Capítulos 116-120

SALMO 116 (114-115)

Alzo  a copa da salvación

 

1Amo ó Señor que escoita

a miña voz suplicante,

2e pon cara a min o seu oído

no día en que o chamo.

 

3Cando me envolven lazos de morte

e as redes do abismo me atrapan;

cando me atopo en apuro e aflición,

4invoco o nome do Señor:

¡Ai, Señor, sálvame a vida!

 

5O Señor é xusto e clemente,

o noso Deus é compasivo.

6O Señor garda os humildes:

na miña febleza hame socorrer.

7Alma miña, recobra o sosego,

pois o Señor cumpre contigo.

 

8Ti libras da morte a miña vida,

os meus ollos das bágoas,

os meus pés da caída.

9Camiñarei á vista do Señor

na terra da vida.

 

10Confío, aínda que diga:

‑"Eu son un desgraciado".

11E no meu apuro digo:

‑"Todo enganos son os homes".

 

12¿Con que lle pagarei ó Señor

todo o ben que me fai?

13Alzarei a copa da salvación,

invocando o nome do Señor;

14cumprirei os meus votos ó Señor,

á vista de todo o seu pobo.

 

15Moi custosa é ós ollos do Señor

a morte dos seus amigos.

16¡Ai, Señor, que eu son o teu servo,

servo teu e fillo da túa serva,

a quen ti rompiches as cadeas!

17Ofrézoche sacrificios de loanza,

invocando o nome do Señor.

18Cumprirei os meus votos ó Señor,

á vista de todo o seu pobo,

19nos adros da casa do Señor,

no medio de ti, Xerusalén,

 

Aleluia.

 

SALMO 117 (116)

O amor firme

 

1Loade o Señor todas as xentes,

aclamádeo todos os pobos.

 

2O seu amor connosco é firme,

a súa fidelidade dura sempre.

 

Aleluia.

 

SALMO 118 (117)

Cantares na casa dos xustos

1Loade o Señor porque é bo,

porque o seu amor é eterno.

 

2Que o diga a casa de Israel:

o seu amor é eterno;

3que o diga a casa de Aharón:

o seu amor é eterno;

4que o digan os que temen ó Señor:

o seu amor é eterno.

 

5No apuro invoco o Señor

e El escóitame e líbrame.

6O Señor está comigo: non teño cousa que temer;

¿que me poden facer os homes?

7O Señor está comigo: El é quen me axuda:

verei os meus inimigos en desfeita.

 

8Mellor é acollerse ó Señor

que fiarse dos homes.

9Mellor é acollerse ó Señor

que fiarse dos grandes.

 

10Rodéame un fato de pobos:

no nome do Señor esmagareinos;

11póñenme cerco e apúranme:

no nome do Señor esmagareinos;

12envólvenme coma abellas,

quéimanme coma o lume os espiños:

no nome do Señor esmagareinos.

13Empurran, empurran para tirarme,

pero o Señor é o meu auxilio.

14O Señor é a miña forza, o meu cantar,

El é a miña salvación.

 

15Oense cantares de gozo e de vitoria.

nas moradas dos xustos:

a dereita do Señor é valente,

16a dereita do Señor é poderosa,

a dereita do Señor é valente.

 

17Non hei morrer, vivirei

e cantarei os feitos do Señor.

18O Señor, certo, castígame,

mais non me entrega á morte.

 

19Abrídeme as portas da vitoria:

quero cantar e dar grazas ó Señor.

20Esta é a porta do Señor:

os xustos entran por ela.

21Douche as grazas porque me escoitas:

ti es a miña salvación.

 

22A pedra que desbotaron os canteiros

convértese en pedra angular.

23Isto é cousa do Señor,

admirable feito á nosa vista.

24Este é o día en que obra o Señor:

relouquemos e alegrémonos nel.

25¡Ai, Señor, dános a salvación!

¡Ai, Señor, dános prosperidade!

 

26Benditos os que veñen no nome do Señor:

bendicímosvos desde a casa do Señor.

27O Señor é Deus: El dános a luz.

Ordenade festa con ramos

ata á beira do altar.

 

28Meu Deus, douche as grazas,

meu Deus, quero enxalzarte.

29Loade o Señor porque é bo,

porque o seu amor é eterno.

 

SALMO 119 (118)

Andar coa lei de Deus

 

1(Álef) Ditosos os de conduta impecable,

os que andan coa lei do Señor.

2Ditosos os que observan os seus mandatos

e o buscan de todo corazón;

3os que non cometen iniquidade,

e van polos seus camiños.

4Ti deches os teus preceptos

para que se cumpran con esmero.

5Que a miña conduta sexa firme

en gardar os teus decretos.

6Non sufrirei decepción,

se me fixo nos teus ditados.

7Loareite con recto corazón,

ó aprender as túas xustas decisións.

8Quero cumprir os teus mandatos,

endexamais non me abandones.

 

9 (Bet)¿Como atinará un mozo no camiño?

Gardando a túa palabra.

10Eu búscote de todo corazón,

non me deixes desviar dos teus mandatos.

11No meu corazón escondo os teus ditos,

para non pecar ante ti.

12Bendito es ti, Señor:

ensíname a túa vontade.

13Cos meus labios eu anuncio

toda decisión da túa boca.

14Na túa revelación teño máis gozo

ca en todas as riquezas.

15Medito os teus decretos

e fíxome nos teus vieiros.

16Atopo consolo na túa lei

e non esquezo a túa palabra.

 

17(Guimel) Faille ben ó teu servo, para que viva

e garde a túa palabra.

 

18Abreme os ollos para que vexa

as marabillas da túa lei.

19Eu son na terra un forasteiro:

non me escondas os teus mandatos.

20A miña alma esmorece,

arelando sempre as túas decisións.

21Ti reprendes os soberbios,

malditos os que se afasten das túas ordes.

22Arreda de min aldraxes e desprezos,

pois eu gardo as túas revelacións.

23Aínda que os grandes senten a murmurar de min,

o teu servo medita os teus mandatos.

24Os teus preceptos son a miña delicia

eles son os meus conselleiros.

 

25(Dálet) A miña alma está apegada ó po;

aléntame ti coa túa palabra.

26Expóñoche os meus camiños, para que ti me respondas

e me ensines os teus preceptos.

27Instrúeme nos teus mandatos

e meditarei as túas marabillas.

28A miña alma chora entristecida;

confórtame ti coa túa palabra.

29Arrédame do camiño enganoso

e dáme a graza da túa instrución.

30Eu elixo o camiño da verdade

e fago miñas as túas decisións.

31Apégame ás túas revelacións;

Señor, non me decepciones.

32Eu corro tras dos teus mandatos,

pois ti ensánchasme o corazón.

 

33 (He) Móstrame, Señor, a vía dos teus mandatos

e seguireina ata a fin.

34Dáme entendemento para observar a túa lei,

e gardareina de todo corazón.

35Diríxeme polo vieiro dos teus mandamentos,

pois teño nel o meu contento.

36Inclina o meu corazón ás túas revelacións

e non á miña comenencia.

37Arreda da vaidade os meus ollos

e faime vivir no teu camiño.

38Confírmalle ó teu servo a túa promesa,

a que leva ó teu temor.

39Tírame do oprobio que temo:

os teus xuízos son amables.

40Mira como amo os teus mandatos;

faime vivir na túa xustiza.

 

41(Vau) Veña, Señor, a min o teu amor,

o teu socorro, conforme a túa promesa.

42Eu responderei ós que me inxurian

que confío na túa palabra.

43Non quites da miña boca a palabra sincera;

eu confío nas túas decisións.

44Gardarei a túa lei,

por sempre, eternamente.

45Andarei con folgura,

porque busco os teus mandatos.

46Falarei ante os reis das túas revelacións

e non me avergonzarei.

47Fólgome cos teus mandatos

e téñolles afecto.

48Bendigo os teus amados mandamentos

e medito na túa lei.

 

49(Zain) Lembra a túa promesa ó teu servo,

na que fixeches que esperase.

50Este é o meu conforto na aflición:

que a túa palabra me dá vida. 

51Os soberbios búrlanse de min,

mais eu non me arredo da túa lei.

52Recordo as túas decisións doutros tempos

e consólome, Señor.

53Sinto indignación contra os malvados,

que abandonan a túa lei.

54Os teus preceptos son o meu cantar

no lugar da miña peregrinación.

55De noite, Señor, recordo o teu nome

e fágolle a garda á túa lei.

56Isto é o meu:

observar os teus mandatos.

 

57(Jet) A miña sorte é o Señor:

eu propoño observar a túa palabra.

58De todo corazón busco a túa presenza:

apiádate de min, conforme a túa promesa.

59Examino os meus camiños

e volvo cara á túa revelación os meus pasos.

60Dilixente, non demoro

cumprir os teus preceptos.

61Cínguenme os lazos dos malvados,

pero eu non esquezo a túa lei.

62Érgome á media noite para loarte

polas túas xustas decisións.

63Son amigo dos que te temen

e gardan os teus mandatos.

64Do teu amor, Señor, está a terra chea:

móstrame os teus estatutos.

 

65(Tet) Ti dáslle bens ó teu servo,

Señor, conforme a túa palabra.

66Dáme bo xuízo e discreción,

pois eu teño fe nos teus preceptos.

67Antes de coñecer a aflición, eu andaba errado,

pero agora observo os teus ditos.

68Ti es bo e dás bens:

ensíname a túa vontade.

69Os soberbios aumentan mentiras contra min,

mais eu gardo de corazón os teus preceptos.

70O seu corazón é craso coma sebo,

para min é delicia a túa lei.

71Foime boa a aflición,

para aprender os teus mandatos.

72A túa vontade é para min mellor

ca milleiros de ouro e prata.

 

73(Yod) As túas mans fixéronme e formáronme:

ensíname a coñecer os teus mandatos.

74Os que te temen verán e alegraranse

de que eu confíe na túa palabra.

75Eu sei, Señor, que o teu xuízo é xusto

e que tes razón de aflixirme.

76Que o teu amor me console,

conforme llo prometiches ó teu servo.

77Que a túa piedade veña a min e vivirei;

a túa lei é a miña alegría.

78Que se vexan confusos os soberbios que me aflixen sen razón;

eu medito os teus preceptos.

79Que volvan onda min os que te temen

e os que coñecen a túa revelación.

80Que o meu corazón sexa perfecto nas túas normas,

para que non sufra decepción.

 

81(Kaf) A miña alma eslumece pola túa salvación,

eu confío na túa palabra.

82Os meus ollos devecen pola túa promesa

e din: ¿Cando me consolarás?

83Aínda que estou coma pelica afumada,

non esquezo as túas normas.

84¿Canto contan os días do teu servo?

¿Cando ditarás sentencia contra os meus perseguidores?

85Os soberbios cávanme fosas,

desprezando a túa lei.

86Os teus mandatos son firmes;

axúdame, que me abouxan sen razón.

87Por pouco non me borran da terra,

pero eu non deixo as túas normas.

88Polo teu amor, fai que viva

e gardarei a revelación da túa boca.

 

89(Lámed) A túa palabra, Señor, é eterna,

firme coma o ceo.

90A túa verdade mantense polas xeracións,

ti fundaches a terra e permanece.

91A túa decisión todo o sostén ata hoxe,

e todo está ó teu servizo.

92Se non tivese as delicias na túa lei,

xa tería perecido na miseria.

93Non esquecerei xamais os teus preceptos,

pois dásme a vida por eles.

94Eu son teu, sálvame ti;

eu esculco os teus mandatos.

95Os malvados axexan para perderme,

mais eu estou atento á túa revelación.

96A toda perfección lle atopo un límite,

mais o teu mandamento non ten fin.

 

97(Mem) ¡Canto amo eu a túa lei!

Medito nela o día enteiro.

98Os teus preceptos fanme máis cordo cós inimigos,

pois están sempre comigo.

99Avantaxo en sabedoría ós meus mestres,

porque medito na túa revelación.

100Son máis asisado cós vellos,

porque cumpro os teus preceptos.

101De todo mal camiño arredo os pés,

observando a túa palabra.

102Non disinto das túas decisións,

porque ti es quen me ensina.

103¡Que doce é ó meu padal a túa palabra!

Máis doce có mel na miña boca.

104Os teus mandamentos fanme asisado,

por iso aborrezo o vieiro enganoso.

 

105(Nun) A túa palabra é o faro dos meus pés,

a luz do meu camiño.

106Xurei e cumprireino:

observar as túas xustas decisións.

107As miñas coitas son moi grandes;

dáme vida, Señor, conforme a túa promesa.

108Acepta, Señor, os meus votos

e ensíname as túas decisións.

109A miña vida está decote exposta,

pero eu non esquezo a túa lei.

110Os malvados póñenme trampas,

mais eu non me desvío das túas normas.

111A túa revelación é a miña herdanza duradeira,

o gozo do meu corazón.

112Poño atención en gardar os teus preceptos,

por sempre e cumpridamente.

 

113(Sámek) Eu aborrezo os hipócritas

e teño afecto á túa lei.

114Ti es o meu refuxio, o meu escudo:

eu confío na túa palabra.

115Arredádevos de min, malfeitores,

eu quero cumprir as normas do meu Deus.

116Sostenme ti, conforme a túa promesa, e vivirei,

non decepciones a miña esperanza.

117Protéxeme e serei salvo;

estarei sempre atento ós teus mandatos.

118Ti rexeitas os que abandonan as túas normas;

a súa retranca é enganosa.

119Coma lixo remove os malvados,

por iso eu amo a túa revelación.

120O meu corpo treme ante ti

e venero as túas decisións.

 

121(Ayin) Eu practico o dereito e a xustiza;

non me entregues ós opresores.

122Responde polo teu servo,

que non me asoballen os soberbios.

123Os meus ollos devecen pola túa axuda

e pola túa palabra xusta.

124Trata ó teu servo conforme o teu amor,

ensíname os teus mandamentos.

125Eu son o teu servo: dáme intelixencia

para coñecer a túa revelación.

126É hora de que actúes, Señor,

pois violan a túa lei.

127Eu amo os teus mandamentos,

por riba do ouro máis puro.

128Guíome polas túas normas

e aborrezo o camiño da mentira.

 

129(Pe) A túa revelación é admirable,

por iso eu a observo.

130A ensinanza da túa palabra reloce,

fai sabios ós ignorantes.

131Eu abro a boca e collo alento,

arelando as túas normas.

132Vóltate cara a min e apiádate,

como fas cos que aman o teu nome.

133Afirma os meus pasos nos teus ditos

e que a iniquidade non me asoballe.

134Rescátame da opresión dos homes

e gardarei os teus preceptos.

135Fai brillar ante o teu servo a túa presenza

e ensíname os teus mandatos.

136Regatos de auga corren dos meus ollos,

polos que non gardan a túa lei.

 

137(Sade) Ti es xusto, Señor,

e as túas decisións, rectas.

138Os teus mandatos son xustos,

cumpridamente verdadeiros.

139Consómeme o celo,

ó ver que o inimigo se esquece dos teus ditos.

140Os teus ditos son ben probados

e o teu servo tenlles afecto.

141Pouca cousa son eu e desprezable,

mais dos teus preceptos non me esquezo.

142A túa xustiza é eterna,

a túa lei verdadeira.

143Angustias e coitas dan en min,

mais os teus mandatos son a miña alegría.

144A túa revelación é sempre xusta:

ensíname ti e vivirei.

 

145(Qof) Chámote de todo corazón;

respóndeme, Señor; eu cumprirei as túas normas

146Chámote a ti; socórreme;

eu observarei a túa revelación.

147Érgome ó abrente pedindo a túa axuda;

eu confío na túa palabra.

148Os meus ollos adiantan as vixilias da noite,

para meditar nos teus ditos.

149Escoita a miña voz, segundo o teu amor,

dáme vida, Señor, conforme a túa decisión.

150Aproxímanse os que me perseguen con maldade,

os que se afastan da túa lei.

151Ti estás preto, Señor,

e os teus preceptos son firmes.

152Hai tempo que coñezo a túa revelación;

ti asentáchela por sempre.

 

153(Res) Olla a miña dor e líbrame,

pois non me esquezo da túa lei.

154Defende a miña causa e rescátame,

dáme vida, conforme a túa promesa.

155A salvación está moi lonxe dos malvados

que non estudan os teus preceptos.

156Grande é, Señor, a túa misericordia;

dáme vida, conforme a túa decisión.

157Moitos son os meus perseguidores e opresores,

mais da túa revelación non me arredo.

158Vexo os traidores e sinto noxo

de que non teñan en conta os teus ditos.

159Mira que eu amo os teus decretos;

dáme vida, Señor, conforme o teu amor.

160O principio da túa palabra é a verdade,

as túas xustas decisións son eternas.

 

161(Sin) Os poderosos perséguenme sen causa,

pero o meu corazón respecta a túa palabra.

162Teño na túa promesa maior ledicia

cá do que atopa un grande tesouro.

163Aborrezo, detesto a mentira

e téñolle afecto á túa lei.

164Lóuvote sete veces ó día,

polas túas xustas decisións.

165Para os que aman a túa lei é todo paz,

non hai para eles tropezo.

166Eu agardo, Señor, o teu socorro,

mentres cumpro os teus mandatos.

167Observo a túa revelación

e téñolle moito afecto.

168Gardo as túas normas e a túa revelación,

todos os meus camiños están diante de ti.

 

169(Tau) Chegue ata ti, Señor, a miña queixa,

dáme sabedoría conforme a túa palabra.

170Entre na túa presenza a miña súplica,

sálvame segundo a túa promesa.

171Os meus labios publicarán a túa loanza,

pois ti ensínasme os teus preceptos.

172A miña lingua pregoará a túa palabra,

pois os teus decretos son xustos.

173Socórreme coa túa man,

pois eu escollo as túas normas.

174Eu arelo, Señor, a túa salvación,

a túa lei é a miña delicia.

175Que eu viva para loarte

e que me axuden as túas decisións.

176Ando errante coma ovella descarreirada:

terma ti do teu servo,

pois eu non esquezo os teus mandatos.

 

SALMO 120 (119)

Falas mentireiras

 

1Cántiga das subidas.

 

Eu clamo ó Señor na miña angustia,

e El dáme resposta.

2Salva, Señor, a miña vida

de falas mentireiras,

de linguas enganosas.

 

3¿Con que se vos podería pagar de abondo,

linguas enganosas?

4Con afiadas frechas de guerreiro

e con ascuas de xesta.

 

5¡Ai de min, estranxeiro en Méxec,

de pousada nas tendas de Quedar!

6Tempo de máis levo vivindo

cos que aborrecen a paz.

7Mentres eu falo de paz,

eles andan de guerra.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com