Capítulos 101-105

SALMO 101 (100)

Propósitos dereitos

 

1Salmo de David.

 

Cantarei o amor e a xustiza,

loareite a ti, Señor.

 

2Quero atopar a senda recta,

¿cando virás a min?

Quero andar con mente pura

dentro da miña casa.

 

3Non cobizo a vaidade,

aborrezo os rebeldes:

a min non se achegarán.

 

4Apartaranse de min os malfeitores,

non terei tratos cos malvados.

5O que calumnie en segredo ó seu veciño

fareino eu calar.

Os soberbios e ós altivos

non os aturarei.

 

6Os meus ollos fíxanse nos leais:

eles habitarán comigo.

O que anda por camiño recto

ese é o que me serve.

 

7Non terá asento onda min

o facedor de engano;

o que conta mentiras

non permanecerá ante os meus ollos.

 

8Cada mañá farei calar

ós malvados da terra,

ata arrincar da cidade do Señor

a todos os malfeitores.

 

SALMO 102 (101)

Escoita o pranto dos cativos

 

1Laios dun home aflixido, que expón a súa queixa ante o Señor.

 

2Señor, escoita a miña súplica,

chegue a ti o meu clamor.

3Non me escondas o teu rostro

no día do apuro.

Pon cara a min o oído

e, cando te chame, respóndeme axiña.

 

4Os meus días esvaecen coma o fume,

os meus ósos queiman coma as ascuas;

5o meu corazón está murcho, seco coma o feo,

e mesmo de comer o pan me esquezo.

 

6A forza de xemer,

a pel apégaseme ós ósos.

7Estou como a curuxa do deserto,

coma o moucho nas ruínas.

8Ando sen tocar o sono,

coma paxaro senlleiro no tellado.

 

9Os inimigos aldráxanme decote,

e xuran coma loucos contra min.

10En vez de pan como cinsa

e mesturo coas bágoas a bebida.

 

11Con noxo e indignación

érguesme en alto e tírasme.

12Os meus días son coma sombra alongada,

estou seco coma o feo.

 

13Pero ti, Señor, manteste por sempre;

o teu recordo, por todas as idades.

14Ergueraste e apiadaraste de Sión,

pois é tempo de ter dó dela,

e a hora xa chegou.

15Os teus servos téñenlles cariño ás súas pedras,

teñen dó das súas ruínas.

 

16As xentes temerán o nome do Señor,

os reis da terra a súa gloria,

17cando o Señor reconstrúa Sión

e se mostre na súa gloria;

18cando o Señor atenda a oración dos espoliados

e non desprece a súa pregaria.

19Isto escribirase para as xeracións vindeiras,

e o pobo entón creado loará ó Señor.

 

20O Señor olla desde o seu santuario excelso,

desde o ceo mira para a terra.

21Escoita o pranto dos cativos,

libra os condenados á morte.

22En Sión falarase do nome do Señor,

en Xerusalén da súa gloria,

23cando pobos e reinos se xunten

para daren culto ó Señor.

 

24A miña forza deveceu no camiño,

os meus días minguaron.

25E digo: ‑"Meu Deus,

non me leves no medio dos meus días;

os teus anos duran por todas as idades.

 

26O comezo asentaches a terra

e os ceos son obra das túas mans.

27Eles pasan, mais ti quedas;

gástanse coma a roupa,

coma un traxe que se muda;

28pero ti es o mesmo,

os teus anos non acaban.

 

29Os fillos dos teus servos estableceranse,

a súa posteridade estará segura á túa vista".

 

SALMO 103 (102)

Os seus beneficios

 

1De David.

 

Alma miña, bendice ó Señor

e todo o meu ser, o seu santo nome.

2Alma miña, bendice ó Señor,

non esquezas os seus beneficios.

 

3El perdoa as túas culpas

e sanda as túas doenzas;

4rescata a túa vida da morte

e coróate de amor e de tenrura;

5farta de bens a túa existencia

e renova coma a da aguia a túa mocidade.

 

6O Señor fai xustiza

e defende o dereito do oprimido.

7Mostroulle a Moisés os seus camiños,

ós fillos de Israel as súas fazañas.

 

8O Señor é misericordioso e clemente,

tardo á ira e rico en mercés.

9Non contende por moito tempo

nin se anoxa para sempre.

10Non nos trata conforme ós nosos erros

nin nos paga conforme ás nosas culpas.

 

11Canto se alza o ceo sobre a terra,

así é grande o seu amor para os que o temen;

12canto dista o nacente do poñente,

así arreda de nós as nosas culpas;

13canto un pai ama ós seus fillos,

así ama o Señor ós que o temen.

14El sabe de que estamos feitos,

recorda que somos lama.

 

15Os días do home son coma o feo,

o seu florecer coma o da flor:

16aínda non a roza o vento, xa se foi,

e o seu sitio xa non a volve a ver.

17Mais para os que o temen, o amor do Señor dura por sempre,

a súa xustiza chega ós fillos e ós netos

18dos que gardan a súa alianza,

dos que recordan os seus mandatos e os cumpren.

19O Señor asentou no ceo o seu trono

e o seu reino goberna o universo.

 

20Bendicide o Señor, os seus anxos,

seres poderosos ás súas ordes,

que obedecedes a súa palabra.

21Bendicide ó Señor, os seus exércitos,

servidores que facedes a súa vontade.

22Bendicide ó Señor, as súas obras,

en todos os lugares do seu reino.

 

Alma miña, bendice o Señor.

 

SALMO 104 (103)

O alento creador

 

1Alma miña, bendice ó Señor.

Señor, meu Deus, ti es moi grande,

vestido de gloria e maxestade,

2envolto en luz coma nun manto.

Ti estendes o ceo coma unha tenda,

3constrúes a túa morada sobre as augas;

ti pos as nubes por carro

e camiñas nas ás do vento.

4Dos ventos fas mensaxeiros;

das labaradas de lume, os teus ministros.

 

5Ti asentaches a terra nos seus alicerces

e non abalará endexamais.

6Cubríchela co manto do océano

e as augas subían ó alto dos montes.

7Ante a túa ameaza, fuxiron;

á voz do teu trono, escaparon.

8Erguéronse os montes e abaixáronse os vales

ó lugar que ti lles fixaches.

9Puxécheslles fronteiras que non traspasarán:

non volverán cubrir a terra.

 

10Ti encanas as fontes polos ríos,

que corren entre montañas.

11Beben as feras do monte,

apagan a sede os onagros.

12Nas súas ribeiras habitan paxaros,

que cantan na ramallada.

13Desde a túa morada regas as montañas,

do froito das túas obras fártase a terra.

 

14Ti fas xermolar herba para o gando,

e plantas para uso dos homes,

para que da terra saquen pan

15e viño que alegra o corazón do home;

para que co aceite fagan brillar o seu rostro

e co pan repoñan as forzas.

16Fártanse as árbores do Señor,

os cedros do Líbano que El plantou.

17Alí fan os paxaros o seu niño,

a cegoña pon casa no seu cume.

18Os picoutos son para as cabras,

os penedos para a tobeira dos teixos.

 

19Ti fixeches a lúa e as súas fases

e o sol que coñece o seu poñente.

20Mandas as tebras, e anoitece,

e osman as feras salvaxes.

21Os leonciños brúan pola presa,

piden a Deus o sustento.

22Ao saír o sol arrédanse,

vanse deitar nos seus tobos.

 

23Entón sae o home ó seu traballo,

ó seu labor, ata o serán.

24¡Cantas son, Señor, as túas obras,

todas feitas con saber!

A terra está chea das túas criaturas.

 

25Alá o mar grande e espazoso,

con réptiles que non se contan,

con animais pequenos e grandes.

26Alí navegan as naves e o Leviatán,

que fixeches para que rebrinque.

 

27Todos agardan de ti

que lles botes comida ó seu tempo.

28Cando a botas, atrápana;

abres a man, e fártanse de bens.

29Escondes o teu rostro, e estremecen;

retiras o teu alento, e expiran,

volvendo ó seu po.

30Mandas o teu alento, e son creados

e renovas a cara da terra.

 

31Gloria ó Señor por sempre,

alégrese o Señor coas súas obras.

32Cando El a enxerga, a terra treme;

cando toca os montes, botan fume.

33Cantarei ó Señor mentres viva,

tocarei para o meu Deus mentres exista.

34Que El acolla o meu cantar

e alegrareime eu no Señor.

35Que se borren da terra os pecadores

e que non existan máis malvados.

 

Alma miña, bendice ó Señor.

 

SALMO 105 (104)

Lembrou a promesa

 

1Loade o Señor, invocade o seu nome,

dade a coñecer as súas fazañas entre os pobos,

2Cantádelle, tocádelle,

contade as súas marabillas.

3Gloriádevos no seu nome santo

e que se alegre o corazón dos que buscan ó Señor.

4Preguntade polo Señor e o seu poder,

buscade sempre a súa presenza.

5Relembrade as marabillas que fixo,

os prodixios e as decisións da súa boca.

 

6Liñaxe do seu servo Abraham,

fillos de Xacob, os seus elixidos,

7o Señor é o noso Deus,

o que goberna a terra enteira.

8El recorda por sempre a súa alianza,

a palabra que deu polas xeracións.

9O que pactou con Abraham

e xurou a Isaac,

10confirmouno como lei a Xacob

e a Israel como alianza eterna,

11dicindo: ‑"Dareiche a terra de Canaán

por sorte e por herdade".

 

12Sendo eles poucos en número,

apoucados, forasteiros,

13errando de nación en nación,

dun país noutro país,

14non permitiu que ninguén os oprimise

e mesmo reis castigou por eles.

15Non toquedes os meus unxidos,

non fagades mal ós meus profetas.

 

16Chamou a fame sobre a terra,

cortou o abasto do pan.

17Mandou diante deles un home,

foi vendido Xosé coma escravo.

18Atáronlle os pés con grillóns,

botáronlle cadeas de ferro ó pescozo,

19ata que chegou a hora de se cumprir o agoiro,

e a palabra do Señor lle devolveu o creto.

20Mandou o rei soltalo,

o soberano de pobos abriulle a prisión,

21e fíxoo dono da súa casa,

administrador da súa facenda,

22para que ó seu xeito instruíse ós seus ministros

e lles ensinase o saber ós anciáns.

 

23Entón Israel entrou en Exipto,

Xacob foi vivir á terra da Cam.

24Deus fixo fecundo ó seu pobo,

máis forte cós seus inimigos.

25A estes viroulles o corazón, e aborreceron o seu pobo,

fixeron aleivosías cos seus servos.

26Mandou El ó seu servo Moisés

e ó seu elixido Aharón,

27que fixeron sinais á súa vista,

prodixios na terra de Cam.

 

28Mandou tebras e escureceu,

mais eles non se pregaron ás súas ordes.

29Converteu as augas en sangue

e fixo morrer os peixes.

30Formigou a terra coas ras,

ata as alcobas reais.

31Mandouno, e viñeron moscas,

mosquitos en todos os sitios.

 

32Deulles chuvia de pedrazo

chamas de lume nas súas terras.

33Abateu viñedos e figueiras,

estragou as árbores nos seus eidos.

34Mandouno, e veu a lagosta,

saltóns que non se contaban,

35rillaron a herba dos campos

e comeron os froitos dos agros.

36Feriu os primoxénitos en todo o país,

as primicias do seu vigor.

 

37Entón fíxoos saír con prata e ouro,

sen unha falta nas súas tribos.

38Alegráronse os exipcios da súa saída,

pois caera sobre eles o terror.

39Tendeulles por cuberta unha nube,

un lume que os alumaba pola noite.

40Pediron, e viñeron paspallás

e deulles con fartura pan do ceo.

41Fendeu unha pena e saíu auga,

que corría polo deserto coma un río.

 

42Abofé, lembrouse da promesa

que lle fixera ó seu servo Abraham.

43Sacou o seu pobo con ledicia,

con cantos de triunfo os seus elixidos.

44Deulles as terras dos xentís

e herdaron os froitos dos pobos,

45para que gardasen os seus preceptos

e observasen a súa lei.

 

Aleluia

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com