Capítulos 11-15

Oráculo do Emmanuel

 

Capítulo 11

 

1Sairá un xermolo do pé da árbore de Ixaí

e un gromo brotará da súa raíz.

2Descansará sobre el o Espírito do Señor,

espírito de sabedoría e discernimento,

espírito de consello e fortaleza,

espírito de ciencia e temor do Señor.

3Sentirá a súa compracencia no temor do Señor.

Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos,

nin sentenciará conforme as lerias dos seus oídos.

4Xulgará ó pobre conforme a xustiza,

e sentenciará con rectitude ós oprimidos da nación.

Castigará ó violento coa vara da súa boca,

e co espírito dos seus labios matará ó malvado.

5Será a xustiza o cinguideiro da súa cintura

e a fidelidade o cinguideiro do seu lombo.

6O lobo habitará co carneiro

e o leopardo deitarase co cabrito;

o becerro e o leonciño pacerán xuntos:

un meniño pequeno sacaraos ó pasto.

7A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías;

o león, o mesmo có boi, comerá palla.

8Un meniño de leite xogará no tobo da cobra,

e un neno destetado collerá a víbora coa súa man.

9Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo:

o país estará cheo de coñecemento do Señor,

o mesmo que as augas enchen o mar.

 

Volta dos desterrados de Israel e Xudá trala bandeira mesiánica

 

10Sucederá o día aquel que a raíz de Ixaí estará ergueita de bandeira das nacións,os pobos procurarana, e a gloria será o seu lugar de descanso.

11Sucederá o día aquel que volverá o meu Señor a levantar a súa man,

para redimir o resto do seu pobo, os poucos que quedaron de Asiria

(e de Exipto e de Patrós, de Cux e de Elam,

de Xinar, de Hamat e das illas do mar).

12Levantará a bandeira entre os pobos, xuntará os dispersados de Israel,

recollerá os esparexidos de Xudá das catro bandas do mundo.

13Cesará a envexa de Efraím, e Xudá deixará de oprimir;

Efraím xa non terá celos de Xudá, e Xudá xa non oprimirá a Efraím.

14Correrán cara ó mar ombreiro con ombreiro contra os filisteos;

xuntos saquearán ós pobos do nacente: Edom e Moab serán presa da súa man,

e os fillos de Amón estarán sometidos á súa obediencia.

15O Señor deixará seco o golfo do mar de Exipto,

e moverá a súa man contra o Éufrates;

co ardor do seu alento romperao en sete brazos,

e fará que se poida pasar con sandalias.

16Haberá unha calzada para o resto do seu pobo, para os que quedaron en Asiria,

o mesmo que a houbo para Israel, o día que subiu do país de Exipto.

 

Salmo profético de acción de grazas pola salvación

 

Capítulo 12

 

1O día aquel dirás:

"Douche as grazas, Señor. Estabas anoxado comigo,

pero calmouse a túa ira, e consoláchesme.

2Velaí, Deus é a miña salvación, terei confianza, e non medo.

El é a miña forza, por isto loareino.

Si, o Señor é a miña salvación".

3Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

4O día aquel diredes: "Dádelle grazas ó Señor, invocade o seu nome.

Dade a coñecer entre os pobos os seus feitos,

facédelle a lembranza de que é grande o seu Nome.

5Cantádelle ó Señor. De verdade fixo cousas magníficas,

que serán coñecidas en toda a terra.

6Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:

Que grande é no medio de ti o Santo de Israel".

 

 

ORÁCULOS DE XUÍZO DE CASTIGO CONTRA AS NACIÓNS

 

Contra Babilonia

 

Capítulo 13

 

1Oráculo que contra Babilonia recibiu en visión Isaías, fillo de Amós.

2No alto dunha montaña pelada, levantade a bandeira, berrádelles ben alto,

movede os brazos para que entren polo portón dos nobres.

3Mandéillelo eu ós meus consagrados,

a berros convoquei ós meus valentes ante min, ós que gozan coa miña grandeza.

4Ruído de axitación nas montañas, coma un exército numeroso.

Ruído de tumulto dos reinos, dos pobos reunidos.

O Señor dos Exércitos pasa revista ó exército de combate.

5Veñen de terras afastadas, do cabo do ceo,

o Señor e os instrumentos da súa ira,

veñen para arrasar toda a cidade.

6Gritade triunfantes: "¡Está preto o día do Señor!

¡Xa chega a devastación do Deus Devastador!".

7Por isto todas as mans se tornarán febles e todo proxecto humano virá abaixo.

8Todos quedarán estarrecidos. ¡Angustias e dores posúenos,

como as dores da muller que se retorce no parto!

Cada un horrorízase do seu compañeiro: as caras de ambos volveranse coma o lume.

9Velaí chega cruel o día do Señor,

velaí o arrebato e o incendio da súa ira,para converter a cidade nunha desolación,

e para borrar dela o seu pecado.

10As estrelas do ceo e as constelacións non emitirán a súa luz.

O sol unha vez que saia escurecerase, e a lúa non brillará coa súa luz.

11Castigarei o orbe pola súa maldade e os malvados pola súa iniquidade.

Derrubarei a soberbia dos insolentes, e humillarei o orgullo dos que provocan medo.

12Os homes serán máis escasos có ouro fino,

a humanidade máis có ouro de Ofir.

13Por isto o ceo tremerá e a terra moverase do seu sitio,

polo arrebato do Señor dos Exércitos, polo incendio da súa ira.

14O mesmo que a gacela espantada e o rabaño que non ten quen o xunte,

así cada un se encamiñará ó seu pobo, e fuxirá cara ó seu país.

15Todo o que encontren será atravesado,

todo o que atrapen caerá pola espada;

16os seus meniños serán estrelados ante os propios ollos,

as súas casas serán saqueadas, e as súas mulleres, violadas.

17Velaí: vou excitar contra eles os medos,

que nin estiman a prata nin se compracen no ouro.

18Os arcos dos mozos serán esnaquizados,

pois non terán compaixón do froito do ventre,

nin os seus ollos terán piedade dos fillos.

19Si, Babilonia, a perla dos reinos, será adorno do orgullo dos caldeos.

Si, será coma a destrución total de Sodoma e de Gomorra.

20Non será habitada con esplendor, nin repoboada por xeracións e xeracións;

ningún nómade plantará alí a súa tenda,

nin os pastores deixarán descansar os seus rabaños.

21Alí descansarán os gatos monteses e as súas casas encheranse de mouchos;

habitarán alí os poliños da avestruz,

e darán brincos os sátiros;

22desde os pazos ouvearán os cans salvaxes, e os chacais desde os pazos de luxo.

Si, a súa hora está próxima a chegar, os seus días non se retrasarán.

 

Oráculo acerca da volta do desterro

 

Capítulo 14

 

1Certo, o Señor terá compaixón de Xacob, volverá escoller Xerusalén

e faraos descansar na súa terra.

Estranxeiros xuntaranse con eles, e asociaranse coa casa de Xacob.

2Eles collerán pobos e levaranos ó seu lugar;

e a casa de Israel recibiraos en herdanza coma servos e servas na terra do Señor,

e os que a fixeron cativa serán os seus cativos: eles dominarán os seus opresores.

3E cando o Señor te faga descansar da túa aflición e do teu tormento

e da cruel escravitude coa que fuches escravizado,

4entoarás este canto contra o rei de Babilonia:

 

Reflexión acerca da morte dun tirano

 

"¡Como acabou o opresor, como acabou o tirano!

5O Señor rompeu a vara dos malvados, o pau dos dominadores,

6que nos pobos con furor mallaba sen parar,

oprimía con carraxe as nacións, perseguíaas sen sosego.

7Xa descansa e está tranquilo todo o mundo:

¡Exaltade con cantos de alegría!

8Os cipreses gritan de gozo por ti, e tamén os cedros do Líbano:

Desde que ti caíches xa non sobe onda nós o leñador.

 

9Debaixo treme o Xeol por causa túa, proclamando a túa chegada:

esperta ós defuntos, a todos os xefes do outro mundo.

Fai levantarse dos seus tronos a todos os reis dos pobos.

10Todos eles tomarán a palabra e diranche:

Tamén a ti che tocou a nosa febleza e te volviches semellante a nós.

11O Xeol fixo abaixar a túa soberbia, deu morte ás túas loucuras.

Debaixo de ti hai un leito de bechos, e a túa manta son vermes.

12¡Como caíches do ceo, lúa en crecente, filla da alba!;

¡fuches abatido ó abismo, vencedor dos pobos!

13Si, ti dicías no teu corazón: subirei ó   ceo,

máis alto cás divinas estrelas levantarei o meu trono.

Morarei na montaña da Asemblea divina no extremo norte,

14subirei ó máis alto das nubes, asemellareime ó Altísimo.

15¡Como baixas ó Xeol, ó fondo do Abismo!

 

16Os que ollen para ti, fixaranse atentamente, discorrendo:

¿Este é aquel que fixo estremecer aterra, abanear os reinos,

17o que converteu o orbe nun deserto e arrasou as súas cidades,

o que non lles abría o cárcere ós prisioneiros?

18Todos os reis dos pobos, todos descansan con gloria, cada un na súa tumba,

19pero ti fuches botado lonxe da túa, coma un abrollo abominable,

‑cuberto de mortos atravesados a espada,

botado ás pedras do Abismo‑, coma cadáver tripado.

20Non te xuntarás con reis na sepultura,

xa que destruíches o teu país e acoitelaches o teu pobo.

A raza dos malvados non se nomeará xamais.

21Preparade para os seus fillos a degolación pola iniquidade de seus pais,

non sexa que se levanten e tomen posesión da terra enchéndoa de cidades.

22Levantareime contra eles ‑así fala o Señor dos Exércitos‑

e farei desaparecer de Babilonia o seu nome e o seu resto,

a súa descendencia e a súa raza ‑así fala o Señor dos Exércitos‑.

23Convertereina en herdanza de ourizos cachos, en lameiro,

e varrereina con vasoira de destrución" ‑así fala o Señor dos Exércitos‑.

 

Oráculo contra Asiria

 

24O Señor dos Exércitos xurou nestes termos:

"Tal como o planeei, así sucederá;

tal como o decidín, así se fará:

25esnaquizarei a Asiria no meu país, esmagareino sobre a miña montaña;

retirarase o seu xugo de sobre eles; o fardo, do seu ombreiro".

26Este é o proxecto decidido sobre toda a terra,

esta é a man estendida sobre todos os pobos.

27Si, o Señor dos Exércitos teno decidido: ¿quen o fará fracasar?

A súa man está estendida: ¿quen a fará volver atrás?

 

Aviso dirixido á Filistea

 

28O ano da morte do rei Acaz tivo lugar este oráculo:

29"Non te alegres, Filistea toda, de que xa rompeu a vara que te mallaba,

porque da raíz da serpente sairá unha víbora,

e o seu froito será un dragón voador.

30Pero os pequenos pacerán onda min, e os pobres descansarán tranquilos,

pois de fame farei morrer atúa raíz, matarei o que quede de ti".

31¡Xeme, porta! ¡Clama, cidade! ¡Treme ti, Filistea toda!

que veu do norte unha fumareda e ninguén deserta dos seus escuadróns.

32¿Que se lles responderá ós mensaxeiros do pobo?

‑Que o Señor fundou Sión

e nela poden refuxiarse os oprimidos do seu pobo.

 

Lamentación de Moab polo seu desastre, e novo castigo divino

 

Capítulo 15

 

1Oráculo de castigo sobre Moab.

Si, de noite foi saqueada; Ar-Moab foi destruída.

De noite foi saqueada; Quir-Moab foi destruída.

2Subiu ó templo, a Dibón; ós santuarios dos outeiros para chorar,

no alto do Nebó e de Medebá Moab xeme,

con todas as cabezas rapadas e todas as barbas afeitadas.

3Polas súas rúas van vestidos de saco; sobre as súas terrazas

e nas súas prazas todo Moab xeme, desfacéndose en bágoas.

4Hexbón e Elaleh gritan, os seus berros óense ata en Iahas,

por isto se lle estremece o lombo a Moab, acora sen alento.

5O meu corazón clama auxilio para Moab:

os seus fuxidos chegan ata Soar, a terceira becerra.

Si, soben a costa de Luhit chorando, camiño de Horonaim lanzan berros esgazantes

6Si, as augas de Nimrim vólvense un sequeiro,

está seca a herba, murchan as plantas, xa non hai verdor.

7Por isto todo o que fixeron: as súas propiedades

lévanas ó outro lado do regato dos Salgueiros.

8Si, o clamor fai un círculo polas fronteiras de Moab:

ata Eglaim chega o seu xemido, a súa queixa está en Beer-Elim.

9As augas do Dimón están cheas de sangue.

Pois aínda máis lle engadirei ó Dimón:

¡Un león contra os fuxidos de Moab, e contra o que queda do país!

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com