Capítulos 111-115

SALMO 111 (110)

Feitos poderosos

 

1Aleluia.

 

Loarei o Señor con todo o corazón

na xuntanza dos xustos, na asemblea.

 

2Grandes son as obras do Señor,

dignas de estudio para todos os que as aman.

3Gloriosos e espléndidos son os seus feitos,

a súa xustiza é eterna:

4fai prodixios memorables.

 

5Dá mantenza a quen o teme

e recorda por sempre a súa alianza.

 

6El móstralle ó seu pobo feitos poderosos,

dándolle a herdanza das nacións.

 

7As obras das súas mans son xustas e leais,

os seus preceptos son firmes:

8están fixados polos séculos,

feitos con sinceridade e rectitude.

 

9El mándalle a liberación ó seu pobo,

corrobora por sempre a súa alianza;

santo e terrible é o seu nome.

 

10O temor do Señor é o principio da sabedoría:

asisados son os que o practican;

a súa loanza é eterna.

 

SALMO 112 (111)

A prosperidade duradeira

 

1Aleluia.

Ditoso o que teme ó Señor

e ten gozo nos seus preceptos.

 

2A súa descendencia será forte na terra,

a liñaxe dos rectos é bendita.

3Na súa casa hai bens abondo

e a súa prosperidade é duradeira.

4Nas tebras brilla unha luz para os rectos,

os xustos, os misericordiosos e os clementes.

 

5Benia quen se apiada e presta,

e goberna os seus bens con xustiza.

6Endexamais non perecerá,

pois de eterna lembranza son os rectos.

 

7Non terá medo de malas noticias,

pois o seu corazón confía no Señor.

8O seu corazón está firme e sen medo,

mentres olla os seus opresores na desfeita.

9Dálles xenerosamente ós pobres,

a súa prosperidade é duradeira:

erguerá con honor a súa fronte.

 

10O malvado irrítase ó velo,

renxe os dentes, ensómese,

pois os seus proxectos bótanse a perder.

 

SALMO 113 (112)

Deus ergue os pobres da poeira

 

1Aleluia.

 

Loade, servidores do Señor,

loade o nome do Señor.

2Bendito sexa o nome do Señor,

agora e por sempre.

3Desde o nacente ó poñente

loado sexa o nome do Señor.

 

4Excelso sobre as xentes é o Señor,

sobre o ceo a súa gloria.

5¿Quen coma o Señor, noso Deus,

que habita nas alturas

6e que baixa para coidar

do ceo e mais da terra?

 

7El ergue do po os indixentes,

levanta os pobres da poeira,

8para lles dar asento cos nobres,

cos nobres do seu pobo.

9El fai da estéril da casa

nai ditosa de fillos.

 

Aleluia.

 

SALMO 114 (113 A)

A terra danza

 

1Cando Israel saíu de Exipto,

a familia de Xacob dun pobo estraño,

2foi Xudá o seu santuario,

Israel o seu dominio.

 

3Viuno o mar e fuxiu,

o Xordán botouse atrás;

4os montes brincaron coma carneiros,

os outeiros coma años.

 

5¿Que che pasa, mar, para fuxires,

Xordán, para te botares atrás,

6montes, para brincardes coma carneiros,

e vós, outeiros, coma años?

 

7Na presenza do Señor danza a terra,

na presenza do Deus Xacob,

8o que converte o penedo en estanque,

a rocha en fonte de augas.

 

SALMO 115 (113 B)

Deus e os ídolos

 

1Non a nós, Señor, non a nós,

senón ó teu nome dálle a gloria,

polo teu amor e a túa fidelidade.

 

2¿Por que han dicir as xentes?:

‑"¿Onde está o seu Deus?"

3O noso Deus está no ceo

e fai todo canto se propón.

 

4Os seus ídolos son prata e ouro,

feitura das mans dos homes.

5Teñen boca e non falan,

teñen ollos e non ven,

6teñen orellas e non oen,

teñen nariz e non olen,

7teñen mans e non apalpan,

teñen pés e non andan,

a súa gorxa non ten voz.

8Coma eles son os que os fan

e cantos neles confían.

 

9Israel confía no Señor,

El é o seu auxilio e o seu escudo;

10a casa de Aharón confía no Señor:

El é o seu auxilio e o seu escudo;

11os amigos do Señor confían no Señor:

El é o seu auxilio e o seu escudo.

 

12Que o Señor se lembre de nós e nos bendiga:

bendita a casa de Israel,

bendita a casa de Aharón,

13benditos os amigos do Señor,

os pequenos e os grandes.

14Que o Señor vos faga medrar,

a vós e a vosos fillos.

15Benditos sexades do Señor,

que fixo o ceo e mais a terra.

 

16O ceo perténcelle ó Señor,

e a terra déullela ós homes.

17Os mortos non loan ó Señor

nin os que baixan ó silencio.

18Pero nós bendicimos o Señor,

agora e por sempre.

 

Aleluia.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com