Capítulos 71-75

SALMO 71 (70)

Darasme vida de novo

 

1En ti, Señor, acóllome,

que endexamais non me vexa confundido.

2Pola túa xustiza, líbrame, deféndeme,

inclina o teu oído e sálvame.

3Se ti a rocha do meu refuxio

sempre disposta para salvarme:

Ti que es a miña forte cidadela.

 

4Rescátame, meu Deus, do poder dos malvados,

do puño do criminal e do opresor.

5Ti es, Señor, a miña esperanza,

a miña confianza, Señor, desde a mocidade.

6Desde o nacemento apóiome en ti,

desde o seo materno ti es o meu amparo,

a ti vai sempre o meu loor.

 

7Para moitos convertinme en escarmento,

mais ti es para min forte refuxio.

8Da túa loanza está chea a miña boca,

e da túa glorificación, o día enteiro.

 

9Non me rexeites na vellez,

non me abandones cando me faltan as forzas,

10pois dirían de min os inimigos,

murmurarían os que me axexan:

11‑"Deus teno abandonado:

perseguídeo, agarrádeo,

pois non hai quen o salve".

 

12Non te afastes, Deus, de min,

date présa en axudarme.

13Que se vexan confusos e abatidos

os que atentan contra min;

que se cubran de vergonza e confusión

os que buscan o meu mal.

 

14Eu sigo sempre esperando,

engadindo loanza á túa loanza.

15A miña boca pregoa a túa xustiza,

a túa salvación, o día enteiro.

Aínda sen as poder contar,

16falarei das fazañas do Señor:

de ti, só de ti, cantarei a xustiza.

 

17Desde a mocidade ensínasme ti, Deus,

e aínda hoxe eu canto os teus prodixios.

18Agora na vellez e nas canas

non me abandones, meu Deus,

para lle contar do teu brazo á xeración presente,

e do teu poder a todas as vindeiras.

 

19A túa xustiza, Deus, chega ás alturas,

ti fixeches cousas grandes:

¿quen coma ti, meu Deus?

20Ti fixéchesme probar apuros e aflicións,

pero de novo me darás a vida

e volverasme erguer dos abismos da terra.

21Acrecerás a miña dignidade

e outra vez has consolarme.

 

22Eu dareiche as grazas coa arpa,

meu Deus, pola túa fidelidade;

tocarei para ti a cítola,

Santo de Israel.

23Aclamarante con cantos os meus labios

e esta vida que ti rescataches.

24A miña lingua cantará decote a túa xustiza,

mentres fican avergonzados e confusos

os que buscan o meu mal.

 

SALMO 72 (71)

Os bens da era mesiánica

 

1De   Salomón.

 

Outórgalle, Deus, o teu xuízo ó rei;

ó fillo de reis, a túa xustiza.

2Que rexa ó teu pobo rectamente

e ós teus pobres con equidade.

 

3Os montes ofreceranlle prosperidade ó pobo,

os outeiros, xustiza.

4El dará o dereito ós humildes,

socorrerá os indixentes,

esmagará os opresores.

5Durará canto dure o sol

tanto coma a lúa, polas xeracións.

6Será coma chuvia no prado,

coma trebón que rega os terreos.

7Florecerá a xustiza nos seus días,

unha prosperidade duradeira como a lúa.

 

8Dominará de mar a mar,

desde o gran río ata o cabo da terra.

9Diante del caerán os inimigos,

lamberán o po os adversarios.

10Traeranlle dons os reis de Tárxix e das illas,

os reis de Saba e de Sebá pagaranlle tributo.

11Postraranse ante el todos os reis da terra,

servirano todas as nacións.

 

12El librará ó pobre que suplica,

ó aflixido que está sen axuda.

13Terá piedade dos febles e indixentes,

salvará a vida dos pobres;

14rescataraos da inxuria e da opresión,

pois a súa vida e o seu sangue

son preciosos ós seus ollos.

 

15Vivirá e traeranlle ouro de Saba,

pedirán sempre por el,

todo o día o bendicirán.

16Abundará o trigo nos campos,

nos montes ondularán coma no Líbano os froitos,

florecerán as vilas coma a herba dos agros.

17Que o seu nome dure por sempre

e a súa sona igual có sol.

Que se bendigan nel todos os pobos

e que o proclamen ditoso.

 

18Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,

o único que fai marabillas.

19Bendito sexa por sempre o seu nome glorioso

e que a terra se encha da súa gloria.

Amén. Amén.

 

SALMO 73 (72)

A sorte dos malvados

 

1Salmo de Asaf.

 

¡Que bo é Deus cos rectos

e cos limpos de corazón!

2Mais eu por pouco non esvaro,

por nada os pés non se me van,

3por envexa dos fatos,

á vista da prosperidade dos malvados.

 

4Eles non sofren contratempos,

forte e san teñen o seu corpo;

5non teñen parte nas miserias dos humanos

nin padecen cos demais.

6Por iso a soberbia é o colar que os adorna;

a violencia, a capa que os cobre.

 

7O seu corpo graxento deita maldade,

pola súa mente anda a presunción.

8Falan con retranca e con malicia,

ameazan desde o alto coa opresión.

9Poñen no ceo a súa boca,

a súa lingua percorre a terra.

 

10Por iso o pobo vaise con eles

e bebe os seus ditos.

11Eles din: ‑"¿Que sabe Deus?

¿Ten coñecemento o Altísimo?"

12Así son os malvados,

sempre en paz, crecendo en poder.

 

13Entón, para nada gardo eu limpo o corazón

e manteño puras as mans.

14O día enteiro sufro golpes,

escarmentos cada mañá.

15Pero se dixese: ‑"Vou falar igual ca eles",

sería traidor á liñaxe dos teus fillos.

 

16Meditei para ver se o entendía,

mais parecíame moi penoso;

17ata que entrei no santuario dos deuses

e me decatei de cal sería a súa fin.

18Ti pólos, en verdade, no esvaradoiro,

precipítalos na ruína.

19¡Como son destruídos nun instante;

sucumben e perecen de espanto!

20Coma un soño, ó espertar, Señor,

así cando te ergues desprezas ti as súas figuras.

 

21Se o meu corazón estaba amargado

e tiña un cravo nas entrañas,

22é que era parvo e sen entendemento,

coma unha besta diante de ti.

23Mais eu estou sempre contigo

e ti cóllesme da dereita.

24Condúcesme co teu consello

e acóllesme con honor.

 

25¿A quen outro teño eu no ceo?

Contigo xa nada cobizo na terra.

26O meu corpo e o meu corazón consumiranse,

pero Deus é para sempre a miña rocha e a miña sorte.

27Os que se arredan de ti vense perdidos:

ti consomes ós que de ti renegan.

28O meu ben é estar cerca de Deus:

eu busco en ti, Señor, o meu refuxio

e canto as túas obras.

 

SALMO 74 (73)

Ruínas que fan chorar

 

1Poema de Asaf.

 

¿Por que, Deus, nos rexeitas? ¿Será por sempre?

¿Por que se inflama a túa ira coas ovellas do teu rabaño?

2Acórdate da comunidade que desde antigo adquiriches,

do pobo que rescataches para a túa posesión,

do monte Sión, onde fixeches a túa morada.

 

3Dirixe os teus pasos cara ás eternas ruínas:

no teu santuario todo o arrasou o inimigo.

4Os teus adversarios roxen no lugar das asembleas

e levantan alí os estandartes.

5Son coma os que branden o machado na madeira:

6nun intre esnaquizan todas as súas portas,

con machado e martelo.

7Puxeron lume ó teu santuario,

arrasaron e profanaron a morada do teu nome.

8Din entre si: ‑"Acabemos con eles",

e queiman todos os santuarios do país.

 

9Nós non vemos sinais nin existe un profeta,

e ninguén de entre nós sabe por canto tempo aínda.

10¿Ata que día, Deus, nos asoballará o opresor?

¿Aldraxarán por sempre os inimigos o teu nome?

11¿Por que arredas a túa man

e retés a túa dereita no seo?

 

12Pero ti, Deus, es desde sempre o meu rei,

o que obras liberacións en toda a terra.

13Ti fendes o mar co teu poder

e nas augas, a cabeza dos dragóns.

14Ti esmágaslle a cabeza ó Leviatán

e bótasllelo ós monstros mariños de comida.

 

15Ti abres fontes e regachos

e secas ríos caudais.

16Teu é o día e túa a noite,

ti estableciches a lúa e mais o sol.

17Ti marcácheslle ó mundo as súas fronteiras,

Fixeches o verán e o inverno.

 

18Recorda, Señor, que os inimigos te aldraxan,

que xente insensata maldí o teu nome.

19Non lles entregues ós voitres a vida da túa pomba,

non te esquezas por sempre da vida dos teus pobres.

20Fíxate na túa alianza;

todos os recantos da terra son tobos de violencia.

 

21Que non acaben na vergonza os oprimidos:

os humildes e os pobres loarán o teu nome.

22Érguete, Deus, defende a túa causa,

recorda as continuas aldraxes dos necios;

23non esquezas as voces dos inimigos,

o tumulto crecente dos que se rebelan contra ti.

 

SALMO 75 (74)

Deus é quen goberna

 

1Do mestre do coro, segundo "Non destrúas". Salmo de Asaf, cántiga.

 

2Dámosche as grazas, Deus, dámosche as grazas,

Invocamos o teu nome

e contamos as túas marabillas.

 

3Cando eu determine a hora,

xulgarei con rectitude.

4Se treme a terra e quen a habita,

eu sosteño as súas columnas.

 

5Eu aviso ós soberbios: ‑"Non vos oufanedes",

e ós malvados: ‑"Non ergades a testa;

6non ergades a testa ás alturas,

non faledes con gorxa insolente".

 

7Non vén do nacente nin do poñente,

nin do deserto o que ergue;

8Deus é quen goberna:

el abate a un e exalta a outro.

 

9Na man do Señor hai unha cunca

chea de viño velenoso.

Dela dá a beber ata as borras,

beberán dela todos os malvados.

10Eu proclamarei por sempre,

cantarei ó Deus de Israel.

11El romperá a testa dos malvados,

mentres se ergue a cabeza dos xustos.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com