Capítulos 21-25

SALMO 21 (20)

Bendición para o rei

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

2Señor, co teu poder alégrase o rei,

exulta coa túa vitoria.

3Ti outórgaslle o que arela o seu corazón,

non lle negas o que piden os seus labios.

4Sáeslle ó encontro coa túa bendición

e poslle na cabeza coroa de ouro fino.

 

5Pídeche vida, e ti dáslle

abundancia de días sen fin.

6A súa gloria medra coa túa axuda;

revístelo de honor e maxestade.

7Dáslle constante bendición,

alégralo coa túa presenza.

8O rei confía no Señor,

e co favor do Altísimo non cae.

 

9Aprese a túa man a todos os teus inimigos,

agarre a túa dereita ós que te odian;

10préndelles lume, coma a un forno,

na hora en que te mostres.

Que o Señor os consuma na súa ira,

que enteiros o lume os engula.

 

11Extirpa da terra o seu froito,

a súa caste de entre os homes.

12Anque boten maldade sobre ti

e urdan insidias, non han prevalecer,

13pois ti faralos fuxir,

tensarás o arco contra eles.

14Érguete, Señor, no teu poder;

nós cantaremos con salmos a túa forza.

 

SALMO 22 (21)

O xusto que sofre

 

1Do mestre do coro, segundo "A cerva do abrente". Salmo de David.

 

2Meu Deus, meu Deus, ¿por que me abandonas,

lonxe do meu socorro e das palabras do meu xemido?

3Meu Deus, clamo de día, e non respondes;

de noite, e non atopo sosego.

 

4Mais ti es o santo

para ti é a loanza de Israel.

5En ti confiaron nosos pais,

confiaron, e ti liberáchelos;

6clamaron cara a ti, e foron salvos,

confiaron en ti e non lles fallaches.

7Pero eu son un verme máis ca un home,

vergonza da xente e desprezo do pobo.

8Todos os que me ven fan burla de min,

torcendo os labios, movendo a cabeza:

9‑"Acode ó Señor, que El o libre,

que El o salve, se é que o ama".

 

10Ti es quen me sacou do seo materno,

quen me achegou ós peitos de miña nai;

11a ti estou encomendado desde o nacemento,

desde o ventre materno ti es o meu Deus.

12Non te apartes de min, pois o perigo está preto,

e non hai quen acorra.

 

13Rodéame un fato de xovencos,

cércanme touros de Baxán;

14abren a boca cara a min

leóns que devoran e brúan.

 

15Son coma auga que se verte,

teño todos os ósos esnogados;

o meu corazón, coma cera,

derrétese nas miñas entrañas.

16A miña gorxa está reseca, coma tella,

a lingua apegada ó padal:

botáchesme no po da morte.

 

17Rodéanme cans,

cércame un fato de malvados,

atan as miñas mans e os meus pés.

18Eu podo contar os meus ósos

eles observan, non me quitan ollo.

19Reparten os meus vestidos

e botan ás sortes o meu manto.

20Pero ti, Señor, non esteas lonxe;

meu socorro, ven axiña axudarme.

21Salva a miña vida da espada;

o meu único ben, da gadoupa do can;

22líbrame da boca do león,

deféndeme dos cornos do touro.

 

23Eu falareilles de ti ós meus irmáns,

loareite no medio da asemblea.

24Servidores do Señor, loádeo,

liñaxe de Xacob, glorificádeo,

liñaxe de Israel, temédeo.

25Pois El  non despreza nin desdeña

a aflición dos humildes;

non lles esconde o seu rostro,

e, cando piden axuda, El escoita.

 

26De ti vén a miña loanza na asemblea;

cumprirei os meus votos, ante os que te temen.

27Os pobres comerán ata fartarse,

loarán ó Señor os que o buscan

e gozarán de vida duradeira.

28Acordarán e volverán ó Señor

todos os confíns da terra;

axeonllaranse na súa presenza

as familias todas dos pobos.

29Abofé, o reino é do Señor,

e El goberna as nacións.

30A El só adorarán os satisfeitos da terra,

ante El axeonllaranse os que baixan ó po

coa súa alma sen vida.

31A súa posteridade hao servir

e proclamará ó Señor polas xeracións.

32Cando veñan, cantarán a súa xustiza

e as súas obras para os que nazan.

 

SALMO 23 (22)

O bo pastor

 

1Salmo, de David.

 

O Señor é o meu pastor: nada me falta.

2Os pastos verdecentes lévame a repousar,

lévame a beber ás augas tranquilas:

3El repón as miñas forzas.

Guíame por vereas rectas,

por mor do seu nome.

 

4Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,

ningún mal temería, pois ti vas comigo:

o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

 

5Ti pos para min a mesa,

á cara dos meus inimigos;

únxesme con perfume a cabeza,

e a miña copa reborda.

 

6A túa bondade e o teu amor vanme seguindo

todos os días da vida.

Eu habitarei na casa do Señor

ó longo dos meus días.

 

SALMO 24 (23)

O rei glorioso

 

1Salmo de David.

 

Do Señor é a terra e canto a enche,

o orbe e canto nel habita.

2El é quen a fundou sobre os mares

e quen a asegurou sobre as correntes.

 

3¿Quen poderá subir ó monte do Señor?

¿Quen poderá quedar no seu santuario?

 

4O que ten as mans limpas e puro o corazón,

o que non pon a mente en cousas vas

e non xura nunca en falso.

5Ese recibirá do Señor bendición

e xustiza de Deus, o seu salvador.

6Así é a liñaxe dos que o buscan,

dos que buscan a presenza do Deus de Xacob.

 

7Erguede, portas, os linteis,

alzádevos, antigos portais,

para que entre o rei da gloria.

8¿Quen é ese rei da gloria?

O Señor, forte e valente,

o Señor, valente nas batallas.

 

9Erguede, portas, os linteis,

alzádevos, antigos portais,

para que entre o rei da gloria.

10¿Quen é ese rei da gloria?

O Señor dos exércitos,

El é o rei da gloria.

 

SALMO 25 (24)

Móstrame os teus camiños

 

1De David.

 

Cara a ti ergo, Señor, a miña alma,

2en ti, meu Deus, confío.

Que non se rían de min os inimigos.

3Ninguén que en ti espere quedará defraudado,

mentres se avergonzarán os traidores sen razón.

4Móstrame, Señor, os teus camiños,

ensíname os teus sendeiros,

5diríxeme na túa verdade, apréndeme,

pois ti es, Deus, o meu salvador

e estoute a esperar todo o día.

 

6Lémbrate, Señor, da túa compaixón e do teu amor,

pois existen desde sempre.

7Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:

acórdate de min segundo o teu amor,

Señor, pola túa bondade.

 

8O Señor é bo e recto:

por iso ensínalles o camiño ós extraviados,

9dirixe ós xustos no xuízo

e móstralles ós humildes o vieiro.

10Os camiños do Señor son todos amor e lealdade,

para os que gardan a súa alianza e as súas instrucións.

11Polo teu nome, Señor,

perdoa as miñas culpas, que son grandes.

 

12¿Quen é o que teme ó Señor?

El ensínalle o camiño que ha elixir:

13pasará a vida con ben,

herdarán a terra os seus fillos.

14O segredo do Señor é para os que o temen,

e instrúeos coa súa alianza.

15Teño sempre postos os ollos no Señor,

pois El tira da rede os meus pés.

16Vóltate cara a min e tenme compaixón,

pois estou só e aflixido.

17No meu corazón medra a pesadume;

líbrame ti das angustias.

 

18Olla a miña aflición e os meus traballos,

e perdoa os meus erros.

19Olla os meus inimigos, cantos son,

e o odio violento que me teñen.

20Gárdame a vida, sálvame;

non me vexa defraudado por acollerme a ti.

21A inocencia e a rectitude hanme protexer:

a miña esperanza está en ti.

 

22Redime, Deus, a Israel

de todas as súas angustias.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com