Capítulos 46-50

SALMO 46 (45)

O Señor está connosco

 

1Do mestre do coro. Dos coreítas, segundo Alamot, cántiga.

 

2Deus é para nós refuxio e forza,

axuda certa na angustia.

3Por iso non tememos, aínda que a terra trema

e os montes abalen cara ó mar;

4Aínda que fervan e escumen as súas augas

e se estremezan os montes coa súa furia.

 

O Señor dos exércitos está connosco,

o noso castelo é o Deus de Xacob.

 

5Un río: as súas correntes alegran a cidade de Deus,

a morada santa do Altísimo.

6Deus está no medio dela, e non pode caer,

Deus socórrea, ó despuntar o día.

7Brúan as xentes, revólvense os reinos;

fai El tronar, e derrétese a terra.

 

8O Señor dos exércitos está connosco,

o noso castelo é o Deus de Xacob.

 

9Vinde e vede as obras do Señor,

o que fai escarmentos na terra.

10Contén a guerra en todos os confíns,

rompe os arcos, quebra as lanzas,

queima os carros de guerra.

11‑"Desistide e recoñecede que eu son Deus,

por riba das xentes, por riba da terra".

12O Señor dos exércitos está connosco,

o noso castelo é o Deus de Xacob.

 

SALMO 47 (46)

O rei de toda a terra

 

1Do mestre do coro. Dos coreítas, salmo.

 

2Aplaudide, pobos todos,

aclamade a Deus con cancións.

 

3O Señor é excelso e terrible,

o grande rei de toda a terra.

4El subxuga os pobos para nós,

pon debaixo nosa as nacións.

5Escolle para nós a nosa herdade,

orgullo de Xacob, o seu amado.

 

6Deus sobe entre aclamacións,

o Señor, ó son de trompetas.

7Cantádelle a Deus, cantádelle,

cantádelle ó noso rei, cantádelle.

8Deus é o rei de toda a terra:

cantádelle con xeito.

 

9Deus reina sobre as nacións,

sentado no seu trono sagrado.

10Os nobres dos pobos xúntanse

co pobo de Deus de Abraham,

pois de Deus son os grandes da terra:

e El, o máis excelso.

 

SALMO 48 (47)

A cidade do noso Deus

 

1Cántiga. Salmo, dos coreítas.

 

2Grande é o Señor e digno de loanza

na cidade do noso Deus.

3O monte santo, fermoso outeiro,

é o gozo de toda a terra;

o monte Sión, cima setentrional,

a capital do gran rei.

4Deus nos seus alcázares

deuse a coñecer coma refuxio.

 

5Vede que se uniron os reis,

para marcharen xuntos contra ela;

6mais, ó vela, admiráronse,

turbáronse, fuxiron asustados.

7Colleunos alí o terror,

un tremor coma de parto,

8coma cando o vento do leste

esnaquiza as naves de Tárxix.

 

9Como o oiramos, así o vimos

na cidade do Señor dos exércitos,

a cidade do noso Deus:

Deus fíxoa firme para sempre.

10Nós festexamos, Deus, o teu amor

dentro do teu santuario.

11Coma o teu nome, Deus, así a túa loanza

chega ós confíns da terra.

A túa dereita está chea de xustiza;

12alégrase o monte Sión,

as cidades de Xudá reloucan,

á vista dos teus xuízos.

 

13Dádelle a volta a Sión,

contade as súas torres,

14fixádevos nos seus muros,

percorrede os seus pazos,

para podelo contar á xeración futura.

 

15O noso Deus de sempre e para sempre,

El é quen nos guía por riba da morte.

 

SALMO 49 (48)

O porvir dos satisfeitos

 

1Do mestre do coro. Salmo dos coreítas.

 

2Oíde isto, pobos todos,

escoitade, habitantes do mundo,

3o mesmo os humildes cós nobres,

os ricos e mais os pobres.

4Vou falar con sabedoría,

matinar con intelixencia.

5Abrirei o oído á sentencia,

exporei o encuberto ó son da lira.

 

6¿Por que hei ter medo da desgraza,

do mal con que me rodean os meus perseguidores?

7Dos que confían na riqueza

e se glorían da súa fartura,

8ninguén pode librarse

nin pagar a Deus o seu rescate.

9O prezo das súas vidas é cara por demais,

está para sempre fóra do seu alcance:

10non poderán vivir eternamente

sen pasaren pola morte.

 

11Vese que morre o sabio

e que igualmente perecen o parvo e mais o insensato.

12O sartego será a súa casa para sempre,

a súa morada perpetua,

por máis que desen ás terras os seus nomes.

13O home non dura na opulencia,

perece coma os animais.

 

14Este é o camiño dos parvos

e o porvir dos satisfeitos.

15Coma ovellas caen no abismo,

o seu pastor é a morte:

cedo van aló dereitos.

A súa figura desfaise,

a súa morada é o abismo.

16Mais Deus rescatará a miña vida

do poder do abismo:

El hame recoller.

 

17Non desacougues se alguén se enriquece

e aumenta os bens da súa casa,

18pois nada levará consigo cando morra

nin a súa riqueza irá tras el.

19Aínda que en vida se gabe:

‑"Admiran o ben que vives",

20irá xuntarse con seus pais,

que endexamais non verán a luz.

21O home na opulencia non reflexiona,

é coma os animais que perecen.

 

SALMO 50 (49)

Chamada a xuízo

 

1Salmo dos asafitas.

 

Fala o Señor, o Deus dos deuses,

convoca a terra desde oriente a occidente.

2Desde a fermosa Sión Deus resplandece,

3o noso Deus vén e non cala.

 

Diante del un lume que abura,

arredor del a tempestade que brúa.

4Desde o alto convoca o ceo e mais a terra

para xulgar o seu pobo.

5‑"Congregade ante min os meus fieis,

que cun sacrificio fixeron comigo alianza".

6Os ceos anunciarán a súa xustiza,

pois é Deus mesmo quen xulga.

 

7‑"Escoita, meu pobo, que che falo,

Israel, que vou declarar contra ti.

Eu son Deus, o teu Deus.

8Non te reprendo polos teus sacrificios,

pois os teus holocaustos están sempre ante min.

9Eu non aceptarei becerros do teu gando

nin carneiros dos teus rabaños,

10pois miñas son as feras todas dos bosques

e nos meus montes hai animais a milleiros,

11coñezo os paxaros do ceo,

e teño á man canto bole nos campos.

12Se tivese fame, non cho iría dicir,

pois meu é o mundo e canto o enche.

13¿Acaso como eu carne de touros

e bebo sangue de carneiros?

 

14Ofrécelle a Deus a loanza

e cumpre os teus votos ó Altísimo.

15Invócame no tempo do apuro:

eu salvareite e ti darasme gloria".

16Dille Deus ó impío:

‑"¿Para que recitas os meus mandatos

e levas na boca a miña alianza,

17ti que desprezas a instrución

e te viras de costas contra os meus preceptos?

18Cando ves un ladrón, corres con el

e entre os adúlteros atopas o teu sitio.

19Ábres a boca para o mal

e a túa lingua trama o engano.

20A penas sentas, falas do irmán

e tíraslle a sona á filla da túa nai.

 

21Cando isto fas, ¿terei eu que calar?

¿Pensas que son coma ti?

Repréndote e acúsote á cara".

 

22Entendede ben isto, os que esquecedes a Deus,

antes que vos esnaquice, sen que ninguén vos salve.

23O que ofrece loanza dáme gloria;

ó que vai por bo camiño

dareille a salvación de Deus.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com