Capítulos 1-5

Título

 

Capítulo 1

 

1Visións que Isaías, fillo de Amós, viu acerca de Xudá e de Xerusalén, nos días de Ozías, de Iotam, de Acaz e de Ezequías, reis de Xudá.

 

Proceso de revisión da fidelidade de Xudá

 

2¡Escoita, ceo! ¡Oe, terra! Ollade, que fala o Señor:

"Engrandecín fillos, si, fíxenos grandes, pero eles rebeláronse contra min.

3Coñece o boi ó seu novo dono; e o burro, o cortello do seu amo:

Israel non me coñece, o meu pobo non ten xuízo".

4¡Ai, xente pecadenta, pobo cangado de iniquidade,

semente de pervertedores, fillos de corrompidos!

Deixaron o Señor, refugaron o Santo de Israel, volvéronlle as costas.

5Aínda que sempre se vos estivese castigando, aumentariades a vosa rebeldía.

¡Toda a cabeza é unha enfermidade! ¡Agoniza de todo o corazón!

6Desde a planta do pé ata a cabeza non hai nel nada bo:

feridas, mágoas e golpes sanguinolentos;

nin os espremeron, nin os vendaron, nin os aliviaron con unturas.

7A vosa capital é unha desolación, as vosas cidades, brasas acesas.

As vosas terras devóranas diante de vós os estranxeiros.

¡Que desolación!, ¡que destrución a dos estranxeiros!

8Velaí queda senlleira a filla de Sión. Velaí se esconde entre a viña.

Velaí dorme no cabazal. Velaí a cidade asediada.

9Se o Señor Todopoderoso non quedase connosco, ¡que resto tan pequeno seriamos!

Seriamos coma Sodoma, asemellariámonos a Gomorra.

 

Rexeitamento do culto concreto e esixencias de Deus

 

10Acollede as palabras do Señor, xefes de Sodoma.

Prestade atención á lei do noso Deus, pobo de Gomorra.

11"¿Para que preciso eu os vosos moitos sacrificios? ‑di o Señor.

Estou farto dos holocaustos dos vosos carneiros,

e do sebo dos vosos cebóns:

non me gusta o sangue dos vosos becerros, carneiros e chibos.

12Entrades a contemplar a miña presenza,

¿pero quen vos pediu que pisedes o meu sagrado?

13Non sigades traendo ofrendas vas:

o seu fume é abominación para min.

Non luxedes a xuntanza na festa da Lúa Nova e no sábado,

que non soporto a iniquidade e a opresión.

14Aborrezo as vosas Lúas Novas e as vosas festas;

son na miña presenza unha carga; xa estou cansado de soportala.

15Si, cando alongades as vosas palmas, tapo os ollos para non vos ver.

Cando, a forza de berros, aumentades a vosa oración, non son eu quen vos escoita.

As vosas mans están cheas de sangue.

16Lavádevos, purificádevos,

apartade dos meus ollos a ruindade dos vosos feitos.

Deixade de berrar.

17Aprendede a facer o ben, buscade a xustiza

encamiñade ó avergonzado, facédelle xustiza ó orfo, defendede a viúva.

18Agora vinde acá, e razoemos xuntos ‑di o Señor:

Aínda que os vosos pecados fosen coma o granate, coma a neve branquexarán;

aínda que fosen vermellos coma o carmesí, coma lá se volverán.

19Se vos convertedes e facedes caso, comeredes do mellor da terra.

20Pero se non queredes e resistides, coa espada seredes comidos.

Ollade que fala a boca do Señor.

 

Xuízo purificador contra a cidade infiel

 

21¿Por que se volve prostituta a cidade que foi fiel?

Estaba chea de xuízo, a xustiza habitou nela, mais agora habítana os asasinos.

22As túas moedas de prata volvéronse ferruxe, augáronse as túas bebidas.

23Os teus xefes volvéronse rebeldes. Os teus compañeiros, un fato de ladróns.

Pola calada aman o suborno, mira como corren tralos regalos;

ó orfo non lle fan xustiza, e o preito da viúva non chega onda eles.

24É oráculo do Señor Todopoderoso, o Forte de Israel:

¡Ai, voume vingar dos meus contrarios,

vou castigar os meus inimigos!

25Vou volver a miña man contra ti,

purificarei como platino a túa escoura,

e quitareiche toda a ganga impura.

26Volverei os teus xuíces coma no principio,

volverei os teus conselleiros coma antes.

Despois de suceder isto, chamaráseche cidade da xustiza,

chamaráseche cidade fiel".

 

Redención de Sión

 

27Sión será redimida con xusto xuízo,

con xustiza o Señor farao vir.

28Libertará os transgresores, e os pecadores alegraranse,

pero os que abandonan ó Señor perecerán.

 

Castigo dos cultos naturalistas

 

29Avergonzarédesvos polas árbores que tanto queriades,

poñerédesvos rubios polos xardíns que tanto vos gustan.

30Abofé que seredes coma o terebinto ó que lle cae a folla,

e coma xardín que non ten auga.

31Velaquí, o valente vólvese estopa, e a súa soldada hase volver muxica:

arderán os dous xuntos, e non haberá quen apague.

 

Título

 

Capítulo 2

 

1Palabras que en visión profética recibiu Isaías, fillo de Amós, acerca de Xudá e Xerusalén:

 

Canto a Sión, morada da lei e da paz para as nacións

 

2Vede: á fin dos días será creado o monte da Casa do Señor.

Vede: será levantado por enriba dos montes e máis cós petoutos,

xuntaranse nel todas as xentes.

3Irán a el pobos numerosos que dirán:

"Vinde, subamos ó monte do Señor, á casa do Deus de Xacob,

para que nos mostre os seus camiños, e camiñemos polos seus vieiros.

Vede: de Sión sairá a Lei, a Palabra do Señor sairá de Xerusalén".

4Xulgará os preitos entre as xentes, decidirá o que é xusto entre os pobos.

Coas espadas forxarán arados; coas lanzas, podas.

Non levantará un pobo contra outro a espada,

nin aprenderán de novo a facer a guerra.

5¡Casa de Xacob, ven; vaiamos

e camiñemos á luz do Señor!

 

Himno profético ó día do Señor contra toda soberbia humana

 

6¡Olla:  vou destruír o teu pobo! ¡Destruirei a Casa de Xacob!

Está cheo de adiviños desde oriente ata os filisteos;

e sóbranlle fillos de estranxeiros.

7A súa capital está chea de prata e      ouro, non teñen fin os seus tesouros.

A súa cidade está chea de cabalos, os seus carros non teñen fin.

8A súa cidade está chea de ídolos,

próstranse diante da feitura das súas mans,

diante do que fixeron os seus dedos.

9Abaixaranse os homes, humillaranse os varóns,

pero non os ergas.

10Métete entre as pedras, escóndete entre o po,

lonxe da presenza pavorosa do Señor,

lonxe do esplendor da súa maxestade.

11Os ollos orgullosos abaixaranse, serán dobrados os homes ergueitos,

soamente o Señor será enxalzado naquel día.

12Velaquí o día do Señor Todopoderoso:

contra todo o alto e levantado,

contra todo o ergueito e admirable.

13Contra todos os cedros do Líbano altos e levantados,

contra todos os carballos de Baxán.

14Contra todas as altas montañas,

contra todos os petoutos ergueitos.

15Contra toda torre esgrevia,

contra todo muro inaccesible.

16Contra todos os barcos de Tárxix,

contra todas as naves esperadas.

17O Señor dobrará o orgullo do varón,

humillará a soberbia dos homes.

Enxalzarase o Señor, El só, naquel día;

18El ocupará o lugar de todos os ídolos.

19Entrade nas fendas dos penedos,

nas gretas do xabre e da barreira,

lonxe da cara do Señor,

lonxe do esplendor da súa maxestade,

cando El se levante para estarrecer a cidade.

20Aquel día os homes botarán fóra os ídolos de prata,

e os ídolos que fixeron co seu ouro,

para adoraren toupeiras e morcegos.

21Entrade nas fendas dos penedos

e nas regañas das pedras,

lonxe da cara terrible do Señor,

lonxe do esplendor da súa maxestade,

cando El se levante para estarrecer a cidade.

22Deixade de tratar entre vós co home

a quen esmagan o nariz:

foi el quen inventou de seu o culto dos altos.

 

Anarquía en Xerusalén: Xuízo da historia

 

Capítulo 3

 

1Si, velaí o Señor, Deus dos Exércitos:

retirará de Xerusalén e de Xudá bastón e apoio,

todo apoio de comida e todo apoio de bebida:

2capitán e soldado, xuíz e profeta, adiviño e senador;

3oficial e dignitario; conselleiro,

experto en bruxerías e coñecedor de feitizos.

4Poñereilles a rapaces por xefes,

gobernaranos uns meniños caprichosos.

5A xente atacará unha á outra,

cada un ó seu veciño;

o mesmo rapaz portarase aleivosamente co ancián venerable,

os ruíns cos nobres.

6Cada un usará a violencia contra o seu irmán, contra a propia familia:

"Tes un vestido, pois fai ti de xefe:

colle o mando desta ruína".

7O día aquel el erguerase para dicir:

"Eu non son albeite nin teño na miña casa pan nin vestido:

non me poñades de xefe do pobo".

8Velaí: derrúbase Xerusalén e cae Xudá,

velaí os seus ditos e os seus feitos contra o Señor,

rebelándose contra a súa presenza gloriosa.

9A estrañeza da faciana testemuña contra eles,

mostran coma Sodoma o seu pecado: non o encobren.

¡Ai deles! ¡Como consuman a súa propia ruína!

10Ollade, ¡que feliz o xusto!

¡Como consome o froito dos seus traballos!

11¡Ai do malvado! ¡Que desgraciado!

¡Como actuarán contra el as obras das súas mans!

12 Meu pobo, os que o oprimen son xente caprichosa:

gobérnano mulleres.

Meu pobo, os teus directores fante andar descarreirado,

enredan a dirección dos teus vieiros.

13O Señor está de pé para preitear,

está firme para xulgar o seu pobo.

14O Señor entra en preito cos senadores e príncipes do seu pobo:

"Vós arrasastes a viña: tendes nas vosas casas o roubado ós pobres.

15¿Que facedes? ¿Esmagades o meu pobo,

e oprimides a faciana dos pobres?"

‑Oráculo do Señor, Deus dos Exércitos‑.

 

Contra o luxo das mulleres

 

16O Señor di:

"Xa que se ensoberbecen as fillas de Sión,

e camiñan co pescozo arrichado e ollos pintados de rubio,

xa que camiñan a pasiños miúdos, e nos nocellos levan ariños",

17o Señor halles de apegar a sarna á súa cabeza,

Iavé halles descubrir a súa fronte.

18O día aquel o Señor quitaralles os seus adornos:

ariños para os nocellos, diademas e medias lúas,

19pendentes, pulseiras e veos,

20panos da cabeza, cadeíñas para os pés e cintos,

caixas de talismáns e amuletos,

21aneis e ariños para o nariz,

22vestidos de festa, abrigos, estolas e bolsos,

23vestidos de gasa e vestidos de liño, turbantes e touquiñas.

24En vez de perfume haberá podremia; en vez de cinto, corda;

en vez de peiteado de trenzas, calva;

en vez de lenzo fino, un cinguideiro de saco.

En vez de fermosura, vergonza.

25Os teus homes caerán pola espada; e os teus escolleitos, na guerra.

26As xuntanzas das súas portas lamentaranse e farán loito,

e ela sentarase desolada no chan.

 

Capítulo 4

 

1O día aquel, sete mulleres collerán un só home.

Diranlle: "Comeremos o noso pan e vestiremos o noso manto,

con tal de que poidamos levar o teu apelido:

quítanos a nosa deshonra".

 

Protección do Señor sobre o resto de Xerusalén

 

2O día aquel o abrollo do Señor servirá de honra e gloria;

e o froito da terra será o orgullo e honor dos escapados de Israel.

3Entón o que quede en Sión, e o resto de Xerusalén chamarase santo.

Si, todo el será inscrito en Xerusalén no libro da vida.

4Cando o Señor limpe a sucidade das fillas de Sión,

e cando lave do medio de Xerusalén o seu sangue,

cun vento de xuízo e cun vento de desolación.

5Entón o Señor sobre o templo do monte de Sión

e sobre a súa xuntanza creará de día unha nube;

e de noite, fume e labarada resplandecente

coma un dosel sobre a Gloria do Santuario.

6Unha tenda que será sombra para o día contra a seca

e refuxio e cuberto contra o trebón e mais a chuvia.

 

Canción á viña do amigo do esposo

 

Capítulo 5

 

1Voulle cantar ó meu amigo a canción do meu amor á súa viña.

Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.

2 Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta;

construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar;

esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.

3E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá,

facede, por favor, de xuíces,

entre min e a miña viña.

4¿Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?

¿Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?

5Pois agora vouvos dicir o que lle vou facer á miña viña:

quitarlle o valado para que sirva de pasteiro,

romperlle a cerca e que se volva un torreiro.

6Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará;

o cardo e mais a silveira medrarán nela;

ós mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.

7Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel;

e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.

Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaí: sangue vertido.

Esperaba deles xustiza, e velaí: berros de auxilio.

 

Serie de maldicións contra os grandes de Xudá

 

8¡Ai dos que xuntades unha casa e outra casa!

¡Ai dos que achegades un campo e outro campo de punta a punta,

para vivirdes vós sós no medio do país!

9Nos meus oídos resoa o xuramento do Señor dos Exércitos:

"¡As moitas casas volveranse unha ruína,

as grandes e boas quedarán sen dono que as habite!

10Si, ¡cinco xugadas de viña darán tres olas,

Vinte e cinco ferrados de semente darán dous e medio!".

11¡Ai dos madrugadores que xa de mañanciña andan á procura do licor,

e dos retrasados ata alta noite, quentes polo viño!

12A lira e a arpa, o pandeiro e mais a gaita,

acompañan o viño das súas bebedeiras,

pero nas obras do Señor non se fixan,

non ollan para o que fan as mans do Señor.

13Por isto o meu pobo vai á catividade, por falta de siso:

a súa nobreza son homes con fame, a súa plebe está reseca coa sede.

14Si, o Xeol ensancha a súa gorxa e abre sen medida a súa boca,

a nobreza e mais a plebe destinadas ó Xeol baixarán a el,

ó Xeol baixarán o barullo e a ledicia.

15Así dobregarase o home e humillarase cada un,

abaixaranse os ollos dos soberbios,

16mentres o Señor dos Exércitos se enaltecerá co seu xuízo

o Deus Santo demostrará a santidade na súa sentencia.

17Aquí pastarán os años coma na seara

e nas ruínas comerán as ovellas cebadas.

18¡Ai dos que terman da iniquidade con trelas de ovella,

e do pecado con trelas de xovenca!

19Eles din: "Que se apure: faga logo a súa obra, para que a vexamos;

que chegue: veña o plan do Santo de Israel para que o coñezamos".

20¡Ai dos que lle chaman ó mal ben; e ó ben, mal;

dos que consideran as tebras luz; e a luz, tebra;

dos que consideran o amargo doce; e o doce, amargo!

21¡Ai dos que ós seus propios ollos son sabios;

e desde o seu punto de vista, intelixentes!

22¡Ai dos valentes para beber viño,

e dos resistentes en mesturar licores,

23dos que declaran ó culpable inocente por un regalo

e apartan do inocente a sentencia favorable!

24 Como as linguas de lume devoran o restrollo

e a chama destrúe a pallugada,

así a súa raíz volverase podre,

e os seus abrollos voarán coma o coaño,

pois rexeitaron a instrución do Señor dos Exércitos

e desprezaron a palabra do Santo de Israel.

25Por isto arde a ira do Señor contra o seu pobo

e estende a súa man para bater nel.

Tremen os montes, e os seus cadáveres son carnaza no medio das rúas.

Pero con todo isto non acouga a súa ira

e a súa man segue aínda estendida.

 

Chamada profética ós asirios

 

26Desde lonxe érguelle unha bandeira a unha nación

e asubíalle desde unha esquina do mundo.

Velaí chega á présa e lixeira.

27Nese pobo non hai ninguén canso nin esmorecido,

ninguén adormece nin sonea.

Os cintos non se retiran de ningunha das cinturas dese pobo,

nin se deslean os amallós das súas sandalias.

¡Velaquí están coas súas frechas aguzadas e cos seus arcos tensos!

28As ferraduras dos seus cabalos son duras coma seixos,

e as ferraxes das súas rodas semellan unha treboada.

29Ruxidos hai nel coma de leóns, ruxidos como de leonciños.

Logo roxe e apreixa a presa, pona ben segura e non hai quen a salve.

30Aquel día o seu salvador ruxirá contra el,

sairá de debaixo da terra coma o bruído do mar.

Será angustiosa a escuridade: escurecerase a luz coas nubes do inferno.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com