Capítulos 86-90

SALMO 86 (85)

Un sinal da túa bondade

 

1Pregaria, de David.

 

Señor, abaixa o oído e aténdeme,

que son pobre e coitado;

2gárdame, que son amigo teu,

salva, meu Deus, a este servo

que confía en ti.

3Apiádate, Señor,

que te estou a chamar o día enteiro;

4alegra o meu espírito

que se dirixe a ti.

 

5Ti, Señor, es bo e indulxente,

cheo de amor para aqueles que te invocan.

6Escoita, Señor, a miña súplica,

atende a miña pregaria.

7Chámote na hora do apuro,

e ti hasme axudar.

 

8Ti, Señor, non tes semellante entre os deuses,

non hai feitos coma os teus.

9Os pobos todos que fixeches

virán, Señor, adorarte,

honrar o teu nome.

10Ti es grande e fas prodixios,

ti es o único Deus.

 

11Ensíname, Señor, os teus camiños,

e andarei coa túa verdade;

recolle o meu corazón

no temor do teu nome.

12Eu loareite, Señor, meu Deus, de todo corazón,

glorificarei decote o teu nome,

13pois o teu amor comigo é moi grande,

ti líbrasme do abismo.

14Os soberbios, meu Deus, érguense contra min,

un fato de violentos busca a miña vida,

sen repararen en ti.

15Pero ti, Señor, es Deus compasivo e clemente,

tardo á ira, grande en amor e lealdade.

 

16Mira para min, apiádate,

dálle forzas ó teu servo,

salva o fillo da túa serva.

17Fai de min un sinal da túa bondade,

para que vexan e se avergoncen aqueles que me aborrecen,

pois ti, Señor, es para min axuda e consolo.

 

SALMO 87 (86)

Cidade de Deus

 

1Dos coreítas. Salmo, cántiga.

 

Os seus alicerces están no monte santo:

2O Señor ama as portas de Sión

máis ca todas as moradas de Xacob.

 

3Gloriosas cousas dinse de ti,

cidade de Deus.

4Citarei a Exipto e a Babilonia

entre os que me veneran;

velaí os filisteos e os tirios

e os mesmos etíopes que naceron alí.

 

5De Sión hase dicir:

‑"Un por un naceron todos nela

e fundouna o mesmo Altísimo".

 

6O Señor escribirá no rexistro dos pobos:

‑"Este naceu alí".

7E cantarán danzando:

‑"As miñas fontes están todas en ti".

 

SALMO 88 (87)

Farto de males

 

1Cántiga, salmo dos coreítas. Do mestre do coro, segundo

 Mahalat, para cantar. De Hemán o indíxena.

 

2Señor, Deus, o meu salvador,

a ti clamo, día e noite.

3Chegue a ti a miña súplica,

abaixa o teu oído ó meu clamor.

 

4Estou farto de males,

a miña vida á beira do abismo.

5Cóntanme xa entre os que baixan ó sepulcro,

son home sen remedio.

6Estou abandonado entre os mortos,

coma os cadáveres deitados no sepulcro,

dos que xa non te lembras.

 

7Botáchesme na cova profunda,

nas tebras do abismo.

8Sobre min pousa a túa indignación,

todas as túas ondas me envolven.

9Arredas de min ós da familia,

fasme noxento para eles.

10Estou pechado e sen saída,

nubrados os ollos de pesar.

 

Todo o día estou a te chamar,

estendendo as mans cara a ti.

11¿Fas ti prodixios cos mortos?

¿Érguense os defuntos a te loaren?

12¿Fálase do teu amor no sepulcro,

da túa fidelidade no reino da morte?

13¿Coñécense nas tebras as túas marabillas,

a túa xustiza na terra do esquecemento?

 

14Pero eu, Señor, clamo a ti,

a miña oración vai de mañá ó teu encontro.

15¿Por que, Señor, me rexeitas

e escondes de min a túa presenza?

16Desde neno son pobre e malpocado,

dobrado de aturar os teus terrores.

17O teu furor asobállame,

consómenme os teus espantos;

18rodéanme, coma auga, o día enteiro,

asáltanme todos a un tempo.

19Arredaches de min amigos e compañeiros,

por única compaña teño as tebras.

 

SALMO 89 (88)

O pacto co rei unxido

 

1Poema de Etán o indíxena.

 

2Quero cantar por sempre o amor do Señor,

pregoar polas xeracións a súa fidelidade:

3‑"Penso que o teu amor está fundado co mundo,

a túa fidelidade asentada cos ceos".

 

4Co meu elixido firmo unha alianza,

ó meu servo David fágolle un xuramento:

5‑"Afincarei a túa liñaxe para sempre,

construireiche un trono duradeiro".

 

6Os ceos proclaman, Señor, as túas marabillas,

a asemblea dos santos, a túa fidelidade.

7¿Quen, sobre as nubes, se compararía co Señor?

¿Quen lle semella entre os seres divinos?

8Deus no consello dos santos é temido,

grande e terrible para canto o rodea.

9Señor, Deus dos exércitos, ¿quen hai coma ti,

cinguido, Señor, de poder e fidelidade?

 

10Ti dominas a soberbia do mar,

acalas s ondas levantadas.

11Ti esmagas a Rahab coma un cadáver

e desbaratas con brazo poderoso os teus inimigos.

12Teu é o ceo e túa a terra,

o mundo e canto o enche ti o fundaches.

 

13Ti creaches o norte e o sur,

o Tabor e o Hermón exultan no teu nome.

14Ti tes brazo potente,

a túa man é forte, a túa dereita ergueita.

15Xustiza e rectitude fundamentan o teu trono,

amor e fidelidade marchan ante ti.

 

16Feliz o pobo que sabe aclamarte

e camiñar, Señor, na luz da túa presenza.

17O teu nome fai a súa ledicia o día enteiro,

a túa xustiza é a súa gloria.

18Ti es, en verdade, a súa gloria e a súa forza,

polo teu favor erguemos nós a testa.

19O Señor é o noso escudo,

o santo de Israel o noso rei.

 

20Un día falaches así en visión ós teus amigos:

‑"Púxenlle a coroa a un valente,

erguín do medio do pobo un elixido;

21atopei o meu servo David

e unxino con óleo santo.

22A miña rexa man estará con el,

o meu brazo farao forte.

 

23Non poderán con el os inimigos

nin o abaterán os malvados.

24Eu desfarei ante el os meus adversarios,

ferirei ós que me aborrecen.

25A miña fidelidade e o meu amor irán con el

e no meu nome erguerá a testa.

26Estenderei sobre o mar a súa man,

sobre os ríos a súa dereita.

 

27El dirame: ‑Ti es meu pai,

meu Deus, rocha da miña salvación.

28Eu dareille a primoxenitura,

a soberanía sobre os reis da terra.

29Gardareille o meu amor eternamente

e a miña alianza con el será leal.

30Dareille unha posteridade duradeira,

o seu trono sosterase coma os ceos.

 

31Se os seus fillos abandonan a miña lei

e non se rexen polas miñas decisións;

32se profanan os meus mandatos

e non gardan os meus preceptos,

33eu fustrigarei coa vara os seus delitos

e con azoutes as súas culpas.

34Pero non lles retirarei o meu amor

nin faltarei á miña fidelidade;

35non violarei a miña alianza

nin mudarei o dito dos meus labios.

 

36Unha vez xurei pola miña santidade

que non mentiría a David.

37A súa posteridade será eterna,

o seu reino durará coma o sol ante min,

38coma a lúa, que está firme por sempre,

signo fiel no alto do ceo".

 

39Pero ti rexeitáchelo, desdeñáchelo,

incomodácheste co teu unxido;

40rompiches a alianza co teu servo,

profanaches polo chan a súa coroa.

41Derrubaches os seus muros,

convertícheslle en ruína as fortalezas.

 

42Os que pasan saquéano,

é o riso dos veciños.

43Erguiches a man dos seus adversarios,

alegraches ós seus inimigos.

44Gafáches o fío da súa espada

e non o sostiveches na batalla.

45Tiráchelo do seu esplendor,

botaches por terra o seu trono.

46Acurtaches os días da súa mocidade,

cubríchelo de ignominia.

 

47¿Por canto tempo aínda, Señor?

¿Esconderaste para sempre?

¿Arderá coma lume o teu furor?

48Recorda cal é a miña duración

e que caducos creaches os homes.

49¿Que home vivirá sen ver a morte?

¿Quen librará a súa vida das poutas do abismo?

50¿Onde está, Señor, o antigo amor

que pola túa fidelidade lle xuraches a David?

 

51Ten en conta, Señor, a aldraxe dos teus servos,

o que teñen que aturar de todas as nacións;

52os insultos, Señor, dos teus inimigos,

os insultos ós pasos do teu Unxido.

 

53Bendito sexa por sempre o Señor.

Amén. Amén.

 

SALMO 90 (89)

Ensínanos a contar os nosos días

 

1Pregaria de Moisés, home de Deus.

 

Señor, ti fuches o noso agarimo,

ó longo das xeracións.

 

2Primeiro que os montes xurdisen,

e que fosen formados a terra e o mundo,

desde sempre e por sempre es ti Deus.

3Ti podes volver en po os mortais,

con dicirlles:‑ "Fóra, homes".

 

4Mil anos ante ti

son coma o onte que pasou

e coma unha vixilia da noite.

5Ti falos pasar, e son coma sono de mañanciña,

coma herba que agroma:

6de mañá florece e verdea

e á tarde ségana e seca.

 

7A túa ira fainos desfalecer,

a túa cólera tennos desmaiados,

8porque pos as nosas culpas ante ti,

os nosos segredos á luz da túa ollada.

9Os nosos días esvaecen na túa indignación,

acabamos coma un suspiro os nosos anos.

 

10A nosa vida é de setenta anos,

de oitenta a dos máis fortes;

e os máis deles son de traballos e miserias:

esvaecen de présa, e nós voamos.

11¡Quen puidese valorar a forza da túa ira,

a túa indignación, co debido temor!

 

12Ensínanos a contar os nosos días,

para que aprendamos a ser asisados.

13Volve, Señor. ¿Por canto aínda?

Apiádate dos teus servos.

14Dános axiña a fartura da túa misericordia,

para que a nosa vida teña felicidade e ledicia.

 

15Alégranos polos días en que nos aflixiches,

por tantos anos de coitas.

16Que se vexa a túa obra nos teus servos

e a túa gloria nos teus fillos.

17Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco

e que el asegure as accións das nosas mans.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com