Capítulos 11-15

Xeremías, portavoz e defensor da Alianza

 

Capítulo 11

 

1Palabra que de parte do Señor recibiu Xeremías:

2‑Escoitade os termos desta alianza,

proclamádeos a cada un dos xudeus,

e ós habitantes de Xerusalén.

3Haslles dicir:

‑Así fala o Señor, o Deus de Israel:

Maldito o home que non fai caso

dos termos desta alianza,

4que eu mandei a vosos pais,

o día en que os saquei do país de Exipto,

dun forno de fundir ferro, dicíndolles:

"Facédelle caso á miña voz, e poñede por obra o que vos indico;

conforme a todo o que vos mandei:

así seredes para min o meu pobo,

e eu serei para vós o voso Deus".

5Deste xeito cumprirei a promesa que con xuramento fixen a vosos pais,

de darlles para eles a terra que deita leite e mel, coma o día de hoxe.

E eu repuxen dicindo:

‑De acordo, Señor.

6Logo o Señor díxome:

‑Proclama todas estas palabras nas cidades de Xudá,

e nas rúas de Xerusalén, dicíndolles:

"Facédelles caso ós termos desta alianza e poñede por obra o que vos indico.

7Ben llelo declarei solemnemente ós vosos pais,

desde o día en que os fixen subir do país de Exipto e ata o día de hoxe

encargándolles e recomendándolles

que me escoiten.

8Pero non me escoitaron

nin me fixeron caso,

senón que cada un seguiu as apetencias

do seu corazón ruín.

Por isto eu trouxen contra eles

todas as maldicións desta alianza,

que lles mandei poñer por obra

e non puxeron".

9Díxome o Señor:

‑Hai confabulación contra min entre cada un dos xudeus e dos habitantes de Xerusalén. 10Volveron ás iniquidades dos seus pais, que refugaron facer caso ás miñas palabras. Fóronse tras deuses alleos para lles daren culto. O reino de Xudá e mais o reino de Israel romperon a miña alianza, a que eu fixen cos seus devanceiros.

11Por isto así fala o Señor:

‑Velaquí que eu mandarei contra eles un desastre do que non serán capaces de fuxir;

a gritos pediranme axuda, pero eu non os hei escoitar.

12Entón as cidades de Xudá e mais os habitantes de Xerusalén irán pedir axuda ós deuses, ós que ofrendaron sacrificios de incenso; pero eses deuses non serán capaces de salvalos da súa situación de desastre.

13Velaquí o número das túas cidades: ese é tamén o número dos teus deuses, Xudá; segundo o número das rúas de Xerusalén, así erguestes altares das vergonzas, para ofrecer sacrificios de incenso a Baal.

14E ti non intercedas en favor deste pobo,

nin eleves clamores nin oracións en favor deles.

Sabe que non serei eu quen faga caso,

cando ti clames a min en favor deles,

mentres siga a súa ruindade.

15¿Que fai a miña amiga no meu templo?

¿Cumprir os seus propósitos?

¿Acaso a graxa e mais a carne sacrificada farán desaparecer as túas débedas?

Mira o mal que fixeches.

¡Valo celebrar entón con solemnidade!

16"Oliveira frondosa e bonita,

froito que brilla";

chamouche Deus con ese nome,

anuncio dun pobo grande.

O lume prende na súa follaxe,

e rómpense as ramas.

17O Señor dos Exércitos que te plantou,

anuncia contra ti unha calamidade,

por causa da maldade do reino de Israel

e do reino de Xudá,

maldade que fixeron contra si mesmos;

si, anoxáronme a min

ofrecéndolle o incenso a Baal.

 

 

SIMBOLISMO TEOLÓXICO DA CONFABULACIÓN CONTRA XEREMÍAS

 

1. O Señor descóbrelle ó profeta a confabulación contra el

 

18O Señor mostroumo, e entón comprendino, fíxome ver os seus feitos.

19Eu era coma año manso levado á morte,

e non me daba conta de que tramaban maquinacións contra min:

"Cortemos a árbore no seu vigor,

arrinquémola da súa terra vital,

que non se lembre o seu nome endexamais".

20Señor dos Exércitos,

ti que xulgas con xustiza,

ti que pós á proba as entrañas

e mais o corazón;

que eu vexa a vinganza

que ti tomas contra eles,

pois a ti che confiei o meu preito.

21Por isto, así fala o Señor

contra os homes de Anatot:

‑Estes están buscando matarte dicíndoche:

"Deixa de profetizar

no nome do Señor dos Exércitos,

e así non morrerás nas nosas mans".

22Por isto así fala o Señor dos Exércitos:

‑Sabédeo: eu voulles pedir contas:

os mozos morrerán a espada,

os seus fillos e fillas morrerán de fame;

23deles non quedará nin resto,

pois heilles mandar unha desgraza

ós homes de Anatot,

o ano en que lles pida as contas.

 

2. Cuestións do profeta sobre o éxito dos malvados

 

Capítulo 12

 

1Señor, se eu che poño preito,

ti tes sempre razón,

pero quero expoñerche unhas cuestións:

¿Por que ten éxito o comportamento dos malvados?

¿Por que viven tranquilos todos os traidores?

2Ti plántalos, e eles botan raíces,

medran e dan froitos;

ti estás preto dos seus labios,

pero lonxe dos seus sentimentos.

3En troques, ti coñécesme ben,

estasme vendo,

ti pescudas a miña actitude contigo.

Ponos á parte

coma cordeiros para a matanza.

Sepáraos para o día da desfeita.

4¿Cánto tempo aínda estará en tristura a cidade

e as herbiñas de todos os campos requeimados?

Pola ruindade dos seus habitantes

a cidade está privada de gando e de paxaros,

pois din: o Señor non pode ver a nosa fin.

5Se correndo cos soldados de infantería, eles véncente,

¿como vas competir cos de cabalería?

Se nunha cidade tranquila vives confiado,

¿como te comportarías no alto do Xordán?

6Pois velaquí a razón: o teu irmán e mais a familia do teu pai

traizóante abertamente,

a gritos chaman tras ti, si, a gritos.

Non te fíes deles, aínda que che dean boas palabras.

 

Resposta a "¿canto tempo aínda?"

 

7Abandonei a miña casa,

deixei a miña herdanza,

entreguei o amor da miña vida

na man dos seus inimigos.

8A miña herdanza volveuse para min coma unha leoa na selva,

que lanza contra min o seu brado,

por isto renego dela.

9A miña herdanza volveuse para min un paxaro pinto,

outros paxaros andan  arredor contra ela:

Vinde, xuntádevos todas as feras do monte,

traede a alguén que devore.

10Moitos pastores arruinaron a miña viña,

triparon a miña parte,

converteron a parte dos meus amores nun ermo estragado;

11fixérona un estrago lamentable;

contra min é o estrago.

Todo o país está estragado,

ninguén o ten en consideración.

12Por todos os outeiros do deserto viñeron os saqueadores:

pois a espada de Deus devora

dunha punta á outra do país,

non hai paz para ningún dos vivos.

13Sementaron trigo e recolleron cardos,

cansaron e non sacan proveito,

avergónzanse da colleita:

amoreouse o furor da ira do Señor.

 

A promesa salvífica para Israel segue en pé se ten fe no Señor

 

14Así fala o Señor Altísimo:

‑En canto ós ruíns, veciños que atacaron a miña herdanza,

a que eu lle dei ó meu pobo Israel.

eu mesmo os arrincarei das súas terras,

e á casa de Israel arrincareina do medio deles,

15e despois de arrincalos, volverei a compadecerme deles

e farei volver a cada un

á súa herdanza e á súa terra.

16E sucederá que se aprenden ben a se comportar coma o meu pobo,

xurando polo meu Nome, ¡vive o Señor!, igual que eles lle ensinaron ó meu pobo a xurar por Baal,

entón serán constituídos en pobo meu.

17Pero se non fan caso hei de arrincar e destruír este pobo ‑é o Señor quen fala‑.

 

Xesto simbólico da faixa que podrece: corrupción total do pobo

 

Capítulo 13

 

1Así me dixo o Señor:

‑Vai mercar unha faixa de liño, e pona sobre os cadrís;

pero na auga non a metas.

2Eu merquei a faixa, conforme o mandato do Señor, e cinguín con ela os cadrís.

3Volveu de segundas falarme o Señor:

4‑Colle a faixa que mercaches, a que tes sobre os cadrís; colle o camiño do Éufrates e esconde alí a faixa na fendedura dunha pena.

5Eu fun, e escondina no Éufrates conforme o Señor me mandou.

6E ó cabo de moito tempo díxome o Señor:

‑Colle o camiño do Éufrates e recolle alí a faixa no lugar onde cha mandei esconder; 7eu fun ó Éufrates, cavei un pouco e recollín a faixa no lugar onde a escondera: a faixa estaba podre, non servía para nada.

8Veume de novo a palabra do Señor nestes termos:

9‑Así fala o Señor:

Do mesmo xeito farei podrecer a gloria de Xudá,

e a grande gloria de Xerusalén.

10Este pobo malvado que non quere escoitar as miñas palabras,

que se comporta segundo os antollos do seu corazón,

e que vai tras deuses alleos para lles dar culto e os adorar,

será coma esa faixa que xa non serve para nada.

11Así como a faixa cingue os cadrís, así quixen eu cinguirme de Israel e coa casa toda de Xudá, de xeito que fose o meu pobo, o meu renome, a causa da miña loanza e da miña gloria; pero non me fixeron caso.

 

Os dirixentes son pelellos cheos da ira do Señor

 

12Haslles anunciar este oráculo:

‑Así fala o Señor, o Deus de Israel: "Todos os pelellos han de se encher de viño". E responderanche: "¿Acaso non o sabemos de abondo, que todos os pelellos se han encher de viño?". 13Ti responderaslles: "Así fala o Señor:

Ollade: eu estou enchendo de viño da borracheira

a todos os habitantes deste país:

ós reis, sucesores de David, que sentan no seu trono;

ós sacerdotes e ós profetas,

e mais a todos os habitantes de Xerusalén.

14Hei facer que os escachicen,

cada un contra o seu irmán,

os pais e mais os fillos volveranse agresivos ‑é o Señor quen fala‑,

xa non teño compaixón nin sinto mágoa

nin me compadezo de acabar con eles".

 

Exhortación á debida adoración ó Señor, baixo a ameaza do desterro

 

15Oíde, escoitade, non sexades soberbios,

que é o Señor quen fala:

16Dádelle ó Señor, o voso Deus, a debida adoración,

antes de que apareza a escuridade,

antes de que tropecen os vosos pés

contra os montes das sombras;

vós esperades con ansia a luz do nacente,

e velaí a escuridade mortífera que se volve espesa nube.

17Se non lle facedes caso, eu chorarei ás agachadas,

por causa da vosa soberbia correrán as miñas bágoas,

bágoas baixarán dos meus ollos,

xa que vai cativo o rabaño do Señor.

 

Exhortación ó rei e á raíña nai

 

18Dilles ó rei e á raíña:

‑Humilládevos, sentádevos no chan,

pois está caendo das vosas cabezas

a coroa da vosa gloria.

19As cidades do sur están pechadas xa,

e non hai quen as abra;

levan a Xudá ó desterro, a todo el,

depórtano en masa.

 

Interpretacións teolóxicas da historia daquel momento

 

20Levanta os teus ollos,

olla para os que veñen do norte.

¿Onde están as ovellas que se che deron,

o rabaño da túa gloria?

21¿Que dirás cando che pidan contas das túas débedas?

Ti xa lles ensinaches a túa débeda:

dúas mil moedas por cabeza.

¿Acaso non che van quitar os rabaños?

¿Como é que te desesperas

por culpa da débeda?

22¿E como é que non pensas

para os teus adentros:

"Por que berran estes comigo"?

Polos teus moitos pecados

levántanche as faldras,

tratan con violencia os teus calcañares.

23¿Poderá cambiar a súa pel o etíope?

O leopardo ¿poderá cambiar a súa pelaxe pintada?

O mesmo vós, ¿seredes capaces de obrar ben, estando afeitos á ruindade?

24Pois eu esparexereinos coma a palla,

que desaparece co vento do deserto.

25Esta será a túa sorte,

a paga que recibes da miña parte polas túas mans ‑é o Señor quen fala‑.

A ti que me deixaches a min a un lado

e confiaches na mentira,

26tamén eu che levantarei

as faldras ata a túa cara,

para que se vexan as túas vergonzas,

27os teus adulterios,

os teus rinchos de luxuria,

os proxectos da túa fornicación.

Nos outeiros do campo

vin as túas abominacións.

¡Ai de ti, Xerusalén,

que non queres purificarte!

¡Apuras a túa morte eterna!

 

A gran seca

 

Capítulo 14

 

1Palabras do Señor que lle viñeron a Xeremías acerca do asunto da seca:

Súplica de lamentación colectiva

2Xudá morre de sede,

os gardas das súas portas están esmorecidos,

viven entre escuridades no país,

soben os clamores de Xerusalén.

3Os máis grandes de entre eles mandan ós seus rapaces por auga,

van ata os pozos, non atopan auga,

traen de volta as súas olas baleiras,

están avergonzados e confundidos,

pola burla cobren a cabeza.

4Cando se atravesan as terras,

estas son algo terrible,

pois non hai chuvia no país.

Están avergonzados os labregos que labraron,

cobren a cabeza.

5Velaquí que tamén a corza pariu na camposa

e deixou abandonada a súa cría,

pois  non hai herba verde.

6Os burros do monte páranse nos altos,

ventan o aire coma os chacais,

teñen os ollos cansos,

pois non hai herba verde.

7As nosas iniquidades falan contra nós;

Señor, actúa por mor do teu Nome;

certo que son moitas as nosas perversidades,

ofendémoste a ti, 8Esperanza de Israel, Saúde no momento da angustia.

¿Por que es ti coma un forasteiro no país,

coma o que vai de viaxe e se aparta do camiño para pasar a noite?

9¿Por que es coma un que se retira,

coma un soldado que non é capaz de salvar?

Pero ti, Señor, estás entre nós,

e o teu Nome invócase sobre nós,

non nos abandones.

 

Resposta divina para o pobo

 

10O Señor respóndelle así a este pobo:

‑¡Ben que lles gustou ir en romaría,

non lles aforraron traballos ás pernas!

Pero o Señor non os ollou con amor.

Agora acórdase das súas iniquidades,

pídelles contas dos seus pecados.

11E o Señor díxome a min:

 

Resposta divina ó profeta

 

‑Non intercedas por este pobo para o seu ben,

12aínda que xaxúen,

non serei eu quen escoite a súa clamorosa súplica;

aínda que ofrezan holocaustos e ofrendas,

non serei eu quen se lles mostre favorable,

senón que acabarei con eles pola espada,

a fame e a peste.

13E eu repuxen:

 

Consulta de Xeremías acerca da mensaxe dos falsos profetas

 

‑¡Ai, meu Señor Iavé!

Velaquí o que lles anuncian os profetas:

Non habedes ver a espada, nin pasaredes fame,

é a paz o que vos hei dar neste lugar santo.

14Volveume dicir o Señor:

 

Resposta divina contra os falsos profetas e o pobo

 

‑É mentira o que os profetas profetizan no meu Nome:

Eu nin os mandei, nin lles dei ordes,

nin lles falei;

o que eles lles profetizan son falsas visións e adiviñanzas,

ouveos e pantasmas da súa mente.

15Por isto, así fala o Señor Altísimo:

‑Os profetas que profetizan no meu Nome,

sen que eu os teña mandado,

os que din: "nin espada nin fame haberá neste país",

eses profetas pola espada e pola fame acabarán.

16E o pobo ó que eles profetizan,

xacerá pisado nas rúas de Xerusalén,

por causa da fame e da espada,

e non terán quen lles dea sepultura

a eles, ás súas mulleres, ós seus fillos e ás súas fillas;

deste xeito farei vir sobre eles a súa ruindade.

 

Nova súplica de lamentación colectiva

 

17Proclámalles este oráculo:

‑Os meus ollos chorrean bágoas,

¡de día e de noite moito choran!

pois a Mociña, a filla do meu pobo, arruinouse cun enorme desastre,

está completamente deshonrada cunha grande ferida.

18Saio ó campo e velaquí:

asasinados a espada;

entro na cidade e velaquí:

esmorecidos coa fame.

Olla para o sacerdote e para o profeta:

andan á deriva polo país e nin conta se dan.

19¿Refugaches definitivamente a Xudá?

¿Tes noxo de Sión?

¿Por que nos feriches e non hai remedio para nós?

¿Por que se está á espera da paz, e non hai cousa boa,

e no momento do remedio se presenta o terror?

20Señor, recoñecemos a nosa impiedade,

a iniquidade dos nosos devanceiros,

pois temos pecado contra ti.

21Por mor do teu Nome, non rexeites,

non trates a golpes o trono da túa gloria;

fai memoria e non rompas a túa alianza connosco.

22¿Acaso hai entre os deuses inútiles dos pagáns algún que poida dar a chuvia?

¿Acaso é o ceo quen dá as chuvias benfeitoras?

¿Acaso non es ti, o Señor, noso Deus?

En ti poñemos a nosa esperanza,

pois ti sempre nos deches todo isto.

 

Resposta final do Señor

 

Capítulo 15

 

1Díxome o Señor:

‑Aínda que Moisés e Samuel intercedesen ante min,

eu non estaría por este pobo.

Bótaos fóra da miña presenza, que se vaian.

2E se che preguntan: "¿A onde imos?", dilles:

Así fala o Señor:

o que está destinado á morte irá á morte,

o que está destinado á espada, irá á espada,

o que está destinado á fame, irá á fame;

o que está destinado á catividade, irá á catividade.

3Póñolles de verdugos para eles catro tipos de castigo ‑é o Señor quen fala‑:

A espada para matar,

os cans para arrastrar polo chan,

os paxaros do ceo e os animais de debaixo da terra

para devorar e destruír.

4Heinos converter en algo que faga estremecer todos os reinos da terra,

por causa de Menaxés, fillo de Ezequías, rei de Xudá,

polo que el fixo en Xerusalén.

 

Interpretación profética da capitulación do 598/7

 

5Olla, Xerusalén, ¿quen vai ter compaixón de ti?

¿Quen te consolará?

¿Quen fará unha viaxe para preguntarche como vas?

6Ti refugáchesme a min

‑é o Señor quen fala‑,

recuaches para atrás;

e eu estendín a miña man contra ti para destruírte,

estaba canso de ter compaixón.

7Erguinos coma o trigo coa forquita da limpa, nas portas da capital;

deixei sen fillos e destruín o meu pobo,

pois do seu comportamento non se arrepentían.

8Multipliquei as súas viúvas

máis cá area do mar,

fixen vir sobre eles a débeda de súa nai,

o soldado que destrúe ó mediodía.

Fixen caer de repente sobre elas

a súa débeda,

o pavor e mais o terror.

9Desfaleceu a que podía parir sete veces,

expirou a súa vida;

púxose o sol para os seus días,

morreu de vergonza e confusión.

E o resto deles heino entregar á espada,

na presenza dos seus inimigos ‑é o Señor quen fala‑.

 

Crise vocacional do profeta. Oración e confirmación na súa vocación

 

10¡Ai de min, miña nai tróuxome ó mundo para ser home de preitos,

home de litixios contra todo o país!

Nin prestei nin me prestaron,

pero todos eles me maldín.

11Pois falan: "Señor, ¡eu sírvote fielmente,

eu non te ofendo!:

a calamidade encherá de terror o inimigo, invadirao a angustia".

12Pero acaso ¿vai quebrar o ferro, o ferro que vén do norte, ou o bronce?

13As túas posesións e mais os teus tesouros dounos ó saqueo,

dounos de balde, por culpa de todos os teus pecados en todas as túas montañas.

14Eu fareite pasar ó poder dos teus inimigos,

a un país que ti non coñeces,

pois o lume inflamou a miña ira,

pola vosa causa segue ardendo.

15Ti ben o sabes:

Señor, lémbrate de min e faime xustiza,

víngame dos que me perseguen.

Revístete da túa paciencia, cólleme coma cousa túa,

sabe que eu por ti aguanto inxurias.

16Cando había palabras túas, eu devorábaas,

as túas palabras eran para min unha alegría,

e a ledicia do meu corazón;

olla que Ti mesmo invocaches o teu Nome sobre min,

Señor Deus dos Exércitos.

17Eu non me sentei na xuntanza dos que o pasan ben nin me alegrei,

senón que, pola presenza do teu poder,

sentei senlleiro, pois enchérasme da túa ira.

18¿Por que se volve crónica a miña dor?

¿E por que a miña dolorosa ferida se resiste a curar?

A ferida si que se volveu para min coma un regueiro enganoso,

coma a auga que non é segura.

19Por isto así fala o Señor:

‑Se volves, eu fareite volver a min,

estarás comigo na miña presenza;

se apartas o que é correcto do que é baixo,

ti serás a miña boca.

Que volvan eles a ti, pero ti non volvas a eles.

20Eu constitúote a ti en muralla de bronce indestrutible para este pobo:

loitarán contra ti pero non te       poderán.

Eu estou contigo para salvarte e librarte ‑é o Señor quen fala‑.

21Heite librar das mans dos malvados,

heite rescatar do puño dos opresores.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com