron os seus preceptos.

57Coma seus pais, desertaron, traizoaron,

volvéronse, coma arco enganoso.

58Cos seus santuarios nos altos provocárono,

cos ídolos acenderon os seus celos.

59Sentiuno Deus e indignouse,

mesmo refugou a Israel.

60Abandonou o templo de Xiloh,

tenda da súa morada entre os homes.

61Deixou na catividade os seus valentes,

o seu orgullo en poder do opresor.

62Entregou o seu pobo á espada,

incomodouse contra o seu herdo.

63O lume engulipou os seus mozos

e non houbo cantares para as mozas.

64Os seus sacerdotes caeron pola espada

e as súas viúvas non choraron.

 

65Espertou o Señor coma dun sono,

coma guerreiro arrolado polo viño,

66e bateu nos seus inimigos polas costas,

deixounos para eterna vergonza.

67Desbotou as tendas de Xosé,

non elixiu a tribo de Efraím,

68elixiu a tribo de Xudá,

e o monte Sión que El amaba.

69Construíu o seu santuario nun outeiro

fundamentouno para sempre, coma a terra.

70Elixiu ó seu servo David,

colleuno dos curros do rabaño.

71De detrás das ovellas levouno

para alindar o seu pobo Xacob,

o seu herdo Israel.

72Alindouno con recto corazón,

dirixiuno con man intelixente.

 

 

SALMO 79 (78)

Vinganza do sangue vertido

 

1Salmo de Asaf.

 

As xentes entraron, Deus, na túa herdade,

profanaron o teu santo templo,

reduciron Xerusalén a unha ruína.

2Botaron os cadáveres dos teus servos

por pasto ás aves do ceo;

a carne dos teus amigos,

ós animais do monte.

3Verteron sangue coma auga

arredor de Xerusalén,

sen haber quen enterrase.

4Convertémonos en escarnio dos veciños,

en burla e riso dos que nos rodean.

 

5¿Por canto aínda, Señor?

¿Será para sempre o teu enfado?

¿Arderá coma o lume o teu noxo?

6Descarga a túa ira

sobre as xentes que non te recoñecen,

sobre os reinos que non invocan o teu nome,

7pois devoran a Israel,

alagan as súas moradas.

 

8Non nos teñas en conta os pecados dos pais,

chegue axiña a túa piedade,

que estamos esgotados.

 

9Axúdanos, Deus, Salvador noso,

pola gloria do teu nome;

líbranos, perdoa as nosas culpas,

por mor do teu nome.

10¿Por que han de dicir as xentes:

‑"¿Onde está o seu Deus?".

 

Que vexamos cos nosos ollos entre as xentes

a vinganza do sangue vertido dos teus servos.

11Que chegue ata a ti o pranto dos cativos

e que o teu brazo poderoso salve os condenados á morte.

12Págalles sete veces ós veciños

o oprobio, Señor, con que te aldraxan.

13Nós, o teu pobo, ovellas do teu rabaño,

cantaremos polas xeracións as túas loanzas.

 

 

SALMO 80 (79)

Móstrate e seremos salvos

 

1Do mestre do coro, con cítaras de Xuxán. Edut, salmo de Asaf.

 

2Escoita, pastor de Israel,

que guías o rabaño de Xosé;

ti que sentas sobre os querubíns,

3móstrate ante Efraím, Benxamín e Menaxés,

esperta o teu poder e ven salvarnos.

 

4Restáuranos, Deus;

móstrate e seremos salvos.

 

5Señor, Deus dos exércitos,

¿por canto tempo aínda estarás irritado

contra os rogos do teu pobo?

6Décheslle a comer un pan de pranto

e a beber bágoas a grolos.

7Puxéchesnos de rifa entre veciños

e búrlanse de nós os nosos inimigos.

 

8Restáuranos, Deus dos exércitos;

móstrate, e seremos salvos.

 

9Arrincaches de Exipto unha vide,

expulsaches nacións para a plantar;

10preparácheslle o chan,

botou raíces, encheu a terra.

11A súa sombra cubría os montes,

os seus bacelos eran coma cedros;

12estendeu as súas ramas ata o mar

os seus gromos ata o río.

 

13¿Por que lle derrubaches os valados,

para que a vendimen cantos pasan?

14Os xabarís estragan nela

e devórana as bestas do campo.

15Dá a volta, Deus dos exércitos,

olla desde o ceo e ve.

Atende esta vide,

16este bacelo que plantaches coa túa man,

o bacelo que ti fortaleciches.

17Queimárono, chapodárono:

perezan ante o furor da túa presenza.

 

18Que a túa man protexa ó teu elixido,

o home que ti fortaleciches.

19Non nos afastaremos máis de ti;

dános vida de novo, e invocaremos o teu nome.

 

20Restáuranos, Señor dos exércitos;

móstrate e seremos salvos.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com