Capítulos 61-65

SALMO 61 (60)

O agarimo das túas ás

 

1Do mestre do coro, con instrumentos de corda. De David.

 

2Escoita, Deus, a miña súplica,

atende a miña oración.

3Chámote desde o cabo da terra

co corazón desfalecido.

 

Lévame a unha rocha inaccesible:

4ti es o meu refuxio,

a miña torre forte fronte ó inimigo.

 

5Quixera vivir por sempre na túa tenda,

esconderme ó agarimo das túas ás.

6Ti, Deus, acolles os meus votos

e dásme o herdo dos que respectan o teu nome.

 

7Os días do rei engádelle días,

que dure por longas xeracións;

8que na presenza de Deus reine por sempre,

que o garden o seu amor e a súa fidelidade.

 

9Eu cantarei sempre o teu nome,

cumprirei a cotío os meus votos.

 

SALMO 62 (61)

Só en Deus acouga a miña alma

 

1Do mestre do coro, segundo Iedutún. Salmo de David.

 

2Soamente en Deus acouga a miña alma,

del vén a miña salvación.

3El é a miña rocha, o meu acorro,

o meu castelo. Xamais eu non caerei.

 

4¿Por canto tempo atacaredes contra un,

para, entre todos, o abater,

coma muro en ruína,

coma parede esborrallada?

 

5Só pensan en tiralo do seu posto,

fólganse coa mentira:

coa súa boca bendín,

co seu corazón maldín.

 

6Soamente en Deus acouga, alma miña:

El é a miña esperanza.

7El é a miña rocha, o meu acorro,

o meu castelo. Xamais eu non caerei.

 

8Deus é a miña salvación e a miña gloria;

el é a miña rocha, o meu castelo.

9Pobo seu, afiúza sempre nel,

desafoga diante del o corazón.

Deus é o noso agarimo.

 

10Só un sopro son os homes,

unha aparencia os humanos.

Postos na balanza, soben

máis leves ca un sopro, todos xuntos.

 

11Non confiedes no froito da opresión,

non vos precedes do roubado.

Se crecedes en riqueza,

non poñades nela o corazón.

 

12Unha cousa dixo Deus,

estas dúas cousas oín:

que en Deus está o poder

13e en ti, Señor, o amor.

Abofé, ti pagarás a cada un

de acordo cos seus feitos.

 

 

SALMO 63 (62)

Saudade infinita

 

1Salmode David. Cando se encontraba no deserto de Xudá.

 

2Deus, meu Deus, por ti madrugo,

de ti ten sede a miña alma;

por ti devece o meu corpo,

en terra reseca, sedento e sen auga.

 

3Miro cara a ti no santuario,

para ver o teu poder e a túa gloria.

4O teu amor é mellor cá vida,

lóante os meus labios;

5toda a miña vida te bendigo

e levanto no teu nome as miñas mans.

 

6Como de graxa e manteiga, estou satisfeito,

con labios alegres lóate a miña boca.

7No leito relémbrote,

nas vixilias da noite penso en ti.

8Ti es o meu auxilio,

á sombra das túas ás estou contento;

9a ti está unida a miña alma,

a túa dereita é o meu apoio.

 

10Os que queren a miña ruína

baixarán ó profundo da terra;

11caerán ó fío da espada,

serán ración dos chacais.

 

12En Deus alégrase o rei,

gloríanse os que xuran no seu nome,

mentres pechan a boca os mentireiros.

 

 

SALMO 64 (63)

Palabras velenosas

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

2Escoita, Deus, a miña voz que se queixa;

gárdame dos inimigos que me aterran;

3escóndeme da conxura dos malvados,

do barullo dos malfeitores.

 

4Afían coma coitelos a súa lingua

e disparan coma frechas palabras velenosas;

5tiran desde o tobo ó inocente,

para o ferir por sorpresa, sen seren vistos.

 

6Teiman nos seus proxectos maliciosos,

acordan poñer trapelas

e din: ‑"¿Quen as descubrirá?".

7Inventan maldade e esconden o invento

nos recantos do corazón.

 

8Mais tira Deus as súas frechas

e féreos de improviso.

9As súas linguas vólvenselles ruína,

e cantos o ven búrlanse deles.

 

10Todas as xentes temen,

refiren a acción de Deus

e meditan nos seus feitos.

11Alégranse os xustos co Señor,

buscan nel agarimo,

exultan os de recto corazón.

 

SALMO 65 (64)

Ti coidas da terra

 

1Do mestre do coro. Salmo de David, cántiga.

 

2Deus, a ti débeseche loar en Sión,

a ti cúmprenseche os votos.

3A ti que escoitas a oración,

todos os homes se achegan.

 

4Os nosos pecados oprímennos,

pero ti perdoas as culpas.

5Feliz o que ti elixes e acolles

para morar nos teus adros.

Fartarémonos cos bens da túa casa

e coas ofrendas sagradas do teu templo.

 

6Ti fasnos xustiza con prodixios,

Deus, o noso salvador,

esperanza dos confíns da terra

e das praias remotas.

7Ti afincas os montes con forza,

cinguido do teu poder.

8Ti amainas o rebumbio do mar,

o estrondo das ondas,

e o tumulto dos pobos.

9Os que habitan nos extremos do mundo

tremen diante dos teus sinais.

Ti alegras as saídas

da mañá e da tarde.

 

10Ti coidas e regas a terra,

enriquécela de mil maneiras:

os ríos de Deus van cheos de auga.

Para dar o trigo preparas a terra:

11regas os sucos, achanzas os terróns,

fala amolecer coas chuvias

e bendís as súas sementes.

 

12Ti coroas a anada cos teus bens,

das túas pisadas zumega abundancia.

13Destilan os pastos do deserto

e vístense de alborozo os outeiros.

14Cóbrense de rabaños os campíos

e vístense de espigas os vales,

cheos de ecos e de cantos.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com