Capítulos 46-52

ORÁCULOS ACERCA DAS NACIÓNS

 

Escarnio pola desfeita exipcia en Kárkemix

 

Capítulo 46

 

1Circunstancia na que lle comezou a vir a Xeremías a palabra do Señor contra as nacións. 2Sobre Exipto, contra as tropas do faraón Nekó, rei de Exipto, cando se atopaba xunto ó río Éufrates, en Kárkemix, cando o derrotou Nabucodonosor, rei de Babilonia, no ano cuarto de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá:

3Preparade os escudos e os petos,

marchade á guerra.

4Aparellade os cabalos,

montade os corceis.

Mantédevos na vosa posición cos cascos,

afiade as lanzas,

vestide as coirazas.

5¿Que é o que estou a ollar?

Eles están cheos de pavor,

retíranse para atrás,

os máis valentes de entre eles son tallados en anacos,

escapan ó refuxio,

non volven a cara,

terror por todo o arredor

‑oráculo do Señor‑.

6O máis lixeiro non pode fuxir,

o máis valente non pode escapar polo norte,

contra un brazo do río Éufrates tropezan e caen.

7¿Quen é este que sobe coma o Nilo,

este con augas que medran coma as dos ríos?

8É Exipto que sobe coma o Nilo,

coma ríos engordan as súas augas.

Dicía: "Subirei e alagarei o país,

destruirei a cidade e os seus habitantes.

9Subide, cabalos;

que saian os máis valentes:

os de Etiopía e os de Libia que embrazan o escudo,

e os luditas que agarran e tensan o arco.

10O día aquel será, para o noso Señor Deus dos Exércitos,

o día da vinganza para se vingar dos seus inimigos.

A espada devora e fártase,

está borracha do seu sangue.

¡Que sacrificio para o noso Señor, Deus dos Exércitos,

no país do Norte, xunto ó río Éufrates!

11Sube a Galaad a buscar bálsamo,

virxe, filla de Exipto:

en van multiplicas as curas,

non hai remedio posible para ti.

12As nacións infórmanse da túa vergonza,

os teus berros enchen a terra:

Velaquí un valente, tropeza contra outro valente,

e os dous caen xuntos.

 

13Esta é a palabra do Señor que lle veu ó profeta Xeremías, cando Nabucodonosor, rei de Babilonia, veu castigar ó país de Exipto:

14Comunicádeo en Exipto, pregoádeo en Migdol,

pregoádeo en Menfis e en Tafnes,

dicide: ¡En posición, firme, ti!,

que a espada devora ó teu arredor.

15¿Por que foxe Apis?,

¿Por que o teu touro non se ten de pé?

Velaí o Señor que o empurrou,

16tropeza moito, caeu ruidosamente.

Cada un diralle ó seu compañeiro:

"¡En pé! volvamos co noso pobo,

á terra da nosa orixe,

por causa da espada poderosa".

17Invocade o nome do Faraón, rei de Exipto;

ó seu poder xa lle pasou o momento.

18Pola miña vida ‑oráculo do Rei

que ten por nome Señor dos Exércitos‑,

que así como o Tabor está sobre as montañas,

e como o Carmelo está sobre o mar,

así virá.

19Axeita os teus útiles para a catividade,

poboación, filla de Exipto,

velaí Menfis que se volverá unha desolación,

quedará devastada, sen habitantes.

20Como xovenca bonita preséntase Exipto:

desde o norte velaí vén un tabán.

21Velaí os seus mercenarios no medio dela:

son coma xatos de ceba.

Tamén eles lle volven a cara,

corren todos xuntos sen parar,

o día da desgraza vén sobre eles,

a hora do seu castigo.

22A súa voz é coma a da serpente que asubía,

porque veñen con forza;

con machadas veñen contra el,

coma os que cortan as árbores;

23cortan a súa fraga ‑é o Señor quen fala‑

aínda que é impenetrable;

multiplicáronse máis cós saltóns

non teñen número.

24A filla de Exipto está chea de vergonza,

entrégase ó poder do pobo do Norte.

 

O castigo da falsa confianza de Exipto traerá a salvación para Israel

 

25O Señor dos Exércitos, Deus de Israel, di:

‑Hei castigar ó deus Amón de Tebas, ó Faraón e a Exipto, ós seus deuses e ós seus reis, ó Faraón e ós que confían nel, 26e entregareinos ó poder dos que buscan acabar coa súa vida, ó poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, e ó poder dos seus servidores. Despois disto, Exipto vivirá tranquilo, coma nos tempos pasados ‑é o Señor quen fala‑.

27Pero ti, meu servo, Xacob, non teñas medo,

non te asustes, Israel,

pois eu voute salvar traéndote dun país remoto,

e a túa descendencia desde o país da súa catividade.

Xacob volverá e vivirá tranquilo,

estará en paz e non haberá quen o moleste.

28Ti, meu servo, Xacob, non teñas medo

‑é o Señor quen fala‑,

mira: eu estou contigo;

realizarei a destrución entre todos os pobos,

a onde te dispersei,

pero a ti non te destruirei,

senón que te castigarei como é debido,

pois non te puiden declarar inocente.

 

Oráculo contra os filisteos

 

Capítulo 47

 

1Circunstancia na que a palabra do Señor lle veu ó profeta Xeremías acerca dos filisteos; foi antes de que o Faraón castigara a Gaza.

2‑Velaí que desde o Norte están a subir augas

que se volven un río afagador,

alagan a capital do país e ós que a enchen,

a cidade e ós que nela habitan.

Gritan os homes e laméntase

todo o que vive na capital.

3Pola troupeleada dos cascos dos seus cabalos,

polo retumbar dos carros, polos rechíos das rodas.

Os pais xa non miran polos fillos,

polo cansazo dos seus brazos,

4ante o día que chega para acabar con todos os filisteos,

para apartar de Tiro e de Sidón

a todos os fuxitivos que poden axudar.

Si, o Señor destrúe ós filisteos, ó resto da illa de Creta.

5Chégalle a Gaza o día de rapar a cabeza,

o lamentarse chega para Axquelón.

Resto da chaira filistea,

¿por canto tempo aínda farás incisións en ti mesma?

6¡Ai! ¡A espada do Señor!

¿Xa nunca non estarás quieta?

Recóllete na vaíña,

descansa e para quieta.

7¿Como vas estar quieta,

se o Señor che mandou dominar?

A Axquelón e á beira do mar,

aí foi onde te destinou.

 

Xuízo de castigo divino contra Moab

 

Capítulo 48

 

1Acerca de Moab, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

‑¡Ai do poder do Nebó! Está arrasado.

¡Ai da súa capital! Está arrasada e conquistada.

¡Ai da súa fortaleza, desolada e desfeita!

2Xa desapareceu o renome de Moab.

Desde Hexbón proxectaron desgrazas contra el:

"Vaiamos e eliminémolo de entre os pobos".

Desde Dimón chorarás a berros,

pois perséguete a espada.

3Desde Horonaim veñen gritos pedindo socorro,

grande ruína e devastación.

4Moab está devastada,

os seus aflixidos fan oír grandes clamores.

5Quen excita as súas meixelas

con choro aumenta o choro.

O rebelarse contra os seus vieiros angustiosos

escoita os gritos de desolación:

6¡Correde e salvade a vosa vida!

Sede no deserto coma o burro salvaxe.

7Velaí: por fiarte das túas obras

e dos teus tesouros,

tamén ti serás conquistada.

E Kemox irá ó desterro,

xunto cos seus sacerdotes e os seus príncipes.

8O conquistador entrará en todas as cidades,

e ningunha cidade escapará.

Perderase a veiga,

será devastada a chaira

‑é a sorte que dixo o Señor‑.

9Dádelle sal a Moab,

pois certo que se renderá.

As súas cidades volveranse unha desolación,

por falta de quen habite nelas.

10Maldito quen cumpre o encargo do Señor con pouco xeito,

maldito quen retén a súa espada apartada do sangue.

11Moab está en paz desde a súa xuventude,

descansa tranquilo coma o viño na súa borra,

pois non foi trasfegado dunha cuba a outra:

ó desterro non foi;

por isto permanece nel o sabor,

e o aroma non se alterou.

12Pois ben, velaí chegan días

‑é o Señor quen fala‑

nos que lle mandarei trasfegadores que o trasfeguen;

derramarán as cubas

e esnaquizarán as cántaras de barro.

13Moab avergonzarase de Kemox,

como a casa de Israel se avergonzou de Betel,

o motivo da súa confianza.

14¿Como vos atrevedes a dicir: Nós somos valentes,

homes fortes para a guerra?

15O devastador do Moab e das súas cidades sobe,

o escollido dos seus soldados baixa ó matadoiro

‑oráculo do Rei, que ten por nome Señor dos Exércitos‑.

16A desgraza de Moab está a punto de chegar,

o seu desastre vén á présa desde as augas abismais.

17Chorade por el todos os seus veciños,

todos os que coñecedes o seu renome.

Dicide: ¡Como se partiu a vara de mando,

o cetro da gloria!

18Baixa do trono, senta no chan seco,

poboación da filla de Dibón,

porque o devastador de Moab sobe contra ti,

destrúe as túas cidades ben muradas.

19Mantente firme no camiño,

e estate en vela, poboación filla de Aroer,

pregúntalles ó fuxitivo e ó que escapa, e dilles:

"¿Que pasou?".

20Moab está avergonzada, está tan horrorizada:

‑Laméntate, pide auxilio;

anunciádeo no Arnón:

¡Moab está arrasada!

21Xa vén o xuízo de condenación sobre a terra chá:

Sobre Holón, Iasah, Mofeat,

22sobre Dibón, Nebó e Bet-Diblataim,

23sobre Quiriataim, Bet Gamul, Bet Meón,

24sobre Queriot e Bosrah,

e sobre todas as cidades do país de Moab,

as de lonxe e as de cerca.

25Partiu o corno de Moab,

e o seu brazo rompeu ‑é o Señor quen fala‑.

26Emborrachádea, pois a súa débeda co Señor fíxose grande;

que caia Moab no seu vómito,

que se converta en obxecto clamoroso de riso para ti.

27¿Acaso Israel non foi para ti o mesmo obxecto de riso,

cando se atopou entre ladróns?

¿Acaso non abaneaches a cabeza con burla,

todas cantas veces as túas verbas se dirixiron a ela?

28Deixade as cidades e vivide entre os penedos,

habitantes de Moab;

sede coma as pombas que aniñan ó outro lado dun barranco.

29Estamos informados da soberbia do orgulloso Moab,

crecen a súa insolencia e o seu orgullo,

a súa presunción e mais a altivez do seu corazón.

30Eu coñezo a súa arrogancia ‑é o Señor quen fala‑:

inxustiza é o que fan coas súas mans.

31Por isto lamentareime por Moab, clamarei por todo Moab,

haberá pranto polos homes de Quir-Heres.

32Máis cós choros por Iazer,

chorarei eu por ti, viña de Sibmah:

os teus bacelos traspasan o mar,

máis aló do mar chega a túa axuda;

pero o devastador caerá sobre a túa colleita e a túa vendima.

33Desaparecerá o gozo e a alegría

das viñas e das chairas de Moab.

Acabarei co viño das súas cubas;

o trono da tormenta si que o avolverá,

un trono e mais dous tronos.

34Os berros de auxilio de Hexbón chegan ata Elaleh, ata Iahás. Lanzan os seus gritos desde Soar ata Horonaim, a xovenca de tres anos; pois mesmo as fontes de Nimrim se volven unha desolación.

35En Moab acabarei ‑é o Señor quen fala‑

con quen ofrece holocaustos

nas ermidas dos outeiros,

e con quen queima incenso ós seus deuses.

36Por isto o meu corazón axítase por Moab como unha frauta

e como unha frauta xeme o meu corazón polos homes de Quir-Heres,

por isto o máis precioso da arada volverase un ermo.

37Velaí toda cabeza pelada; e toda barba rapada;

en todas as mans incisións; e sobre os riles os sacos;

38en todas as terrazas de Moab e en todas as súas prazas

todo é unha lamentación,

pois eu esnaquicei a Moab coma cacharro inútil

‑é o Señor quen fala‑.

39¡Que horrorizada está! ¡Lamentádevos!

¡Como volve as costas Moab avergonzada!

Converteuse na burla e no escarnio de todos os seus veciños.

40Así fala o Señor:

Velaí, coma unha aguia voa e estende as súas ás contra Moab.

41As súas cidades serán conquistadas, e as súas fortalezas tomadas.

No día aquel o corazón dos soldados de Moab

será coma o corazón dunha muller nas angustias do parto.

42Moab deixará de ser un pobo,

porque se ensoberbeceu contra o Señor,

43O terror, o pozo e o cepo están ante ti,

habitante de Moab ‑é o Señor quen fala‑.

44Quen escapa da presenza do terror, cae no pozo;

e quen sobe do pozo é collido no cepo.

Eu fago vir sobre el, sobre Moab,

o ano das súas contas ‑é o Señor quen fala‑.

45O amparo de Hexbón detéñense os fuxitivos sen forzas,

de Hexbón sae lume,

e chamas saen do neutral Sihón,

devoran a cabeza de Moab polos dous lados

e o cranio dos fillos da destrución.

46¡Ai de ti, Moab! ¡Está perdido o pobo de Kemox.

Os teus fillos son levados á catividade,

e as túas fillas ó desterro.

47Pero ó cabo duns anos volverei a traer ós desterrados de Moab

‑é o Señor quen fala‑.

Ata aquí o xuízo de Moab.

 

Oráculo de castigo contra os amonitas

 

Capítulo 49

 

1Acerca dos amonitas, así fala o Señor:

‑¿Acaso Israel non ten fillos?

¿Acaso non ten herdeiro?

¿Por que Milkom herdou Gad

e o seu pobo vive nas cidades de Gad?

2Por isto: velaí veñen días

‑é o Señor quen fala‑

nos que farei oír berros de guerra

contra a capital dos amonitas,

que se converterá nun outeiro de desolación,

e as súas cidades filiais serán incendiadas con lume,

mentres Israel herdará dos herdeiros deles

‑dío o Señor‑.

3Fai lamentacións, Hexbón, pois, ai, está devastada;

gritade, cidades filiais da capital, Rabah,

vestídevos de saco, facede loito,

andade dun lado para o outro entre muros.

Pois Milkom vai á catividade

xunto cos seus sacerdotes e xefes.

4¿Por que te glorías da túa forza?

A túa forza amolece, filla rebelde

que confía nas súas riquezas:

"¿Quen virá contra min?".

5Eu traerei contra ti o terror

de parte de todos os teus veciños

‑quen fala é o Señor, Deus dos Exércitos‑.

Seredes expulsados, cada un pola súa parte,

e non haberá quen xunte ós que escapan.

6Pero despois disto volverei a traer ós desterrados, fillos de Amón

‑é o Señor quen fala‑.

 

Oráculos de castigo contra Edom

 

7Acerca de Edom, así fala o Señor dos Exércitos:

‑¿Xa non hai sabedoría en Temán?

¿Faltoulles ós intelixentes o consello?

¿Corrompeuse a súa sabedoría?

8‑Escapade, dade a volta, cavade foxos onde morar,

habitantes de Dedán;

é a calamidade de Esaú o que traio contra Dedán,

é o intre no que eu lle pedirei contas.

9Cando entren en ti os vendimadores,

non deixarán acio ningún;

cando entren de noite os ladróns,

destruirán canto lles cumpra.

10Serei eu quen descubra a Esaú,

quen poña á vista os seus escondedoiros,

de xeito que non se poida ocultar.

Está destruída a súa descendencia e a súa parentela,

os seus veciños xa non os ten.

11‑Abandona ós teus orfos, que eu os farei vivir,

e as túas viúvas confiarán en min.

12Certo, si, así fala o Señor:

Os que non teñen a condena de beber a copa,

certo que a beberán:

¿e vas ser ti quen se libre do castigo?

Non te librarás, senón que sen remedio a beberás.

13Pois xuro por min mesmo

‑é o Señor quen fala‑

que Bosrah se converterá nunha desolación,

nunha morea de ruínas, nun ermo e nun obxecto de maldición,

e todas as súas cidades se converterán nun ermo perpetuo.

14Oín unha mensaxe de parte do Señor,

e un mensaxeiro foi mandado ás nacións:

"Xuntádevos, subide contra ela;

¡en pé, á guerra!".

15Velaí: convértote no máis pequeno dos pobos,

no máis desprezable da humanidade.

16O espanto que produces enganoute,

a temeridade do teu corazón.

‑¡Vive nas fendeduras das penas!

¡Agárrate á cima dos montes!

Aínda que levantes coma a aguia o teu niño,

heite baixar de alí ‑é o Señor quen fala‑.

17Edom volverase unha desolación: todo o que pase por el

suspirará e asubiará en presenza das súas feridas,

18igual que en presenza da destrución de Sodoma e Gomorra

e das súas cidades veciñas ‑dío o Señor‑.

Ninguén vivirá alí,

ningún fillo de home morará nela.

19Velaí un león que sobe da fraga do Xordán:

á súa morada heino volver,

heino espantar e facer correr desde alí.

¿Cal é o escollido de entre o seu exército, que o hei castigar?

Pois ¿quen hai coma min? ¿Quen me desafía a un xuízo?

¿Quen é o pastor que se mantén de pé na miña presenza?

20Por isto, escoitade o plan do Señor,

o que el formulou contra Edom,

e as decisións que tomou contra os habitantes de Temán.

É ben certo que os arrasarán os pastoriños do rabaño,

si, a súa morada quedará destruída ante estes.

21Co estrondo da súa caída tremará o país, que clamará

e desde o mar dos Xuncos se oirá o seu clamor.

22Velaí unha aguia que subirá e planeará,

estenderá as súas ás sobre Bosrah;

o corazón dos soldados de Edom volverase no día aquel

coma o corazón dunha muller nas angustias do parto.

 

Oráculo de castigo contra Damasco

 

23Sobre Damasco:

‑Están cubertos de vergonza Hamat e Arpad,

pois oíron unha mala noticia,

asustounos o Monstro mariño,

a angustia que non se pode calmar.

24Quedou sen forzas Damasco,

dá volta para escapar,

o terror apodérase del,

angustias e dores apodéranse del coma dunha muller en parto.

25¡Como estará abandonada a cidade renomeada, a vila alegre!

26Certo, caerán os seus soldados nas súas prazas,

e todos os homes de guerra perecerán no día aquel

‑oráculo do Señor dos Exércitos‑.

27Prendereilles lume ás murallas de Damasco,

e consumirá os palacios de Ben-Hadad.

 

Oráculo de castigo contra Quedar e os árabes

 

28Así fala o Señor acerca de Quedar e dos reinos de Hasor,

que destruíu Nabucodonosor, rei de Babilonia:

‑¡En marcha! Subide contra Quedar,

devastade as tribos de Oriente.

29Collan as súas tendas e mais os seus rabaños,

as súas cidades e todos os seus útiles;

apodérense dos seus camelos e bérrenlles:

"Pavor por todas partes".

30‑Fuxide, escapade da calamidade,

cavade moradas, habitantes de Hasor

‑é o Señor quen fala‑,

pois Nabucodonosor, rei de Babilonia,

maquinou un plan contra vós,

tomou decisións contra eles.

31¡En marcha! Subide contra o pobo descoidado,

que vive na tranquilidade

‑é o Señor quen fala‑,

sen dobre porta e sen ferrollo;

viven sós.

32Os seus camelos servirán de botín,

e a multitude dos seus rabaños servirá de ganancia;

dispersareinos a todos os ventos coas tempas rapadas

e de todas as rexións traereilles a súa calamidade

‑é o Señor quen fala‑.

33Hasor converterase en morada de serpes monstruosas,

nunha desolación para sempre.

Ninguén habitará máis alí,

e non residirá nela home ningún.

 

Oráculo de castigo contra Elam

 

34Cando lle veu a palabra do Señor a Xeremías acerca de Elam nestes termos, foi no comezo do reinado de Sedecías, rei de Xudá.

35‑Así fala o Señor dos Exércitos:

Velaí vou eu romper o arco de Elam,

o mellor das súas forzas varudas;

36vou traer contra Elam os catro ventos

dos catro cantos do ceo:

dispersareinos con todos os ventos,

e xa non existirá máis este pobo,

porque non volverá máis alí,

desterrado para sempre.

37Farei tremer a Elam ante os seus inimigos,

ante os que buscan acabar coa súa vida;

traerei sobre eles unha desgraza,

o incendio da miña ira

‑é o Señor quen fala‑.

Mandarei tras eles a espada,

ata que eu acabe con eles.

38Poñerei o meu trono en Elam,

farei desaparecer de alí ó rei e ós ministros

‑é o Señor quen fala‑.

39Pero, ó andar dos días, volverei do revés a catividade de Elam

‑é o Señor quen fala‑.

 

 

A CAÍDA DE BABILONIA E A SALVACIÓN DE ISRAEL: ORÁCULOS E LAMENTACIÓNS

 

Título

 

Capítulo 50

 

1Esta é a palabra que o Señor dirixiu a Babilonia, o país dos caldeos, por medio do profeta Xeremías.

Primeiro oráculo de castigo para Babilonia e salvífico para Israel e Xudá

2‑Facédeo saber entre as nacións, anunciádellelo,

levantade a bandeira, anunciádellelo,

non o ocultedes, dicide:

Foi conquistada Babilonia,

quedou avergonzado Bel,

quedou horrorizado Marduk;

avergonzadas quedaron as súas imaxes,

horrorizados os seus ídolos.

3Velaí: desde o norte sobe contra ela un pobo

que converte a súa terra nunha desolación;

xa non haberá quen habite nela;

desde os homes ós animais fuxiron á desbandada.

4Nos días aqueles e naquel intre,

‑é o Señor quen fala‑

virán os fillos de Israel canda os fillos de Xudá,

camiñarán decididos e esbagullando,

e buscarán ó Señor, o seu Deus.

5Preguntarán por Sión,

polo camiño que leva alí, que está diante deles.

"Camiñade e levemos a termo, ante o Señor,

unha alianza eterna que nunca se esqueza".

6Un rabaño de ovellas descarreiradas é o meu pobo;

os seus pastores escorrentáronas da miña montaña,

camiñan descarreiradas de montaña en outeiro,

esqueceron o seu curral.

7Todos os que as atopan, devóranas,

e os seus opresores din:

"Nós non temos culpa,

xa que eles pecaron contra o Señor;

o seu lugar lexítimo e a esperanza dos seus pais é o Señor".

8Fuxide da presenza de Babilonia,

saíde do país dos caldeos,

sede coma castróns a fronte do rabaño.

9Eu estou suscitando e facendo subir

contra Babilonia unha xuntanza de grandes pobos,

desde a terra do norte aliñaranse contra ela,

e desde alí conquistarana.

As súas frechas son coma un guerreiro que deixa pais sen fillos,

que non volve da guerra en vano.

10Caldea converterase en presa,

todos os ladróns fartaranse con ela

‑é o Señor quen fala‑.

 

Primeira lamentación pola caída de Babilonia

 

11¡Alégrate! ¡Brinca de ledicia

ti que arrasas a miña herdanza!

¡Brinca coma xovenca inquieta en celo!

¡Rincha coma os cabalos da parada!

12A vosa nai estará avergonzada por culpa da calamidade,

estará alporizada a que vos deu a luz;

védea: será o último dos pobos,

un deserto, terra reseca e unha estepa.

13Por causa da ira do Señor non será habitable,

toda ela se volverá unha desolación.

Todo o que pase xunto a Babilonia suspirará,

e asubiará á vista de todas as súas chagas.

14Alinéadevos en círculo contra Babilonia,

todos os que tensades o arco,

tirádelle a ela, non aforredes frechas,

xa que pecou contra o Señor.

15Lanzade berros en todo o arredor contra ela:

o seu poder réndese, caen as súas columnas,

derrúbanse os seus muros.

Esta é a vinganza do Señor, vingádevos dela;

como ela fixo, facédelle a ela.

16Exterminade de Babilonia ó sementador

e ó que colle a fouce no tempo da sega.

Que, lonxe da espada opresora,

cada un se dirixa ó seu pobo,

que cada un fuxa ó seu país.

 

Segundo oráculo de castigo contra Babilonia e de salvación para Israel

 

17Ovella descarreirada era Israel,

perseguírona leóns:

o primeiro que a devorou foi o rei de Asur,

e o derradeiro que lle rompeu os ósos

foi Nabucodonosor, rei de Babilonia.

18Por isto, así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel:

Eu vou castigar ó rei de Babilonia e ó seu país,

o mesmo que castiguei ó rei de Asur.

19Traerei a Israel ó seu pasteiro

e pastará no Carmelo e en Baxán,

nas montañas de Efraím e en Galaad;

fartarase a súa gorxa.

20No tempo aquel e naquel intre

‑é o Señor quen fala‑

buscarase a iniquidade en Israel e non existirá,

buscarase o pecado de Xudá e non se atopará,

pois eu perdoarei a cantos deixe quedar vivos.

 

Segunda lamentación

 

21Sube ó país de Merataim,

sube contra el e pasa pola espada ós habitantes de Pecod,

consagra á destrución o resto deles

‑é o Señor quen fala‑

e failles conforme o que eu che mando.

22¡Gritos de guerra no país,

un gran fracaso!

23¡Como se rompe e se esnaquizou

o martelo de toda a terra!

¡Como se converteu Babilonia

nunha desolación entre as nacións!

24Púxenche unha trampa, Babilonia,

e caíches nela sen te dares conta,

fuches encontrada e ben apresada,

pois rebelácheste contra o Señor.

25O Señor abriu os depósitos

e sacou as armas da súa ira,

pois na capital dos caldeos ten traballo

o Señor, Deus dos Exércitos.

 

26Despois, á volta da seitura, entrade nela,

limpade o seu gran como é debido,

amoreádeo coma en medas,

e consagrádea á destrución:

que non quede nin resto.

27Acoitelade todos os seus touros,

que os baixen ó matadoiro.

¡Ai deles! Certo, chegou o seu día,

o intre de lle pedir contas.

28¡Un estrondo! O dos que foxen e escapan do país de Babilonia,

para anunciar en Sión a vinganza do Señor, o noso Deus,

a vinganza polo seu templo.

29Recrutade contra Babilonia arqueiros,

a todos os que tensan o arco;

acampade en círculo contra ela,

que non haxa escape.

Tratádea conforme o seu comportamento:

tal como ela fixo, facédelle a ela;

ben certo que foi insolente co Señor,

co Santo de Israel.

30Por isto caerán os seus soldados nas súas prazas,

e todos os seus guerreiros perecerán o día aquel

‑é o Señor quen fala‑.

 

Terceiro oráculo de castigo contra Babilonia e salvífico para Israel

 

31Velaquí estou contra ti, "Insolencia"

‑é o Señor quen fala, o Deus dos Exércitos‑,

chegouche o día,

o intre de pedirche contas.

32A Insolencia tropezará e caerá,

e non haberá quen a erga;

eu préndolles lume ás súas cidades,

consumo todos os seus arredores.

33Así fala o Señor dos Exércitos:

Na opresión están os fillos de Israel,

o mesmo cós fillos de Xudá:

todos os que os deportaron retéñenos,

impídenlles marchar.

34Pero o seu Salvador é forte:

Señor dos Exércitos é o seu nome.

El defenderá enerxicamente a súa causa,

poñendo en calma o seu país,

pero facendo estremecer ós habitantes de Babilonia.

35Unha espada está sobre os caldeos

‑é o Señor quen fala‑

e sobre os habitantes de Babilonia,

sobre os seus principais e sobre os seus sabios.

36Unha espada está sobre os sacerdotes

que pronuncian oráculos,

que xa non o quererán facer.

Unha espada está sobre os seus soldados

que estarán estarrecidos.

37Unha espada está sobre os cabalos de cada un deles,

e sobre os carros de cada un deles,

e sobre a seitura que está diante de Babilonia,

pois todo isto quedará para as mulleres.

Unha espada está sobre as súas provisións,

que serán roubadas.

38Unha espada está sobre as súas augas,

que estarán secas.

É un país de ídolos

que enlouquece con figuras monstruosas.

39Habitarán nela os vampiros xunto cos faunos,

e morarán nela as fillas da avestruz;

non servirá de morada para nunca xamais,

nin será habitable de xeración en xeración.

40Sucederá coma cando o Señor destruíu Sodoma,

Gomorra e as cidades veciñas

‑é o Señor quen fala‑,

que ninguén habitará en Babilonia,

nin residirá nela ningún humano.

 

Terceira lamentación: O Señor decidiu a caída de Babilonia

 

41Velaí un pobo que vén do norte,

unha grande nación e numerosos reis póñense en movemento,

desde os recantos do mundo.

42Empuñan o arco e a fouce longa,

son crueis e non teñen compaixón;

os seus berros resoan, retumban coma o mar,

montan cabalos adestrados para a guerra,

coma un só home contra ti, filla de Babel.

43Enteirouse o rei de Babilonia da noticia:

tremen as súas mans,

a angustia apoderouse del,

retórcese coma a muller no parto.

44Velaí un león: sobe da profundidade do Xordán,

á súa morada heino de volver,

heino espantar e facer correr desde onde subiu.

¿Cal e o escollido de entre o seu exército que o hei de castigar?

Pois ¿quen hai coma min? ¿Quen me desafía?

¿Quen é o pastor que se mantén de pé na miña presenza?

45Por isto, escoitade o plan do Señor

que el formulou contra Babilonia,

as decisións que tomou contra o país dos caldeos:

É ben certo que os arrasarán os pastoriños do rabaño,

é ben certo que a súa morada quedará destruída ante eles.

46Co estrondo da toma de Babilonia retumba a terra,

o clamor da toma de Babilonia óese entre as nacións.

 

Cuarto oráculo de castigo contra Babilonia e salvífico para Israel e Xudá

 

Capítulo 51

 

1Así fala o Señor:

Vou suscitar contra Babilonia

e contra os habitantes do Niño,

contra os que se levantan contra min, unha forza destrutora.

2Mandarei a Babilonia uns ventos,

que a aventarán e deixarán baleira a súa terra.

De todo o arredor caerán sobre ela

no día da desgraza.

3Que o exército avance, avance,

que o exército teña garbo da súa armadura;

non teñades compaixón dos seus soldados,

consagrade á destrución todo o seu exército.

4Que caian feridos de morte na capital dos caldeos,

que caian atravesados pola espada nas súas rúas.

5Pois nin Israel nin Xudá están viúvas

do seu Deus, do Señor dos Exércitos,

aínda que as súas capitais están cheas de culpa

ante o Santo de Israel.

6‑Fuxide do medio de Babilonia,

que cada un salve a súa vida,

non perezades por causa da súa iniquidade,

pois é o momento da vinganza para o Señor,

é o momento do desquite para quen lle paga o seu merecido.

 

Cuarta lamentación pola caída de Babilonia

 

7Na man do Señor, Babilonia era unha copa de ouro

que emborrachaba a todo o mundo:

do seu viño beberon as nacións

e por isto todas se volveron tolas.

8Babilonia caeu de repente e esnaquizouse:

lamentádevos por ela.

Collede bálsamo para a súa dor,

¡Quizais cure!

9Nós tratamos de curar a Babilonia,

pero non curou.

Abandonádea e marchemos cada un ó seu país,

pois a súa sentencia chega ó ceo,

e érguese ata as nubes máis finas.

10O Señor sacou á luz os nosos dereitos:

Vinde e cantemos en Sión a obra do Señor noso Deus.

 

Himno profético ó Señor que xulga a Babilonia

 

11Limpade as frechas, enchédeas de veleno.

O Señor espertou o espírito dos reis de Media.

Contra Babilonia está o seu plan de destruíla.

Si, a vinganza do Señor

é a vinganza polo seu templo.

12Fronte ás murallas de Babilonia levantade a bandeira,

reforzade a garda,

poñede postos de sentinelas,

colocade xentes para emboscadas.

Si, tal como o Señor dixo dos habitantes de Babilonia,

tal como o planeou, así o fai.

13Ti, señora de riquezas,

vives entre moitas augas,

chegou a túa fin,

a medida da túa existencia.

14O Señor dos Exércitos xura pola súa vida:

Heite encher de homes coma de saltóns,

que clamarán contra ti: "¡Vitoria!".

15El fixo a terra co seu poder,

creou a terra de labor coa súa sabedoría,

estendeu o ceo coa súa intelixencia.

16¡Un trono! El pon no ceo un fragor de augas

e fai subir nubes do cabo da terra,

produce os lóstregos para a chuvia,

e saca o vento dos seus depósitos.

17Embrutécese o home coa súa suor,

avergónzase todo fundidor cos seus ídolos,

pois as súas imaxes son mentira,

e non hai espírito nelas,

18son cousa va, obra de burla:

o día en que lles pidan contas, perecerán.

19Non é coma elas o Lote de Xacob,

pois é o que crea todo;

nin é coma elas o Cetro da súa herdanza

que ten por nome o Señor dos Exércitos.

20Ti es o meu martelo, a miña arma de guerra:

contigo esmagarei pobos, contigo destruirei reinos.

21Contigo esmagarei cabalos e os seus cabaleiros,

contigo esmagarei carros e os seus aurigas.

22Contigo esmagarei ó home e á muller,

contigo esmagarei a vellos e rapaces,

contigo esmagarei a mozos e mozas,

23contigo esmagarei ó pastor e ó seu rabaño,

contigo esmagarei ó arador e á súa xugada,

contigo esmagarei a rexedores e maxistrados.

24E deste xeito volvereille a Babilonia e ós caldeos

todas as atrocidades que ós vosos ollos cometeron contra Sión,

‑é o Señor quen fala‑

 

Quinto oráculo de castigo

 

25Velaquí vou contra ti, Montaña de Perdición,

‑é o Señor quen fala‑,

que exterminas a terra toda.

Estendo a miña man contra ti,

bótote a rolos desde os penedos,

e convértote na Montaña da Queima.

26E xa non collerán de ti pedras de ángulo,

nin pedras para alicerces,

pois serás eterna desolación

‑é o Señor quen fala‑.

 

Quinta lamentación: A Guerra Santa contra Babilonia

 

27Levantade a bandeira nas capitais,

tocade o corno entre as nacións,

declarade a guerra santa das nacións contra ela,

convocade contra ela os reinos:

a Ararat, a Miní e a Axquenaz;

constituíde contra ela oficiais de recrutamento,

mandade contra ela cabalos coma horribles saltóns.

28Declarade a guerra santa das nacións contra ela:

os reis dos medos, os seus gobernadores

e todos os seus rexedores e todas as cidades do seu imperio.

29Tremerá a cidade e retorcerase,

pois o pecado de Babilonia mantén firmes os plans do Señor:

converter a cidade de Babilonia nunha desolación

por falta de habitantes.

30Os heroes de Babilonia deixan de loitar,

sentan nas fortalezas;

afrouxan a súa valentía,

vólvense mulleres.

Queimaron as moradas de Babilonia,

están rotos os seus ferrollos.

31Un correo corre ó encontro doutro correo,

un mensaxeiro ó encontro doutro mensaxeiro,

para anunciarlle ó rei de Babilonia

que a súa cidade foi tomada dun cabo ó outro.

32As pasaxes están tomadas,

ás defensas dos fortíns prendéronlles lume,

e os combatentes están estarrecidos.

 

Sexto oráculo de castigo contra Babilonia

 

33Si, así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

A capital de Babilonia é coma unha eira no tempo de achanzala,

dentro dun pouco virá o tempo da malla.

34Nabucodonosor comeunos e chupounos o sangue,

o rei de Babilonia deixounos coma un prato ben repañado,

enguliunos coma o Tanín,

encheu o seu bandullo, ó seu pracer,

fíxonos desaparecer.

35"A opresión que sufriu e a vinganza do meu sangue está sobre Babilonia",

‑di a poboación de Sión‑

"O meu sangue está sobre os habitantes de Caldea"

‑di Xerusalén‑.

36Por isto así fala o Señor:

Eu defenderei o teu preito,

e voume encargar da túa vinganza;

vou secar o seu mar, vou deixar sen auga as súas fontes.

37Babilonia volverase unha morea de ruínas,

unha morada de serpentes,

un horror e unha burla, por falta de habitantes.

 

38Roxen en moreas coma leóns,

roxen coma cachorros de leóns:

39cando estean excitados, eu preparareilles o seu banquete,

emborrachareinos para que estean alegres,

e durmirán un sono eterno,

non espertarán

‑é o Señor quen fala‑.

40Fareinos baixar ó matadoiro, como años,

coma carneiros e castróns.

 

Sexta lamentación pola caída de Babilonia e orde de abandonar a cidade

 

41¿Como? ¿Foi conquistada Xexak,

foi capturado o esplendor de toda a terra?

¿Como? ¿Volveuse unha desolación

Babilonia entre os pobos?

42Subiu o mar sobre Babilonia,

está cuberta polo tumulto das ondas do mar;

43as súas cidades vólvense unha desolación,

terra reseca e erma,

cidades nas que ninguén habita,

polas que ningún humano pasa.

44Pídolle contas a Bel en Babilonia,

e quítolle da boca o seu bocado;

as nacións xa non volverán onda el,

mesmo caerá a muralla de Babilonia.

45Sae, meu pobo, do medio dela,

salvade cada un a vosa vida

do incendio da ira do Señor.

46Que non se vos intimide o corazón,

non teñades medo ás noticias que se oen no país:

nun ano corre unha noticia,

despois disto noutro ano, outra noticia:

opresión no país,

un tirano contra outro tirano.

 

Sétimo oráculo de castigo contra Babilonia e de liberación para Xudá

 

47¡Pois ben! Velaí chegan os días,

nos que lles pedirei contas ós ídolos de Babilonia,

e todo o seu país se avergonzará,

e todos os seus feridos de morte caerán no medio dela.

48Entón cantarán sobre Babilonia un canto de triunfo

o ceo e a terra e todo o que hai neles,

pois do norte vén cara a ela o que a vai destruír

‑é o Señor quen fala‑.

49Certo, caerá Babilonia por causa dos mortos de Israel,

así como por causa de Babilonia caeron mortos do mundo enteiro.

50Os que escapedes da espada,

marchade e non vos deteñades,

desde lonxe invocade ó Señor,

que Xerusalén se afinque no voso corazón.

51Sentimos a confusión ó oír os insultos,

a vosa cara cubriuse de vergonza,

ó entraren estranxeiros

nos lugares santos do templo do Señor.

52¡Pois ben! Velaí chegan os días

‑é o Señor quen fala‑

nos que lles pedirei contas ós seus ídolos,

e os feridos queixaranse en todo o seu país.

53Aínda que Babilonia suba ata o ceo,

aínda que faga máis esgrevia a altura do seu refuxio,

baixo as miñas ordes entrarán nela os devastadores

‑é o Señor quen fala‑.

 

Sétima lamentación pola caída de Babilonia

 

54Alaridos de socorro veñen desde Babilonia,

prantos angustiosos desde o país dos caldeos.

55É o Señor que está a destruír Babilonia,

que fai desaparecer dela todo grito.

Retumba o fragor das súas ondas coma o mar océano,

resoa o tumulto dos seus gritos:

56é que vén contra ela, contra Babilonia, o destrutor;

ela é a que fai romper os seus arcos,

pois o Señor é o Deus da retribución:

devolve ben ás claras.

57Eu emborracho ós seus grandes e ós seus sabios,

ós seus rexedores, ós seus maxistrados e ós seus soldados:

durmirán un sono eterno,

e non espertarán

‑Oráculo do Rei que ten por nome Señor dos Exércitos‑.

 

Oitavo oráculo: Oráculo de castigo definitivo contra Babilonia

 

58Así fala o Señor dos Exércitos:

As anchas murallas de Babilonia serán arrasadas,

as súas altas portas serán queimadas.

Para nada traballaron as nacións,

para o lume cansaron os pobos.

 

Xesto simbólico de Xeremías contra Babilonia

 

59Este foi o encargo que lle ordenou o profeta Xeremías a Seraías, fillo de Nerías, fillo de Maseías, cando este marchou a Babilonia con Sedecías, rei de Xudá, no ano cuarto do seu reinado (Seraías era o xefe das provisións).

60Xeremías escribira nun libro toda a desgraza que ía vir sobre Babilonia; todos estes oráculos escritos contra Babilonia. 61Xeremías díxolle a Seraías:

‑Cando chegues a Babilonia trata de ler todos estes oráculos. 62Entón dirás: "Señor, ti mesmo declaraches acerca deste lugar que os destruirías de tal xeito que non quedase nel habitante, nin home nin animais: volverase unha eterna ruína". 63E cando acabes de ler este libro, haslle atar unha pedra e botaralo no Éufrates, 64dicindo: "Deste xeito hase afundir Babilonia e non se levantará, por causa da desgraza que eu vou traer sobre ela".

Ata aquí chegaron os oráculos de Xeremías.

 

 

APÉNDICE HISTÓRICO

 

Sedecías de Xudá

 

Capítulo 52

 

1Sedecías tiña vinte e un anos cando empezou a ser rei, e foi rei once anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Hamital, filla de Xeremías, natural de Libnah. 2Portouse mal ante o Señor, o mesmo que se portara Ioaquim.

3Tal provocación da ira do Señor houbo en Xerusalén e Xudá, que El os botou de diante da súa presenza.

Sedecías rebelouse contra o rei de Babilonia.

 

Sitio e caída de Xerusalén. Prendemento de Sedecías

 

4E sucedeu que no ano noveno do seu reinado, no décimo mes, o dez dese mes, veu Nabucodonosor con todo o seu exército contra Xerusalén; plantaron os campamentos fronte a ela, e por todo arredor construíron terrapléns de sitio contra ela. 5A cidade quedou en estado de sitio ata o ano once do reinado de Sedecías. 6No cuarto mes, o día nove, intensificou a fame na cidade, de xeito que xa non tiñan pan nin os terratenentes. 7Entón abriuse brecha na cidade e todos os combatentes fuxiron, saíndo da cidade de noite pola porta que estaba entre as dúas murallas, fronte ó xardín do rei, mentres os caldeos estaban a cercar a cidade; marcharon polo camiño da Arabah.

8As tropas caldeas perseguiron ó rei e alcanzaron a Sedecías nas chairas de Xericó, mentres as súas tropas se dispersaban, abandonándoo. 9Entón prenderon ó rei e levárono a Riblah, na comarca de Hamat, onda o rei de Babilonia, quen ditou sentencia contra el.

10O rei de Babilonia degolou ós fillos de Sedecías ante os seus propios ollos, e tamén degolou en Riblah a todas as autoridades de Xudá. 11O rei de Babilonia cegou a Sedecías e atouno con dúas cadeas de bronce, levouno a Babilonia e meteuno no cárcere ata o día da súa morte.

 

Arrasamento de Xerusalén e roubos no templo

 

12No quinto mes, o dez do mes, do ano dezanove do reinado de Nabucodonosor, rei de Babilonia, entrou en Xerusalén Nebuzardán, xefe da garda e membro do servizo persoal do rei de Babilonia. 13Púxolles lume ó templo do Señor, ó palacio do rei e a todas as casas de Xerusalén: todas as casas grandes queimounas. 14As tropas dos caldeos, que estaban co xefe da garda, botaron abaixo todas as murallas que había ó arredor de Xerusalén. 15Nebuzardán, xefe da garda, levou cativos a unha parte da xente humilde do pobo, ó resto do pobo que se quedara na cidade, ós desertores que se pasaran ó rei de Babilonia e ó resto dos artesáns.

16Outra parte da xente humilde deixouna quedar Nebuzardán, xefe da garda, para que traballasen as viñas e arasen as terras.

17Os caldeos fixeron anacos as columnas de bronce, que había no templo do Señor, as tallas con rodas e o mar de bronce, que había no templo do Señor, e levaron todo o bronce de Babilonia. 18Tamén colleron as olas, as pinzas e as tenaces de avivecer o lume, os caldeiros e os cazos para as aspersións e todos os demais utensilios de bronce que se empregaban no culto. 19O xefe da garda tamén colleu as barreñas, os braseiros, os caldeiros para as aspersións, e as bandexas das ofrendas, tanto de ouro coma de prata. 20Tendo en conta as dúas columnas, o único mar, os doce bois en bronce, que estaban debaixo das tallas rodantes, que fixo o rei Salomón para o templo do Señor, é incalculable o peso do bronce de todos estes obxectos. 21En canto ás columnas, cada unha medía de alto dezanove cóbados, cinguíaa ó arredor un cordel de doce cóbados, e o seu espesor era de catro dedos, pois eran furadas. 22Sobre cada unha delas había un capitel de bronce, e a altura dun capitel era de cinco cóbados; sobre e toda a superficie do capitel había unha rede e granadas, todo de bronce; na segunda columna había cousas coma estas e granadas. 23As granadas eran noventa e seis en baixorrelevo; o total das granadas de todo o arredor en altorrelevo entre a rede eran cen.

 

Execucións e deportacións

 

24O xefe da garda colleu a Seraías, sumo sacerdote, a Sefanías, segundo sacerdote, e a tres gardas da entrada. 25Tamén colleu na cidade a un eunuco que era o inspector da tropa e a sete homes do servizo persoal do rei, que se atopaban na cidade, ó secretario do xefe do exército, que recrutaba para o exército ós terratenentes, e a sesenta homes de entre os terratenentes, que se atopaban na cidade. 26Nebuzardán, xefe da garda, prendeunos e levounos a Riblah, ó rei de Babilonia. 27O rei de Babilonia castigounos, e logo condenounos a morte en Riblah, comarca de Hamat; deportou a Xudá da súa terra. 28Esta foi a poboación que deportou Nabucodonosor no ano sétimo: 3.023 xudeus; 29no ano vinte e tres de Nabucodonosor, deportou Nebuzardán, o xefe da garda, 745 persoas; o que fai un total de 4.600 persoas.

 

Liberación do rei Ioaquín

 

31No ano trinta e seis da catividade de Ioaquín rei de Xudá, o mes décimo segundo, o vinte e cinco deste mes, Evil-Merudak, rei de Babilonia, no ano da súa entronización, concedeulle o indulto a Ioaquín.

32Falaba con el amigablemente; colocou o seu trono por riba do trono dos reis que estaban con el en Babilonia; 33cambioulle os seus vestidos da prisión e comía na súa mesa todos os días da súa vida. 34A súa comida, a de cada día, dábaselle coa do rei de Babilonia; a ración do día ata o día da súa morte, todos os días da súa vida.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com