Capítulos 31-35

Ai contra os que poñen a súa confianza na axuda de Exipto

 

Capítulo 31

 

1¡Ai dos que baixan a Exipto por axuda!

Apóianse nos cabalos, confían nos moitos carros,

e nos tiros de cabalos, ¡tantísimos son!,

pero non ollan para o Santo de Israel nin buscan ó Señor.

2El é o único Sabio, que leva adiante o seu plan,

e non deixa que fallen as súas palabras:

levantarase contra a nación dos malvados

e contra a axuda dos que cometen a iniquidade.

3Exipto é home e non deus,

os seus cabalos son carne e non espírito,

por isto, o Señor estenderá a súa man;

e caerá quen axuda xunto co axudado:

os dous xuntos perecerán.

 

O Señor é o protector de Sión e do seu pobo fiel

 

4Díxome así o Señor:

"Como roxe o león, o cachorro do león, pola súa presa,

cando acode contra el o grupo de pastores,

que cos seus berros non o asustan

nin co seu barullo o espantan,

así baixará o Señor dos Exércitos para facer guerra

sobre o monte Sión, sobre o seu outeiro.

5Coma bandadas de paxariños en voo,

así botará o Señor dos Exércitos o seu escudo sobre Xerusalén,

botará o escudo e salvará; estará de garda e rescatará".

6Volvédevos a Aquel de quen tanto se apartaron os fillos de Israel.

7Porque no día aquel cada un       rexeitará

os ídolos de prata e os ídolos de ouro

que as vosas mans de pecado fixeron para vós.

8Asiria caerá coa espada daquel que non é home,

será devorada pola espada daquel que non é humano.

Asiria andará fuxida por medo á espada

e os seus mellores irán a traballos forzados.

9O seu Penedo escapará co terror

 e os seus xenerais abandonarán a bandeira

‑quen fala é o Señor que ten o fogar en Sión,

e o forno en Xerusalén.‑

 

O rei xusto e xeneroso, ben diferente do rei louco

 

Capítulo 32

 

1Velaí un gran rei: reinará con xustiza

e príncipes gobernarán con xustos decretos.

2Entón cada un será como un refuxio contra o vento,

un pendello para o temporal,

coma regos de auga nun sequeiro,

coma a sombra dun penedo nunha terra reseca.

3Se os ollos dos que ven, queren ver;

se os oídos dos que escoitan, queren estar atentos;

4se a mente dos intelixentes trata de coñecer;

e se a lingua dos tatexos quere falar con claridade,

5entón ó louco non se lle volverá a chamar xeneroso,

nin  á súa loucura se lle chamará sabedoría.

6Porque o louco fala loucuras

e co seu corazón inventa a       iniquidade,

facendo sacrilexios e falando blasfemias contra o Señor,

deixando baleira a gorxa do famento

e negándolle a bebida ó sedento.

7O máis íntimo da súa entraña é malo,

el inventa plans

para arruinar os pobres con discursos mentireiros

e calumniar o necesitado no tribunal.

8Mentres que o xeneroso planea plans xenerosos

e mantense firme neles.

 

Chamada ás mulleres para a liturxia penitencial

 

9Mulleres compracentes, póndevos de pé, escoitade a miña voz.

Fillas presumidas, prestade oídos ó meu dito.

10No ano que vén, tremeredes vós, presumidas,

porque desaparecerá a vendima e a seitura non virá.

11Espantádevos, compracentes; treme ti, presumida,

íspete e queda en coiros, cingue o saco sobre a cintura;

12sobre os peitos que fan lamentación polos campos deleitosos,

pola viña frutosa, 13pola terra do meu pobo.

Medran silvas e cardos en todas as casas de pracer da vila alegre.

14Porque o pazo estará abandonado, a cidade rebuldeira quedará deserta.

Ofel e Bahan quedarán para sempre baleiros,

serán lugar de pracer para burros salvaxes, pasteiro de rabaños,

15ata que sobre vós se verta o espírito desde o alto,

e o deserto se volva verxel e o verxel pareza un bosque.

16Entón o xuízo xusto habitará no deserto

e a xustiza morará no verxel;

17o froito da xustiza será a paz,

e o seu resultado vivir tranquilo e seguro para sempre.

18Entón o meu pobo vivirá nun campo de paz,

en casas seguras e en mansións tranquilas,

19e demoucará o bosque cunha machada,

e coa súa caída caerá aquela cidade.

20Felices vós que sementaredes á beira de todas as augas,

e deixaredes andar soltos os cascos do boi e do burro.

 

A liberación da Xerusalén asediada

I. O saqueador é saqueado

 

Capítulo 33

 

1¡Ai saqueador, ti non es saqueado! ¡Ai traidor, a quen non traizoan!

Cando ti acabes de saquear, serás saqueado;

cando remates de facer traizón, traizoarante a ti!

2Señor, móstranos o teu favor; a ti chamamos esperanzados.

Serás ti a nosa forza cada mañá, a nosa salvación na hora do asedio.

3Que co ruído das túas tropas escapen os pobos,

que co ruído dos teus soldados desaparezan as nacións.

4O botín será amoreado, como se amorean os saltóns:

como ataca a lagosta saltarán eles no botín.

5Enxalzado sexas, Señor, pois moras no máis alto.

Que se encha Sión de rectitude e de xustiza,

6e que o Señor sexa a seguridade do seu templo.

O tesouro da súa salvación é sabedoría e coñecemento;

a súa riqueza, o temor do Señor.

 

II. Xuízo contra os mensaxeiros da fartura

 

7Velaí os xefes clamando polas rúas, os mensaxeiros da fartura chorando amargamente.

8Están desertas as calzadas, o paseante da rúa non camiña,

romperon a alianza, rexeitaron os garantes do pacto,

non teñen respecto para ningún home.

9O país anda de loito, está estéril,

o Líbano vólvese pálido, está sen forza,

o Xarón é coma un deserto,

o Baxán e o Carmelo quedan espidos.

10"Agora voume levantar ‑dixo o Señor‑,

vou estar ben alto, voume erguer.

11Vou concibir herba e vou dar a luz palla,

coma o lume o meu Espírito vaivos devorar;

12o meu pobo será unha queima con cal,

coma silvas cortadas arderá no lume.

 

III. O xusto librarase do castigo de Deus

 

13Vós, que estades lonxe, escoitade o que eu fixen;

coñecede, os que estades preto, a miña valentía".

14Que os pecadores se estremezan en Sión,

e o terror apreixe os impíos:

¿Quen habitará entre nós nun lume devorador?

¿Quen habitará entre nós nas chamas eternas?

15O que se comporta con xustiza e fala o que é correcto,

o que rexeita as ganancias da opresión,

o que sacode a súa man para non coller subornos,

o que pecha os seus oídos para non verter sangue,

o que pecha os seus ollos para non favorecer a maldade.

16Este morará no máis Alto,

a Praza forte do Penedo será o seu refuxio,

o seu pan seralle dado, e a súa auga estará asegurada.

 

IV. Canto ó Sión liberado

 

17Os teus ollos verán o Rei na súa fermosura,

verán a cidade remota.

18O teu corazón contemplará unha visión terrible:

¿U-lo que conta? ¿U-lo que pesa? ¿U-lo que enumera as torres?

19Non verás un pobo estranxeiro, un pobo de lingua misteriosa de oír,

de lingua burlona que non se entende.

20Velaí Sión, a cidade da nosa solemne asemblea;

os teus ollos verán Xerusalén, morada tranquila,

tenda que non cambiará,

os seus cravos nunca se arrincarán,

nin se romperán as súas cordas.

21Si, olla para o Maxestoso, o Señor,

o noso encoro de ríos,

de regos anchos ás dúas bandas:

non pasará por el barco de remos,

nin barco grande o poderá cruzar.

22Si, o Señor será o noso Rexedor,

o Señor será o noso lexislador,

o Señor, o noso Rei, El só nos salvará.

23As súas cordas afrouxaranse,

non erguerán o mastro nin izarán a bandeira.

Entón será dividido o botín, o riquísimo botín;

os coxos poderán coller a súa parte,

24quen alí reside non dirá: "Estou impedido".

O pobo que resida alí quedará libre da iniquidade.

 

 

PEQUENO APOCALIPSE

 

A caída de Edom, vista como xuízo de Deus sobre as nacións

 

Capítulo 34

 

1Pobos, acercádevos a escoitar; nacións, prestade atención;

escoita, terra e o que a enche; o orbe, e o que sae del.

2A ira do Señor está contra todos os pobos,

o seu noxo contra os seus exércitos,

consagrounos ó exterminio, entregounos á matanza.

3Os mortos pola espada serán tirados fóra,

o fedor subirá dos seus cadáveres,

4os montes desfanse co dó, e féndense as chairas.

Velaí todo o exército do ceo:

enrólase coma un rolo de escribir,

e todo o seu exército cae murcho,

como cae murcha a folla da viña,

e coma o figo mirrado da figueira.

5A súa espada aparece no ceo,

velaí baixa sobre Edom,

sobre o pobo consagrado ó exterminio,

furiosa para o xuízo.

6A espada do Señor está chea de sangue,

está engraxada de sebo,

do sangue de carneiros e chibos,

de sebo dos riles dos carneiros.

Velaí, en Bosrah, o sacrificio en honor do Señor,

a grande matanza no país de Edom.

7Si, un exército presenta búfalos,

un exército de valentes presenta becerros:

o seu país emborracharase co seu sangue,

e o seu pobo engrosará coa súa graxa.

8Porque é o día da vinganza do Señor,

o ano das contas do xuíz de Sión.

9Os seus regueiros serán de pez,

e o seu po será xofre,

a súa terra volverase brea ardente,

10non se apagará de día nin de noite,

eternamente subirá a súa fumareda,

de xeración en xeración quedará unha desolación,

por eternidade de eternidades ninguén cruzará por ela.

11Collerana en posesión o pelicano e o ourizo cacho,

a ibis e mais o corvo morarán nela.

O seu enterrador estenderá sobre ela o cordel da Devastación,

e as pedras da Nada.

12Alí non quedará nada que se chame reino,

e todos os seus príncipes terán fin.

13O espiño medrará nos seus palacios,

a estruga e mais o cardo nas súas torres.

Alí estará o campo de chacais e o cercado para os pitos da avestruz.

14Alí atacarán os gatos monteses ás hienas,

e o sátiro chamará polo seu compañeiro.

Tamén Lilit se establecerá alí,

e dentro dela atopará lugar de acougo.

15Alí fixo o niño a serpente agatuñadora e logo escapou,

pero chocará os ovos, xuntándoos no seu escondedoiro.

Tamén alí se axuntarán os voitres,

cada un co seu compañeiro.

16Buscade no libro do Señor e lede:

"Ningún deles se perderá,

cada un mirará polo seu compañeiro".

Si, ordenouno a boca do Señor, e o seu espírito xuntounos.

17El mesmo botou as sortes para eles,

e a súa man fixo o reparto co cordel de medir,

para sempre posuirán eles o país,

habitarán nel de xeración en xeración.

 

Transformación gloriosa de Xerusalén

 

Capítulo 35

 

1¡Que se alegren o deserto e mais a terra reseca,

que brinque de ledicia a estepa e que floreza!

¡Que, coma a lis, 2floreza abundantemente,

que brinque en exultante danza!

Concedéuselle a gloria do Líbano,

o esplendor do Carmelo e do Xarón.

Eles mesmos verán a gloria do Señor,

o esplendor do noso Deus.

3Fortalecede as mans adormecidas,

e ponde firmes os xeonllos que tremen.

4Dicídelles ós de corazón tímido:

"Collede ánimo, non temades.

Velaí o voso Deus.

Chega a vinganza, a recompensa de Deus.

Chega El mesmo, e salvaravos".

5Entón abriranse os ollos dos cegos,

e os oídos dos xordos destaparanse.

6Entón o coxo saltará coma un corzo

e a lingua do  mudo cantará xubilosa.

Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa:

7a terra reseca convértese nunha lagoa,

e a terra sedenta en mananciais de auga.

No campo onde os chacais se tomban,

a herba converterase en canivelas e xuncos.

8Alí haberá unha calzada, unha verea,

e á calzada chamaráselle Vía Sacra.

Nada impuro pasará por ela:

o mesmo Señor camiñará con eles,

e os homes non se desviarán.

9Non haberá alí león, e ningún animal salvaxe subirá,

ningún se atopará.

Por alí camiñarán os redimidos,

10e os rescatados do Señor volverán por ela,

entrarán en Sión con xúbilo,

felicidade eterna sobre as súas cabezas.

Conseguirán ledicia e felicidade,

pois o sufrimento e o pranto fuxirán.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com