Capítulos 16-20

SALMO 16 (15)

No camiño da vida

 

1Poema, de David.

 

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.

2Eu dígolle ó Señor: ‑"Ti es o meu dono,

só ti es o meu ben".

 

3Outros van cos deuses da terra,

teñen afecto ós poderosos.

4Fan ídolos sen conta

e van correndo tras eles.

 

Eu non quero verter as súas libacións de sangue

nin pronunciar cos meus labios os seus nomes.

5Ti es, Señor, a miña herdade e a miña sorte,

ti coidas do meu porvir.

6As sortes caéronme en bo eido,

gústame a miña herdade.

 

7Bendigo ó Señor que me guía

e mesmo de noite me ensina no meu íntimo.

8Teño ó Señor sempre diante;

con El á dereita non caerei.

 

9Por iso o meu corazón está contento,

as miñas entrañas reloucan

e o meu corpo está seguro.

 

10Ti non abandonarás á morte a miña vida,

nin deixarás que o teu amigo vexa a corrupción.

11Mostrarasme o camiño da vida:

a túa presenza éncheme de alegría;

a túa dereita, de gozo eterno.

 

SALMO 17 (16)

Como a meniña dos teus ollos

 

1Pregaria de David.

 

Oe, Señor, a causa xusta,

atende ó meu clamor;

escoita a miña pregaria

de labios sen engano.

2Que a miña causa saia ben de onda ti,

que os teus ollos vexan o dereito.

 

3Se sondas o meu corazón,

se me visitas de noite,

se me probas ó lume,

nada atoparás:

a iniquidade non atravesa a miña boca,

4como é costume nos homes.

Conforme á palabra dos teus labios,

sigo o camiño marcado;

5guío polas túas pisadas os meus pasos,

por iso os meus pés non tremelan.

 

6Eu chámote, Deus; ti respóndeme;

volve a min o teu oído, escoita a miña voz.

7Mostra a túa compaixón admirable,

ti que libras do inimigo

ós que se acollen á túa dereita.

8Gárdame coma á meniña dos teus ollos,

escóndeme á sombra das túas ás

9dos malvados que me asaltan,

dos inimigos que me cercan.

10Pechan as súas entrañas

e falan con soberbia.

11Dan pasos para rodearme,

espréitanme para botarme por terra,

12coma o león que degora a súa presa,

coma o leonciño engruñado na cova.

13Érguete, Señor; failles fronte e dobrégaos;

líbrame coa túa espada dos malvados,

14coa túa man, Señor, dos mortais,

dos mortais do mundo, que teñen sorte na vida:

enchen o ventre cos teus bens,

fártanse os seus fillos

e deixan o resto para os seus nenos.

 

15Mais eu verei con felicidade a túa presenza,

ó espertar, saciareime de verte.

 

SALMO 18 (17)

Canto de vitoria

 

1Do mestre do coro. De David, servo do Señor, que recitou

esta cántiga diante do Señor, por telo librado do

poder de todos os seus inimigos e da man de Xaúl. Dixo:

 

2Eu ámote, Señor, a miña forza,

3Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio,

meu Deus, penedo onde me acollo,

o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.

4Eu invoco ó Señor, o adorable,

e salvarame dos meus inimigos.

 

5As ondas da morte rodéanme,

as correntes do averno atropélanme;

6cínguenme as cordas do abismo,

sorpréndenme as trampas da morte.

 

7No apuro chamo ó Señor,

suplico cara ó meu Deus.

El escoita a miña voz desde o santuario,

o meu clamor chega ós seus oídos.

 

8A terra estarrécese e treme,

os fundamentos dos montes estremecen,

abalan por causa da súa ira.

9Do seu nariz sobe fume,

da súa boca lume devorante,

de todo el ascuas acesas.

 

10Abaixa o ceo e descende

con mesta néboa debaixo dos seus pés.

11Voa a cabalo dun querubín,

subindo nas ás do vento.

12Das tebras fai o seu cerco;

das augas escuras e das mestas nubes,

a tenda que o rodea.

13Co relampo da súa presenza

as nubes desfanse en sarabia e lóstregos.

14O Señor atrona desde o ceo,

o Altísimo fai resoar a súa voz.

 

15Lanza as súas setas e dispérsaos,

os seus lóstregos enlouquécenos.

16Os fondos do mar déixanse ver,

os fundamentos do orbe quedan espidos,

polas túas ameazas, Señor,

polo soprido da túa ira.

 

17Desde o ceo tende El a man e cólleme,

tírame das augas caudais.

18Líbrame do inimigo poderoso,

de rivais máis fortes ca min.

 

19No día funesto fanme fronte,

pero o Señor é o meu arrimo:

20sácame a campo aberto,

sálvame, porque me ama.

21O Señor premia a miña rectitude,

retribúe a miña pureza de conduta.

 

22Eu gardo os camiños do Señor

e non son rebelde ó meu Deus;

23teño á vista os seus preceptos,

non eludo os seus mandatos,

24son sincero diante del

e gárdome do pecado.

25O Señor retribúe a miña rectitude

e a miña pureza de obrar na súa presenza.

 

26Co piadoso móstraste piadoso

e co sincero es sincero;

27co puro móstraste puro

e co renarte es retorto.

28Ti salvas os humildes

e abates os soberbios.

29Ti fas lucir a miña candea,

o Señor, meu Deus, aluma as miñas tebras.

30Contigo podo encararme cunha tropa;

co meu Deus, saltar murallas.

31Os camiños de Deus son perfectos,

a palabra do Señor ben probada:

é o escudo para cantos a El se acollen.

 

32¿Quen é Deus, fóra do Señor?

¿Quen unha rocha, fóra de noso Deus,

33o Deus que me cingue de forza

e fai perfecto o meu camiño?

34El dáme pés coma os dos cervos

e ponme nas alturas;

35adestra as miñas mans para a loita

e os meus brazos para tensar o arco de bronce.

 

36Ti déixasme o teu escudo salvador,

a túa dereita sostenme,

a túa bondade engrandéceme.

37Fasme dar pasos longos,

e non tremen os meus pés.

38Perseguirei o inimigo ata o pillar,

non volverei sen acabar con el;

39esmagareino xa e non se poderá erguer,

caerá debaixo dos meus pés.

 

40Ti cínguesme de forza para a loita,

sometes a cantos se me enfrontan.

41Fas que os meus inimigos volvan as costas,

para que eu poida destruír os que me odian.

 

42Piden socorro, pero ninguén os axuda,

xemen cara ó Señor, mais El non lles responde.

43Espallareinos, coma po diante do vento,

varrereinos, coma lama das rúas.

 

44Ti líbrasme do pobo en motín,

posme á cabeza das xentes:

pobos non coñecidos réndenme homenaxe.

45Nada máis oír, xa me obedecen,

adúlanme os estranxeiros;

46os estranxeiros embarúllanse

e saen tremendo dos seus refuxios.

 

47Viva o Señor, bendita a miña rocha;

sexa exaltado Deus, o meu salvador,

48o Deus que me dá satisfacción

e somete pobos ó meu xugo.

49Ti líbrasme dos inimigos,

érguesme sobre os adversarios,

sálvasme dos violentos.

 

50Por iso hei de loarte, Señor, diante dos pobos:

cantarei o teu nome,

51o que lle dá ó rei grandes vitorias

e mostra misericordia ó seu unxido,

a David e á súa liñaxe, para sempre.

 

SALMO 19 (18)

Os ceos pregoan

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

2Os ceos proclaman a gloria de Deus,

o firmamento pregoa as obras das súas mans.

3Un día pásalle ó outro a mensaxe,

unha noite transmítelle á outra a noticia.

4Sen que falen nin conten,

sen que se sinta a súa voz,

5por toda a terra vai o seu anuncio,

ata os confíns do mundo a súa palabra.

 

O sol púxolle alá no ceo unha tenda:

6coma un desposado, sae da súa alcoba

e, ledo coma un heroe, percorre o seu camiño.

7Ten nun extremo do ceo a saída

e, no seu xiro, chega ó outro extremo:

nada se subtrae á súa calor.

 

8A lei do Señor é perfecta:

reconforta a alma;

a declaración do Señor é firme:

fai sabio ó inxenuo;

9os mandatos do Señor son rectos:

aledan o corazón;

o precepto do Señor é limpo:

ilumina os ollos;

10o temor do Señor é puro:

permanece por sempre;

as decisións do Señor son verdadeiras:

enteiramente xustas.

11Son máis cobizables có ouro

máis có metal precioso;

son máis doces có mel,

máis có zume da antera.

 

12Aínda que o teu servo os quere cumprir

e pon coidado en gardalos,

13¿quen se decata dos erros?

Límpame ti de canto se me esquece,

14preserva ó teu servo da soberbia,

para que non me domine.

Entón serei perfecto,

limpo de pecados graves.

 

15Dígnate aceptar a palabra

da miña boca,

e o sentir do meu corazón,

Señor, a miña rocha e o meu redentor.

 

 

SALMO 20 (19)

Oración polo rei

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

2Que te escoite o Señor na hora do apuro,

que te protexa o Deus de Xacob;

3que do santuario che mande socorro,

que te sosteña desde Sión.

 

4Lembre as túas ofrendas,

gústenlle os teus sacrificios;

5outórgueche o que queres,

cumpra os teus proxectos.

 

6Que poidamos nós festexar a túa vitoria

e no nome do noso Deus erguer as bandeiras:

outórgueche o Señor canto lle pidas.

 

7Xa sei que o Señor lle dá a vitoria ó seu unxido,

que lle responde desde o seu ceo santo

coa forza liberadora da súa dereita.

 

8Uns confían nos seus carros, outros na súa cabalería;

pero nós invocamos o Señor, noso Deus.

9Abanéanse eles e caen,

mentres nosoutros nos erguemos e quedamos en pé.

 

10Dálle, Señor, a vitoria ó rei,

escóitanos, cando te chamamos.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com