Capítulos 131-135

SALMO 131 (130)

Ansias acaladas

 

1Cántigas das subidas, de David.

 

O meu corazón, Señor, non é soberbio

nin os meus ollos fachendosos.

Non persigo grandeza

nin marabillas que me exceden.

2Eu acalmo e acalo a miña ansia,

coma un meniño no colo da súa nai;

coma nun meniño está en min a miña ansia.

 

3Espera, Israel, no Señor,

desde agora e para sempre.

 

SALMO 132 (131)

Elección de David e de Sión

 

1Cántiga das subidas.

 

Señor, tenlle en conta a David

as súas moitas aflicións,

2cando xurou ó Señor

e fixo este voto ó Deus de Xacob:

 

3‑"Non entrarei na miña casa

nin subirei ó leito do repouso,

4non concederei sono ós meus ollos

nin acougo ás miñas pálpebras,

5ata lle atopar sitio ó Señor,

morada ó Deus de Xacob".

 

6Oímos dela en Efrátah,

atopámola nos campos de Iáar.

7Entremos na súa morada,

prostrémonos perante o estrado dos seus pés.

 

8Érguete, Señor, cara á túa mansión,

ti e mais a Arca da túa maxestade.

9Que os teus sacerdotes vistan de festa

e os teus devotos relouquen.

10Por mor do teu servo David,

non desdeñes o teu unxido.

11O Señor xuroulle a David

‑promesa da que non renega‑:

‑"Prole da túa liñaxe

porei sobre o teu trono.

12Se teus fillos gardan a miña alianza

e este precepto que lles ensino,

tamén os fillos deles por sempre

sentarán no teu trono".

 

13O Señor elixiu a Sión

e quíxoa por morada:

14‑"Esta será para sempre a miña casa,

habitarei nela, porque a quero.

15Bendicirei as súas provisións,

fartarei de pan os seus pobres;

16vestirei os seus sacerdotes de festa

e reloucarán os seus devotos.

 

17Alí farei florecer o vigor de David,

acendereille ó meu unxido unha lámpada.

18Cubrirei de confusión os inimigos,

mentres brilla sobre el a diadema".

 

SALMO 133 (132)

Irmáns en unión

 

1Cántiga das subidas, de David.

 

Vede que doce e delicioso

o habitaren os irmáns en unión.

 

2É coma óleo recendente na cabeza

que vai baixando pola barba

‑a barba de Aharón que lle cae

ata a orla do vestido‑;

3é coma orballo do Hermón que baixa

sobre as montañas de Sión.

 

Alí manda o Señor a bendición,

a vida para sempre.

 

SALMO 134 (133)

Bendición

 

1Cántiga das subidas.

 

Vide, bendicide o Señor,

todos os servidores do Señor.

 

Os que estades de noite na casa do Señor,

2alzade as mans cara ó santuario

e bendicide o Señor.

3Desde Sión te bendiga o Señor

que fixo o ceo e mais a terra.

 

SALMO 135 (134)

Canto dos elixidos

 

1Aleluia.

Loade, servidores do Señor,

loade o nome do Señor,

2os que estades na casa do Señor,

nos adros da casa do noso Deus.

 

3Loade o Señor, que é bo,

cantade o seu nome, que é amable.

4Elixiu para si a Xacob,

a Israel coma posesión de seu.

 

5Eu sei que o Señor é grande,

o noso Deus máis cós deuses todos.

6O Señor fai canto se propón

no ceo e mais na terra,

nos mares e nos abismos.

 

7El fai subir as nubes no horizonte,

solta a chuvia con lóstregos,

saca dos seus depósitos os ventos.

 

8El feriu os primoxénitos de Exipto,

o mesmo os dos homes cós dos gandos.

9En Exipto fixo sinais e prodixios

contra o faraón e os seus servos.

 

10Bateu a moitas nacións

e matou a reis poderosos,

11a Sihón, rei dos amorreos,

a Og, rei de Baxán,

a todos os reis de Canaán,

12e deulle as súas terras en herdanza,

en posesión, ó seu pobo.

 

13O teu nome, Señor, é eterno,

o teu recordo vive polas xeracións.

14O Señor goberna ó seu pobo,

ten piedade dos seus servos.

 

15Os ídolos dos xentís son prata e ouro,

feitura das mans dos homes.

16Teñen boca e non falan,

teñen ollos e non ven,

17teñen orellas e non oen

e non hai alento na súa boca.

18Coma eles son os que os fan

e cantos neles confían.

 

19Casa de Israel, bendice o Señor,

casa de Aharón, bendice o Señor,

20casa de Leví, bendice o Señor,

amigos do Señor, bendicide o Señor.

21Bendito o Señor en Sión,

o que habita en Xerusalén.

Aleluia.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com