Capítulos 56-60

TRITOISAÍAS (III Is)

 

A fidelidade ó sábado e á Alianza acercan a salvación

 

Capítulo 56

 

1Así fala o Señor:

cumpride o dereito e practicade a xustiza,

que a miña salvación está próxima a chegar

e a miña xustiza (está próxima) a mostrarse.

2Benaventurado o home que cumpra isto

e o fillo de Adam que se manteña nisto firme,

gardando o sábado sen profanalo

e gardando a súa man de facer calquera maldade.

3Que o fillo de estranxeiro que se apega ó Señor non fale nestes termos:

"O Señor apártame totalmente do seu pobo".

Que o eunuco tampouco diga: "Son a penas unha árbore seca".

4Porque así fala o Señor:

Os eunucos que gardan os meus   sábados,

e elixen o que a min me gusta

e que se manteñen firmes na miña Alianza,

5dareilles no meu templo e dentro dos meus muros

ración de comida e renome,

mellor do que fillos e fillas.

Dareilles un nome eterno que non desaparecerá.

6E ós fillos de estranxeiro que se apegan ó Señor,

servindo e amando o Nome do Señor, sendo os seus servos,

a todo o que garde o sábado sen profanalo

e ós que se manteñan firmes na miña Alianza,

7traereinos ó meu monte santo

e alegrareinos na miña casa de oración.

Os seus holocaustos e os seus sacrificios

servirán de ofrenda de amor sobre o meu altar.

 

A crise da volta do desterro

 

Pois o meu templo chamarase casa de oración para todos os pobos.

8Así fala o Señor, Iavé,

quen reúne ós dispersados de Israel:

"Volverei congregar arredor de Israel ós que se lle xunten".

9Todas as súas feras do campo, vinde comer,

todas as súas feras do bosque.

10Os seus vixías están todos eles cegos, non coñecen,

todos eles son cans mudos, non son capaces de ladrar,

dormen, déitanse, son amigos de sestear.

11Velaí os cans de poderosa gorxa, que non se saben fartar.

Velaí os pastores que non saben distinguir:

Todos eles van polo seu vieiro, cada un tras da súa ganancia sen límite.

12Vinde, que eu collo o viño, e emborrachémonos de licor,

que mañá será coma hoxe, abundancia moito maior.

 

Capítulo 57

 

1O xusto perece e non hai un que o considere.

Si, os homes de ben desaparecen, sen ninguén que o note.

Cando o xusto desaparece da presenza do malvado, 2chégalle a paz.

¡Que descanse nos seus lugares de repouso,

pois cada un deles camiñou dereito polo seu camiño!

 

Contra as prácticas idolátricas

 

3¡Eh, vós, achegádevos aquí, fillos da adiviña!

¡Raza adúltera, como te prostitúes!

4¿De quen vos burlades? ¿A quen lle abrides a boca, (e) lle sacades a lingua?

¿Acaso non sodes vós, fillos da rebeldía, descendencia da mentira?

5Vós, que vos excitades sexualmente entre os terebintos,

debaixo de toda árbore enramada,

que degolades os fillos nos regueiros,

debaixo das fendeduras dos penedos.

6Os coios do río son o teu quiñón,

eles mesmos son a túa sorte,

tamén sobre eles vertiches a libación

e presentaches a ofrenda.

¿Voume consolar eu con estas cousas?

7Sobre o monte alto e levantado puxeches o teu leito,

tamén alí subiches para ofrecer o sacrificio.

8Si, detrás da porta e do marco puxeches o teu memorial,

pois mil veces te espiches e subiches ó teu leito para anchealo.

Si, fixeches con eles un pacto,

amaches os seus leitos, viches as súas vergonzas.

9Ti marchaches onda Mélec co teu aceite, aumentaches os teus perfumes, mandaches os teus mensaxeiros ata moi lonxe, fixéchelos baixar ata o Xeol.

10Co teu longo camiño cansaches, (pero) non dixeches: "Isto é desesperante".

(Logo) atopaches a vitalidade do teu sexo, por isto non estabas enfermo.

11¿De quen amedrentaches e temiches, por lle seres desleal?

¡Porque de min non te lembraches, nin sequera en min pensaches!

¿Acaso non foi porque estiven en silencio,

si, desde sempre, e por isto non me respectaches?

12Eu farei ver atúa xustiza e as túas obras, que non che axudarán.

13Cando ti clames para que te salven os que se xuntaron ó teu lado,

a todos eles levaraos o vento, un sopro  arrebataraos.

Pero quen confíe en min herdará a cidade e posuirá o meu monte santo.

 

A salvación para os humildes e abatidos

 

14(O Señor) di:

"Amontoade, amontoade terra, achanzade o camiño,

levantade os atrancos do camiño do meu pobo".

15Porque así fala o Altísimo, o Excelso,

o que reside na sala do seu trono, que ten de Nome o Santo:

"Eu resido no templo celeste,

(pero) tamén co humillado e co de espírito abatido,

para reanimar o espírito dos abatidos,

e para revitalizar o corazón dos humillados.

16Certo que non me querelarei sempre,

nin estarei enfadado constantemente,

senón o espírito languidecería lonxe da miña presenza

e os viventes que eu creei.

17Alporiceime pola iniquidade da súa cobiza

e castigueino escondéndome no meu noxo,

18eu observaba o seu comportamento

e el, rebelde, seguía no comportamento do seu corazón.

Pero curareino e dareille descanso,

enchereino de consolacións,

e para os seus enloitados 19crearei un canto de loanza:

Paz, paz, para os de lonxe e mais para os de cerca

‑fala o Señor‑,

si, curareino".

20Pero os malvados serán coma o mar axitado,

que non é capaz de estar quedo,

con augas que botan lama e lodo.

21"Para os malvados ‑fala o meu Deus‑

non haberá paz".

 

O xaxún que ó Señor lle gusta

 

Capítulo 58

 

1Clama coa túa gorxa, non pares,

levanta a túa voz coma unha trompeta.

Denúncialle ó meu pobo a súa rebeldía,

e á casa de Xacob os seus pecados.

2Día tras día búscanme a min

e comprácense no coñecemento dos meus vieiros,

coma se fosen un pobo que practicase a xustiza

e non abandonase a lei do seu Deus.

Pregúntanme polos preceptos da xustiza

e comprácense coa proximidade de Deus.

3¿Por que xaxuamos, se ti non o ves?

¿Por que afliximos a nosa gorxa, se ti non te decatas?

Velaí: no día do voso xaxún atopades o voso negocio,

e oprimides os vosos traballadores.

4Velaí: xaxuades para a querela e para a disputa,

si, para darlle pancadas ó malvado.

Non xaxuedes coma hoxe, para facer oír no ceo a vosa voz.

5¿É acaso coma este o xaxún que eu quero

no día en que o home aflixe a súa gorxa,

dobra a súa cabeza coma un xunco

e estende saco e cinsa para se deitar?

¿A isto chamas xaxún e día agradable para o Señor?

6¿Non é estoutro o xaxún que eu quero?

Romper as cadeas inxustas, deslear as sogas do xugo,

mandar libres os oprimidos e romper todo xugo.

7¿Non é acaso repartir o teu pan co famento

e acoller na túa casa os pobres sen pobo?

Cando vexas o espido, vísteo

e non te escondas da túa propia carne.

8Entón resplandecerá a túa luz coma a alba

e a carne nova da túa ferida brotará logo.

Si, a túa xustiza camiñará diante de ti

e a gloria do Señor pechará a marcha.

9Entón clamarás ó Señor e responderache,

pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou".

Se apartas do medio de ti o xugo,

o sinalar co dedo e a palabra mala,

10se lle quitas ó famento a gana que ti sentes,

e fartar a gorxa aflixida,

entón a túa luz brillará na escuridade

e a túa tebra será coma o mediodía.

11E o Señor conducirache constantemente

e fartará a túa gorxa nas sequidades,

fortalecerá os teus ósos

e serás coma un horto ben regado.

Si, como un manancial de augas

que non deixan de manar.

12Reconstruiranse contigo as ruínas eternas,

e ti erguerás os alicerces de xeracións e xeracións,

a ti chamaráseche "Albanel de gretas",

"Restaurador das vereas da antigüidade".

13Se apartas o teu pé do sábado,

de faceres o que ti queres no meu día santo,

se lle chamas ó sábado: "Delicia";

ó día santo do Señor: "Venerable",

e se o veneras, deixando de facer as túas viaxes,

de atopar os teus negocios e de tratar os teus asuntos,

14entón atoparás o teu pracer no Señor

e eu fareite montar a cabalo das alturas da terra,

e dareiche a comer a herdanza de Xacob, teu pai.

¡Si, falou a boca do Señor!

 

O pecado impide a chegada da Salvación, que virá certamente

 

Capítulo 59

 

1Velaí a man do Señor:

non é tan curta que non poida salvar,

nin o seu oído tan duro que non oia,

2senón que as vosas iniquidades foron as que vos separaron do voso Deus,

e os vosos pecados tapáronlle a cara para non vos escoitar.

3Certamente as palmas das vosas mans están lixadas de sangue vertido,

e os vosos labios falan mentiras

e a vosa lingua murmura maldades.

4Non hai quen clame pola xustiza,

nin hai quen sexa xulgado con verdade,

confíase no caos e fálase a falsidade;

estase preñado de ruindade e párese a maldade.

5Chocan ovos de víbora e tecen teas de araña:

quen come eses ovos morre,

e quen creba un deses ovos choca unha víbora.

6As súas teas non serven para vestidos,

pois non tapan os seus feitos:

os seus feitos son traballos da maldade,

e obra da violencia hai nas súas mans.

7Os seus pés corren para o mal,

e apuran para verter sangue inocente.

Os seus plans son plans de maldade,

nos seus vieiros hai saqueo e arraso.

8O camiño da paz non o coñecen

e nos seus vieiros non hai xustiza,

torcen as súas vereas para o seu proveito,

todos corren a onde non se coñece a paz.

9Por isto a xustiza afastouse de nós,

e a moralidade non nos alcanzou.

Esperamos a luz e velaí a escuridade,

esperamos o esplendor e camiñamos nas tebras.

10Andamos coma cegos apalpando a parede,

si, coma o que non ten ollos andamos apalpando.

Tropezamos ó mediodía coma na escuridade,

estando entre os sans coma estando entre mortos.

11Todos nós bruamos coma osos, coma pombas arrolamos.

Esperamos a xustiza e non a hai,

esperamos a moralidade e afastouse de nós.

12Si, multiplicamos diante de ti as nosas rebeldías,

e os nosos pecados que testemuñan contra nós,

porque as nosas rebeldías están connosco

e as nosas iniquidades coñecémolas:

13Rebelarse, renegar do Señor,

retirarnos de seguir ó noso Deus,

falar da opresión e da apostasía,

estar preñado de maldade

e rosmar no corazón palabras mentireiras.

14A xustiza foi rexeitada para atrás,

e a moralidade está de pé lonxe,

pois a xustiza tropezou na praza

e a rectitude non é capaz de entrar,

15e a fidelidade está faltando

e o que se retira da maldade está sendo saqueado.

O Señor viuno e pareceulle mal que non houbese xustiza.

16Viu que non había ningún,

e admirouse de que ninguén intercedese,

pero foi o brazo do Señor quen o salvou,

e a súa xustiza foi quen o asistiu,

17pois revestiuse de xustiza ó xeito de coiraza

e a salvación foi o casco da súa cabeza;

puxo de vestido as roupas da vinganza

e cubriuse de celo coma mantón.

18Segundo a débeda dos feitos,

así impoñerei o castigo pola débeda:

noxo para os seus adversarios,

represalias para os seus inimigos,

as nacións costeiras castigaraas coa represalia.

19Desde o occidente respectarán o Nome do Señor,

e desde o nacente do sol a súa gloria,

pois virá como río apertado, que dirixe o Espírito do Señor.

20Virá para rescatar Sión,

e mais os de Xacob que se convertan da súa rebeldía ‑oráculo do Señor‑.

21Olládeme aquí:

esta é a miña Alianza convosco ‑fala o Señor‑:

o meu Espírito está sobre ti,

e as miñas palabras, que roxen na túa boca, non desaparecerán

da túa boca

nin da boca da túa descendencia

nin da boca da descendencia

da túa descendencia,

desde agora e para sempre ‑fala o Señor‑.

 

A glorificación escatolóxica de Xerusalén

 

Capítulo 60

 

1Levantate, brilla, que a túa luz xa chegou;

si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.

2Pois, olla, a escuridade encobre a terra

e a negrura os pobos,

pero sobre ti resplandece o Señor

e a súa gloria faise ver sobre ti.

3Certo que os pobos camiñarán coa túa luz

e os reis co resplandor do teu    alborexar.

4Levanta os teus ollos arredor,

todos estes xuntáronse, viñeron a ti.

Os teus fillos veñen de lonxe

e as túas fillas son traídas no colo.

5Entón, cando o vexas,

estarás radiante

e o teu corazón latexará e ensanchará,

pois as riquezas do mar traeránseche a ti

e os bens dos pobos virán para ti.

6Estarás cuberta dunha chea de camelos,

de dromedarios novos de Madián e de Efah.

Todos eles virán de Sabá.

Virán cargados de ouro e incenso,

e proclamarán ledos a loanza do Señor.

7Todos os rabaños de Quedar xuntaranse en ti,

os castróns de Nebaiot estarán ó teu servizo,

subirán ó meu altar por amor,

e eu glorificarei o meu prezado templo.

8¿Quen son estes que voan como unha nube,

si, coma pombas cara ós seus pombais?

9Certamente, xuntaranse onda min as nacións costeiras

e os barcos de Tárxix estarán á cabeza,

para traeren de lonxe os teus fillos,

(e) a súa prata e o seu ouro con eles,

para o Nome do Señor, o teu Deus,

e para o Santo de Israel, que en verdade te enche de gloria.

10Os fillos do estranxeiro reconstruirán as túas murallas,

e os seus reis estarán ó teu servizo,

pois pola miña ira castigueite,

pero polo meu amor tiven compaixón de ti.

11As túas portas estarán sempre abertas,

non se pecharán nin de día nin de noite,

para que che traian as riquezas dos pobos,

traídas polos seus reis.

12Porque o pobo e o reino que non te sirvan a ti perecerán,

e os pobos serán totalmente arrasados.

13A riqueza do Líbano virá a ti,

o ciprés, o amieiro e o buxo xuntos,

para adornar o lugar do meu santuario,

o lugar onde eu piso cos meus pés.

14Virán prostarse ante ti os fillos dos que te oprimiron,

e prostaranse ante a planta dos teus pés todos os que te desprezaron,

e chamaranche "Cidade do Señor",

"Sión do Santo de Israel".

15En vez de estares abandonado, aborrecido,

e sen xente que por ti pase,

convertereite en esplendor eterno,

en causa de gozo por xeracións e xeracións.

16Mamarar o leite dos pobos

e do peito dos reis mamarás,

entón recoñecerás que eu son o Señor, o teu Salvador,

si, o teu Redentor, o Forte de Xacob.

17En vez de bronce traereiche ouro;

e en vez de ferro traereiche prata;

en vez de madeira, bronce; e en vez de pedras, ferro.

Converterei a Paz no teu inspector

e a Xustiza no teu rexedor.

18Non se volverá a oír falar de violencia no teu país,

nin de saqueo e de arraso dentro dos teus confíns.

"Salvación" será o nome dos teus muros

e o das túas portas "Loanza".

19Non che volverá a servir o sol de luz durante o día,

nin te alumará o resplandor da lúa,

senón que o Señor será a túa luz eterna

e o teu Deus será a túa luminosa gloria.

20Non se volverá a pór o teu Sol e a túa Lúa non desaparecerá.

Si, o Señor será a túa luz eterna

e acabaranse os días do teu loito.

21Todos os do teu pobo serán xustos

e posuirán a terra eternamente,

(serás) xermolo dos seus plantíos,

obra das súas mans para que se mostre a súa gloria.

22O máis pequeno volverase un millar,

e o máis miúdo, un pobo poderoso.

Eu, Iavé, dareime présa para realizalo ó seu tempo.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com