Capítulos 81-85

SALMO 81 (80)

Ai, se o meu pobo me escoitase!

 

1Do mestre do coro, coa cítola de Gat. De Asaf.

 

2Cantade a Deus, a nosa forza,

aclamade ó Deus de Israel;

3pulsade o salterio, tocade o pandeiro,

a donda cítara e a arpa.

4Tocade a trompeta na lúa nova,

na lúa chea, no día da festa.

 

5Para Israel isto é unha lei,

un precepto do Deus de Xacob.

6Impúxollo por lei a Xosé,

cando saíu da terra de Exipto.

 

7Escoitei a fala dun descoñecido,

tireille a carga do lombo,

as súas mans deixaron as cestas.

8No apuro chamáchesme e libreite,

respondinche agachado entre trebóns,

púxente a proba nas augas de Meribah.

 

9Oe, meu pobo, que quero avisarte,

escóitame ben, Israel.

10‑"Non terás contigo un deus estraño,

non adorarás un deus alleo.

11Eu son o Señor, o teu Deus,

quen te sacou da terra de Exipto:

abre a túa boca, que eu a encherei".

 

12Pero o meu pobo non escoitou a miña voz,

Israel non quixo nada de min.

13E deixeinos á súa teima,

que fixesen ó seu xeito.

14¡Ai, se o meu pobo me escoitase,

se Israel seguise o meu camiño!

15Abateríalle nun intre os inimigos,

volvería a miña man contra os opresores.

 

16Os que aborrecen ó Señor, adularíano,

e a súa sorte sería duradeira.

17Manteríao con flor de trigo,

con mel bravo o fartaría.

 

SALMO 82 (81)

Facede xustiza ós pobres

 

1Salmo de Asaf.

 

Deus érguese no concello divino,

fai xuízo na xunta dos deuses.

 

2¿Por canto tempo aínda xulgaredes inxustamente

favorecendo a causa dos malvados?

3Facede xustiza ós pobres e ós orfos,

dade o seu dereito ós humildes e ós pobres,

4rescatade ós pobres e oprimidos,

librádeos da man dos malvados.

 

5Eles non saben nin entenden; camiñan ás escuras,

mentres o mundo treme desde os alicerces.

6Eu dixera: ‑"Sodes deuses,

fillos todos do Altísimo;

7pero morreredes coma os homes,

caeredes o mesmo cós tiranos".

 

8Érguete, Deus, goberna ti a terra,

pois todos os pobos che pertencen.

 

SALMO 83 (82)

Os pobos en conxura

 

1Cántiga, salmo de Asaf.

 

2Señor, non quedes calado,

non esteas, Deus, mudo e quedo.

3Mira que os teus inimigos se reviran,

os que te aborrecen erguen a cabeza.

 

4Traman un proxecto en contra do teu pobo,

conspiran contra os teus protexidos.

5"Vide ‑din‑; borrémolo de entre os pobos

que non se recorde máis o nome de Israel".

 

6Están de acordo na conxura,

entran no pacto contra ti

7as cabilas de Edom e de Ismael,

moabitas e agarenos,

8Guebal, Amón e Amalec,

filisteos e mais tirios;

9tamén os acompañan os asirios,

axudando ós fillos de Lot.

 

10Failles coma a Madián e coma a Sísera,

coma a Iabín no torrente Quixón:

11foron destruídos en Endor

e ficaron coma esterco dos campos.

12Trata ós seus xefes coma a Oreb e a Zeeb,

ós seus nobres coma a Zébah e Salmuná,

13que dicían: ‑"Conquistemos as terras de Deus".

 

14Convérteos, meu Deus, en folla seca,

en cisco diante do vento.

15Coma lume que queima os bosques,

coma fogueira que abura os montes,

16persígueos así coa tempestade,

atérraos co furacán.

 

17Fártaos de vergonza,

ata que invoquen, Señor, o teu nome.

18Queden avergonzados, enteiramente abatidos,

que se vexan perdidos e confusos.

19Que aprendan que só ti, Señor,

es o Altísimo en toda a terra.

 

SALMO 84 (83)

O meu corazón relouca

 

1Do mestre do coro, coa cítola de Gat. Dos coreítas. Salmo

 

2¡Que agarimosa é a túa morada,

Señor do universo!

3A miña alma ten saudade,

consómese polos teus adros;

o meu corazón e todo o meu corpo

reloucan polo Deus vivo.

 

4Mesmo o paxaro atopa casa,

a andoriña un niño

onde poñer os filliños,

ó pé dos teus altares,

Señor dos exércitos,

meu rei e meu Deus.

 

5Ditosos os que habitan na túa casa

e decote te loan.

6Ditosos os que atopan en ti forza

e pensan nos teus camiños.

 

7O pasaren polo val árido,

trócano en oasis

e a chuvia primeira cóbreo de bens.

8Atravesan de forte en forte,

ata veren a Deus en Sión.

 

9Señor, Deus dos exércitos,

oe a miña súplica,

escoita, Deus de Israel.

10Atende, Deus, ó noso rei,

mira o rostro do teu Unxido.

 

11Un día nos teus adros vale por máis de mil:

eu prefiro o limiar da casa do meu Deus

que habitar na tenda dos malvados.

12O Señor é adarga e escudo,

o Señor outorga gloria e favor.

Non nega ben ningún

ós que camiñan na inocencia.

 

13Señor dos exércitos,

benia quen en ti confía.

 

SALMO 85 (84)

Ti es bo coa túa terra

 

1Do mestre do coro. Dos coreítas. Salmo.

 

2Señor, ti es bo coa túa terra,

ti restauras a sorte de Xacob.

3Ti perdoas as culpas do teu pobo,

ti cobres os seus pecados.

4Ti reprimes a túa ira

e arredas o ardente noxo.

 

5Restáuranos, Deus, noso salvador,

depón a túa indignación contra nós.

6¿Vas estar enfadado connosco para sempre?

¿Vas manter a túa ira polas xeracións?

7¿Non volverás xa a darnos vida

e que poida o teu pobo alegrarse contigo?

8Móstranos, Señor, o teu amor,

dános a túa salvación.

 

9Escoitarei o que di o noso Deus:

certamente o Señor fala de paz

para o seu pobo e os seus amigos,

para aqueles que se converten e confían.

10A salvación está xa preto dos que o temen,

a súa gloria habitará na nosa terra.

 

11O amor e a fidelidade atoparanse,

abrazaranse a xustiza e mais a paz.

12Na terra xermolará a fidelidade,

a xustiza ollará desde o ceo.

 

13O mesmo Señor dará os bens,

a nosa terra dará os froitos.

14A xustiza irá diante del,

guiará os seus pés no camiño.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com