Capítulos 26-30

A vila forte de Deus

 

Capítulo 26

 

1No día aquel cantarase este cantar no país de Xudá:

"Temos unha vila forte, El ponlle de defensa parede e muralla.

2Abride as portas e que entre un pobo xusto, que garde a fidelidade.

3Con plan firme ti creas a felicidade dos que confían en ti.

4Confían no Señor para sempre, si, no Señor;

o Señor é Rocha para sempre.

5Pois abate os habitantes da altura, á cidade alta faina abaixar,

faina abaixar ata a terra, déixaa estrada no po.

6Pisarana os pés; os pés do oprimido, as pisadas do pobre".

 

B) Salmo sapiencial - apocalíptico

 

7O vieiro do xusto é a rectitude,

ti achanzas o camiño dereito do xusto.

8Camiñando nos teus xustos decretos, Señor, esperamos en ti,

a nosa arela é o teu Nome e a túa lembranza.

9O meu alento arélate de noite, o espírito nas miñas entrañas madruga por ti.

Cando os teus xustos decretos se cumpren na terra,

aprenden xustiza os habitantes do mundo.

10Aínda que o malvado se vexa favorecido, non aprende a xustiza,

no país da rectitude obra mal e non recoñece a grandeza do Señor.

11Señor, a túa man está levantada, pero non a ven;

que se avergoncen ó veren o celo polo teu pobo.

Si, o lume destinado ós teus inimigos, consumiraos.

12Señor, concederasnos a paz, pois todas as nosas empresas

es ti quen as leva a bo termo.

13Señor, noso Deus, señores alleos a ti mandaron en nós;

pero soamente de ti nos lembraremos, do teu Nome.

14Os mortos non vivirán, os defuntos non se levantarán.

Pedícheslles contas, fixéchelos desaparecer, borraches a súa lembranza.

15Señor, ti aumentaches o pobo,

Aumentaches o pobo e engrandecícheste ti,

ancheaches todas as fronteiras do país.

16Señor, na angustia buscámoste: a angustia e a humillación foron a túa lección para nós.

17O mesmo que a muller que está para dar a luz se retorce e berra nas dores,

así fomos nós por causa da túa presenza, Señor.

18Concebimos, retorcémonos, e damos a luz vento;

pero non producimos a salvación do país,

nin damos a luz reis do orbe.

19Revivirán os teus mortos, o meu cadáver resucitará,

espertarán e brincarán de alegría os habitantes do po.

Rosada de nacementos é a túa rosada, o Xeol dará a luz os mortos.

 

III. A salvación chega xa

A) Protección do pobo de Deus e castigo  da cidade  inimiga

 

20Ven, meu pobo, entra nas túas habitacións e pecha as portas detrás de ti,

escóndete rapidamente un pouquiño ata que pase a ira.

21Porque, velaí o Señor que sae do seu santuario,

para castigar a iniquidade, a débeda do que reina na cidade.

A cidade descubrirá o sangue que verteu

e non agachará de novo os seus asasinados.

 

Capítulo 27

 

1No día aquel o Señor castigará coa súa espada dura, grande e poderosa,

a Leviatán, a serpente fuxidía, a Leviatán, a serpente retorcida,

matará o dragón que hai no mar.

 

B) Canto á protección divina sobre a súa viña (Israel)

 

2No día aquel cantádelle á viña deliciosa:

3Eu, o Señor, son o seu gardián, regareina decote,

non se castigarán as súas débedas. Protexereina de día e de noite, 4non precisarei alpendre de garda.

¿Quen ma encheu de silvas e espiños?

Eu avanzarei en guerra contra el e consumirao o meu lume.

5Ou, se non, que se aferre á miña protección

e que faga a paz comigo, que a paz comigo faga.

6Chega o día no que enraizará Xacob, florecerá e botará gromos Israel,

e as súas vides encherán a face do mundo.

 

A dispersión de Xacob e o seu castigo purificador

 

7¿Dá Deus un golpe coma o que feriu a Xacob?

¿Ou mata con puñalada, coma a dos que o feriron?

8Axotándoos, botándoos fóra, fas o teu xuízo contra eles;

espállalos por causa da súa crueldade, nun día de vento leste.

9Con isto quedará expiada a iniquidade de Xacob,

este será o seu froito, que afastará o seu pecado:

cando El deixe en anacos as pedras dos seus altares,

cando non se levanten imaxes de

Axerah nin estelas cúlticas.

 

Desolación da cidade inimiga

 

10A cidade fortificada quedará soa,

un lugar despoboado e abandonado coma o deserto,

alí pacerá o xato e alí se tombará e destruirá os xermolos.

11Cando sequen os seus xermolos, fenderanos as mulleres

que anden a buscar con que prender o lume.

Certo, non é un pobo intelixente,

por iso o seu creador non ten compaixón del,

o que o formou non ten piedade del.

 

Volta de todos os fillos de Israel a Xerusalén

 

12Sucederá no día aquel que o Señor

empezará a dar paus desde o curso do Éufrates ata o regato de Exipto,

e vós seredes reunidos un por un, fillos de Israel.

13Sucederá no día aquel que se tocará cun corno grande,

e virán os abandonados no país de Asiria, e os dispersados polo país de Exipto,

e prostaranse diante do Señor na montaña santa, en Xerusalén.

 

 

ORÁCULOS CONTRA ISRAEL E XUDÁ

 

Ai! contra a coroa fermosa que é Samaría

 

Capítulo 28

 

1¡Ai da coroa arrogante dos borrachos de Efraím!

¡Ai da grilanda murcha, o seu fermosísimo adorno,

que está na cabeceira do seu fértil val,

na cabeza dos soberbios atordados co viño!

2Velaí o Señor poderoso e valente, coma unha tormenta de pedrazo.

Coa man tirará por terra, 3cos pés pisará a coroa arrogante dos borrachos de Efraím.

4A grilanda murcha, o seu fermosísimo adorno,

a que está na cabeceira do seu fértil         val,

será como un figo temperán, de antes do tempo da seitura:

quen o ve cólleo, devórao sen o reter na man.

5O día aquel o Señor dos Exércitos será a fermosa coroa

e a diadema de adorno do resto do seu pobo,

6espírito de xuízo para o que se senta no tribunal,

e forza para os que retiran as tropas da porta da cidade.

 

Contra os profetas do templo

 

7Tamén estes cambalean co viño e tropezan co licor.

O profeta e o sacerdote cambalean co licor,

están devorados polo viño, tropezan por causa do licor,

cambalean coa bebida, beben mestura alcohólica a fartar.

8Todas as mesas están cheas de vómito,

a sucidade xa non cabe.

9¿A quen lle vai ensinar a mensaxe,

a quen lle vai facer comprender o que oíu?

¿Os neniños apartados do leite? ¿Os neniños retirados do peito?

10Así ten que ser: b, a: ba; b, a: ba; c, a:   ca; c, a: ca; un pouco alí, un pouco   alá.

11Si, con labio burlón e en lingua estraña vaille falar a este pobo.

12Díxolles así: "Este é o lugar de descanso, facede descansar o fatigado.

Este é o voso lugar de tranquilidade".

Pero non quixeron facer caso.

13Así soará para eles a palabra do Señor:

"b, a: ba; b, a: ba; c, a: ca; c, a: ca

un pouco alí, un pouco alá",

para que anden e caian para atrás,

partan o lombo e sexan cazados e collidos.

 

Contra as falsas seguridades das alianzas políticas

 

14Por isto escoitade a palabra do Señor, xente burlona,

mestres de contos para este pobo que está en Xerusalén.

15Porque vós dixestes: "Fixemos un pacto coa Morte

e co Xeol fixemos un trato:

O castigo da inundación chegará, pero non nos alcanzará,

porque nos refuxiamos na Mentira e nos agachamos no Engano".

16Por isto o meu Señor Deus fala así:

"Velaquí estou: poño de alicerce de Sión unha pedra;

unha pedra de granito, de fundamento; unha esquina pesada, asentada polo que sabe afincar e non se apura.

17O cordel será o dereito; a chumbada a xustiza, o pedrazo varrerá o refuxio da Mentira, as augas arrasarán o seu toco.

18A vosa alianza coa Morte será fendida,

e o voso pacto co Xeol non se manterá.

O castigo da inundación chegará, e ficaredes esmagados.

19Sempre que pase, levaravos a vós.

Si, pasará de mañá en mañá, de día e de noite,

e non haberá máis ca terror ó comprender a noticia.

20Porque a cama é moi curta para se estirar,

e a manta moi estreita para se envolver.

21Pois o Señor erguerase coma o monte Perassim

e moverase coma o val de Gabaón

para executar a súa obra, a estraña obra súa,

e para facer o seu traballo, estraño traballo o seu.

22Pois agora non vos burledes tanto que caiades na vosa trampa,

porque oín do meu Señor, o Deus dos Exércitos,

unha destrución segura, decretada contra todo o país.

 

Parábola da sabedoría do labrego

 

23Prestade atención e escoitade a miña voz,

atendede e facede caso ó meu discurso.

24¿Ara o labrador todos os días?

¿Sen sementar sacha e grada a súa terra?

25Tan só cando achanza a superficie da terra,

esparexe a nichela e bota o comiño;

sementa o trigo, o millo, a cebada e o centeo

e a avea na beira.

26O seu Deus instrúeo, ensínao como é debido.

27Certo, non se trilla a avea co trillo,

nin a roda do carro dá voltas sobre o comiño,

senón que coa vara se varea a avea e o comiño co pau.

28O trigo tríllase, pero non sen nunca parar,

tríllase coa trilla precisa.

Se o machica coa roda do seu carro e cos seus cabalos, non o trilla.

29Isto tamén sae do Señor dos Exércitos,

que dá o consello axeitado e fai grande o éxito".

 

Ai contra Ariel (= Xerusalén)

 

Capítulo 29

 

1¡Ai Ariel, Ariel, cidade onde acampou David!

¡Engadide un ano a outro ano, e que as festas corran o seu ciclo!

2Entón eu asediarei a Ariel, e haberá lamentación sobre lamentación,

e Xerusalén será de verdade a miña Ariel.

3Acamparei, aldea, arredor de ti, cercareite con campamentos

e levantarei ó teu arredor obras de asedio.

4Falarás baixiño desde debaixo da terra,

e o teu falar soará apagado desde o po,

a túa voz será como un espírito de debaixo da terra,

e o teu falar será un rechouchío desde o po.

5A tropa dos estranxeiros será para ti coma o po fino,

coma arganas que voan será a tropa dos estranxeiros.

Sucederá de repente nun abrir e pechar de ollos,

6que serás visitada polo Señor dos Exércitos,

con trono, con derrubamento e con grande barullo,

con ciclón, con vento e chama de lume devoradora.

7Coma un soño será a visión nocturna:

tropa de todos os pobos facendo a guerra contra Ariel,

si, todos os que loitan contra ela póñenlle sitio e asédiana.

8Sucederá coma cando un soña que ten fame;

come, pero ó espertar ten a gorxa baldeira;

e coma cando un soña que ten sede:

bebe, pero ó espertar está reseco e a súa gorxa sedenta.

Así será a tropa de todos os pobos que fan a guerra contra o monte Sión.

9Pasmádevos, quedade pasmados; cegádevos, quedade cegos,

vós que estades borrachos, pero non de viño,

cambaleades, pero non de licor,

10porque o Señor verteu dentro de vós un espírito de sono profundo:

pechou os vosos ollos, profetas; e cubriu as vosas cabezas, videntes.

11Entón a visión de todo será para vós coma palabras dun rolo selado: cando llo dan a un que sabe ler, dicíndolle: "Olla, le isto", el di: "Non son capaz, está selado"; 12cando se pon o libro diante dun que non sabe ler, dicíndolle: "Olla, le isto", el responde: "Non sei ler".

 

Oráculo contra o culto formalista

 

13O meu Señor dixo:

"Este pobo achégase a min coa súa boca, hónrame cos seus labios,

pero o seu corazón está lonxe de min:

a súa adoración é un ritual de homes, algo que aprendeu.

14Por isto, velaí: eu volverei a asombrar  este pobo, facendo marabillas e prodixios:

a sabedoría dos seus sabios perecerá

e a intelixencia dos seus intelixentes quedará enterrada".

 

Ai! contra os falsos sabios, e xurdir duns novos sabios

 

15¡Ai dos que manteñen o seu plano en lugar secreto,

ben enterrado, lonxe do Señor!

¡Ai daqueles que fan as obras na escuridade,

e pensan: "¿Quen nos ve? Si, ¿quen nos coñece?"

16¡Perversidade a vosa!

¿O oleiro é coma o pote que el modela?

¿De quen a modelou dirá a obra: "El non me fixo"?

Pero a criatura dixo do seu creador: "El non entende".

17Velaí: dentro dun pouco, ben pouquiño,

o Líbano converterase nun verxel

e o Carmelo será considerado un bosque.

18No día aquel os xordos oirán a lectura dun rolo

e desde a escuridade e as tebras os ollos dos cegos verán.

19Entón os pobres aínda se alegrarán máis no Señor,

e os campesiños miserables brincarán de gozo polo Santo de Israel,

20porque se acabará o tirano, desaparecerá o burlón,

e todos os que intentan facer a iniquidade serán exterminados:

21os que declaran culpable a un home con calumnia,

e poñen lazos ós que deciden nas portas da cidade

para botaren o inocente ó deserto.

22Por isto así fala acerca da casa de Xacob

o Señor Deus, o que redimiu a Abraham:

"xa non se avergonzará Xacob, xa non virará branca a súa cara,

23porque cando vexa no medio del os seus fillos, froito das súas entrañas,

eles santificarán o meu Nome".

Santificarán o Santo de Xacob e farán reverencia ó Deus de Israel.

24Entón os de espírito extraviado coñecerán o que é ter siso,

e os murmuradores aprenderán a instrución que se lles dá.

 

Ai contra a rebeldía idolátrica de facer alianza con Exipto

 

Capítulo 30

 

1¡Ai, fillos que se rebelan ‑é o Señor quen fala‑,

facendo un ídolo de pau sen que isto saia de min,

e vertendo metal nun ídolo de fundición, sen contar co meu Espírito,

engadindo así pecado sobre pecado!

2Sen consultar a miña boca, baixan de présa a Exipto,

para buscaren refuxio no poder do Faraón e se refuxiaren á sombra de Exipto.

3Pero o poder do Faraón volveráselles vergonza,

e o refuxio á sombra de Exipto volveráselles desgraza.

4Aínda que os seus xenerais están en Soán,

e os seus mensaxeiros chegan a Hanés,

5todos están humillados por causa do pobo,

que non saca proveito para si nin axuda nin utilidade,

senón a vergonza e mais o oprobio.

6A carga das bestas de Arabia que chegou por terra de angustia e perigo,

con leoas e leóns ruxintes, con víboras e serpentes voadoras,

eles lévana sobre os lombos de burros, pois son as súas riquezas;

sobre a xiba dos camelos levan os tesouros

para un pobo do que non sacan proveito.

7Si, Exipto é aire: va é a súa axuda,

por isto deille este nome: Ráhab, "ruído-inactivo".

 

Oráculo de xuízo de castigo, testemuñado por escrito

 

8Agora vai, escríbeo nunha táboa, ven e grávao nunha lousiña,

que sirva para os días futuros, de testemuña para sempre,

9porque son un pobo rebelde, fillos traidores,

fillos que non lle queren facer caso á lei do Señor,

10que lles din ós videntes: "Non teñades visións"

e ós que reciben mensaxes: "Non teñades para nós mensaxes da verdade.

Comunicádenos palabras moles, tende visión de cousas agradables.

11Apartade do noso camiño, quitade do noso vieiro,

retirade de diante de nós ó Santo de Israel".

12Por isto, así fala o Santo de Israel:

"Por rexeitardes a miña palabra,

confiando no tirano máis perverso, e descansando fiados nel,

13por isto esa iniquidade estará contra vós,

como unha greta nun muro alto,

que alomba ameazando ruína.

Cando de repente chega a súa ruptura,

14rompe coma cacharro de oleiro, cando o escachan sen compaixón

e non se atopa entre os seus anaquiños un cacho

para coller lume do fogar ou para sacar auga do pozo".

15Porque así fala o meu Señor, Iavé, o Santo de Israel:

"Seredes salvados con só sentarvos á espera,

a vosa forza está en quedarvos quietos e tranquilos";

pero, non quixestes, 16senón que dixestes:

"¡Non! ¡Fuxiremos a cabalo!".

"¡De verdade que fuxiredes!".

"¡Montaremos cabalos rápidos!" "¡Rápidos serán tamén os vosos perseguidores!".

17Co bramido dun só fuxiredes mil,

co bramido de cinco fuxiredes: só quedará un, coma o mastro na cima  do monte, coma bandeira nun   outeiro.

 

Oráculo salvífico para Xerusalén

 

18Certo, o Señor está esperando mostrarvos o seu favor,

o Altísimo está esperando ter compaixón de vós.

O Señor é Deus da Xustiza: felices todos os que esperan nel.

19Ai,  pobo de Sión, que habitas en Xerusalén, non chores máis:

o seu favor acollerá o teu berro de auxilio;

cando El o escoite, responderache;

20o Señor darache o pan na hora da angustia e auga na hora do asedio;

e o que che dá a chuvia non volverá a marchar,

os teus ollos volverano a ver,

21os teus oídos escoitarán unha palabra:

"Este é o vieiro, camiñade por el",

cando vos desviedes para a dereita e cando vos desviedes para a esquerda.

22Entón profanaredes o revestimento de prata dos vosos ídolos, e botaredes fóra os adornos de ouro das vosas imaxes:

coma pano ensanguentado, declararédelas unha inmundicia.

23Entón daralle a chuvia para a sementeira que sementaches na túa terra,

e o gran, produto da túa terra, será abundante e gordo.

No día aquel o teu rabaño pacerá en pasteiros anchos,

24e os bois e os burros que aren a túa terra,

comerán forraxe ben sazonada, aventada coa galleta e a forquita.

25Sobre todo monte alto e todo outeiro erguido

haberá auga, correrá a regos,

no día da grande matanza, cando caian as torres.

26Entón a luz da lúa será coma a luz do sol

e a luz do sol será sete veces maior,

cando o Señor sande a ferida do seu pobo

e cure a chaga do seu castigo.

 

Teofanía de castigo contra Asiria

 

27Velaí o Nome do Señor: está chegando desde  lonxe,

arde o seu nariz e o seu fígado bota      fume,

os seus labios están cheos de carraxe, a súa lingua é coma o lume devorador,

28a súa respiración coma un río desbordado que chega ata o pescozo:

xunguirá ás nacións co xugo da destrución,

un freo aniquilador estará na boca dos pobos.

29O voso canto será como o da véspera das festas e a ledicia do voso corazón será como cando un marcha coa frauta

para entrar na montaña do Señor Deus, o Penedo de Israel.

30Entón o Señor fará oír o esplendor da súa voz,

mostrará o golpe do seu brazo,

co bufido do seu nariz e a chama do lume devorador,

coa tempestade, a tormenta e o pedrazo.

31Pois co pau da voz do Señor Asiria será esnaquizada:

32cada azoute da vara con que o Señor a castigue, estará acompañado de tambores e de liras,

de danzas de guerra e de ritos de loita contra ela.

33Si, Deus preparou o Tófet contra ela, preparouno para o rei;

afondou, ancheou o seu pozo, amoreou paus e lume,

o alento do Señor, coma un río de xofre, prendeu lume nel.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com