Capítulos 41-45

Asasinato de Guedalías polo príncipe davídico Ismael

 

Capítulo 41

 

1No sétimo mes, Ismael, fillo de Netanías, fillo de Elixamá, de raza rexia e un dos xefes do rei, veu con dez homes onda Guedalías, fillo de Ahicam, a Mispah; e, mentres comían xuntos en Mispah, 2levantáronse Ismael, fillo de Netanías, e os dez homes que estaban con el, e golpearon coa espada a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, e déronlle morte a quen o rei de Babilonia constituíra gobernador do país. 3E a todos os xudeus que estaban con el, con Guedalías, en Mispah, e a todos os caldeos que se atopaban alí, os homes de guerra, tamén os matou Ismael.

4Dous días despois de matar a Guedalías, aínda ninguén sabía nada, 5e uns homes de Xequem, de Xiloh e de Samaría, uns oitenta, cada un coa barba rapada, cos seus vestidos rachados, e con incisións rituais, viñan traendo ofrendas e incenso nas súas mans para o templo do Señor. 6Ismael, fillo de Netanías, saíu de Mispah ó seu encontro, chorando mentres camiñaba. Cando se xuntou con eles, díxolles:

‑Vinde onda Guedalías, fillo de Ahicam.

7Cando chegaron ó centro da cidade Ismael, fillo de Netanías, fíxoos espertar da éxtase e botounos ó fondo do pozo, axudado polos homes que estaban con el. 8Pero dez homes, que se atopaban entre eles, dixéronlle a Ismael:

‑Non nos mates, pois temos riquezas escondidas no campo: trigo, cebada, aceite e mel.

E el deixounos, e non os matou coma a seus irmáns.

9O pozo onde Ismael botou todos os cadáveres dos homes que matou con Guedalías, foi o pozo que fixo o rei Asá por medo a Baxá, rei de Israel. Ismael, fillo de Netanías, encheuno de cadáveres.

 

Iohanán libera os cativos de Mispah que Ismael quere pasar a Amón

 

10Ismael levou cativos a todo o resto do pobo que estaba en Mispah, ás princesas e a todo o pobo que alí quedaba, e que Nebuzardán, xefe da garda persoal, confiara ó goberno de Guedalías, fillo de Ahicam. Ismael, fillo de Netanías, levounos cativos e marchou coa idea de pasarse ós amonitas.

11Cando Iohanán, fillo de Caréah, e todos os capitáns das tropas que estaban con el, oíron todo o mal que fixera Ismael, fillo de Netanías, 12colleron a todos os homes e foron loitar contra Ismael, fillo de Netanías, e alcanzárono xunto á grande lagoa que hai en Gabaón. 13Así que todo o pobo que estaba con Ismael viu a Iohanán, fillo de Caréah, e a todos os capitáns das tropas que estaban con el, encheuse de alegría. 14E todo o pobo que Ismael levaba cativo desde Mispah deu media volta, e, cambiando de dirección, pasouse a Iohanán, fillo de Caréah. 15Ismael, fillo de Netanías, escapou con oito homes do alcance de Iohanán, e foise xunto ós amonitas. 16Entón Iohanán, fillo de Caréah, e todos os capitáns das tropas que estaban con el, recolleron a todo o resto do pobo, oriundo de Mispah, que trouxeran de xunto a Ismael, fillo de Netanías, despois que este matara a Guedalías, fillo de Ahicam: homes valentes, homes de guerra, mulleres, meniños e eunucos, foi o que trouxeron de Gabaón; 17puxéronse ó camiño e pararon nun refuxio de perseguidos que hai ó lado de Belén, para logo continuar o camiño e penetrar en Exipto, 18lonxe da presenza dos caldeos, pois tíñanlles medo, xa que Ismael, fillo de Netanías, matara a Guedalías, fillo de Ahicam, a quen o rei de Babilonia constituíra gobernador do país.

 

Súplica xuramentada, dirixida a Xeremías

 

Capítulo 42

 

1Entón todos os xenerais das tropas, en especial Iohanán, fillo de Caréah, e Iezanías, fillo de Hoxaías, e todo o pobo desde o máis pequeno ata o máis grande, achegáronse 2a Xeremías, o profeta, para lle dicir:

‑Que a nosa súplica sexa ben recibida por ti; reza por nós ó Señor, o teu Deus, por este resto, pois de moitos quedamos uns poucos, como os teus ollos están a ver. 3Que o Señor, o teu Deus, nos mostre o camiño que temos que seguir, e as cousas que debemos facer.

4Entón Xeremías, o profeta, repúxolles:

‑De acordo. Vou interceder ante o Señor, o voso Deus, de acordo coas vosas súplicas, e todo canto o Señor vos responda, héivolo de comunicar; non vos gardarei oculto nada.

5E eles dixéronlle a Xeremías:

‑Que o Señor sirva de testemuña verdadeiro e fiel contra nós, se nós obramos conforme a todas as palabras que o Señor, o teu Deus, che comunique a ti para nós: 6Sexa favorable ou desfavorable, farémoslle caso á voz do Señor, noso Deus, o digno de confianza a quen nós te mandamos, para que a sorte nos sexa boa. De certo, farémoslle caso á voz do Señor, o noso Deus.

 

Oráculos de resposta profética

 

7E ó cabo de dez días veulle a palabra do Señor a Xeremías, 8quen chamou a Iohanán, fillo de Caréah e a todos os xenerais das tropas que estaban con el e a todo o pobo desde o máis pequeno ata o máis grande, 9e díxolles:

‑Así fala o Señor, Deus de Israel, a quen vós me mandastes presentarlle a vosa súplica:

10Se volvedes a habitar neste país,

eu construireivos e non vos destruirei,

plantareivos e non vos arrincarei;

¡Moito sinto o mal que vos fixen!

11Non lle teñades medo ó rei de Babilonia,

a quen agora estades temendo;

non lle teñades medo ‑é o Señor quen fala‑:

vede: eu estou convosco

para salvarvos e para librarvos da súa man.

12Infundireille misericordia para con vós e compadecerase de vós e deixaravos habitar na vosa terra.

13Pero vós estades a dicir: "Non viviremos neste país" ‑desobedecendo a voz do Señor, o voso Deus. 14Isto é que dicides: Resistamos, pois iremos ó país de Exipto,

onde nin veremos a guerra, nin escoitaremos a voz da trompeta, nin pasaremos fame de pan e onde viviremos". 15Por iso, escoitade agora a palabra do Señor, resto de Xudá:

Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

se vós vos empeñades en ir a Exipto,

e se ides para habitar alí,

16a espada da que vós tendes medo estará alí,

alcanzaravos a vós no país de Exipto;

e a fame, que tanto medo vos dá,

perseguiravos deica Exipto, e morreredes alí.

17Alí estarán todos os homes que decidiron marchar a Exipto,

para viviren alí,

morrerán pola espada, de fame e de peste,

e non quedará deles supervivente,

nin escapado da presenza do desastre que eu mandarei contra eles.

18Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

O mesmo que a miña ira e o meu noxo se verteron

sobre os habitantes de Xerusalén,

así tamén se verterá a miña ira sobre vós,

cando entredes en Exipto;

serviredes de fórmula de imprecación

e de exemplo de desolación, de maldición e de inxuria,

e non volveredes a ver este lugar.

19O Señor divos a vós, resto de Xudá:

Non vaiades a Exipto.

Que vos quede ben sabido, que eu me converto hoxe en testemuña contra vós.

20Certamente fun enganado por vós mesmos, pois mandástesme onda o Señor, o voso Deus, dicindo: "Intercede por nós ante o Señor, o noso Deus, e todo canto o Señor o noso Deus che diga, móstranolo, que o faremos". 21Mostréivolo hoxe, pero vós non lle facedes caso nin á voz do Señor, o voso Deus, nin a todo o que el mandou dicirvos. 22Pois agora tende ben sabido que morreredes pola espada, de fame e de peste no lugar a onde quixestes ir vivir.

 

Marcha cara a Exipto en aberta desobediencia ós oráculos proféticos

 

Capítulo 43

 

1Cando Xeremías acabou de anunciar ó pobo enteiro todas as palabras do Señor, o seu Deus, porque o Señor o seu Deus o mandara a xunto deles con todas as devanditas palabras, 2Azarías, fillo de Hoxaías, e Iohanán, fillo de Caréah e todos os homes soberbios tomaron a palabra para lle dicir a Xeremías:

‑Ti estasnos comunicando mentiras. O Señor o noso Deus non mandou que digas: "Non entredes a Exipto para vivirdes alí", 3senón que Baruc, fillo de Nerías está a incitarte contra nós, a fin de que ti nos entregues ó poder dos caldeos, para que nos maten ou nos deporten a Babilonia.

4E deste xeito nin Iohanán, fillo de Caréah, nin ningún dos xenerais da tropa, nin ninguén do pobo lle fixo caso á orde do Señor de continuar vivindo no país de Xudá; 5senón que Iohanán, fillo de Caréah e todos os xenerais da tropa, puxéronse a fronte de todo o resto de Xudá que volvera a vivir no país de Xudá de entre todos os pobos a onde se dispersara: 6os homes e as mulleres, os meniños e as princesas e todos cantos Nebuzardán, xefe da garda persoal, confiara ó coidado de Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, e tamén o profeta Xeremías e Baruc, fillo de Nerías; 7e marcharon ó país de Exipto, pois non lle fixeron caso á voz do Señor, senón que chegaron ata Tafnes.

 

Acción simbólica e oráculo: invasión de Exipto por Nabucodonosor

 

8En Tafnes veulle a palabra do Señor a Xeremías nestes termos:

9‑Na presenza dalgúns xudeus colle coas túas mans unhas pedras grandes e entérraas no barro que hai na telleira que se atopa en Tafnes á entrada do palacio do Faraón, 10e dilles: Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Vou mandar buscar a Nabucodonosor, rei de Babilonia, o meu servo, e poñerei o seu trono enriba destas pedras que enterrei, e el estenderá sobre elas o seu baldaquino.

11Virá castigar o país de Exipto;

a quen ten o destino para a morte, coa morte;

a quen ten o destino para o desterro, co desterro;

a quen ten o destino para a espada, coa espada.

Poñeralles lume ós templos dos deuses de Exipto,

12queimará os deuses ou levaraos cativos,

espiollará o país de Exipto, coma un pastor espiolla o seu manto,

e sairá de alí en paz.

13Esnaquizará os obeliscos do templo do Sol, que hai en Exipto,

e prenderalles lume ós templos dos deuses de Exipto.

 

Derradeiro discurso oracular contra a idolatría practicada polos xudeus en Exipto

 

Capítulo 44

 

1Esta é a palabra que lle veu a Xeremías para todos os xudeus que vivían no país de Exipto, en Migdol, en Tafnes, en Nof, e no país de Patros:

2‑Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Vós ollastes toda a desgraza que trouxen sobre Xerusalén e sobre todas as cidades de Xudá: védeas aí hoxe: unha desolación e sen un habitante nelas. 3Por causa da maldade que cometeron, anoxándome a min, ó ir queimar incenso e dar culto a deuses alleos, ós que nin eles nin vós nin vosos pais coñeciades. 4Por isto eu, ben cedo e decote mandeivos os meus servos os profetas a dicirvos: "Por favor, non cometades estas abominacións que eu detesto". 5Pero nin fixeron caso nin prestaron atención para se arrepentiren da súa maldade deixando de queimar incenso a deuses alleos. 6Por isto a miña ira e mais o meu noxo vertéronse e abrasaron as cidades de Xudá e as rúas de Xerusalén, que se volveron unha morea de ruínas e unha desolación, tal coma hoxe están.

7Pois agora, así fala o Señor, Deus dos Exércitos, Deus de Israel: ¿Por que seguides facendo tan grande mal para vós mesmos, exterminando do medio de Xudá a homes e mulleres, a meniños e nenos de peito, para a vosa desgraza, de xeito que non vos quede nin resto? 8¡Moito me enfadan as obras das vosas mans, ó queimardes incenso a deuses alleos no país de Exipto, a onde viñestes vivir, acabando así convosco e converténdovos nunha fórmula de maldición e inxuria para todas as nacións da terra! 9¿Xa esquecestes as maldades dos vosos pais, as maldades dos reis de Xudá, as maldades dos príncipes de Xudá, as vosas maldades e as maldades das vosas mulleres: maldades cometidas no país de Xudá e nas rúas de Xerusalén, 10Ata o día de hoxe non sentiron arrepentimento nin respecto, nin se comportaron conforme as miñas leis nin os preceptos que eu promulguei na vosa presenza e na dos vosos devanceiros. 11Por iso, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

Eu estou volvendo a miña cara irada  contra vós para  mal,

para exterminar a todo Xudá.

12Collerei ó resto de Xudá, que se decidiu a ir residir no país de Exipto,

e perecerán todos no país de Exipto;

caerán pola espada e coa fame,

perecerán desde o máis pequeno ó máis grande,

pola espada e coa fame morrerán,

e volveranse unha fórmula de imprecación, e unha desolación,

unha maldición, unha vergonza.

13Castigarei ós que viven no país de Exipto,

o mesmo que castiguei a Xerusalén coa espada, coa fame e coa peste.

14Non haberá sobrevivente nin escapado de entre o resto de Xudá

que veu para residir no país de Exipto,

e para logo volverse á terra de Xudá, onde eles arelan volver a vivir.

pero non volverán, a non ser algúns fuxidos.

 

Reacción do pobo polo discurso

 

15Todos os homes que sabían que as súas mulleres ofrecían incenso ós deuses alleos, e todas as mulleres que estaban presentes ‑unha grande asemblea‑, e todo o pobo que vivía en Patrós, no país de Exipto, respondéronlle a Xeremías nestes termos:

16‑Non queremos volver a escoitar de ti este oráculo,

que nos proclamaches no Nome do Señor.

17É ben certo que faremos todo o que prometemos coa nosa boca:

ofrecerlle incenso á Raíña do ceo,

e verterlle libacións,

como xa o fixemos nós e nosos pais, os nosos reis e as nosas autoridades,

nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén,

e entón fartabámonos de pan, estabamos felices e non viamos a desgraza.

18Pero desde que deixamos de ofrecer incenso

á Raíña do ceo e de lle verter libacións,

faltounos todo e morremos pola espada e de fame.

19Ben certo que nós lle ofrecemos incenso á Raíña do ceo e lle vertemos libacións.

¿Acaso lle fixemos bicas para representala ou vertemos libacións no seu honor sen o consentimento dos nosos homes?

 

Resposta do profeta ó pobo

 

20Entón Xeremías díxolle a todo o pobo, ós homes e ás mulleres e a todos os que lle responderan deste xeito:

21‑¿Acaso das ofrendas de incenso, que nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalén ofrecestes vós e vosos pais, os vosos reis e as vosas autoridades, e os vosos terratenentes, non se acordou o Señor e non lle viñeron á súa cabeza? 22O Señor xa non puido soportar a maldade dos vosos feitos, as abominacións que cometestes, e por isto o voso país volveuse unha morea de ruínas, algo que dá medo e que se maldí por falta de habitantes, tal como está hoxe. 23Polo feito de que pecastes contra o Señor, ofrecendo incenso e non  fixestes caso da voz do Señor e non vos comportastes conforme a súa lei, os seus preceptos e as súas prescricións, por isto aconteceuvos esta desgraza, tal coma hoxe.

24Entón Xeremías díxolle a todo o pobo e a todas as mulleres:

‑Escoitade a palabra do Señor, todos os xudeus que estades no país de Exipto: 25Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Vós e mais as vosas mulleres, o que falades coa vosa boca

cumprídelo coas vosas mans, dicindo:

"Certo que temos que cumprir as nosas promesas

de ofrecer incenso á Raíña do ceo e de lle verter libacións".

De seguro que manteredes as vosas promesas,

de seguro que cumpriredes os vosos votos.

26Por isto escoitade a palabra do Señor todos os xudeus que vivides no país de Exipto: Xuro polo meu grande nome ‑dío o Señor‑ que non volverá a ser invocado o meu nome en todo o país de Exipto pola boca de ningún xudeu, dicindo: "Vive o meu Señor, Iavé". 27Sabede que eu estou en vela sobre vós para facervos mal e non ben. Todos os xudeus que están no país de Exipto perecerán pola espada e de fame ata o seu exterminio. 28Os escapados da espada, poucos en número, volveranse do país de Exipto ó país de Xudá e entón saberá todo o resto de Xudá que veu habitar no país de Exipto, se a palabra que se cumpre é a miña ou a deles. 29Tende para vós este sinal ‑é o Señor quen fala‑ que eu vos hei castigar neste lugar, para que saibades que de verdade que as miñas palabras contra vós se han cumprir para mal.

30Así fala o Señor: Eu entrego o Faraón Hofrá, rei de Exipto, no poder dos seus inimigos, no poder dos que buscan acabar coa súa vida, o mesmo que entreguei a Sedecías, rei de Xudá, no poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, o seu inimigo, que buscaba acabar coa súa vida.

 

Oráculo salvífico para Baruc

 

Capítulo 45

 

1Este é o oráculo que lle dirixiu o profeta Xeremías a Baruc fillo de Nerías, cando, no ano cuarto de Ioaquim, rei de Xudá, Baruc escribía estes oráculos nun rolo ó ditado de Xeremías:

2Ti dis: ¡Ai de min! O Señor engade aflicións á miña dor;

estou canso de tanto chorar, e non atopo acougo.

4Respóndelle deste xeito: Así fala o Señor:

O que construín, vouno destruír eu,

e o que plantei, vouno arrincar,

(e tamén a todo este país).

5¿Seica ti buscas grandes cousas para ti? ‑Non as busques.

Porque eu vou traer a desgraza sobre todas as criaturas

‑é o Señor quen fala‑,

pero a ti, coma despoxo, fareiche o don da túa propia vida,

en todos os lugares a onde vaias.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com