Capítulos 126-130

SALMO 126 (125)

Cando vire a sorte

 

1Cántiga das subidas.

 

Cando vire o Señor a sorte de Sión,

estaremos coma en soños.

2Teremos a boca chea de risos

e a lingua de cantares.

 

3Os pagáns dirán entón:

‑"O Señor fai con eles cousas grandes".

O Señor fai connosco cousas grandes,

estamos cheos de alegría.

 

4Vira, Señor, a nosa sorte,

coma os regatos no deserto.

5Os que entre bágoas sementan,

entre cantares recollen.

 

6Cando van, van chorando

os que levan a semente.

O viren, veñen cantando

os que traen os monllos.

 

SALMO 127 (126)

O que fai a casa

 

1Cántiga das subidas, de Salomón.

 

Se o Señor non fai a casa,

en balde se esforzan os canteiros.

Se o Señor non garda a cidade,

en balde vixían as sentinelas.

 

2En balde vós madrugades

e tardades en deitarvos:

comedes pan de traballos,

cando el llelo dá ós seus amigos mentres dormen.

 

3Os fillos son a herdanza do Señor;

o froito do ventre, o seu xornal.

4Coma as setas na man do guerreiro,

así os fillos da mocidade.

 

5Feliz quen encheu deles a súa alxaba:

non se verá avergonzado cando discuta

cos inimigos na praza.

 

SALMO 128 (127)

Os fillos, gromos de oliveira

 

1Cántiga das subidas.

 

Ditosos os que temen ó Señor

e van polos seus camiños.

2Cando comes do froito das túas mans,

ditoso ti e afortunado.

 

3A túa muller é coma parra fecunda

no medio da túa casa.

Os teus fillos coma gromos de oliveira

arredor da túa mesa.

4Así é bendito

quen teme ó Señor.

5Bendígate o Señor desde Sión,

que vexas na prosperidade a Xerusalén

todos os días da túa vida,

6e que vexas os fillos de teus fillos.

 

¡A paz sobre Israel!

 

SALMO 129 (128)

Suco no lombo

 

1Cántigas das subidas.

 

Abondo me combateron desde a mocidade

‑pode dicir Israel‑,

2abondo me combateron desde a mocidade,

pero non puideron comigo.

 

3Riba do meu lombo araron os aradores,

abriron longos sucos.

4Pero o Señor é xusto

e rompe as correas dos malvados.

 

5Avergonzados, hanse marchar

todos os que renegan de Sión.

6Serán coma herba dos tellados,

que seca antes da sega.

 

7Con ela non enche a man o segador,

nin fai brazada quen ata os feixes.

8Nin os que pasan saudarán:

‑"A bendición do Señor sobre vós,

bendicímosvos no nome do Señor".

 

SALMO 130 (129)

Desde os abismos

 

1Cántiga das subidas.

 

Desde os abismos chámote, Señor;

2escoita, Señor, a miña voz.

Ten atentos os oídos

ó clamor da miña súplica.

 

3Se ti levas conta dos pecados,

¿quen, Señor, se terá en pé?

4Mais en ti está o perdón,

para te faceres respectar.

 

5Eu espero no Señor, a miña alma espera;

eu confío na súa palabra.

6A miña alma vólvese ó Señor,

máis do que os vixías á aurora.

Se os vixías esperan a aurora,

7que Israel espere ó Señor,

pois no Señor está o amor

e a redención cumprida.

 

8El é quen redime a Israel

de todos os pecados.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com