Capítulos 36-40

SALMO 36 (35)

Vinganza e providencia

 

1Do mestre do coro. De David, servo do Señor.

 

2Unha sentencia de culpa contra o impío

levo no corazón.

O temor de Deus non conta ós seus ollos,

3gábanse de non atopar en si maldade que aborrecer.

4Os ditos da súa boca son malignos e falsos,

deixou de entender e de facer o ben.

5No seu leito remoe na maldade,

teima no mal camiño,

non ten repugnancia do mal.

6A túa misericordia, Señor, alcanza o ceo,

a túa fidelidade chega ás nubes.

7A túa xustiza é alta coma os montes,

os teus xuízos son fondos coma o mar.

Ti, Señor, socorres a homes e animais.

8¡Que precioso, Deus, é o teu amor!

 

Os humanos acóllense á sombra das túas ás,

9fártanse coa abundancia da túa casa.

Ti dáslles a beber do río das túas delicias,

10pois está en ti a fonte da vida,

e a túa luz fai que vexamos nós a luz.

 

11Alonga o teu favor ós que te recoñecen,

a túa providencia ós rectos de corazón.

12Que os pés do soberbio non me atrapen,

que non me mova a man do impío.

13Alá caen xa os malfeitores,

e, caídos, non poden máis erguerse.

 

SALMO 37 (36)

Hai un porvir para os xustos

 

1De David.

 

Non te alporices por cousa dos malvados,

nin envexes os malfeitores,

2pois axiña secan, coma feo,

murchan, coma a herba.

 

3Confía no Señor e fai o ben,

vive na terra, practicando a lealdade;

4pon as delicias  no Señor:

El darache o que arela o teu corazón.

 

5Encomenda ó Señor o teu porvir

e confía nel, que El fará:

6El fará saír a túa xustiza coma a luz,

o teu dereito coma o sol do mediodía.

 

7Descansa no Señor e espera nel,

non te irrites polos que triúnfan

e polos que manexan a intriga.

8Calma a ira, reprime o noxo,

non te irrites: poderías facer mal.

 

9Os malvados serán certamente destruídos,

mais os que esperan no Señor posuirán a terra.

10Un pouco aínda: xa os impíos non existen,

fíxate no seu lugar: xa non están;

11os humildes, en cambio, herdan a terra

e gozan de paz perfecta.

12O malvado trama o mal contra os xustos

e renxe os dentes contra eles;

13pero o Señor ri das súas contas,

vendo que lles chega o seu día.

 

14Os impíos desenvaíñan as espadas,

tensan os seus arcos,

para abater os pobres e os humildes,

para lles dar a morte ós honrados,

15Pero a súa propia espada lles atravesará o corazón

e hanse quebrar os seus arcos.

 

16Vale máis a migalla dos xustos

cá opulencia dos malvados,

17pois ós malvados rómpenlles os brazos,

pero os xustos sostenos o Señor.

18O Señor coida da sorte dos honrados,

a súa herdade é duradeira.

19No tempo da desgraza non quedarán defraudados,

nos días de fame han ter fartura.

 

20Perecerán en troques os malvados,

murcharán os inimigos do Señor

coma o verde dos prados,

han esvaecer coma o fume.

 

21O malvado pide prestado e non devolve,

mais o xusto apiádase e fai dons.

22Aqueles que El bendiga posuirán a terra,

os que El maldiga serán exterminados.

 

23O Señor asegura os pasos do home

que co seu camiño o comprace.

24Non quedará por terra, aínda que caia,

pois o Señor teno da man.

 

25Fun mozo e agora vou vello,

e nunca vin un xusto abandonado,

nin os seus fillos pedindo pan.

26Apiádase sempre e presta,

e a súa descendencia é loada.

 

27Fuxe do mal e fai o ben,

e terás casa duradeira;

28porque o Señor ama a xustiza

e non abandona os seus fieis.

 

Estes perdurarán,

mentres a caste dos malvados é arrincada.

29Os xustos herdarán a terra

e habitarán nela para sempre.

 

30A boca do xusto deita sabedoría,

a súa lingua fala o que é recto.

31Leva no corazón a lei de Deus,

e os seus pasos non tremelan.

 

32O malvado axexa ó xusto,

buscando darlle morte.

33Pero o Señor non o deixa da súa man

nin permite que o condenen no xuízo.

 

34Confía no Señor e garda o seu camiño:

el levarate á posesión da terra

e a ver o exterminio dos malvados.

 

35Vin o malvado fachendear,

crecer coma o cedro frondoso;

36pasei de novo e xa non estaba,

busqueino e non o atopei.

 

37Garda a inocencia e gusta do dereito,

pois para a xente de paz hai posteridade,

38mentres os pecadores serán dun golpe exterminados,

a posteridade dos malvados extinguida.

 

39A salvación dos xustos vén do Señor:

El é o seu refuxio no tempo da angustia.

40O Señor axúdaos e líbraos,

líbraos dos malvados e presérvaos,

porque se acollen a El.

 

SALMO 38 (37)

Eu confeso a miña culpa

 

1Salmo de David, en lembranza.

 

2Señor, non me reprendas con ira,

non me corrixas con noxo.

 

3As túas frechas espetáronse en min,

sobre min descende a túa man.

4Non hai membro san no meu corpo

por mor da túa indignación;

non hai sosego para os meus ósos,

por causa do meu pecado.

 

5As miñas culpas sóbenme á cabeza,

coma carga que non podo aturar;

6as miñas chagas feden e deitan pus,

por culpa dos meus erros.

 

7Ando encollido, derreado,

sombrizo, todo o día.

8Os meus riles están cheos de quentura,

non hai no meu corpo membro san.

9Estou esgotado, de todo deprimido,

bruando cos bramidos do meu peito.

 

10Todas as miñas ansias, Señor, che están presentes,

os meus suspiros non se che esconden.

11O meu corazón palpita, as forzas abandónanme

e mesmo me falta a luz dos meus ollos.

 

12Amigos e compañeiros foxen das miñas chagas,

os meus parentes quédanse ó lonxe.

13Os que atentan contra a miña vida tenden lazos,

os que buscan o meu mal falan de ruína

e traman traizón todo o día.

 

14Pero eu son coma xordo que non oe,

coma mudo que non abre a súa boca.

15Son coma o que non oe

e non ten resposta que dar.

 

16En ti, Señor, confío,

e ti responderás, Señor, meu Deus.

17Eu pido: ‑"Non se rían á miña conta,

non me asoballen, se esvara o meu pé".

18Porque, en verdade, estou para caer,

e a miña dor sempre comigo.

 

19Eu confeso a miña culpa,

inquiétame o meu pecado.

20Os inimigos da miña vida son potentes;

son moitos os que me odian sen razón;

21os que volven mal por ben sonme hostís,

por buscar eu o ben.

 

22Non me abandones ti, Señor,

non esteas lonxe, meu Deus.

23Dáte présa a axudarme,

Señor, a miña salvación.

 

SALMO 39 (38)

A medida dos meus días

 

1Do mestre do coro, segundo Iedutún. Salmo de David.

 

2Propúxenme coidar do meu comportamento,

non errar coa miña lingua,

gardar con freo a miña boca,

namentres o impío está diante.

 

3Afundinme no silencio, calei diante da sorte,

pero a miña dor recruou.

4O corazón ardíame por dentro,

o meu cavilar botaba lume,

e deixei libre a miña lingua.

 

5Móstrame, Señor, cal é o meu porvir,

cal a medida dos meus días,

para que entenda o efémero que son.

6Déchesme vida de poucos palmos,

a miña existencia é unha nada ante ti.

Como moito, é un sopro

o que dura un home.

7Vaise coma unha sombra.

Axítase para nada,

atesoura sen saber para quen.

 

8E agora, Señor, ¿que esperanza me queda?

A miña confianza está en ti.

9Líbrame ti dos meus pecados,

non me expoñas á burla dos parvos.

10Eu calo; non quero abrir a boca,

pois es ti quen actúa.

 

11Arreda os teus golpes de min,

pois desfaime o furor da túa man.

12Ti castigas os homes para escarmento

e como a traza roes a súa fermosura:

soamente un sopro son os homes.

13Escoita, Señor, a miña oración,

atende a miña queixa

e non fagas o xordo ás miñas bágoas.

Eu son para ti un forasteiro,

un peregrino coma os meus antepasados.

14Deixa de espreitarme, para que poida alentar,

antes de que me vaia e non exista.

 

SALMO 40 (39)

Non escondo a túa xustiza

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

2Esperar, eu espero no Señor:

El vólvese para min e escoita o meu lamento.

3Tírame do pozo burbullante,

da poza lamacenta;

ergue os meus pés sobre a rocha

e afirma os meus pasos.

4Ponme na boca un cantar novo,

loanza do noso Deus.

 

O velo, moitos temerán

e confiarán no Señor.

5Feliz o que pon no Señor a esperanza

e non acode ós arrogantes,

que se extravían no engano.

 

6Grandes cousas fas, Señor, meu Deus;

nos teus proxectos sobre nós ninguén se che semella.

Se quixese referilos e pregoalos,

excederían toda conta.

 

7Ti non queres sacrificios e ofrendas

‑sobre iso abríchesme o oído‑,

non pides holocaustos nin vítimas expiatorias.

8Entón digo: ‑"Aquí veño

co libro escrito para min".

9Facer a túa vontade, meu Deus, é o que eu quero;

a túa lei está no fondo de min mesmo.

 

10Proclamo a túa salvación na asemblea,

non pecho os meus labios: ben o sabes, Señor.

11Non escondo no peito a túa xustiza,

anuncio a túa fidelidade e o teu auxilio.

Non encubro o teu amor e a túa verdade

diante da gran asemblea.

 

12E ti, Señor, non me cerres as entrañas;

que me garden sempre o teu amor e verdade,

pois males sen conto me rodean,

atrápanme as miñas culpas,

xa non podo nin ver.

13Son máis numerosas cós pelos da cabeza,

e fáltame o alento.

 

14Ten a ben, Señor, salvarme,

corre, Señor, a axudarme.

15Que se vexan confusos e corridos

os que me perseguen á morte;

que volvan para atrás, avergonzados,

os que buscan a miña ruína;

16que enmudezan de vergonza

os que se rin de min.

 

17Alégrense e folguen contigo

todos os que te buscan;

que poidan sempre dicir

os que arelan a túa salvación:

‑"Exaltado sexa o Señor".

 

18Eu son humilde e pobre,

pero o Señor coida de min.

Ti es a miña rocha, o meu liberador:

meu Deus, non te demores.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com