Capítulos 11-15

SALMO 11 (10)

A cadaquén o seu merecido

 

1Do mestre do coro. De David.

 

Eu busco agarimo no Señor,

¿Como ousades aínda dicirme:

‑"Voa, paxaro, ó teu monte"?

 

2Mais os malvados tensan o arco,

axustan na corda as setas,

para tirar, na escuridade, contra os honrados

3Se os fundamentos se derruban,

¿que poden facer os xustos?

 

4O Señor desde o seu santuario,

o Señor desde a súa sede no ceo,

axexa cos seus ollos ós homes,

escrútaos coas súas pupilas.

 

5O Señor proba os xustos,

pero aborrece o impío e violento.

6Fará chover sobre os malvados

carbóns acesos e xofre;

vento queimante será a súa sorte.

 

7O Señor é xusto e ama a xustiza:

os rectos gozarán da súa presenza.

 

SALMO 12 (11)

Aínda virá a hora da xustiza

 

1Do mestre do coro, co octacordio. Salmo de David.

 

2 Salva, Señor, que se acaban os xustos,

desaparecen os rectos de entre os homes.

3Falsidade é o que se din uns ós outros,

linguaxe garatuxeira e fraudulenta a que falan.

 

4Arrinque o Señor todos os labios aloumiñeiros

e as linguas arrogantes dos que din:

5‑"A lingua é a nosa forza,

contamos cos nosos labios: ¿quen será o noso dono?".

 

6‑"Pola opresión dos humildes e os xemidos dos pobres,

agora mesmo me levanto ‑di o Señor‑:

porei en salvo a todos os que o arelan".

 

7Os ditos do Señor son ditos verdadeiros,

prata limpa de escoura,

sete veces refinada.

8Ti, Señor, hasnos gardar,

librarasnos para sempre desta xente.

9Irán sen rumbo os malvados,

mentres os humildes se erguen.

 

SALMO 13 (12)

¿Por canto tempo aínda, Señor?

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

2¿Canto tempo aínda, Señor, me seguirás esquecendo?

¿Por canto tempo me esconderás a túa cara?

3¿Canto tempo aínda hei levar angustia na alma,

pesar no corazón, o día enteiro?

¿Ata que día me poderá o inimigo?

 

4Atende, Señor; respóndeme, meu Deus:

aluma os meus ollos, que non adormeza na morte.

5Que non diga o inimigo: ‑"Puiden con el",

nin se alegre o opresor da miña ruína.

 

6Eu confío no teu amor,

o meu corazón relouca coa túa axuda.

Cantareille ó Señor

polo ben que me fixo.

 

SALMO 14 (13)

Non hai quen faga o ben

 

1Do mestre do coro. De David.

 

Pensan os parvos para si:

‑"Deus non está".

Corrompidos, de conduta abominable:

non hai quen faga o ben.

 

2O Señor observa os homes desde o ceo,

para ver se hai algún asisado,

algún que pregunte por Deus.

3Andan todos desviados,

por xunto corrompidos;

non hai quen faga o ben,

non hai sequera un.

4¿Pero non aprenderán os malfeitores?

Engolen o meu pobo coma pan,

sen preguntar polo Señor.

 

5Alá treman de pavor,

porque Deus está cos xustos.

6Desprezades o proxecto dos pobres,

pero o Señor é o seu refuxio.

 

7¿Quen lle traerá de Sión a salvación a Israel?

Cando vire o Señor a sorte do seu pobo,

exultará Xacob, alegrarase Israel.

 

SALMO 15  (14)

A hospitalidade do Señor

 

1Salmo de David.

 

¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?

¿Quen habitará no teu monte santo?

 

2Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:

que ten sinceridade no corazón

3e non calumnia coa súa lingua;

o que non lle fai mal ó veciño

e non difama ó seu próximo;

4o que estima desprezable ó malvado

e aprecia os que temen ó Señor;

o que non se vira no xuramento,

aínda que sexa no seu dano;

5o que non presta con usura o seu diñeiro

e non se deixa subornar contra o inocente.

 

Quen así se comporte,

endexamais non perecerá.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com