Capítulos 61-66

O profeta, portador da boa nova da restauración e do universalismo salvífico

 

Capítulo 61

 

1O Espírito do Señor, Iavé, está sobre min,

porque o Señor me unxiu.

Mándame anunciar a boa nova ós pobres,

curar os de corazón esnaquizado,

proclamarlles ós cativos a liberdade

e ós presos que abran os ollos,

2para proclamar un ano de graza do Señor

e o día do rescate do noso Deus,

para consolar os entristecidos,

3para agasallar os tristes por Sión,

para darlles xoias en vez de po,

perfume de ledicia en vez de loito,

vestido de festa en vez de espírito amoucado.

Chamaráselles terebintos da lexitimidade,

plantío do Señor para mostrar a súa gloria.

4Reconstruirán as ruínas antigas

e levantarán os entullos doutro tempo,

renovarán cidades en ruínas,

entullos de xeracións e xeracións.

5Presentaranse estranxeiros

e pastorearán os vosos rabaños

e os fillos do estranxeiro serán os vosos xornaleiros e viñateiros.

6Pero vós seredes chamados sacerdotes do Señor,

dirásevos servidores do noso Deus.

Comeredes os bens dos pobos

e coas súas riquezas fortalecerédesvos.

7A cidade nova está amedrentada pola vosa vergonza,

e o conxunto deles refúxiase na aldraxe.

(Pero) certo que a cidade nova posuirá a súa terra,

e haberá para eles ledicia perpetua.

8Pois eu son o Señor, que amo a xustiza,

(e) aborrezo o roubo malvado:

Si, eu dareilles a súa recompensa lealmente

e pactarei con eles unha alianza eterna.

9Será recoñecida entre os pobos a descendencia deles

e os seus xermolos no medio das       nacións.

Todos os que os vexan recoñeceranos,

pois eles son a descendencia que o Señor bendiciu.

10Exultarei ledo polo Señor,

e a miña alma brincará de xúbilo polo meu Deus,

xa que me fixo vestir roupas da salvación

e envolveume co manto da xustiza,

coma o noivo que veste solemnemente o turbante,

e coma a noiva que se adorna coas súas xoias.

11Pois, como a terra fai saír os seus gromos,

e como un horto fai brotar as súas sementeiras,

así o Señor Iavé fará brotar a xustiza,

e a loanza ante todos os pobos.

 

Canto ó restablecemento da alianza de Deus con Sión

 

Capítulo 62

 

1Por Sión non quedarei en silencio,

e por Xerusalén non ficarei quedo,

ata que a súa xustiza saia como un resplandor

e a súa salvación alume coma unha lámpada.

2Os pobos verán a túa xustiza e todos os reis a túa gloria,

chamaráseche cun nome novo, o que indique a boca do Señor.

3Serás coroa preciosa na man do Señor

e turbante rexio na palma da man do teu Deus.

4Non se che volverá chamar "Abandonada",

nin á túa cidade se lle volverá dicir "Ruína",

senón que a ti se che chamará "Ti es o meu amor"

e á túa cidade se lle chamará "A casada".

Si, o amor do Señor estará en ti,

e a túa cidade casará.

5Como casa un mozo cunha virxe,

así  casará contigo o teu Construtor.

O gozo que sente o noivo pola noiva,

sentirao o teu Deus por ti.

6Sobre as túas murallas, Xerusalén,

fixen poñer vixiantes,

que durante todo o día e durante toda a noite,

non estarán calados un momento,

son os que fan que o Señor se lembre,

e non descansan no voso favor.

7Si, non o deixaredes descansar ata que cree,

si, ata que converta a Xerusalén na loanza do mundo.

8O Señor xurou pola súa destra e polo seu poderoso brazo:

"Certo que os fillos do estranxeiro non beberán o teu viño novo

polo que ti te fatigaches,

9senón que os que recollen o gran

comerano e loarán o Señor,

e os que vendimen

beberán o viño nos adros do meu santuario".

10Cruzade e cruzade polas portas,

achanzade o camiño da cidade,

amontoade, amontoade terra para o camiño,

lousádeo con laxes,

erguede a bandeira para os pobos:

11Velaí o Señor que se fai oír ata o cabo do mundo.

"Dicídelle á filla de Sión:

Velaí chega o teu Salvador.

Velaí a súa paga con El,

e a súa recompensa diante del".

12Entón chamaráselles: "Pobo santo",

"Os redimidos do Señor",

e a ti chamaráseche "Buscada",

"Cidade non abandonada".

 

 

APOCALIPSE FINAL

 

Castigo das nacións, tipificadas en Edom

 

Capítulo 63

 

1"¿Quen é este que chega de Edom,

de Bosrah con vestidos tinxidos de vermello?

¿Quen é este que está adornado cos seus vestidos,

cangado co peso do seu moito poder?"

"Eu, que falo da xustiza, que son Señor para salvar".

2"¿Por que está vermella a túa roupa e os teus vestidos

coma os do que pisa no lagar?"

3"Eu só pisei na pía

e non houbo do meu pobo quen estivese comigo.

Si, piseinos coa miña ira

e esmagueinos coa miña furia.

E o zume deles salpicou as miñas roupas

e lixou todos os meus vestidos.

4Velaí o día da vinganza: está no meu corazón

e o ano do meu desquite xa chegou.

5Si, mirei con atención e non houbo quen axudase,

asombreime de que non houbese quen apoiase,

pero o meu brazo salvoume,

a miña furia foi a que me apoiou.

6Esmaguei os pobos coa miña ira,e emborracheinos coa miña furia,

fixen baixar á terra o seu propio zume".

 

Grande súplica a Deus Pai pola restauración de Xudá

 

7Voume lembrar dos favores do Señor, das loanzas do Señor:

Velaí toda a débeda que nos pagou o Señor,

si, un montón de bens para a casa de Xacob,

que El nos concedeu segundo a súa misericordia,

segundo a abundancia dos seus favores.

8El dixo: "Si, son o meu pobo, os fillos que non traizoan",

e convertéuselles no seu Salvador 9en calquera angustia.

Non houbo mensaxeiro nin enviado:

a súa presenza salvounos:

polo seu amor e a súa compaixón redimiunos,

si, levantounos e levounos enriba de si en todas as épocas pasadas.

10Pero eles rebeláronse e entristeceron o seu Espírito Santo,

que se volveu inimigo deles, facéndolles a guerra.

11Pero o seu pobo lembrouse das épocas pasadas, de Moisés.

¿Onde está o que os fixo subir do mar xunto co pastor do seu rabaño?

¿Onde está o que puxo no interior do peso o seu Santo Espírito?

12O que fixo avanzar o seu glorioso brazo por medio da destra de Moisés,

o que partiu as augas diante deles, construíndose para si un renome eterno.

13O que os fixo camiñar polos abismos,

coma cabalos polo deserto, sen tropezar.

14Como baixa o gando para o val,

así o Espírito do Señor nos fixo descansar.

Así, conduciches o teu pobo, construíndote para ti un renome glorioso.

15Olla atentamente desde o ceo e mira desde a túa santa e gloriosa morada.

¿Onde está o teu poderoso celo, o conmoverse das túas entrañas?

¿Onde está a túa compaixón, meu Deus, que se viu coaccionada?

16Pois ti es o noso Pai.

Certamente Abraham non nos recoñece, nin Israel nos entende,

(pero) ti, Señor, es o noso Pai,

o "noso Redentor desde sempre" é o teu Nome.

17¿Por que, Señor, nos deixaches extraviar lonxe dos teus vieiros,

e fixeches endurecer o noso corazón apartándose do teu respecto?

¡Cambia de actitude por amor dos teus servos,

por amor das tribos da túa herdanza!

18¿Por que unha banda de mozos se apoderou da cidade do teu santuario?

¿Por que os nosos opresores esmagaron o teu santuario?

19Fomos desde hai tempo xente na que ti non mandaches,

(e) sobre os que non se invocou o teu nome.

¡Ai, se rachares o ceo (e) baixases!

Coa túa presenza rebulirían os montes,

 

Capítulo 64

 

1o mesmo que se lle prende lume á bouza

e o lume fai burbullar a auga,

para lles facer coñecer o teu nome ós teus inimigos,

para que estremezan os pobos coa túa presenza,

2ó faceres cousas temibles que non esperamos.

Baixaches, (e) coa túa presenza tremeron os montes:

3unha cousa que desde antigo nunca se oíra,

(pero) certo que se nos fixo escoitar:

O ollo non viu fóra de ti ningún deus, que tal lle faga a quen espera nel.

4Atopácheste co que se alegraba e practicara a xustiza,

cos que se lembraban de ti nos teus vieiros.

Velaí: estabas enfadado porque pecaramos,

(pero) estaremos sempre nos teus vieiros e salvarémonos.

5Todos nós fomos coma un impuro,

e toda a nosa xustiza como a roupa da que ten a menstruación.

Todos nós murchamos coma a folla,

e as nosas iniquidades leváronnos coma o vento.

6Non había quen invocase o teu nome,

quen espertase para acollerse a ti,

porque ti escondíchesnos a túa cara,

e alagáchesnos co lote das nosas culpas.

7Pero agora, Señor, ti es o noso Pai.

Nós somos o barro e ti es o oleiro,

pois obra das túas mans somos todos nós.

8Señor, non te enfades aínda máis,

non te lembres para sempre da iniquidade.

Olla, fíxate ben: todos nós somos o teu pobo.

9As túas santas vilas están feitas un deserto,

Sión quedou feita un deserto,

Xerusalén unha desolación.

10O noso santo e glorioso templo,

onde te adoraron os nosos pais,

volveuse unha fornalleira de lume,

e todas as nosas cousas apreciadas resultaron unha ruína.

11¿Ante estas cousas vaste seguir contendo, Señor,

seguir calado e oprimirnos aínda máis?

 

Primeiro despregue apocalíptico: resposta oracular á oración: acusación e anuncio xeral de castigo

 

Capítulo 65

 

1Eu deixei que me buscasen os que non me consultaban,

(e) deixei que me atopasen os que non me procuraban.

Díxenlle a unha nación que non se chamaba co meu nome:

"¡Aquí estou!" "¡Aquí estou!".

2Boteille unha man todo o tempo a un pobo rebelde,

ós que camiñaban por un vieiro non bo,

seguindo os seus propios plans,

3o pobo que me provocaba continuamente ante a miña presenza,

ofrecendo sacrificios nos xardíns

e queimando incenso sobre os ladrillos;

4viven nas sepulturas e pasan a noite nas covas,

comen carne de porco

e talladas de carnes abominables nos seus pratos.

5Din: "Arreda, non me toques, que te podería consagrar".

Estas cousas son fume nos meus narices, lume que arde todo o tempo.

6Velaí: isto está escrito na miña presenza.

Non podo calar,

senón que lles teño que botar a paga na abada do seu manto,

7as súas abominacións

e as abominacións dos seus pais, todo xunto

‑fala o Señor‑,

porque queimaron incenso no cume dos montes

e aldraxáronme nos outeiros.

Si, botareilles na abada do manto a paga do seu pasado.

 

Do castigo quedará un resto, portador das bendicións

 

8Así fala o Señor:

"O mesmo que se atopa mosto no acio,

e se di: non o destrúas,

que hai bendición dentro del,

así farei cos meus servos: non os destruirei a todos.

9Farei saír de Xacob descendencia

e de Xudá (farei saír) o herdeiro dos meus montes:

os meus elixidos herdarán isto

e os meus servos morarán alí.

10O Sarón será o pasteiro do rabaño,

e o val de Acor será o curral do gando,

para o meu pobo, que me buscou".

11Pero vós sodes os que abandonades o Señor,

os que vos esquecedes do monte do meu santuario,

os que preparades a mesa para (ir a) Gad,

os que enchedes a bota de viño mesturado para (ir a) Mení.

12Pois eu destínovos para a espada

e todos vós caeredes na matanza,

porque eu clamei e vós non respondestes,

eu falei e vós non fixestes caso,

senón que fixestes o mal ós meus ollos

e escollestes o que non me gustaba.

13Por isto, así fala o Señor Iavé:

"Velaí os meus servos: eles comerán e vós pasaredes fame.

Velaí os meus servos: eles beberán e vós pasaredes sede.

Velaí os meus servos: eles alegraranse e vós avergonzarédesvos.

14Velaí os meus servos: eles exultarán con corazón ledo,

e vós clamaredes con corazón triste

e con espírito esnaquizado lamentarédesvos.

15Deixarédeslles o voso nome ós meus elixidos para un xuramento:

¡Que o Señor Iavé te faga morrer!,

e chamarán ós meus servos cun nome diferente".

 

Os elixidos do Deus Amén, no mundo novo escatolóxico

 

16O que queira ser bendito coa felicidade na terra,

ha de ser bendito polo Deus Amén.

E o que queira facer un xuramento na terra,

ha de xurar polo Deus Amén.

Si, que se esquezan das aflicións pasadas,

e certamente estarán escondidas da miña percepción.

17Pois velaí: eu creo ceos novos e terra nova,

e non serán lembradas as cousas vellas,

nin pasarán á consideración de   ninguén,

18senón que: exultade e brincade de ledicia para sempre,

coa felicidade que eu creo,

pois eu creo Xerusalén: "A    Exultación";

e o seu pobo: "A Ledicia".

19E eu brincarei de ledicia por Xerusalén,

e exultarei pola miña cidade,

e non se volverá a oír nela ruído de choros nin ruído de berros.

20Non volverá a nacer nela meniño falto de días

nin vello que non os cumpra de cheo,

senón que o que morra ós cen anos será un rapaz,

e o que consiga os cen anos será un maldito.

21Construirán casas e habitaranas

e plantarán viñas e comerán os seus froitos.

22Non construirán para que outro    habite,

nin plantarán para que outro coma,

senón que os días do meu pobo serán coma os días dunha árbore,

e os meus elixidos gozarán da obra das súas mans.

23Non se fatigarán en van, nin darán a luz para calamidade,

pois eles son a raza dos benditos do Señor,

e os seus descendentes serán coma eles.

24Aínda antes de que chamen, eu respondereilles;

mentres eles volven falar, eu xa lles farei caso.

25O lobo e o año pacerán xuntos,

e o león comerá palla coma o boi,

pero a serpente terá de comida o po.

Non farán mal

nin provocarán matanza en todo o meu santo monte

‑dío o Señor‑.

 

Segundo despregue apocalíptico: o Señor desde o seu trono celeste olla para os que tremen ante as súas palabras

 

Capítulo 66

 

1Así   fala o Señor:

"O ceo é o meu trono e a terra é o estrado dos meus pés.

¿Cal é a casa que me ides construír?

¿Cal é o lugar do meu descanso?

2Si, todas estas cousas fíxoas a miña   man.

¡Aí están todas elas!

‑é o Señor quen fala‑.

Pero hei de ollar por este, polo pobre,

polo abatido de espírito

e que treme ante as miñas palabras".

 

Xuízo de castigo contra os idólatras

 

3Sacrifícase un touro e tamén se mata a un home,

sacrifícase un año e tamén se descroca un can.

Presentase en ofrenda o sangue de porco,

faise unha lembranza con incenso

e tamén se bendí un ídolo.

Certo que eles escolleron os seus vieiros,

e o seu gusto compraceuse nas abominacións.

4Certo que eu escollerei os malos tratos para eles,

e traereilles terrores para eles,

porque chamei e ninguén respondeu,

falei e non fixeron caso,

senón que fixeron o mal ós meus ollos,

e escolleron o que non me gusta.

 

Sión dá a luz un pobo nun só día

 

5Escoitade a palabra do Señor,

os que tremedes coa súa palabra.

Os vosos irmáns que vos aborrecen

e que vos rexeitan por causa do meu nome

dixeron:

"Que o Señor mostre a súa gloria

para que vexamos a vosa ledicia",

pero eles quedarán avergonzados.

6Berros de tumulto saen da cidade,

berros saen do templo.

¡Berros! O Señor estalles pagando a débeda ós seus inimigos.

7Antes de se retorcer de dor, deu a luz,

antes de que lle chegasen as dores do parto,

deu a luz un home.

8¿Quen oíu cousa como esta?

¿Quen viu cousas como estas?

¿Párese unha cidade nun só día?

¿Dáse a luz un pobo dunha soa vez?

¡Sión, si que estivo de parto,

certo que deu a luz os seus fillos!

9¿Vou eu facer abrir a matriz

e non vou facer que paira?

‑fala o Señor‑.

¿Eu, o que fai parir, vou pechar a matriz?

‑fala o teu Deus‑.

 

As glorias e bendicións de Xerusalén

 

10Alegrádevos con Xerusalén,

e brincade de ledicia por ela,

todos os que a amades.

Exultade con xúbilo con ela

todos os que vos enloitastes por causa dela,

11porque mamaredes

e fartarédesvos do peito das súas consolacións,

porque zugaredes e gozaredes do seo da súa riqueza.

12Porque así fala o Señor:

"Ollade que eu estendo ata ela a fartura coma un río,

si, coma un río desbordado a riqueza das nacións.

Vós mamaredes, no colo seredes levados,

sobre os xeonllos seredes      aloumiñados.

13Coma un neno, a quen súa nai consola,

así vos consolarei eu.

Si, en Xerusalén seredes consolados.

14Entón veredes que se alegra o voso corazón

e que os vosos ósos florecen coma un campo".

A man do Señor daráselles a coñecer ós seus servos

e o noxo do Señor daráselles a coñecer ós seus inimigos.

 

Terceiro despregue apocalíptico: xuízo de castigo divino contra os idólatras

 

15Pois velaí o Señor, chega coma o lume,

e os seus carros coma o furacán,

para converter a súa ira en furia

e o seu noxo en chamas de lume.

16En verdade o Señor móstrase xusto xuíz

respecto de toda carne co lume e coa espada

e multiplicaranse os abatidos polo Señor,

17os que se santifican e se purifican (indo) ós xardíns detrás dun que está no medio, comen carne de porco, animais abominables e ratos,

as súas obras e os seus plans perecerán a unha ‑é o Señor quen fala‑.

 

As nacións pagás serán as testemuñas e os pregoeiros da gloria do Señor

 

18Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria.

19Porei no medio deles un sinal e mandarei os superviventes de entre eles ás nacións:

a Tárxix, a Pul e a Lud, ós que tensan o arco, a Tubal e a Iaván,

ás remotas nacións costeiras que non oíron o meu renome, nin viron a miña gloria.

Eles manifestarán a miña gloria entre os pobos. 20Eles traerán a todos os seus irmáns coma ofrenda para o Señor, en cabalos e en carros, en liteiras, en   mulos e en dromedarios, ata o meu santo monte de Xerusalén ‑dío o Señor‑, así como os fillos de Israel traen ó templo do Señor a ofrenda en vasillas limpas. 21Tamén collerei a algúns deles para sacerdotes e levitas ‑dío o Señor‑.

 

No novo mundo todos se prostrarán na presenza do Señor

 

22Así, o mesmo que o ceo novo e a terra nova que vou crear permanecerán na miña presenza ‑é o Señor quen fala‑, así permanecerá a vosa descendencia e o voso nome.

23Resultará que desde a lúa nova ata a outra lúa nova e desde o sábado ata outro sábado, virá todo o mundo prostarse na miña presenza ‑dío o Señor‑.

24Eles sairán e verán nos cadáveres dos homes que se rebelaron contra min que o seu verme non morre e que o seu lume non se apaga, e serán o noxo de todo o mundo.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com