Capítulos 6-10

Ameazas divinas, co preanuncio do asedio de Xerusalén

 

Capítulo 6

 

1Fuxide do medio de Xerusalén, descendentes de Benxamín:

tocade o corno da desbandada desde Tecoa,

facede sinais desde o alto de Bet-ha-Quérem;

ollade que o desastre xa se ve vir desde o norte,

unha enorme desgraza.

2Eu estou a cortar da casa de Sión o bo pasto:

3van entrar nela pastores cos seus rabaños,

plantarán arredor dela as tendas,

cada un pastoreará polo seu lado.

4Declarade a guerra santa contra ela;

erguédevos, subamos contra ela ó mediodía:

mágoa que se nos vai o día,

que se estenden as sombras da tardiña.

5¡En pé! Subamos de noite,

destruamos os seus palacios.

6Ollade o que di o Señor dos Exércitos:

‑Cortádelle as árbores, e construíde con elas

un terraplén de asedio contra Xerusalén.

Ela é a cidade merecente de castigo;

no seu interior toda ela é opresión.

7Como unha cisterna recolle as súas augas,

así ela xunta a súa maldade,

óense nela violencias e opresións,

na miña presenza sempre se oen xemidos e golpes.

8Faime caso, Xerusalén,

senón eu apartareime de ti,

e convertereite nunha desolación, en cidade deshabitada.

 

A ira de Deus, para os ladróns da cepa de Israel

 

9Así fala o Señor dos Exércitos:

‑Que medre forte coma unha cepa o resto de Israel,

que a túa man, coma de vendimador, limpe os seus bacelos.

10‑¿A quen llo direi?

¿A quen porei por testemuña para que me escoiten?

Teñen o oído incircunciso,

non son capaces de poñer atención.

Velaquí a Palabra de Deus: é para eles

palabra de censura que non lles agrada.

11Eu estou cheo da ira do Señor,

xa non a podo reter máis.

‑Bótaa sobre os rapaces na rúa,

bótaa dunha vez sobre a xuntanza dos mozos,

pois irán cativos o home xunto coa muller,

o vello e mais o cangado de anos.

12Deste xeito as súas casas pasarán a estranxeiros,

xunto coas súas tenzas e mulleres,

pois eu estenderei a man contra os habitantes do país

‑é o Señor quen fala‑.

13Xa que desde o máis pequeno ata o máis grande

se consomen cobizando o alleo,

e desde o profeta ata o sacerdote devecen por facer enganos.

14Queren curar a ruína do meu pobo, dun xeito fácil, dicíndolle:

"Paz, felicidade". Pero non hai paz.

15Que se avergoncen, pois fixeron o que é abominable.

Pero nin se avergonzan, nin saben o que é a vergonza.

Por iso caerán cos que han de caer:

cando eu lles pida contas, irán á ruína ‑fala o Señor‑.

 

O castigo do pobo e a chamada á conversión

 

16Así fala o Señor:

‑Mantédevos nos vieiros doutros tempos e observade,

consultade as normas antigas:

¿Onde está o Deus do Bo Camiño?

Camiñade por el,

e deste xeito atoparedes tranquilidade

para a vosa vida.

Pero eles responderon:

"Non queremos camiñar".

17Púxenvos sentinelas:

"Estade atentos ó toque do corno".

Pero responderon:

"Non queremos estar atentos".

18Por isto escoitade, pobos;

dáte conta, xuntanza dos pobos,

do que hai para eles;

19escóitao, terra enteira.

Mirade que estou traendo a desgraza

para este pobo,

o froito dos seus proxectos;

pois non puxeron atención

ás miñas palabras

e mesmo rexeitaron a miña Lei.

20¿Por que me traedes entón o

incenso desde Sabá,

e a cana recendente desde terras remotas?

Os vosos holocaustos

non son do meu agrado,

nin os vosos sacrificios me contentan.

21Por isto, fala o Señor deste xeito:

‑Velaquí que estou a pór atrancos a este pobo,

para que tropecen pais e fillos xuntos,

para que morran o do país

e mais o seu veciño.

22Así fala o Señor:

‑Ollade: do norte vén un pobo,

desde a outra esquina do mundo

avanza un gran pobo;

23empuñan o arco e a lanza curta,

son crueis e non teñen compaixón,

os seus berros resoan coma o mar,

montan cabalos;

coma un só home

están formados para a guerra

contra ti, filla de Sión.

24‑O escoitar a grande sona deste pobo,

estremecen as nosas mans,

apértanos a anguria,

unha dor coma de muller no parto.

25‑Non saias ó campo, non sigas o camiño,

pois eu infesto coa espada:

todo o entorno é terror

e o terror está por todo o arredor.

26‑Filla do meu pobo, vístete de saco,

cúbrete de cinsa.

Fai por ti un loito coma por un fillo único,

entristece e chora polo teu ben;

axiña chega contra nós o destrutor.

 

O Señor dálle autoridade divina ó xuízo negativo do profeta

 

27‑Eu constitúote

en examinador do meu pobo,

para que examines a miña cidade

cortada a pico,

para que probes o seu comportamento.

28‑Todos eles son os máis rebeldes,

impuros coma o bronce e o ferro:

son un fato de desnaturados.

29Moven con forza o fol para fundir o chumbo;

pero en van fonde o fundidor: os malvados non se purifican.

30Prata de refugallo hai que chamarlles,

xa que o Señor os refuga.

 

 

IV. DISCURSO NA PORTA DO TEMPLO

 

O feito de ter o templo non ofrece seguridade ós malvados

 

Capítulo 7

 

1Ordes que de parte de Deus recibiu Xeremías:

2‑Ponte de pé onda a porta do templo,

e proclama alí este discurso:

¡Escoitade a palabra do Señor,

todo Israel,

os que entrades por estas portas

para adorar o Señor!

3Así fala o Señor dos Exércitos,

Deus de Israel:

‑Mellorade o voso comportamento

e os vosos feitos,

e consentirei en que plantedes a tenda

neste sagrado.

4Non vos fiedes das palabras mentireiras

 que se repiten:

"Velaquí o templo do Señor,

o templo do Señor, o templo do Señor".

5Se mellorades a vosa conduta

e os vosos feitos,

se facedes xustiza

entre un home e o seu próximo,

6se non explotades o estranxeiro,

o orfo e a viúva,

se non vertedes sangue inocente

neste lugar santo,

e se non vos ides tras deuses alleos, para a vosa desgraza,

7eu morarei convosco neste lugar santo,

no país que lles dei a vosos pais

desde hai tanto tempo e para sempre.

8Fiádesvos, en cambio,

desas palabras mentireiras sen proveito.

9¿E logo non matades, roubades,

cometedes adulterios e xurades en falso?

¿Acaso non ofrendades incenso a Baal

e ides tras deuses alleos

que antes nin coñeciades?

10¡E aínda vides presentarvos

diante de min neste templo

no que se invoca o meu Nome,

e dicides: "Estamos salvados",

coa intención de seguir facendo

todas estas abominacións!

11¿Acaso é unha cova de bandidos

este templo,

onde se invoca en alto

o meu Nome ós vosos ollos?

Ollade que eu o estou vendo

‑é o Señor quen fala‑.

12Ide ó meu templo de Xiloh

onde nun principio

fixen morar o meu Nome

e mirade o que lle fixen

por causa da ruindade

do meu pobo Israel.

13Pois agora por facerdes vós todas esas maldades ‑é o Señor quen fala‑

e por non me escoitardes, a pesar dos meus oportunos e serios consellos,

e por non me responderdes,

aínda que vos berrei;

14por todo iso a este santuario,

no que se invoca o meu Nome,

no que vós poñedes a vosa confianza,

e a este templo que vos dei

a vós e a vosos pais,

eu fareille o mesmo

que antes lle fixen ó templo de Xiloh.

15Rexeitareivos da miña presenza,

o mesmo que rexeitei

a todos os vosos irmáns,

e a toda a descendencia de Efraím.

 

Oráculo para prohibirlle ó profeta a intercesión

 

16Ti, non intercedas por este pobo,

nin levantes por eles

súplica fervente nin oración,

pois non me atoparías;

eu non estou presente para escoitarte a ti.

17¿Acaso non estás vendo o que eles fan

nas cidades de Xudá

e nas rúas de Xerusalén?

18Os fillos xuntan os cangos,

e os pais préndenlles lume;

as mulleres fan a masa,

para lle faceren bicas á Raíña dos ceos;

ofrecen libacións a deuses alleos

para me anoxaren a min.

19¿Acaso é a min a quen anoxan?

‑é o Señor quen fala‑.

¿Non é máis ben a si mesmos

a quen deshonran,

para vergonza das súas caras?

20Por iso Iavé, o noso Señor Iavé,

fala deste xeito:

‑Ollade que a miña ira e a miña carraxe

 se van verter neste templo,

nos homes e nos gandos,

nas árbores do campo

e nos froitos da terra,

o meu noxo e a miña ira

arderán sen apagarse.

 

O culto, sen obediencia, non agrada ó Señor

 

21Así fala o Señor dos exércitos,

o Deus de Israel:

‑Engadide holocaustos ós vosos sacrificios:

comede a súa carne.

22Ollade que cando saquei os vosos pais do país de Exipto,

non lles falei, nin lles impuxen ningunha obrigación de holocaustos e de sacrificios,

23senón que foi este o precepto que lles impuxen:

"Escoitade a miña voz:

Eu serei o voso Deus,

e vós seredes o meu pobo;

camiñade polo vieiro que vos mando,

para que vos vaia ben".

24Pero non fixeron caso,

nin prestaron atención,

senón que se comportaron

conforme ós seus plans,

conforme á dureza do seu ruín corazón:

déronme as costas, e non a cara.

25Desde o día en que saíron de Exipto

os vosos pais ata hoxe,

estívenvos mandando

os meus servos, os profetas:

mandéivolos cedo e a tempo,

26pero non fixeron caso,

nin me prestan atención,

senón que endureceron a súa testa,

volvéndose peores cós seus pais.

27Xa lles podes repetir todo este discurso,

que non te escoitarán;

xa lles podes berrar,

que non che responderán.

28Haslles dicir: "Este é o pobo,

que non fixo caso da voz do Señor,

o seu Deus,

nin dá aprendido.

Perdeuse a fidelidade,

arrincáronllela da boca".

29Corta os cabelos da túa consagración

e bótaos fóra,

entoa unha elexía

ante os dous traveseiros da túa lareira,

porque o Señor refugou e abandonou,

enfadado, a xeración esta.

30Fixeron o mal á miña vista

os fillos de Xudá ‑é o Señor quen fala‑.

Profanaron con cousas abominables

o templo onde se invoca o meu Nome;

31ergueron os altares de Tófet,

no val de Ben Hinnom,

para queimar no lume

os seus fillos e fillas,

algo que nin eu mandei,

nin me pasou pola cabeza.

32Por isto, ollade que están chegando os días ‑é o Señor quen fala‑

nos que xa non se nomeará o Tófet, nin o val de Ben Hinnom:

chamarase o val da Morte, pois faranse enterramentos en Tófet, por falta de sepultura.

33Os cadáveres deste pobo serán carnaza,

para os paxaros do ceo e para as bestas da terra,

sen que ninguén os espante.

34Nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén,

farei calar os aturuxos de ledicia e os berros de felicidade,

os cantos do mozo e mais os da moza,

pois o país volverase un deserto.

 

Capítulo 8

 

1No tempo aquel

‑é o Señor quen fala‑

sacarán das súas sepulturas os ósos

dos reis de Xudá e dos seus príncipes,

os ósos dos sacerdotes e dos profetas,

e mais os ósos

dos habitantes de Xerusalén,

2estenderanos á luz do sol

e ó luar da noite,

e ó brillo de todas as estrelas do ceo,

ás que tanto quixeron,

ó servizo das que se puxeron,

tralas que camiñaron,

as que espreitaron e adoraron.

Os ósos non se xuntarán

nin serán enterrados,

servirán de esterco por riba da terra.

3A morte será preferible á vida

para todo o resto:

para os superviventes

desta caste perversa,

e para os de todos os lugares

a onde eu os expulso

‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑.

 

 

V. SERIE DE PEQUENAS UNIDADES LITERARIAS

 

Refugan converterse

 

4Haslles dicir:

‑Así fala o Señor: ¿Caen e non se erguen?

¿Apostata o pobo e non se converte?

5¿Por que apostata este pobo?

¿Por que Xerusalén se pon á fronte da apostasía?

Empéñanse en traizoarme,

refugan converterse.

6Prestei atención e escoitei:

falan o que non é,

non hai quen se arrepinta

da súa ruindade,

non hai quen diga: "¡Que fixen!".

Ollade: ninguén volve ó seu fervor,

como non dá volta o cabalo

lanzado á guerra.

7As cegoñas do ceo coñecen todas

o tempo da súa volta,

as rulas, as andoriñas e os grous

volven no seu tempo;

pero o meu pobo non recoñece

o mandato do Señor.

 

O rexeitaren a Palabra do Señor, a sabedoría e a Lei vólvense mentira

 

8¿Con que dereito dicides: "Somos sabios,

temos connosco a Lei do Señor?".

Ollade: vólvese mentira a realidade da Lei,

pois os seus peritos pregoan a falsidade.

9Avergónzanse os sabios,

espavorecen e caen prisioneiros.

¡Velaquí ,

rexeitaron a Palabra do  Señor!

¿Que clase de saber é o que teñen?

 

Oráculo de castigo contra os dirixentes

 

10Por isto entregarei as súas mulleres ós estranxeiros,

as súas tenzas ós conquistadores;

xa que do máis pequeno ata o máis grande consómense cobizando o alleo,

desde o profeta ata o sacerdote consómense facendo enganos.

11Queren curar a ruína do meu pobo

dun xeito fácil, dicíndolle:

"Paz, felicidade". Pero non hai paz.

12Que se avergoncen,

pois fixeron o abominable;

pero nin se avergonzan,

nin saben o que é a vergonza.

Por isto caerán cos que han caer;

cando eu lles pida contas, irán á ruína ‑é o Señor quen o di‑.

 

Elexía do círculo profético polo castigo contra Xerusalén

 

13Teño que facer neles a colleita ‑é o Señor quen fala‑:

non hai acios na viña

nin figos na figueira;

teñen as follas secas;

entregareinos e fareinos desaparecer.

14‑¿Que facemos nós aquí sentados?

Xuntémonos,

subamos ás cidades amuralladas,

fagamos loito alí

porque o Señor, noso Deus,

nolo manda facer;

mándanos beber as bágoas

dos nosos ollos,

xa que pecamos contra El.

15Esperamos confiados a paz,

e non hai ningún ben;

esperemos o tempo da cura,

e chega o terror.

16Desde Dan óese o rincho dos seus cabalos;

cos rinchos dos seus corceis

estremécese toda a capital;

entran e devoran

a capital e os seus moradores,

a cidade e mais os seus habitantes.

17‑Ollade: eu mando contra

vós serpentes velenosas,

para as que non hai encantamento posible,

senón que vos morderán

‑é o Señor quen fala‑.

 

Elexía do profeta pola deportación do ano 598/97

 

18‑Do meu fígado sobe a tristeza,

sobe do meu corazón o desacougo.

19Berros de socorro

para a filla do meu pobo

veñen da capital dos estranxeiros:

¿E logo non está o Señor en Sión?

¿Acaso non está alí o seu Rei?

¿Por que me aldraxaron cos seus ídolos,

coas vaidades do culto estranxeiro?

20Pasou a seitura, acabouse o verán,

pero nós non fomos salvados.

21Ando eu aflito pola angustia

da filla do meu pobo,

estou triste, o pavor atenázame.

22¿Non hai bálsamo en Galaad?

¿Non hai alí curandeiro?

¿Como é que non cerra

a ferida da filla do meu pobo?

23¡Quen lle dera bágoas ó meu rostro,

ós meus ollos unha fonte de bágoas!,

para chorar día e noite

as profanacións da filla do meu pobo.

 

Tentación de Xeremías de abandonar o pobo

 

Capítulo 9

 

1Quen me dera no deserto

unha pousada de arrieiros,

para deixar o meu pobo

e afastarme deles,

pois son todos uns adúlteros,

unha banda de traidores.

2Manexan coma un arco a súa lingua,

a mentira prevalece sobre a verdade,

e dominan o país,

pois dunha maldade pasan a outra,

pero e a min non me recoñecen

‑é o Señor quen fala‑.

3Gardádevos cada un do seu veciño,

non confíe ninguén no seu irmán,

pois todos os irmáns enganan

e todos os veciños calumnian.

4Os veciños adúlanse entre eles,

pero ninguén di a verdade;

adestran as súas linguas para a mentira,

cánsanse de cometer iniquidades.

5Devolven inxuria por inxuria,

traizón por traizón,

refugan recoñecerme a min

‑é o Señor quen fala‑.

6Por isto así fala o Señor dos Exércitos:

‑Ollade: eu heinos de castigar e probar.

¡Como os tratarei

diante da filla do meu pobo!

7A súa lingua é frecha mortífera,

cada un di traizóns coa súa boca,

e saúda coa "paz" ó seu veciño,

pero no seu corazón

estalle poñendo unha emboscada.

8Destas cousas ¿non lles vou pedir contas? ‑é o Señor quen fala‑;

dun pobo coma este

¿non vou eu tomar vinganza?

 

Elexía pola futura ruína do pobo

 

9Desde o alto dos montes entoarei

pranto e lamento,

desde as carpaceiras do descampado entoarei elexías,

pois mesmo os paxaros marcharon, fuxiron os animais.

10Converterei Xerusalén

nun montón de ruínas,

en cova de serpentes monstruosas,

arrasarei as cidades de Xudá;

non quedará un habitante.

11¿Quen é o sabio? ¿Quen entende disto?

¿A quen lle falou a boca do Señor? Que responda:

¿Por que se arruína o país? ¿Por que está feito unha desolación,

un deserto polo que ninguén pode pasar?

12Repuxo o Señor, o Altísimo:

‑Eles abandonaron a Lei,

que eu puxen ante os seus ollos,

non fixeron caso da miña voz,

nin camiñaron conforme ela;

13antes ben, seguiron a teima

do seu corazón,

seguiron tralos baales,

que seus pais lles aprenderan.

14Por isto así fala o Señor dos Exércitos,

o Deus de Israel:

‑Velaquí que eu lle hei dar a este pobo

o asente por comida,

heilles dar bágoas por bebida.

15Dispersareinos entre pobos

que nin eles nin seus pais coñeceron;

mandarei tras eles a espada,

de novo os destruirei.

 

Elexía pola ruína do pobo

 

16Así fala o Señor dos Exércitos:

‑Avisade, chamade ás carpideiras, ¡que veñan!

mandádelles recado polas mulleres máis sabias, ¡que veñan!

17Que veñan a toda présa

e entoen un pranto por nós,

que os nosos ollos se desfagan coas bágoas,

que as nosas pálpebras chorreen auga.

18Escóitase o canto dunha elexía desde Sión:

"¡Que arruinados estamos!

¡Que vergonza tremenda para nós!

Velaquí , temos que deixar o país, bótannos dos nosos lares".

19Escoitade, mulleres, a palabra de Deus,

achegade o oído ás palabras da súa boca,

aprendédelles ás vosas fillas

un canto de loito,

cada unha apréndalle á súa veciña

o pranto.

20Subiu a Morte polas nosas fiestras, entrou nas nosas torres,

para arrincar os rapaces das rúas,

e os mozos das prazas.

21Cantade así ‑é o Señor quen fala‑:

‑Hai un estrume de cadáveres de homes,

coma o esterco na herdade,

coma os monllos detrás dos segadores;

non hai quen os recolla.

 

A soberbia humana e a estima do Señor

 

22Así fala o Señor:

‑Que non se ensoberbeza o sabio da súa sabedoría,

que non se ensoberbeza o forzudo da súa forza,

que non se ensoberbeza o rico da súa riqueza.

23Se alguén se quere ensoberbecer, que se ensoberbeza disto:

de apreciarme e terme en estima a min,

pois eu son o Señor que obra a misericordia,

e exerce o xuízo e a xustiza na terra.

Nestes é en quen eu me comprazo ‑é o Señor quen fala‑.

24Mirade: están chegando os días

‑é o Señor quen fala‑

nos que lles pedirei contas a todos os circuncisos das súas impurezas,

25a Exipto, a Xudá e a Edom, ós amonitas e a Moab,

a todos os que teñen a cabeza rapada polos lados e viven no deserto,

(pois todos estes pobos son incircuncisos,

pero todo Israel ten sen circuncidar o corazón).

 

Capítulo 10

 

1Escoitade as palabras que vos di o Señor, casa de Israel:

2Así fala o Señor;

‑Non aprendades o comportamento dos xentís,

non lles teñades medo ós sinais do ceo;

os xentís si que lles teñen medo.

3A relixión dos xentís: ¡que cousa baleira!

Cortan unha árbore na bouza, trabállana con gubia as mans dun artista,

4adórnana con prata e con ouro, asegúrana con cravos e martelo,

para que non se mova.

5Fan abominacións na súa presenza,

pero eses deuses

non responden co castigo;

levántanos, pero non camiñan;

non lles teñades medo,

porque non fan mal,

e tampouco nada lles fai ben.

6O seu aniquilador es ti, Señor,

ti es grande, e grande é o teu Nome.

Polo teu poder 7¿quen non te respectará a ti, Rei dos xentís?

¡Que ben che acae o teu poder!

Entre os sabios dos xentís

e entre todos os reis,

¿que aniquilador hai coma ti?

8Son todos necios e aparvados;

insensatos ós que congrega unha madeira.

9Traen follas de prata de Tárxix,

e ouro de Ofir

traballo de artistas,

mans de fundidor,

vestidos de púrpura violeta

e púrpura vermella,

todos eles obra de expertos.

 

10En troques, Iavé é o Deus da firmeza,

El é o Deus da vida eterna,

o Rei eterno;

coa súa ira estremécese a terra,

os pobos non son capaces

de aguantar o seu noxo.

11Por iso habédeslles dicir:

"Os deuses que non fixeron o ceo

nin a terra

desaparecerán da terra

e de debaixo do ceo".

 

12Fixo a terra co seu poder,

fixo existir os campos coa súa sabedoría,

e coa súa intelixencia estendeu o ceo.

13Dá el un berro, e retumban

as augas no ceo,

fai subir as nubes desde o cabo da terra,

fai que os lóstregos se volvan chuvia

e fai saír das súas arcas o vento.

14Queda abraiado todo home

polo que está vendo,

todo fundidor se avergonza

dos seus ídolos,

pois as súas imaxes son mentira,

non teñen espírito en si,

15son unha cousa va,

produto dunha burla,

perecerán o día que se lles pidan contas.

16Non é coma elas o Deus

que lle tocou a Xacob,

pois El é o creador de todo:

Israel é a tribo da súa herdanza.

O seu nome é Señor dos Exércitos.

 

Lamentación e oración no momento do asedio

 

17Xunta xente na cidade humillada,

pois vivirás no asedio.

18Así fala o Señor:

‑Velaquí que esta vez tirareilles pedras ós habitantes da cidade,

farei que os cerquen ata que os collan.

19¡Ai de min! Quebranto é a miña paga,

a ferida é a miña herdanza.

Mais dixen para min: coidarei a ferida,

soportareina.

20A miña tenda está destruída,

todas as súas cordas están arrincadas,

os meus fillos escaparon de min,

e xa non existen;

non hai quen estenda de novo

a miña tenda,

quen erga as miñas lonas.

21‑Velaquí os pastores: están parvos,

xa non buscan a Deus,

por isto non dan tino,

e todo o seu rabaño anda disperso.

22Velaquí: está chegando

o ruído que oístes,

o grande boureo desde o país do Norte,

para converter en desolación

as cidades de Xudá,

en escondedoiro de serpentes.

23Xa sei, Señor, que o home

non é dono do seu camiñar,

e que ninguén é capaz de marchar

e asegurar os seus pasos.

24Corríxeme, Señor, pero con xeito,

non con ira; se non, vólvesme á nada.

25Desafoga a túa ira contra os pobos

que non te recoñecen,

contra as tribos

que non invocan o teu Nome;

pois quixeron devorar a Xacob,

devoralo e facelo desaparecer,

e esnaquizaron os seus lares.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com