Capítulos 36-40

PAIXÓN DE XEREMÍAS

 

O rolo inicial dos oráculos de Xeremías

 

Capítulo 36

 

1No ano cuarto de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, veulle a Xeremías esta palabra de parte do Señor:

2‑Colle un rolo limpo, e escribe nel todos os oráculos que eu che comuniquei acerca de Xerusalén e de Xudá e de todos os pobos, desde o día que che empecei a falar nos tempos de Ioxías ata o día de hoxe.3Tal vez escoiten os de Xudá toda a desgraza que estou pensando causarlles, de xeito que se arrepintan cada un deles do seu mal comportamento, e eu lles poida perdoar as súas iniquidades e mais os seus pecados.

4Entón Xeremías chamou a Baruc, fillo de Nerías, e Baruc escribiu no rolo limpo, ó ditado de Xeremías, todos os oráculos que o Señor lle dixera. 5Logo Xeremías deulle esta orde a Baruc:

‑Eu estou preso, non podo entrar no templo do Señor. 6Vai ti e le no rolo o que escribiches ó meu ditado, todos os oráculos do Señor, na presenza de todo o pobo que se atopa no templo do Señor nun día de xaxún; leralos tamén en voz alta na presenza de todos os xudeus que veñen das súas diferentes cidades. 7Tal vez a súa oración caia ben na presenza do Señor e se arrepintan cada un do seu mal comportamento, porque terrible é a cólera e furor que o Señor anunciou sobre este pobo.

8Baruc, fillo de Nerías, fíxoo todo tal como lle mandou o profeta Xeremías; unha vez no templo do Señor leu no rolo todos os oráculos do Señor.

9No ano quinto de Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá, no mes noveno, convocouse un xexún na presenza do Señor para todo o pobo de Xerusalén, e para todo o pobo que, procedente das cidades de Xudá, se xuntaba en Xerusalén. 10Unha vez no templo do Señor e na presenza de todo o pobo leu Baruc no libro todos os oráculos de Xeremías na sala do notario Guemarías, fillo de Xafán, no patio de arriba, á entrada da Porta Nova do templo do Señor.

11Miqueas, fillo de Guemarías, fillo de Xafán, escoitou todos os oráculos do Señor que estaban no escrito, 12e, de seguido, baixou ó palacio real, á sala do notario e alí estaban en sesión todas as autoridades: Elixamá, o notario, Delaías, fillo de Xemaías, Elnatán, fillo de Acbor, Guemarías, fillo de Xafán, Sedecías, fillo de Hananías e todas as restantes autoridades. 13Miqueas contoulles todas as cousas que lle oíra ler a Baruc, cando este lía o libro na presenza do pobo. 14Entón o consello de ministros mandou onda Baruc a Xehudí, fillo de Netanías, fillo de Xelemías, fillo de Cuxí, a que lle dixese: Colle na túa man o rolo que liches en presenza do pobo e ven. Colleu Baruc, fillo de Nerías, na súa man o rolo, e entrou onda os ministros. 15Eles dixéronlle:

‑Senta e leo diante de nós.

E Baruc leuno diante deles. 16O oíren todos os oráculos, cheos de pánico, miraron uns para os outros e dixéronlle:

‑Ben certo, Baruc, que lle comunicaremos ó rei todos estes oráculos.

17E a Baruc preguntáronlle:

‑Indícanos como recolliches por escrito da súa boca todos estes oráculos.

18Respondeulles Baruc:

‑El en persoa ditábame todos estes oráculos e eu escribíaos no libro con tinta.

19Logo, os ministros dixéronlle a Baruc:

‑Vai e escóndete ti xunto con Xeremías, e que ninguén saiba onde estades.

20Eles, logo que puxeron o rolo na oficina de Elixamá, o notario, entraron no patio onda o rei e contáronlle a el en persoa todas as cousas que pasaran. 21Entón o rei mandou a Iehudí  buscar o rolo. El colleuno na oficina de Elixamá, o notario, e o mesmo Iehudí o leu na presenza do rei e na presenza de todas as autoridades que estaban de pé ante o rei. 22O rei estaba sentado no palacio de inverno ‑estaban no noveno mes‑ e cun braseiro aceso diante del. 23E cando Iehudí tiña lidas tres ou catro columnas, o rei rachábaas cun coitelo de escribán, e botábaas ó lume do braseiro, ata consumir todo o rolo no lume do braseiro. 24Nin o rei nin os seus servidores ó escoitaren todos estes oráculos se amedrentaron nin racharon os seus vestidos. 25E aínda que Elnatán, Delaías e Guemarías lle insistían ó rei para que non queimase o rolo, el non lles fixo caso. 26E o rei mandoulles a Ierahmel, príncipe real, a Seraías, fillo de Azriel, e a Xelemías, fillo de Abdel, que arrestasen a Baruc, o escribán, e mais a Xeremías, o profeta. Pero o Señor mantívoos escondidos.

27Despois que o rei queimara o rolo e mais os oráculos que Baruc escribira ó ditado de Xeremías, veulle a palabra do Señor a Xeremías nestes termos:

28‑Volve a facerte con outro rolo e escribe de novo nel todos os oráculos de antes, os que había no primeiro rolo que queimou Ioaquim, rei de Xudá. 29E a Ioaquim, rei de Xudá, haslle dicir: así fala o Señor: ti queimaches aquel rolo, dicindo: ¿Por que escribiches nel "virá o rei de Babilonia e destruirá esta capital e fará desaparecer dela homes e animais?". 30Por isto, así fala o Señor acerca de Ioaquim, rei de Xudá: ‑Non terá quen sente no trono de David, e o seu cadáver quedará exposto á calor durante o día e ó frío durante a noite. 31Pedireille contas a el, á súa descendencia e ós seus servidores das súas iniquidades; e traerei contra eles, contra todos os habitantes de Xerusalén e contra cada un dos xudeus, toda a desgraza que lles anunciei e da que non fixeron caso.

32Entón Xeremías colleu outro rolo e deullo a Baruc, fillo de Nerías, o escribán, que escribiu nel, ó ditado de Xeremías, todos os oráculos do libro que Ioaquim, rei de Xudá, queimara no lume. E aínda se lles engadiron a aqueles outros moitos oráculos semellantes.

 

Sedecías. Introdución: xuízo xeral sobre el

 

Capítulo 37

 

1O rei Sedecías, fillo de Ioxías, reinou en vez de Ieconías, fillo de Ioaquim, xa que Nabucodonosor, rei de Babilonia, o constituíu rei no país de Xudá. 2Pero ninguén fixo caso das palabras que o Señor comunicou por medio do profeta Xeremías: nin el nin os seus ministros nin os terratenentes.

3O rei Sedecías mandou a Iehucal, fillo de Xelemías, e ó sacerdote Sefanías, fillo de Maseías, a dicirlle a Xeremías: ‑Se fas o favor, reza ó Señor, noso Deus, por nós. 4Naquel entón Xeremías andaba libremente entre o pobo, pois aínda non o meteran no cárcere.

 

Resposta do profeta á embaixada de Sedecías

 

5Daquela as tropas do Faraón saíron de Exipto, e tan pronto como os caldeos, que estaban cercando Xerusalén, oíron a noticia, levantaron o cerco de Xerusalén. 6Entón veulle a palabra do Señor ó profeta Xeremías nestes termos:

7‑Así fala o Señor, Deus de Israel: así tedes que lle falar ó rei de Xudá, que vos mandou onda  min para que eu consultase: velaquí as tropas do Faraón que saíron para axudarvos, pero volveran ó seu país de Exipto. 8E os caldeos darán volta e loitarán contra esta cidade, tomarana e prenderanlle lume. 9Así fala o Señor: Non levantedes os vosos ánimos dicindo: "De seguro que os caldeos marchan da nosa presenza". Porque non marcharán. 10Aínda que derrotásedes a todos os exércitos dos caldeos que loitan contra vós, de xeito que non quedase máis que soldados acoitelados, cada un deles ergueríase da súa tenda e prenderíalle lume a esta cidade.

 

Xeremías na cadea

 

11Cando o exército dos caldeos levantou o cerco de Xerusalén a causa da presenza do exército do Faraón, 12saíu Xeremías de Xerusalén para ir á rexión de Benxamín, a fin de asistir ó reparto dunha herdanza entre o pobo. 13O chegar el á porta de Benxamín, xa estaba tamén alí o xefe da inspección, chamado Ierías fillo de Xelemías, que prendeu ó profeta Xeremías, dicíndolle:

‑Ti estaste pasando ós caldeos.

14Xeremías repuxo:

‑¡Mentira! Non me estou pasando ós caldeos.

Pero Ierías non lle fixo caso e prendeu a Xeremías, e levouno xunto ás autoridades. 15As autoridades anoxáronse con Xeremías, fixérono azoutar e metérono na cadea, na casa de Ionatán, o escribán, pois tíñana convertida en cárcere. 16Así entrou Xeremías no interior da cisterna, nas bóvedas. Alí estivo vivindo Xeremías moito tempo.

 

Consulta secreta de Sedecías e mellora da prisión do profeta

 

17O Rei Sedecías mandouno buscar, e interrogouno en secreto na súa casa:

‑¿Hai algunha palabra de parte do Señor?

Respondeulle Xeremías:

‑Si.

E engadiu:

‑Serás entregado no poder do rei de Babilonia.

18Díxolle Xeremías ó rei Sedecías:

‑¿Que delito cometín contra ti, ou contra os teus servidores ou contra este pobo, para que me metades no cárcere? 19¿Onde están os vosos profetas que vos profetizaron dicindo: "O rei de Babilonia non virá contra nós nin contra este país". 20Pois agora, meu señor, meu rei, escóitame, por favor. Que a miña súplica sexa ben acollida na túa presenza, non permitas que volva á casa de Ionatán, o escribán, non permitas que eu morra alí.

21Entón o rei Sedecías deu a orde de que detivesen a Xeremías no patio de garda e de que lle desen ó día unha bola de pan ‑da Rúa dos Panadeiros‑, ata que se acabase o pan da cidade. Deste xeito viviu Xeremías no patio da garda.

 

Xeremías, no pozo. Intercesión de Ébed-Mélec

 

Capítulo 38

 

1Xefatías, fillo de Matán, Guedalías, fillo de Paxhur, Iucal, fillo de Xelemías e Paxhur, fillo de Malaquías, oíron estes oráculos que Xeremías lle dicía a todo o pobo:

2‑Así fala o Señor: Quen siga vivindo nesta cidade morrerá de espada, de fame e de peste; quen se pase ós caldeos vivirá, terá como ganancia a súa respiración e a súa vida.

3Así fala o Señor: Esta cidade será de certo entregada ó poder dos exércitos do rei de Babilonia, que a conquistará.

4Entón as autoridades dixéronlle ó rei:

‑Fágase morrer a este home, pois deste xeito está a afrouxar os ánimos dos homes de guerra que quedan nesta cidade e os ánimos de todo o exército, dicíndolles cousas coma estas. Certamente este home non está a buscar o benestar para o pobo, senón que está a buscar a súa desgraza.

5O rei Sedecías repúxolles:

‑Aí o tendes no voso poder, pois o rei non pode nada contra vós.

6Eles colleron a Xeremías e botárono na cisterna de Malaquías, príncipe real que estaba no patio da garda, baixando a Xeremías con cordas. No pozo non había auga, senón lama, e Xeremías enterrouse na lama.

7Ébed-Mélec, o etíope, eunuco, que vivía no palacio do rei, oíu que puxeran a Xeremías na cisterna. Mentres o rei estaba sentado na porta de Benxamín, 8saíu Ébed-Mélec do palacio real e faloulle ó rei nestes termos:

9‑Meu señor, meu rei, estes homes cometeron unha inxustiza con todo o que lle fixeron a Xeremías, o profeta, e con botalo na cisterna; vai morrer onde está por falta de pan, xa que non hai pan na cidade.

10Entón o rei deulle esta orde a Ébed-Mélec, o etíope:

‑Colle ás túas ordes tres homes destes, e sube da cisterna ó profeta Xeremías, antes de que morra.

11Ébed-Mélec colleu ás súas ordes os homes e entrou no palacio real, onde estaba o tesouro, e colleu alí farrapos de estopa e de sacos, e con cordas botoullos na cisterna a Xeremías.

12E díxolle Ébed-Mélec o etíope a Xeremías:

‑Pon os farrapos de estopa e de sacos nos sobacos por debaixo das cordas.

Xeremías fíxoo así. 13Tiraron de Xeremías coas cordas e subírono da cisterna; e Xeremías seguiu vivindo no patio da garda.

 

TRIUNFO DO PROFETA

 

Derradeira consulta de Sedecías a Xeremías en secreto

 

14O rei Sedecías mandou buscar a Xeremías, o profeta, á terceira entrada do templo do Señor. Díxolle o rei a Xeremías:

‑Eu quero preguntarche unha cousa: non me escondas nada.

15Xeremías repúxolle a Sedecías:

‑Se cha digo, vasme matar; se che dou un consello, non me vas  escoitar.

16O rei Sedecías xuroulle en secreto a Xeremías deste xeito:

‑¡Vive o Señor que está a chegar, e que nos dá a vida que temos, que non te deixarei matar nin te entregarei nas mans destes homes que buscan acabar coa túa vida!

17Entón Xeremías díxolle a Sedecías:

‑Así fala o Señor, Deus dos Exércitos, Deus de Israel: Se te rendes ós xenerais do rei de Babilonia, salvarás a túa vida, e esta cidade non será queimada; vivirás ti e mais a túa familia. 18Pero se non te rendes ós xenerais do rei de Babilonia, entregarei esta cidade nas mans dos caldeos, que lle prenderán lume, e ti non fuxirás das súas mans.

19O rei Sedecías, repúxolle a Xeremías:

‑Téñolles medo ós xudeus que se pasaron ós caldeos; poida que os caldeos me entreguen no seu poder e se burlen de min.

20Respondeulle Xeremías:

‑Non te entregarán; faille caso á voz do Señor, á sorte que eu che comunico, e irache ben e conservarás a túa vida. 21Pero se non queres ti saír, esta é a escena que me mostrou o Señor: 22Velaquí: as mulleres que queden no palacio real de Xudá serán entregadas ós xenerais do rei de Babilonia e isto é o que cantarán:

"Enganáronte e puideron contigo

os amigos da túa intimidade;

enterráronche os pés na lama

e volvéronse atrás".

23Entregaranlles ós caldeos todas as túas mulleres e os teus fillos, e ti non fuxirás das súas mans, senón que serás apresado polo rei de Babilonia, que lle prenderá lume a esta cidade.

24Entón Sedecías díxolle a Xeremías:

‑Que ninguén saiba esta conversa e ti non morrerás. 25E se se informan as autoridades de que falei contigo, e se logo van onda ti e che din: cóntanos o que lle dixeches ó rei, non nolo ocultes, que non te mataremos: ¿que lle dixeches ó rei?", 26ti haslles dicir: "Estívenlle presentando ó rei a miña petición para que non me levasen á casa de Ionatán a morrer alí".

27En efecto, todas as autoridades viñeron xunto a Xeremías e preguntáronlle; pero el contestoulles en todo conforme estas instrucións que lle dera o rei. E eles quedaron mudos diante del, pois a conversa non se soubo.

28Desde entón Xeremías viviu no patio da garda ata que foi tomada Xerusalén.

 

Coa caída de Xerusalén e de Sedecías cúmprense as palabras de Xeremías

 

Capítulo 39

 

1No ano noveno de Sedecías, rei de Xudá, no mes décimo, veu Nabucodonosor, rei de Babilonia, e todos os seus exércitos a Xerusalén, e rodeárona. 2No ano undécimo de Sedecías no mes cuarto, o nove do mes, abriron brecha na cidade. 3Todos os xenerais do rei de Babilonia entraron nela, e sentáronse na porta central: Nergal, príncipe de Éser, Samgar-Nebú, príncipe de Sequim, gran xefe de eunucos e todo o resto dos xenerais do rei de Babilonia. 4E sucedeu que cando os viron Sedecías, rei de Xudá e todos os homes de guerra, fuxiron a correr da cidade de noite, a través do xardín do rei, pola porta entre os dous muros, e saíron camiño da Arabah. 5Pero os exércitos dos caldeos perseguíronos e déronlle alcance a Sedecías nas chairas de Xericó; collérono e levárono a Riblah, na rexión de Hamat onda Nabucodonosor, rei de Babilonia, quen ditou sentencia contra el. 6O rei de Babilonia fixo matar a todos os fillos de Sedecías na súa presenza, en Riblah; e a todos os nobres de Xudá tamén os fixo morrer o rei de Babilonia. 7Tamén cegou os ollos de Sedecías e o atou con dúas cadeas de bronce para levalo a Babilonia. 8Os caldeos prendéronlle lume ó palacio real e ás casas do pobo, e botaron abaixo as murallas de Xerusalén 9e ó resto do pobo que quedaba na cidade, e ós desertores que se pasaran a Nabucodonosor e a todos os restantes, levounos cativos a Babilonia Nebuzardán, xefe da garda persoal. 10Pero ós pobres de entre o pobo, que non tiñan nada, deixounos quedar Nebuzardán, xefe da garda persoal, no país de Xudá, e entregoulles aquel día as viñas e os campos.

 

Especial consideración de Nabucodonosor co profeta

 

11Nabucodonosor, rei de Babilonia, deulle estas ordes a Nebuzardán, xefe da garda persoal, acerca de Xeremías:

12‑Cólleo ó teu cargo e mira por el; non lle fagas nada malo: máis ben cúmprelle o que che pida.

13Nebuzardán, xefe da garda persoal, Sangar-Nebú, xefe dos eunucos, Nergal, príncipe de Éser e xeneralísimo, e todos os xefes do rei de Babilonia 14mandaron buscar a Xeremías ó patio da garda e entregáronllo a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, para que o deixase ir á súa casa e vivir entre o pobo.

 

Oráculo Salvífico de agradecemento para Ébed-Mélec

 

15Cando estaba preso Xeremías no patio da garda veulle a palabra do Señor nestes termos:

16‑Vai, e dille isto a Ébed-Mélec, o etíope:

Así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel:

Eu vou traer as miñas palabras a esta cidade,

para mal e non para ben:

o día aquel cumpriranse na túa presenza.

17Pero a ti salvareite no día aquel ‑é o Señor quen fala‑,

non serás entregado ó poder dos homes ós que lles tes medo;

18seguro que te salvarei e non caerás a espada,

e a túa vida será o teu botín,

pois confiaches en min ‑é o Señor quen fala‑.

 

 

XEREMÍAS E O POBO NON DEPORTADO DA CIDADE XERUSALÉN

 

Xeremías decide quedar co pobo

 

Capítulo 40

 

1Palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías, despois que Nebuzardán, xefe da garda persoal, o mandou desde Ramah, cando o colleu ó seu cargo, pois el estaba preso con cadeas entre todos os cativos de Xerusalén e de Xudá, que eran levados cativos a Babilonia. 2O xefe da garda persoal colleu a Xeremías ó seu cargo e díxolle:

‑O Señor, o teu Deus, anunciou este desastre contra este lugar; 3o Señor fíxoo vir e realizouno tal como el predixera; fostes vós os que pecastes contra o Señor e non fixestes caso da súa voz, e por iso sucédenvos estas cousas. 4E agora, eu solto hoxe as cadeas que tes nas túas mans. Se prefires vir comigo a Babilonia, ven, que eu mirarei por ti; se non queres vir comigo á grande Babilonia, velaí todo o país diante de ti: vai onde che pareza que é mellor e máis xusto que vaias. 5Se o noso xeito de vida non che gusta, vólvete xunto a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, a quen o rei de Babilonia constituíu gobernador das cidades de Xudá, e vive con el entre o pobo; ou a onde che pareza máis xusto ir, vaite.

E logo de darlle o xefe da garda persoal provisións para o camiño e regalos, despediuse del. 6E Xeremías foi onda Guedalías, fillo de Ahicam, a Mispah, e residiu xunto con el entre o pobo que quedara no país.

 

Reorganización da comunidade xudía baixo Guedalías en Mispah

 

7Cando se informaron todos os capitáns das tropas que había no campo xunto cos seus homes de que o rei de Babilonia constituíra gobernador do país a Guedalías, fillo de Ahicam, e de que lle confiara o goberno dos homes, das mulleres, dos meniños e dos máis pobres do país ‑os que non foran levados cativos a Babilonia‑, 8foron onda Guedalías a Mispah: Ismael, fillo de Netanías, Iohanán e Ionatán, fillos de Caréah; Sedacías, fillo de Tanhúmet, os fillos de Ofai o netofaíta, Iezanías, fillo de Macateo, todos eles e mais os seus homes. 9Entón Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, xuroulles a eles e ós seus homes nestes termos:

‑Non teñades medo de vos someterdes ós caldeos; vivide neste país someténdovos ó rei de Babilonia, para que vos vaia ben. 10Pois eu, velaquí que teño que vivir en Mispah, para representar o país ante os caldeos que veñan visitarnos; pero vós recollede viño e trigo, e poñédeo nas vosas olas; vivide nas cidades que escollestes.

11Todos os xudeus que estaban en Moab entre os amonitas, en Edom e en todos os países, tamén se informaron de que o rei de Babilonia lle deixara un resto a Xudá, e de que constituíra gobernador deste resto a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán.

12Todos os xudeus volveron desde os sitios a onde fuxiran, e viñeron ó país de Xudá, onda Guedalías, a Mispah, e colleitaron viño e trigo en moita cantidade.

 

Atentado de Ismael contra Guedalías, apoiado polos moabitas

 

13Iohanán, fillo de Caréah, e todos os xefes das tropas que había no campo, viñeron onda Guedalías en Mispah, 14e dixéronlle:

‑¿Acaso ti non sabes que o rei dos amonitas, Balís, mandou a Ismael, fillo do Netanías a que te matase?

Pero Guedalías, fillo de Ahicam, non lles deu creto.

15Entón Iohanán, fillo de Caréah, díxolle en secreto a Guedalías en Mispah:

‑Déixame ir, que eu matarei a Ismael, fillo de Netanías; ninguén o saberá. ¿Por que vai matarte e dispersarse todo Xudá, que se xuntou ó teu lado, e por que vai perecer o resto de Xudá?

16Guedalías, fillo de Ahicam, respondeulle a Iohanán, fillo de Caréah:

‑Non fagas iso. O que ti me contas de Ismael é mentira.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com