Capítulos 121-125

SALMO 121 (120)

O teu gardián non dorme

 

1Cántiga das subidas.

 

Alzo os meus ollos cara ós montes:

¿de onde virá o meu socorro?

2O meu socorro vén do Señor,

que fixo o ceo e mais a terra.

3El non deixa que esvare o teu pé,

o teu gardián non dorme;

4non dorme nin adormece

o gardián de Israel.

5O Señor é o teu gardián,

o teu arrimo, sempre á túa dereita.

6O sol non che fará mal polo día

nin a lúa pola noite.

 

7O Señor gárdate do mal,

El garda a túa vida.

8O Señor garda as túas idas e voltas,

agora e por sempre.

 

SALMO 122 (121)

Saúdo a Xerusalén

 

1Cántiga das subidas, de David.

 

Alegreime, cando me dixeron:

imos para a casa do Señor.

2Xa están os nosos pés

ás túas portas, Xerusalén,

3Xerusalén, cidade ben feita,

de compacta harmonía.

 

4Alá soben as tribos, as tribos do Señor,

conforme o costume de Israel,

para festexar o nome do Señor.

5Alí están os tribunais da xustiza,

a sede da casa de David.

 

6Saudade así a Xerusalén:

‑"Teñan prosperidade os que te queren,

7que haxa paz nos teus muros

e contento nos teus pazos".

 

8Por mor de meus irmáns e compañeiros

direi eu: ‑"A paz contigo".

9Por mor da casa do Señor, o noso Deus,

deséxoche todo ben.

 

SALMO 123 (122)

Cos ollos cara ó ceo

 

1Cántiga das subidas.

 

Cara a ti alzo os meus ollos,

cara a ti que moras no ceo.

 

2Coma os ollos do servo no seu señor,

coma os ollos da serva na súa señora,

así están os nosos ollos en ti, Señor, noso Deus,

en tanto El non se apiade de nós.

 

3Apiádate de nós, apiádate, Señor,

pois estamos fartos de desprezo;

4farta está a nosa alma

das burlas dos satisfeitos,

do desprezo dos poderosos.

 

SALMO 124 (123)

O Señor connosco

 

1Cántiga das subidas, de David.

 

Se o Señor non estivese connosco,

‑que o diga Israel‑,

2se o Señor non estivese connosco,

cando se ergueron os homes contra nós,

3teríannos engulido vivos

no incendio da súa ira;

4as augas xa nos terían asolagado

e o torrente pasado sobre nós;

5xa nos terían mergullado

as augas escumantes.

 

6Bendito sexa o Señor,

que non nos fixo presa dos seus dentes.

7A nosa vida é coma o paxaro que se zafa

da trampa do cazador.

Rómpese a trampa,

e nós escapamos.

 

8O noso socorro está no nome do Señor,

que fixo o ceo e mais a terra.

 

SALMO 125 (124)

Firmes coma o monte Sión

 

1Cántiga das subidas.

 

Os que confían no Señor

son coma o monte Sión, que non se move,

que está asentado para sempre.

 

2A Xerusalén rodéana as montañas,

e o Señor rodea ó seu pobo,

agora e por sempre.

 

3Non se pousará o cetro dos malvados

sobre a sorte dos xustos,

para que estes non tendan

as súas mans á maldade.

 

4Failles ben, Señor, ós bos

e ós rectos de corazón.

5Pero ós que van por vieiros tortos

que os leve o Señor cos malfeitores.

 

¡A paz sobre Israel!

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com