Capítulos 36-40

COMPLEMENTO HISTÓRICO

 

Ameaza de Senaquerib contra Xerusalén

 

Capítulo 36

 

1No ano catorce do rei Ezequías subiu Senaquerib, rei de Asiria, contra todas as cidades fortificadas de Xudá, para apoderarse delas. 2O rei de Asiria enviou o ministro do tesouro desde Láquix a Xerusalén, onda o rei Ezequías, cun grande exército. Este tomou posición xunto ó canal do estanque de arriba, no camiño do campo do bataneiro. 3Entón saíron a xunto del o ministro do pazo real Eliaquim, fillo de Hilquías, o escriba Xebná e o chanceler, Ioah, fillo de Asaf. 4O ministro do tesouro díxolles:

"Dicídelle a Ezequías: Así fala o grande rei, o rei de Asiria: ¿Que clase de confianza é esa na que ti confías? 5¿Pensaches que as meras palabras dos labios son o plan e a forza para a guerra? ¿En quen confías, xa que te rebelaches contra min? 6Olla, ti confías en Exipto, no apoio desa canivela rota e a quen se apoia nel penétralle a man e atravésalla;  así é o rei de Exipto para todos os que confían nel.

7Pero certo que me vas dicir: ¡É no Señor, o noso Deus, en quen confiamos!

¿Acaso non foi El a causa de que Ezequías retirase os seus santuarios e os seus altares dos outeiros, e de que lles dixese a Xudá e a Xerusalén:  Diante deste altar habedes de prostarvos en adoración? 8Pois ben, aposta agora co meu señor, o rei de Asiria: douche dous mil cabalos, se es capaz de pór pola túa conta soldados de equipamento sobre eles.

9¿De que xeito, pois, poderás facer recuar o ataque dun só gobernador de entre os máis pequenos servidores do meu señor? ¿É aínda pola túa confianza en Exipto e nos seus carros e cabalos? 10E ademais, ¿acaso subín eu a este país para arrasalo sen o consentimento de Iavé? O Señor díxome: Sube a ese país, e arrásao".

11Entón Eliaquim,   Xebná e Ioah dixéronlle ó ministro do tesouro:

"Fálalles, por favor, ós teus servos en arameo, que nós entendemos, e non nos fales en xudeu ós oídos do exército que está sobre a muralla".

12O ministro do tesouro respondeu:

"¿Acaso o meu señor me mandou soamente onda o teu señor e onda ti para pronunciar estas palabras? ¿Acaso as palabras non van tamén para os homes que están sentados sobre a muralla, comendo o seu propio esterco e bebendo o seus propios ouriños a canda vós?".

13Entón o ministro do tesouro púxose de pé e berrou con grandes voces en xudeu e dixo:

"Escoitade as palabras do grande rei, do rei de Asiria. 14Así fala o rei: Que non vos engane Ezequías, que el non é capaz de salvarvos. 15Que non vos faga confiar en Iavé dicindo: Certo, o Señor hanos salvar; esta cidade non será entregada nas mans do rei de Asiria. 16Non lle fagades caso a Ezequías, que así fala o rei de Asiria: Facede comigo un pacto de bendición. Saíde para onda min; comede cada un da súa viña e cada un da súa figueira, e que beba cada un da auga do seu pozo, 17ata que eu veña e vos colla para vos levar a un país coma o voso país, terra de trigo e de mosto, terra de gran e de viñas. 18Que non vos engane Ezequías dicindo: O Señor hanos salvar. ¿Acaso os deuses das nacións salvaron cada un ó seu país da man do rei de Asiria? 19¿Onde estaban os deuses de Hamat e de Arpad? ¿Onde estaban os deuses de Sefarvaim? ¡Que! ¿Algúns deles salvaron Samaría da miña man? 20¿Quen foron entre todos os deuses destes países os que puideron salvar o seu país da miña man? ¿Será precisamente Iavé quen libre a Xerusalén da miña man?" 21Entón eles quedaron calados e non lle responderon nin palabra, pois a orde do rei era nestes termos: "Non lle respondades".

22Logo o ministro do pazo real Eliaquim, fillo de Hilquías, o escriba Xebná e o chanceler Ioah cos vestidos rachados volveron onda Ezequías e déronlle a coñecer as palabras do ministro do tesouro.

 

Consulta a Isaías

 

Capítulo 37

 

1Cando o rei Ezequías viu isto, rachou os seus vestidos, cubriuse de saco e entrou no templo do Señor. 2Logo mandou ó ministro do pazo real Eliaquim, ó escriba Xebná e ós máis vellos de entre os sacerdotes, cubertos de sacos, onda o profeta Isaías, fillo de Amós, 3a dicirlle:

"Así fala Ezequías: O día de hoxe é día de angustia, de castigo e de desprezos, pois os fillos chegan á saída da matriz e non hai forza para parir. 4Quizais o Señor, o teu Deus, oíu as palabras do ministro do tesouro que o rei de Asiria mandou para insultar o Deus vivente e o queira castigar polas palabras que o Señor, o teu Deus, escoitou. Fai, pois, subir unha oración polo resto que aínda queda".

5Entón os servidores do rei Ezequías foron onda Isaías, 6e Isaías díxolles:

"Así lle habedes dicir ó voso señor: Así fala o Señor: non teñas medo das palabras que oíches, coas que blasfemaron contra min os mozos do rei de Asiria. 7Olla: eu vou pór nel un espírito, oirá un dito e volverá ó seu país; logo, no seu país, fareino caer coa espada".

8Cando o ministro do tesouro deu a volta, atopou ó rei de Asiria facendo a guerra contra Libnah, xa que oíra que marchara de Láquix. 9Entón oín esta mensaxe acerca de Tirhacah, rei do Alto Exipto: "Saíu a pelexar contra ti", e fíxolle caso ó dito.

 

Segunda embaixada de Senaquerib

 

A continuación enviou mensaxeiros a Ezequías: 10"Así lle falaredes a Ezequías, rei de Xudá, dicíndolle:

Que non te engane o teu Deus en quen ti confías, ó pensares que Xerusalén non será entregada na man do rei de Asiria. 11Ti xa escoitaches o que os reis de Asiria lles fixeron a todos os países, entregándoos ó exterminio. ¿E ti vaste salvar? 12¿Os deuses dos pobos que meus pais arrasaron salváronse acaso? Gozán, Harán, Resef e xente de Edén que vivía en Telasar. 13¿Onde está o rei de Hamat, o rei de Arpad e o rei de Lair, de Sefarvaim, de Hená e de Ivah?".

 

Oración de Ezequías

 

14Entón colleu Ezequías o escrito da man dos mensaxeiros e leuno. Logo subiu ó templo do Señor e Ezequías mesmo o estendeu diante do Señor, 15e Ezequías rezoulle ó Señor nestes termos:

16"Señor dos Exércitos, Deus de Israel,

que tes trono de querubíns.

Ti creaches o ceo e mais a terra.

17Achega, Señor, o teu oído, e escoita.

Abre, Señor, os teus ollos, e mira.

Si, escoita todas as palabras de Senaquerib,

coas que mandou xente para insultar o Deus vivente.

18¡É verdade, Señor! Os reis de Asiria destruíron

todos os países e as capitais de cada un deles,

19e botaron no lume os seus deuses, pois eles non son deuses,

senón feitío de mans do home, pau e pedra,

e por isto destruíronos.

20Pero agora, Señor, noso Deus, sálvanos da súa man

e todos os reinos da terra recoñecerán

que ti, soamente ti, es o Señor".

 

Intervención de Isaías

I. Oráculo contra Senaquerib

 

21Logo Isaías, fillo de Amós, mandou a dicirlle a Ezequías:

"Así fala o Señor, Deus de Israel, a quen ti lle rezaches por causa de Senaquerib, rei de Asiria.

22Estas son as palabras que acerca del dixo o Señor:

A virxe, filla de Sión, desprézate, búrlase de ti.

A filla de Xerusalén move a cabeza por detrás de ti.

23¿A quen ofendiches e insultaches? ¿Contra quen levantaches a voz

e levantaches cara arriba os teus ollos? Contra o Santo de Israel.

24Por mediación dos teus servos ofendiches o Señor,

pois dicías: coa multitude dos meus carros de guerra,

eu mesmo subín ó alto das montañas, ós mesmos cumes do Líbano.

Cortei os troncos dos seus cedros, o máis escollido dos seus cipreses.

Si, cheguei ó máis alto do seu cume, ó máis espeso da súa foresta.

25Eu mesmo cavei e bebín augas estranxeiras,

e sequei coa planta dos meus pés todos os brazos do Nilo de Exipto.

26¿Acaso non oíches? Hai moito tempo que o veño facendo,

desde os tempos de antes véñoo planeando, agora fíxeno chegar;

e ti fuches quen arrasou: ¡moreas de pedras que proveñen de cidades fortificadas!

27e os seus habitantes, impotentes, aterrorizáronse e avergonzáronse;

foron herba do campo, verdor das leiras,

herba tenra dos tellados abrasada coa presenza do vento leste.

28O teu reinar, o teu saír e o teu entrar das campañas militares, eu coñecino,

e tamén o teu repoñerte contra min.

29Porque te reviraches contra min e porque a túa soberbia chegou ós meus oídos,

porei o meu anel de ferro no teu nariz e o meu freo nos teus beizos, e fareite volver do vieiro por onde andaches.

 

II. Sinal salvífica para Xudá

 

30Este será para ti o sinal:

comeredes neste ano o que brota de seu, e o ano que vén comeredes o que volva brotar;

pero no terceiro ano sementade e recollede, plantade viñas e comede o seu froito.

31Si, os escapados da casa de Xudá que queden,

volverán a enraizar por abaixo e darán froito por arriba.

32De Xerusalén sairá un resto, o escapado do monte Sión.

O celo do Señor dos Exércitos fará isto.

 

III. Síntese dos dous oráculos anteriores

 

33Velaí: así fala o Señor acerca do rei de Asiria:

non volverá a esta cidade nin lanzará aquí frechas,

non estará diante dela con escudos, nin levantará contra ela terrapléns.

34Polo camiño por onde veu, volverá; pero nesta cidade non entrará

‑é o Señor quen fala‑.

35Eu protexerei esta cidade, salvándoa, por mor de min mesmo e do meu servo, David".

36Entón o anxo do Señor saíu e feriu a 185.000 homes no campamento de Asiria, e cando chegou a mañá, todos eles eran corpos mortos. 37Entón Senaquerib, o rei de Asiria, púxose en movemento, marchou e volveu reinar en Nínive. 38E, cando estaba prostrado en adoración no templo de Nisrok, o seu deus, os seus fillos Adramelec e Saréser matárono coa espada. Eles escaparon para o país de Ararat e logo, no seu posto, subiu ó trono o seu fillo Esar-Hadón.

 

Enfermidade e curación de Ezequías

 

Capítulo 38

 

1Naqueles días Ezequías caeu enfermo de morte, e o profeta Isaías, fillo de Amós, foi onda el para dicirlle:

"Así fala o Señor: dá ordes á túa casa, que estás morrendo e non seguirás vivindo".

2Entón Ezequías volveu o seu rostro cara á parede e rezoulle ó Señor:

3"Ah, Señor, lémbrate por favor, de que camiñei na túa presenza con fidelidade e con corazón enteiro, e de que fixen o que está ben ós teus ollos".

E chorou Ezequías con grande pranto.

4Logo veulle a palabra do Señor a Isaías nestes termos:

5"Vai e dille a Ezequías: así fala o Señor, Deus de teu pai David: fíxenlle caso á túa oración e ollei compracido para as túas bágoas. Eu engado sobre os teus días quince anos. 6Librareite a ti e esta cidade do puño do rei de Asiria, e protexerei esta cidade. 7Si, este será da parte do Señor o sinal de que cumprirá esta palabra que falou: 8Velaí: vou facer cear a sombra os mesmos  chanzos que baixou pola escaleira de Acaz: dez chanzos para atrás".

Entón o sol ceou dez chanzos para atrás, os chanzos que baixara.

 

Oración de Ezequías

 

9Escrito de Ezequías, rei de Xudá, de cando estivo enfermo e reviviu da súa enfermidade:

10Eu pensaba: teño que marchar na metade dos meus días,

estou posto ás portas do Xeol para o resto dos meus anos.

11Pensei: xa non poderei ver o Señor, o Señor que está no país da vida,

xa non volverei contemplar a terra, estarei cos que moran no mundo dos mortos.

12A miña morada éme arrancada e enrolada, coma a miña tenda de pastor.

Estendín coma unha tea a miña vida, pero córtanme o urdido.

Abandonáchesme desde o día ata a noite, 13pido auxilio ata a mañanciña.

Igual ca un león, alguén esnaquiza os meus ósos, desde o día ata a noite abandonáchesme.

14Coma unha andoriña, así estou piando, arrolo coma unha pomba.

Os meus ollos levantáronse cara ó Altísimo, pero o meu Señor oprimiume, cubriume de escuridade.

15¿Que direi? ‑pensei para min‑. Se foi El quen o fixo.

Amareino todos os meus anos, a pesar das amarguras da miña vida.

16Ti, Señor, estás por enriba das amarguras; volveranse felicidade,

e a felicidade do meu espírito será superior a todo o que hai nelas.

Si, volverasme san e farasme feliz:

17velaí: o meu amargo sufrimento volverase felicidade.

Ti mesmo preservaches a miña vida do pozo da destrución,

pois botaches sobre o teu lombo todos os meus pecados.

18Porque o Xeol non che dá grazas, nin a Morte loanza,

non esperan a túa fidelidade os que baixan ó Xeol.

19O que vive, e vive feliz, é quen te loa, o mesmo ca min hoxe.

O pai ensinaralles ós fillos a túa fidelidade.

20Señor, ti salváchesme: tocaremos as miñas arpas

todos os días da nosa vida no templo do Señor.

21Entón dixo Isaías:

"Collede unha cataplasma de figos e póndella sobre o tumor, e vivirá".

22Entón dixo Ezequías:

"¿Cal é o sinal de que subirei ó templo do Señor?".

 

Embaixada babilónica e xuízo acerca dela

 

Capítulo 39

 

1No tempo aquel o rei de Babilonia Merodak-Baladán, fillo de Baladán, mandou funcionarios e regalos a Ezequías xa que oíra que estivera enfermo e se puxera bo. 2Ezequías alegrouse moito con eles, e mostroulles a casa do tesouro, a prata e mais o ouro, o bálsamo e mais os aceites preciosos, e toda a súa adega; e todo o que se atopaba nos seus almacéns; non houbo cousa que non lles ensinase no seu pazo e en todo o seu dominio. 3Entón foi o profeta Isaías  onda o rei Ezequías e díxolle:

"¿Que dixeron eses homes? ¿De onde viñeron onda ti?"

Contestoulle Ezequías:

"Viñeron onda min dun país afastado, de Babilonia".

4El volveulle preguntar:

"¿Que viron no teu pazo?"

Respondeu Ezequías:

"Viron todo o que hai no meu pazo; non houbo cousa nos meus almacéns que eu non llela mostrase".

5Entón Isaías díxolle a Ezequías:

"Escoita a palabra do Señor dos Exércitos: 6velaí chegan días nos que será levado a Babilonia todo o que hai no teu pazo e todo o que amorearon os teus pais ata o día de hoxe; non quedará cousa ningunha desas. Díxoo o Señor. 7Tamén collerán algúns dos teus fillos, ós que ti xeras, e serán oficiais no pazo do rei de Babilonia".

8Entón díxolle Ezequías a Isaías:

"É boa a palabra que o Señor pronunciou".

Pois pensaba: "Cando menos que haxa paz e seguridade nos meus días".

 

 

DEUTEROISAÍAS (II Is)

 

Poema vocacional: chamada á consolación

 

Capítulo 40

 

1Consolade, consolade o meu pobo: ‑dío o voso Deus.

2Faládelle ó corazón de Xerusalén; si, dicídelle ben alto

que a súa milicia está cumprida, que a pena pola súa culpa está aceptada.

Si, xa recibiu da man do Señor o dobre por todos os seus pecados.

3Unha voz clama:

"No deserto preparádelle o camiño ó Señor.

Endereitádelle na estepa a calzada ó noso Deus.

4Que todo val sexa levantado, que todo monte e outeiro sexa rebaixado;

que a terra fragosa se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado.

5Pois vaise revelar a gloria do Señor, e toda carne verá o Único.

Falou a boca do Señor".

6Unha voz di: "Clama". El responde: "¡Que vou clamar!".

"Toda a carne é herba; e toda a fidelidade da carne, flor do campo.

7Seca a herba, murcha a flor, cando o alento do Señor sopra nela.

(Si, o pobo é a herba).

8Seca a herba, murcha a flor, pero a palabra do noso Deus mantense firme para sempre".

9Sube a un monte alto, mensaxeira de Sión,

levanta con forza a túa voz, mensaxeira de Xerusalén,

levántaa, non teñas medo.

Dilles ás cidades de Xudá: "Velaí o noso Deus".

10Velaí  o meu Señor Iavé que chega con poder; si, o seu brazo domina.

Velaí a súa paga con el,

o seu xornal  diante del.

11Igual ca un pastor, pastorea o seu rabaño, recólleo co seu brazo,

leva ós añiños no seo e protexe os que aínda maman.

 

Himno á grandeza de Deus ante os ídolos; e a crise de fe do seu pobo

 

12¿Quen mediu coa súa man a auga do mar? ¿Quen mantén fixo o ceo coa súa palma?

¿Quen colleu en tres puñados o po do mundo?

¿Quen pesou os montes coa romana e os outeiros coa balanza?

13¿Quen creou o espírito do Señor?

¿Quen é o seu conselleiro, que o instrúa?

14¿Con quen se aconsella para entender?

¿Quen lle fixo coller práctica en sentenciar con xustiza?

¿Quen lle ensinou a ciencia? ¿Quen o instruíu no camiño da intelixencia?

15Velaí as nacións: son coma pingotiña dentro da sella; son coma unha area na balanza.

Velaí as illas, pesan coma o po.

16O Líbano non chega para facer a queima, os seus animais non chegan para un holocausto.

17Todos os pobos son nada en comparación con El,

son considerados nada e baleiro en comparación con El.

18¿Con quen asemellaredes a Deus? ¿Que semellanza lle buscaredes?

19Un artista fonde co metal a imaxe dun deus, logo o ourive recóbrea de ouro,

ó mesmo tempo que fonde unha cadea de prata.

20O superintendente da ofrenda escolle un pau que non podreza,

busca un artista experto, para que del faga un ídolo que non se mova.

21¿Non o sabedes? ¿Non o oístes? ¿Non se vos anunciou desde un principio?

¿Non o entendestes desde que se fundamentou a terra?:

22Que El reina sobre o orbe da terra, e que os habitantes da terra son coma saltóns;

que el estende coma unha cortina o ceo, esténdeo coma unha tenda onde habitar;

23que converte ós xefes en nada, aniquila os árbitros do mundo.

24Non están aínda plantados, non están aínda sementados, aínda o seu plantón non enraizou a terra,

sopra neles e secan, o vendaval levántaos coma ó coaño.

25¿Con quen me asemellaredes, a quen serei comparable? ‑di o Santo‑.

26Levantade os vosos ollos ó alto, ollade: ¿Quen fixo esas cousas?

O que fai saír con orde o exército      celeste, e a todo el o chama polo  nome,

coa enormidade do seu poder, coa súa vigorosa forza, e non falta ningún.

27¿Xacob, por que dis? ¿Israel, por que afirmas?:

"O meu comportamento está escondido para o Señor, ó meu Deus esqueceulle a sentencia ó meu favor".

28Pero ti, ¿non o sabes? ¿Non o tes oído?:

O Señor é Deus da Eternidade, El creou os extremos do mundo

e non está canso nin fatigado, a súa intelixencia é insondable.

29El dálle forza ó cansado, ó que non ten enerxía multiplícalle o vigor.

30Os mozos cansan e fatigan, os atletas escolleitos tropezan e caen;

31pero ós que teñen esperanza no Señor renóvanselles as forzas, soben con ás de aguia: corren, e non se fatigan; camiñan, e non cansan.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com