Capítulos 6-10

LIBRO DO EMMANUEL (6-12)

 

Relato de teofanía vocacional

 

Capítulo 6

 

1O ano da morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do seu manto enchía o santuario.

2De pé na súa presenza estaban dous serafíns; cada un tiña seis ás: con dúas tapaban a cara; coas outras dúas, os pés; e coas outras dúas voaban.

3Exclamaban un cara ó outro: "¡Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra toda está chea da súa gloria!".

4Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario estaba cheo de fume.

5Eu dixen: "¡Ai de min! ¡Estou perdido!

Pois sendo un home de labios lixados,

e que vive entre un pobo de labios lixados,

vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".

6Entón un dos serafíns voou onda min;

tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar cunhas tenaces,

7e achegouna á miña boca, dicíndome:

"Olla: isto tocou os teus labios,

a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".

8Entón escoitei a voz do Señor que dicía:

"¿A quen mandarei? ¿Quen irá da nosa parte?".

Entón díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".

9Respondeume: "Vai e dille a ese pobo:

Escoitade atentamente, que non entenderedes.

Ollade con todo o xeito, que non comprenderedes.

10Entulla o corazón deste pobo,

endurécelle os oídos, cégalle coa luz os ollos;

que non vexa cos seus ollos, nin escoite cos seus oídos,

que o seu corazón non comprenda e non se arrepinta e o cure".

11Entón eu pregunteille: "¿Ata que día, Señor?".

Respondeume: "Ata que se volvan desoladas as cidades

por falta de habitantes e as casas por falta de homes,

e a terra se arruíne e quede despoboada.

12Desterrará o Señor ó home e os ermos aumentarán no medio do país.

13E se aínda queda nel a décima parte, volverá a ser leña para o lume.

O mesmo que ó cortar a aciñeira e o carballo se lles deixa o coto,

así o coto do pobo será semente santa.

 

Para Acaz: mensaxe de esperanza e denuncia da incredulidade

 

Capítulo 7

 

1No tempo do rei de Xudá, Acaz, fillo de Iotán, fillo de Ozías, subiron a Xerusalén Resín, rei de Siria e Pécah, fillo de Remalías, rei de Israel, atacárona, pero non foron capaces de a conquistar.

2Daquela chegou a noticia á descendencia de David nestes termos:

"Os sirios están acampados en Efraím"; estremeceuse o seu corazón e mais o corazón do seu pobo, o mesmo que se estremecen as árbores do souto en presenza do vento.

3Entón díxolle o Señor a Isaías: "Saíde ó encontro de Acaz, ti e mais o fillo que se chama Sear Yasub, ó cruce da canle do Estanque de Arriba co camiño que vai ó campo do bataneiro. 4Haslle dicir:

Atento: ten moita calma, non teñas medo e que o teu corazón non se afrouxe por eses dos dous tizóns que fumegan: a rabia de Resín de Aram e do fillo de Remalías. 5Porque Aram aconselloulles calamidades contra ti a Efraím e ó fillo de Remalías, dicíndolles: 6Subamos contra Xudá e infundámoslle pavor; abramos brecha contra ela e constituamos rei nela ó fillo de Tabel".

7Así fala o Señor Iavé: "Isto non se cumprirá nin sucederá,

8pois Damasco é a capital de Aram, e a cabeza de Damasco é Resín

(ó cabo de sesenta e cinco anos Efraím deixará de ser un pobo);

9a capital de Efraím é Samaría, e a cabeza de Samaría é o fillo de Remalías.

Vós non credes. ¡Pois non subsistiredes!"

 

Para Acaz: o Emmanuel, final de esperanza

 

10O Señor volveulle falar a Acaz nestes termos:

11"Pide para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou arriba nas alturas".

12Respondeu Acaz:

"Non o pido, pois non quero poñer a proba ó Señor".

13Entón dixo Isaías:

"Escoitade vós, casa de David: ¿Non vos é pouco dominar os homes, que aínda queredes dominar o meu Deus? 14Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí a doncela: está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome Emmanuel; 15comerá nata e mel, xa que saberá rexeitar o mal e escoller o ben. 16Aínda antes de que o meniño saiba rexeitar o mal e escoller o ben, serán abandonados os países dos dous reis ante os que ti tremes.

17O Señor fará vir sobre ti, sobre o teu pobo e sobre a casa do teu pai, días que non viñeron desde que se apartou Efraím de Xudá.

 

Anuncio dunha invasión asiria

 

Coa axuda do rei de Asiria, 18sucederá o día aquel,

que o Señor lles asubiará ás moscas que están alá nas canles do Nilo en Exipto

e ás abellas que hai no país de Asiria;

19virán todas e pousarán nos regueiros das quebradas e nas fendas das penas, nas silveiras todas e nos augadoiros.

20O día aquel afeitará o meu Señor, con navalla de aluguer de alén do Éufrates, ó rei de Asiria:

a cabeza e os pelos das pernas, e tamén a barba.

21Sucederá o día aquel, que cada un poderá manter

unha xovenca de gando grande e un par de reses do rabaño.

22Producirase tanto leite que se comerá nata.

Si, quen fique no país comerá nata e mel.

23Sucederá o día aquel, que calquera viñedo,

con mil cepas por valor de mil moedas de prata,

volverase unha silveira e un toxal.

24Entrarase dentro del con frechas e con arco:

todo o país será unha silveira e un toxal.

25Tampouco se entrará nos soutos rozados coa sacha,

por medo ás silveiras e ós toxos;

todo quedará a monte: para meter bois e ser pisados das cabras".

 

Nacemento e nome simbólico dun fillo do profeta

 

Capítulo 8

 

1O Señor díxome:

"Colle unha táboa grande e escribe nela con buril ordinario: Pronto Botín - Rápido Saqueo".

2Eu collín como testemuñas a homes de creto: a Urías, o sacerdote, e a Zacarías, fillo de Ieberequías. 3Logo achegueime á profetisa: ela quedou en cinta e deu a luz un fillo. Entón o Señor díxome:

"Chámalle de nome Pronto Botín - Rápido Saqueo, 4pois antes de que o meniño saiba pronunciar meu pai e miña nai, levará á presenza do rei de Asiria as riquezas de Damasco e o botín de Samaría".

 

Máis oráculos acerca do Emmanuel

 

5Continuou o Señor falándome de novo nestes termos:

6"Porque este pobo rexeitou as augas de Xilóah que camiñan mansamente,

e porque ten a súa alegría con Resín e co fillo de Remalías",

7velaí que o meu Señor fará subir contra eles,

as augas furiosas e crecidas do río Éufrates,

(o rei de Asiria e o todo o seu esplendor).

Rebordará e arrasará toda a súa ribeira.

8Inundará  Xudá, rebordará, invadirá e chegará ata o pescozo.

A extensión dos seus regatos encherá toda a túa terra, Emmanuel.

9Asociádevos, pobos; ides ser confundidos;

facede por escoitalo, todos os confíns da terra:

Cinguídevos as armas, que seredes confundidos.

10Trazade un plan, e será esnaquizado;

falade o asunto, e non se manterá;

pois connosco está Deus.

 

O Señor é o verdadeiro conspirador e pedra onde o pobo tropeza

 

11Así dixo o Señor, cando me colleu da man e me apartou do vieiro deste pobo:

12"Non chamedes conspiración a todo o que este pobo chama conspiración;

non temades o que el teme, nin lle teñades medo".

13O Señor dos Exércitos, El é o Conspirador,

El será a causa do voso temor e do voso medo:

14converterase, para as dúas casas de Israel, no Conspirador,

na pedra de tropezo, na pedra que fai caer,

en lazo e trampa para os habitantes de Xerusalén.

15Si, moitos deles tropezarán nelas, tropezarán moitos, caerán e esnaquizaranse,

quedarán atrapados e presos.

 

A palabra profética, testemuño perpetuo

 

16Envolvo o rolo da exhortación xunto cos meus discípulos, selo o ensino.

17Despois espero no Señor, que esconde da casa de Xacob a súa cara. Agardo por El.

18Velaí: eu e mais os fillos que o Señor me deu servimos de sinais e presaxios en Israel, de parte do Señor dos Exércitos, que reside no monte Sión. 19E cando vos digan: "Consultade os nigromantes e os adiviños que rosman e murmuran: ¿Non pode un pobo consultar os seus deuses e os mortos en favor dos vivos?". 20¡Velaí a exhortación! ¡Velaí o ensino! Esta é a palabra coa que se lles ha de responder, e que non ten forza máxica.

21Un atravesa o país deprimido e famento;

cando lle dá fame, desespérase.

Empeza a maldicir o seu rei e o seu Deus;

volve a cara para o alto, 22e olla para a terra:

todo, angustia e escuridade, negrura, opresión,

e profunda escuridade espallada por todo.

23Pero non hai escuridade para o que foi afirmado.

 

Significado do nacemento do Emmanuel: alba de luz e paz

 

Así como nun primeiro momento humillou o país de Zebulón e o país de Naftalí,

así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.

 

Capítulo 9

 

1O pobo que camiñaba na escuridade, viu unha grande luz.

Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.

2Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.

Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura,

o mesmo que saltarán de xúbilo ó repartiren o botín.

3Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro

‑o bastón de quen o oprime‑: rompíchelos coma o día de Madián.

4Pois toda bota que tropeza con ruído, e todo manto cuberto de sangue

serán para a queima, serán pasto de incendio.

5Pois velaí que nos naceu un meniño, déusenos un fillo:

a soberanía estará sobre o seu ombreiro,

e será invocado con estes seus nomes:

Marabilla de conselleiro, Heroe divino,

Pai eterno, Soberano da Paz.

6Oh, ¡que grande a súa Soberanía!

A paz non terá fin no trono de David e no seu reino,

para afincalo e para afirmalo, co dereito e coa xustiza,

desde agora e para sempre.

O celo do Señor dos Exércitos fará isto.

 

Sentencia divina contra Israel

 

7Unha palabra mandou o Señor contra Xacob, e caeu en Israel.

8Coñécea todo o pobo, Efraím e os habitantes de Samaría,

que dicían con orgullo e na soberbia das súas intencións:

9"Se caeron os ladrillos, construiremos con pedra labrada;

se foron cortados os sicómoros, cambiarémolos por cedros".

10Si, o Señor protexeu ó seu inimigo Resín,

acirrou ós seus adversarios,

11a Aram por diante e ós filisteos por detrás,

que devoran a Israel a boca chea.

Por todo isto non se muda a súa ira

e a súa man está aínda estendida.

12Pois o pobo tampouco non se converteu a quen o castigou,

nin busca ó Señor dos Exércitos.

13Por isto o Señor cortoulle a Israel a cabeza e mais o rabo,

a palmeira e o xunco no mesmo día.

14O ancián e o dignitario son a cabeza,

o profeta que dá a coñecer imposturas é o rabo.

15Os condutores deste pobo foron os que o descarreiraron,

e os conducidos foron os destruídos.

16Por isto o meu Señor non será clemente coa xuventude do pobo,

nin terá compaixón dos seus orfos e das súas viúvas,

pois todos eles son malvados e ruíns,

e todas as bocas falan parvadas.

Por todo isto non se muda a súa ira

e a súa man está aínda estendida.

17A ruindade arde coma o lume

que devora silveiras e espiños,

prendeu lume na espesura do bosque,

e lanzou en remuíño unha grande fumareda.

18Co paso do Señor dos Exércitos queda abrasado o país,

e o pobo é pasto do lume,

ninguén ten compaixón de seu irmán.

19Un recolle froitos pola dereita, e queda con fame;

come pola esquerda, e non se farta;

cadaquén ten que comer a carne do seu brazo.

20Menaxés come a Efraím; Efraím, a Menaxés; os dous xuntos a Xudá.

Por todo isto non se muda a súa ira,

e a súa man está aínda estendida.

 

Sétimo Ai contra os xuíces inxustos (cf 5, 8-25)

 

Capítulo 10

 

1¡Ai dos que impoñen prescricións de iniquidade,

e dos que ó escribiren, escriben para desgraza

2privando ós pobres do xuízo,

Roubándolles a xusta sentencia ós oprimidos do meu pobo,

convertendo as viúvas na súa presa e saqueando os orfos.

3¿Que faredes no día das contas,

e no da devastación que xa vén desde lonxe?

¿Xunto a quen correredes a pedir socorro?

¿Onde deixaredes as vosas riquezas?

4¡Non! Teredes que axeonllarvos entre os prisioneiros

e caeredes entre os asasinados.

Con todo isto non se muda a súa ira,

e a súa man está aínda estendida.

 

Ai contra Asiria pola súa soberbia

 

5¡Ai!, Asiria, bastón da miña ira,

e vara na man do meu furor.

6Vouna mandar contra o pobo impío,

e voulle dar ordes contra o pobo da miña indignación,

para saquealo e para roubalo,

para convertelo nun pisadoiro, coma a lama dos camiños.

7Si, Asiria non imaxinaba a cousa así, o seu corazón non o planeaba deste xeito,

pois no seu corazón estaba desolar, e arrasar non poucos pobos.

8Así pensaba: "¿Non son reis cada un dos meus príncipes?

9¿Non é Kalnó coma Kárkemix? ¿Non é Hamat coma Arpad?

¿Non é Samaría coma Damasco?

10O mesmo que a miña man atopou os reinos dos ídolos

(e iso que os seus ídolos son máis cós de Xerusalén e Samaría),

11¿non puiden facerlles a Samaría e ós seus ídolos

o mesmo que lles hei facer a Xerusalén e ós seus ídolos?"

12Si, cando o meu Señor remate a súa obra no monte Sión e en Xerusalén,

examinará os soberbios plans do rei de Asiria

e o fachendoso orgullo dos seus ollos,

13pois (Asiria) pensaba así:

"Fíxeno coa forza da miña man e coa miña habilidade: ¡que lista fun!

Apartei as fronteiras das nacións, saqueei os seus almacéns,

como un heroe afundín os seus habitantes.

14A miña man deu, coma cun niño, coas riquezas das nacións;

como quen colle ovos abandonados, eu recollín todos os países,

e non houbo quen batese as ás, nin quen abrise o pico e piase".

15¿Oufánase a machada ante quen corta con ela?

¿Engrandécese a serra ante quen a move?

¿Levanta a vara a quen a ergue a ela?

¿Ergue o pau a aquel que non é pau?

16Por isto o Señor Iavé dos Exércitos

mandará enfraquecemento ós que El engordou.

E debaixo da súa opulencia acenderá unha fornalleira,

si, unha fornalleira de incendio.

17Resultará que a Luz de Israel se converterá en incendio,

e o seu Santo en chama, que queimará e devorará espiños e silvas no mesmo día,

18que consumirá totalmente o esplendor do seu bosque e do seu verxel.

Si, será coma o decaemento dun enfermo.

19O resto das árbores do bosque será tan pequeno

que un meniño as poderá cortar.

 

O resto de Israel volverá ó Señor

 

20Sucederá no día aquel que o resto de Israel

e o que queda da casa de Xacob,

non volverá afiuzar no pobo que o castigaba,

senón que afiuzará con firmeza no Señor, o Santo de Israel.

21Un resto, o que queda de Xacob, volverá ó Deus Forte.

22Aínda que o teu pobo, Israel, fose coma a area do mar,

soamente un resto volverá a El.

A destrución está decidida, desbordante de xustiza.

23Si, a destrución xa se decidiu.

O meu Señor, o Deus dos Exércitos, vaina facer en todo o país.

 

Xudá, non lle teñas medo a Asiria

 

24Por isto así fala o meu Señor, Deus dos Exércitos:

"Non lle teñas medo a Asiria, meu pobo, que habitas en Sión,

que cunha vara en ti bate e contra ti levanta o seu pau no camiño de Exipto,

25porque un pouco, un pouquiño máis, e acabarase o meu noxo,

a miña ira pronto vai desaparecer totalmente".

26Pero aínda mostrará o Señor dos Exércitos o seu látego espido contra el,

como cando a derrota de Madián no penedo de Horeb

levantará o seu bastón contra o mar no camiño de Exipto.

27Sucederá no día aquel que retirará a súa carga do teu ombreiro,

e o seu xugo de enriba da túa cerviz:

romperá o xugo pola presenza do seu Nome.

 

Sentencia divina contra a invasión sirio-efraimita

 

28Está chegando a Aiat, pasa por Migrón,

e Micmax pasa revista ás súas armas;

29cruzade polo desfiladeiro, Guebá sexa o voso cuartel de noite.

Xa treme Ramah, xa foxe Guibá, a de Xaúl.

30Entoa os teus cantos de xúbilo, filla de Galim,

escoita, Laixah. Responde, Anatot.

31Xa escapou Madmenah, os habitantes de Guebim xa están a seguro.

32Hoxe mesmo paran en Nob, move a súa man cara ó monte da filla de Sión,

cara ó outeiro de Xerusalén.

33Velaí o Señor Deus dos Exércitos: vai cortar as pólas con furor;

as pólas do curuto xa están partidas; as máis altas caen;

34a espesura do bosque vai ser sacudida co ferro, e o Líbano co seu esplendor caerá.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com