Capítulos 41-45

SALMO 41 (40)

Conforto na enfermidade

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

2Feliz quen coida do coitado:

no día da calamidade librarao o Señor.

3O Señor gardarao, conservaralle a vida,

farao feliz sobre a terra

e non o entregará ó capricho do inimigo.

4O Señor socorrerao no leito da dor,

aliviarao na súa enfermidade.

 

5Eu digo: ‑"Señor, ten compaixón de min,

sándame, que teño pecado contra ti".

6Os meus inimigos agóiranme o peor:

‑"A ver se morre e se perde o seu nome".

7Se algún me vén ver, finxe,

garda nos adentros cousas de malicia,

para pregoalas ó saír.

 

8Os meus inimigos xúntanse para murmuraren de min,

e apóñenme o mal que padezo:

9‑"Unha peste maligna caeu sobre el;

deitouse para non se erguer nunca máis".

10Mesmo o amigo en quen confiaba,

que comía do meu pan,

levanta o seu pé contra min.

 

11Pero ti, Señor,

ten compaixón de min e ponme en pé,

para que poida pagarlles.

12Nisto saberei que teño o teu favor:

que o meu inimigo non cante vitoria sobre min.

13Se eu estou san, é que ti me sostés

e mantesme sempre diante de ti.

 

14Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,

desde sempre e para sempre. Amén. Amén.

 

SALMO 42 (41)

A miña alma ten sede

 

1Do mestre do coro. Poema dos coreítas.

 

2Como devece a cerva pola auga dos regatos,

así devece por ti, meu Deus, a miña alma.

3A miña alma ten sede do Deus vivo:

¿cando verei o rostro de Deus?

 

4As miñas bágoas son, día e noite, o meu pan,

mentres decote me din:

‑"¿Onde está o teu Deus?".

5Cando diso me lembro,

desafoga comigo a miña alma:

‑"Eu marchaba á fronte do pobo

cara á casa de Deus,

entre voces de xúbilo e loanza

de xentío en festa".

 

6¿Por que desacougas, miña alma,

e por que andas inqueda?

Volverei aínda a loalo:

a miña salvación, o meu Deus.

 

7A miña alma esmorece,

e por iso lémbrome de ti,

desde o Xordán, o Hermón e o Misar.

8Un abismo chama a outro

con voces de cachoeira;

as túas cristas e as túas ondas

pasan por riba de min.

 

9Polo día outorga o Señor a súa axuda,

pola noite cántolle ó Deus da miña vida.

10Direille: ‑"Miña rocha, ¿por que te esqueces de min?

¿Por que terei que andar penando,

asoballado polo inimigo?".

11Québranseme os ósos

polas burlas dos opresores,

que decote me din:

‑"¿Onde está o teu Deus?".

 

12¿Por que desacougas, miña alma,

e por que andas inqueda?

Espera en Deus.

Volverei aínda a loalo:

a miña salvación, o meu Deus.

 

SALMO 43 (42)

A miña alma ten sede

 

1Faime xustiza, Deus; defende a miña causa

da xente sen piedade;

líbrame do home falso e perverso.

 

2Ti es o meu Deus e o meu refuxio.

¿Por que, pois, me rexeitas?

¿Por que terei que andar penando

asoballado polo inimigo?

 

3Manda a túa luz e a túa verdade,

que elas me guiarán;

levaranme ó teu monte santo,

á túa mesma morada.

 

4Achegareime ó altar de Deus,

o Deus da miña alegría,

e loareite ó son da cítola,

Deus, o meu Deus.

 

5¿Por que desacougas, miña alma,

e por que andas inqueda?

Espera en Deus.

Volverei aínda a loalo:

a miña salvación, o meu Deus.

 

SALMO 44 (43)

Érguete e redímenos

 

1Do mestre do coro. Poema dos coreítas´.

 

2Nós mesmos, Deus, oímolo,

e nosos pais nolo contaron:

a obra que fixeches nos seus días,

nas idades remotas.

 

3Coa túa propia man

desherdaches xente, para establecelos,

destruíches nacións, para estendelos.

 

4Non adquiriron o país coa súa espada,

nin foi o seu brazo quen lles deu a vitoria,

senón a túa dereita e o teu brazo

e a luz da túa presenza, porque os amabas.

 

5Es ti, meu Deus e meu rei,

quen lle dá a vitoria a Xacob.

6Contigo rexeitamos os nosos agresores,

no teu nome calcamos nos nosos adversarios.

7Non é no meu arco en quen confío

nin é a miña espada a que me dá a vitoria.

8Ti es quen nos libra dos que nos aldraxan,

quen confundes os que nos odian.

9En Deus está a nosa gloria,

no seu nome, a nosa gabanza.

 

10Mais agora rexéitasnos, exposnos á vergonza,

non saes cos nosos exércitos á guerra.

11Déixasnos recuar diante dos inimigos,

espóliannos os nosos agresores.

12Entrégasnos, coma res de matadoiro,

espállasnos entre todas as xentes.

 

13Vendes sen prezo ó teu pobo,

sen gañar na súa venda.

14Fas de nós o riso dos veciños,

a burla e o escarnio do arredor.

15Fas de nós a rexouba das xentes

e o aceno burlón dos demais pobos.

16A deshonra está todo o día ante min,

cóbreme a cara a vergonza

17cando escoito ós que insultan e aldraxan,

cando vexo inimigos e adversarios.

 

18E todo isto pasounos sen te esquecermos,

sen violarmos a túa alianza,

19sen volver atrás o noso corazón,

nin desviar os pés do teu camiño.

20Ti botáchesnos ós chacais,

cubríchesnos de tebras.

21Se esquecésemos o noso Deus,

ou erguésemos as mans a un deus alleo,

22¿non o ía Deus descubrir,

El, que coñece os íntimos segredos?

23Pola túa culpa somos decote degolados,

tratados coma res de matadoiro.

 

24Esperta, ¿por que estás, Señor, durmido?

Érguete. Non nos rexeites para sempre.

25¿Por que escondes a túa cara,

esqueces a nosa miseria e opresión?

26O noso alento está prostrado no po,

o noso ventre polo chan.

27Érguete na nosa axuda,

redímenos, pola túa misericordia.

 

SALMO 45 (44)

Unha cántiga para o rei

 

1Do mestre do coro, con cítolas de Xuxán. Poema dos coreítas. Cántiga de amor.

 

2No meu corazón bole unha palabra fermosa:

vou recitar unha cántiga para o rei;

a miña lingua é lixeira, coma pluma de escribán.

 

3Ti es o máis fermoso dos nacidos de home,

os teus labios deitan a graza;

por iso Deus te bendí para sempre.

4Cingue, valente, a túa espada,

ela é o teu brillo e a túa gloria.

5A túa gloria está en loitar

pola verdade e pola xustiza;

os teus adornos son os escarmentos da túa dereita.

6As túas setas son agudas: diante de ti caen os pobos

e no medio deles os inimigos do rei.

 

7O teu trono, coma o de Deus, é duradeiro,

un cetro de equidade, o teu cetro real.

8Ti amas a xustiza e aborreces a iniquidade;

por iso Deus te unxiu

con óleo de alegrías, entre os teus compañeiros.

9A mirra, áloe e acacia recenden os teus vestidos,

en pazos de marfil alégrante as arpas.

10Fillas de reis tes por amigas,

e á túa dereita, a raíña, con ouro de Ofir.

 

11Escoita, filla; olla e atende:

 esquece o teu pobo e a casa de teu pai.

12O rei está engaiolado da túa fermosura:

réndete a el, pois el é o teu señor.

13Os de Tiro veñen con presentes,

os próceres dos pobos buscan o teu favor.

 

14Entra con todo o honor dunha princesa,

bordados en ouro os seus vestidos;

15con variado atavío é conducida ó rei,

acompañada polas súas doncelas.

Preséntante as amigas,

16condúcente con xúbilo algareiro,

introdúcente no pazo do rei.

17No canto de teus pais terás os teus fillos

e poralos por príncipes da terra.

 

18Eu farei que por xeracións se recorde o teu nome,

e que por séculos te loen as nacións.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com