Capítulos 21-25

Anuncio da caída de Xerusalén

 

Capítulo 21

 

1Palabra que da parte do Señor lle veu a Xeremías, cando o rei Sedecías mandou a onda el a Paxhur, fillo de Malaquías, e ó sacerdote Sefanías, fillo de Maseías, para lle dicir:

2‑Por favor, consúltalle ó Señor da nosa parte, porque Nabucodonosor, rei de Babilonia, estanos atacando. ¡Quen nos dera que o Señor nos tratase segundo as súas intervencións prodixiosas e o volvese incapaz de nos atacar!

3E Xeremías díxolles:

‑A Sedecías transmitídelle isto: 4así fala o Señor, Deus de Israel:

"As armas que tendes nas vosas mans e coas que loitades, devólvollas eu ó rei de Babilonia e ós caldeos que vos cercan desde fóra da muralla, e heinas de xuntar no medio desta cidade. 5Eu en persoa loitarei contra vós, coa man estendida e con brazo forte, con ira, con noxo e con grande rabia. 6Farei ferir os habitantes desta cidade, homes e animais, que morrerán dunha grande peste.

7Despois disto ‑é o Señor quen fala‑ hei entregar a Sedecías, rei de Xudá, os seus servidores, o pobo, e os que nesta cidade queden con vida da peste, da espada e da fame, heinos de entregar nas mans de Nabucodonosor, rei de Babilonia, nas mans dos seus inimigos, e nas mans dos que atentan contra a súa vida. El pasaraos polo fío da espada, sen piedade, nin respecto, nin compaixón".

 

Invitación á deserción do pobo cercado

 

8A este pobo haslle dicir: ‑Así fala o Señor:

"Vede que poño diante de vós o camiño da vida

e o camiño da morte:

9o que siga vivindo nesta cidade morrerá de espada, de fame e de peste; o que saia e se renda ós caldeos, que vos están cercando, vivirá: así, cando menos, conservará a súa vida como botín.

10Poño a miña ira nesta cidade para mal e non para ben ‑é o Señor quen fala‑ e entrégoa na man do rei de Babilonia, para que a queime con lume".

 

 

A MONARQUÍA DE XUDÁ

 

Principais obrigacións da casa real

 

11Ollade, casa do rei de Xudá, escoitade a palabra do Señor:

12‑Casa de David, así fala o Señor:

"Examinadores, administrade a xustiza,

librade o oprimido da man do opresor;

se non, a miña ira xurdirá coma lume,

queimará e non haberá quen a apague,

por mor da maldade dos seus feitos.

13Velaquí estou contra ti,

que dominas nos fortes e es a rocha dos xustos ‑é o Señor quen fala‑:

vós sodes os que dicides:

¿quen baixará contra nós? ¿Quen entrará nos nosos casais?

14Eu castigareivos

conforme o froito das vosas accións

‑é o Señor quen fala‑.

Prendereille lume ó seu bosque, e o lume consumirá todo no arredor".

 

Capítulo 22

 

1O Señor díxome isto:

‑Baixa ó palacio do rei de Xudá, e proclama alí esta palabra: 2Dilles:

‑Escoita a palabra do Señor, rei de Xudá, que sentas no trono de David, ti, os teus servidores, e o pobo que entra por estas portas. 3Así fala o Señor:

"Practicade o dereito e mais a xustiza,

librade o oprimido da man do opresor;

non oprimades nin tratedes con violencia o estranxeiro, o orfo e a viúva;

non vertades sangue inocente neste lugar.

4Ollade que se de verdade cumprides este precepto, entón poderedes entrar polas portas deste palacio os reis que, despois de David, vos sentades no seu trono, montados en carrozas e en cabalos, acompañado cada un dos seus servos e do seu pobo. 5Se non facedes caso destas recomendacións, xuro por min mesmo ‑é o Señor quen fala‑ que este palacio se converterá nun palacio en ruínas".

6Así fala o Señor contra o palacio real de Xudá:

‑Ti es para min coma Galaad, coma o cume do Líbano;

pero olla que te vou converter nun deserto,

en cidade deshabitada;

7vou consagrar os destrutores que virán contra ti,

a cada un e mais o seu armamento:

eles cortarán o mellor dos teus cedros

e botaranos ó lume.

8Pasarán diante desta cidade moitos pobos xentís, e cada un diralle ó seu compañeiro: "¿Por que lle fixo isto o Señor a esta gran cidade?". 9E responderanlles: "Porque abandonou o pacto do Señor, seu Deus, para adorar e dar culto a deuses alleos".

 

Elexía polo desterro de Xalum

 

10Non choredes por quen está morto,

nin poñades loito por el;

chorade a lágrima viva polo que marcha,

sabede que non volverá outra vez

nin volverá ver a terra onde naceu.

11Pois isto é o que lle di o Señor a Xalum, fillo de Ioxías, rei de Xudá, que sucede a seu pai, Ioxías, no reinado: "O que saíu deste lugar, non volverá aquí outra vez, 12pois morrerá no lugar a onde o desterraron e non volverá ver esta terra".

 

Contra Ioaquim

 

13Ai do que constrúe a súa casa inxustamente,

e as habitacións de arriba      inicuamente;

usa coma escravo gratuíto o seu próximo,

a quen para el traballa non lle dá o seu.

14Este é o que di: "Voume facer unha casa ben grande,

unhas habitacións ben anchas";

alóngalle as súas fiestras, faina de cedro e píntaa de encarnado.

15¿Acaso vas ser rei por superar ós demais no cedro?

O teu pai ¿acaso non comeu e bebeu?;

practicou o dereito e a xustiza, e por isto lle foi ben.

16Xulgou a causa do coitado e do pobre e entón foille ben.

¿Non consiste nisto coñecerme a min? ‑é o Señor quen fala‑.

17Pero ti non tes ollos nin corazón

máis que para a túa tallada;

para o sangue inocente co fin de   vertelo,

para a opresión e para a violencia co fin de practicala.

18Por iso así lle di o Señor a Ioaquim, fillo de Ioxías, rei de Xudá:

‑Non chorarán por el: "¡Ai, meu irmán, ai miña irmá!".

Non se lamentarán por el: "¡Ai Señor! ¡Ai, Maxestade!".

19Enterrarase co enterro dun burro,

será arrastrado e botado fóra das portas de Xerusalén.

 

Anuncio da caída de Xerusalén antes do ano 598

 

20Sube ó Líbano e berra, dá gritos en Baxán,

berra desde Abarim, porque esnaquizaron os teus amantes.

21Faleiche cando a túa prosperidade, e respondíchesme:

"Non quero escoitar".

Este é o xeito de te comportares desde a túa mocidade:

non escoitaches a miña voz.

22O vendaval apacentará a todos os teus pastores,

e os teus amantes irán á catividade;

entón si que te vas avergonzar,

vaste sentir aldraxada por toda a túa ruindade.

23Eu habito no Líbano, eu teño o niño nos cedros:

¿como aguantarás cando che veñan as dores

e o retorcéreste coma no parto?

 

Oráculos e elexía acerca de Ieconías

 

24Pola miña vida ‑é o Señor quen fala‑ aínda que Ieconías, fillo de Ioaquim, rei de Xudá, fose o anel da miña dereita, si que te sacaría de aí 25e te entregaría nas mans dos que atentan contra a túa vida, nas mans ante as que ti sentes angustia, na man de Nabucodonosor, rei de Babilonia e nas mans dos caldeos. 26Logo botareite a   ti e mais a túa nai, a que te pariu, a outro país, onde non nacestes, e morreredes alí. 27Pero á terra onde con toda alma arelan volver, nunca volverán.

28Este tal Ieconías ¿é acaso unha vasilla artística desprezable e escacharrada?

¿É unha xerra onde non hai arte?

¿Por que o botaron fóra a el e mais a súa descendencia?

¿Por que os afastaron nun país que non coñecían?

29¡Cidade, cidade, cidade, escoita a palabra do Señor!

30Así fala o Señor:

‑Inscribide este home coma "sen  fillos",

home que na súa vida non ten sorte,

pois non consegue un da súa descendencia

para que se poida sentar no trono de David,

para que poida mandar de novo en Xudá.

 

Os pastores escorrentan o rabaño, pero o Señor reunirao

 

Capítulo 23

 

1¡Ai dos pastores que deixan que se perda o rabaño

e que o espantan do meu pasteiro! ‑é o Señor quen fala‑.

2Por isto, así lles fala o Señor, Deus de Israel,

ós pastores que apacentan ó meu pobo:

‑Vós espantades as miñas ovellas,

escorrentádelas e non coidades delas;

ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos ‑é o Señor quen fala-.

3Eu xuntarei o resto das miñas ovellas,

traéndoo de todos os países a onde as esparexín,

e fareinas volver ós seus pasteiros,

onde criarán e se multiplicarán.

4Para elas constituirei pastores que as apacenten,

de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,

nin se perda ningunha ‑é o Señor quen fala-.

 

5Ollade que chegan os días ‑é o Señor quen fala‑

en que farei abrollar de David un xermolo lexítimo,

será rei de verdade e comportarase con prudencia,

administrará o dereito e a xustiza no país.

6Desde os seus días Xudá vivirá a salvo,

e Israel vivirá en paz.

O título que se lle dará será este: "O Señor é a nosa xustiza".

 

7Por iso velaí chegan os tempos ‑é o Señor quen fala‑,

cando xa non se dirá: "Vive o Señor, que fixo subir os fillos de Israel do país de Exipto", 8senón: "Vive o Señor, que fixo subir e que trouxo a descendencia da casa de Israel, desde o país do norte e desde todos os outros países a onde os botara, para que vivan na súa terra".

 

 

SECCIÓN ACERCA DOS FALSOS PROFETAS

 

Os profetas falsos, responsables dos males do país

 

9¡Profeta! Desfáiseme o corazón dentro do peito,

tremen todos os meus ósos;

estou coma un borracho,

coma un home a quen se lle subiu o viño,

por mor do Señor, por mor dos seus santos preceptos.

10Velaí o país cheo de adúlteros.

Pola presenza dunha maldición o país está reseco,

secan os pasteiros do deserto.

Porque o seu xeito de comportarse é a maldade,

e a súa forza é o que non existe.

11Tanto os profetas coma os sacerdotes son uns impíos,

mesmo na miña casa atopei a súa ruindade ‑é o Señor quen fala‑.

12Por iso, o seu camiño converteráselles nun escorregadoiro:

serán empurrados ó barranco e caerán nel,

pois eu traerei contra eles a desgraza,

o ano en que lles pida contas ‑é o Señor quen fala‑.

 

Xuízo contra os profetas de Xerusalén

 

13Nos profetas de Samaría observei unha loucura:

profetizaron no nome de Baal

e deste xeito extraviaron o meu pobo, Israel.

14Nos profetas de Xerusalén estou vendo algo máis horrible:

quebrantan a súa fe e seguen ós que son mentira,

apoian o partido dos malvados,

para que ninguén se volva da súa maldade.

Considéroos a todos eles coma a Sodoma,

e ós veciños de Xerusalén coma a Gomorra.

15Por iso, así lles fala o Señor dos Exércitos ós profetas:

‑Vouvos dar asente para comer,

e bágoas para beber,

porque dos profetas de Xerusalén

é de onde sae a irrelixiosidade para todo o país.

 

Exhortación a abandonar os falsos profetas

 

16Así fala o Señor dos Exércitos:

‑Non lles fagades caso ós profetas que vos están profetizando,

son eles os que vos enganan.

Anuncian visións que saen da súa cabeza,

non mensaxes da parte do Señor.

17Repítenlles unha e outra vez ós que desprezan a palabra do Señor:

"Teredes fartura",

e a todos cantos seguen a obstinación do seu corazón:

"Non vos virá desgraza ningunha".

18Pois, ¿quen estivo presente no concello do Señor,

para percibir e escoitar a súa palabra?

¿Quen puxo atención á súa palabra, para lle facer caso?

19Ollade a tormenta do Señor:

irrompe a calor da súa ira,

arremuíñase a tormenta,

dá voltas sobre a cabeza dos malvados.

20Non se retirará a ira do Señor,

ata que poña por obra os plans da súa mente e os cumpra.

Soamente ó final destes días caeredes ben na conta.

21Eu non mandei estes profetas a profetizar, pero eles correron;

eu non lles falei, pero eles      profetizaron.

22Se estivesen presentes no meu concello,

faríanlle oír ó meu pobo a miña palabra,

e arredaríano do seu mal camiño,

e da ruindade dos seus feitos.

 

Oráculo de acusación contra os falsos profetas

 

23¿Acaso son Eu soamente Deus dos de cerca

‑é o Señor quen fala‑

e non tamén Deus dos de lonxe?

24¿Acaso non son eu

quen enche ó ceo e mais a terra?

‑é o Señor quen fala‑.

25Escoitei o que din eses profetas que profetizan mentiras no meu Nome, cando claman: "Tiven un soño profético, tiven un soño". 26¿Acaso o destino da miña xente está no corazón destes profetas que profetizan a mentira e vaticinan os enganos do seu corazón? 27Estes son os que cos seus soños ‑que cada un lle conta ó seu veciño‑ proxectan facer que o meu pobo esqueza o meu Nome, o mesmo que os seus pais esqueceron o meu Nome polo de Baal. 28O profeta que ten un soño, que conte o seu soño; e o que recibe a miña palabra, que a proclame con exactitude.

¿Que ten que ver a palla co gran? ‑é o Señor quen fala‑.

29O que a miña palabra transmite é coma o lume ‑é o Señor quen fala‑;

é coma o martelo que esnaquiza un penedo.

30Por iso, aquí estou eu ‑é o Señor quen fala‑ contra estes profetas que se rouban uns ós outros as miñas palabras. 31Aquí estou eu ‑é o Señor quen fala‑ contra estes profetas que exercitan a súa lingua para vaticinar oráculos. 32Aquí estou eu ‑é o Señor quen fala‑ contra os profetas de soños mentireiros, que eles contan para extraviar o meu pobo coas súas mentiras e toladas. Pois nin eu os constituín profetas nin os mandei, nin lles valen absolutamente de nada a este pobo ‑é o Señor quen fala‑.

 

33Cando este pobo ou o profeta ou o sacerdote che pregunta: "¿Cal é a carga do Señor?", ti haslles responder: "Vós sodes a carga, e eu vouvos abandonar" ‑é o Señor quen fala‑. 34Se o profeta ou o sacerdote ou este pobo volven dicir: "a carga do Señor", eu pedireille contas a ese tal e á súa casa. 35Habedes de falar así, cada un co seu veciño ou co seu irmán: "¿Que responde o Señor? ¿Que di o Señor?". 36Non repitades nunca máis "a carga do Señor", porque a carga de cada un de vós será a súa propia palabra para terxiversardes as palabras do Deus da vida, o Señor todopoderoso, o noso Deus.

37O profeta fálalle así: "¿Que che respondeu o Señor? ¿Que che dixo o Señor?". 38Pero se repetides carga do Señor, entón, así fala o Señor: "Por dicirdes esta palabra carga do Señor, sendo así que eu vos mandei dicir: Non digades carga do Señor, 39velaquí que vos hei levantar en peso e arrebolar lonxe da miña presenza a vós e esta cidade que vos dei a vós e a vosos pais, 40e hei mandar sobre vós un escarnio e un castigo perpetuo que non se esquecerá".

 

A visión das dúas cestas de figos: o verdadeiro pobo de Deus é o dos deportados

 

Capítulo 24

 

1Aparecéuseme o Señor, e vin dous cestos de figos que eran as súas testemuñas diante do templo do Señor. Foi despois de que Nabucodonosor, rei de Babilonia, fixo deportar de Xerusalén a Ieconías, fillo de Ioaquim rei de Xudá, ós principais de Xudá, ós ferreiros e cerralleiros, e os levou a Babilonia.

2Un dos cestos contiña figos mellores cás béveras, e o outro cesto contiña figos tan malos que non se podían comer.

3Entón díxome o Señor:

‑¿Que estás vendo, Xeremías?

Repuxen:

‑Dúas clases de figos. Os figos bos son moi bos, e os ruíns son tan ruíns que non se poden comer.

4Veume entón a palabra do Señor e díxome: 5‑Así fala o Señor, Deus de Israel:

Igual que estes figos son bos,

así tamén eu me preocuparei dos desterrados de Xudá,

que botei deste lugar á terra dos caldeos.

6Poñerei neles os meus ollos para o ben,

volvereinos traer a esta terra:

edificareinos, e non os hei destruír;

plantareinos, e non os hei arrincar.

7Dareilles corazón para me coñecer:

eu serei o Señor, e eles serán o meu pobo.

Eu serei o seu Deus,

e volverán a min con todo o seu corazón.

8Coma estes figos ruíns,

que de tan ruíns non se poden comer

‑así fala o Señor‑,

igual tratarei eu a Sedecías, rei de Xudá,

ós seus principais e ó resto de Xerusalén,

que quedou neste país,

e ós que viven en Exipto.

9Heinos converter en algo arrepiante,

desgraciados ante todos os reinos da terra,

obxecto de aldraxes e de coplas,

tema de escarnios e maldicións,

en todos os lugares a onde os dispersei.

10Mandarei contra eles a espada, a fame e a peste,

ata que desaparezan de sobre a terra,

que lles dei a eles e a seus pais.

 

Interpretación dos sinais dos tempos: castigo divino por mans dos caldeos

 

Capítulo 25

 

1O ano cuarto de Ioaquim fillo de Ioxías, rei de Xudá, que foi o ano primeiro de Nabucodonosor, rei de Babilonia, veulle a Xeremías este discurso para todo o pobo. 2O profeta Xeremías anuncioullo a todo o pobo de Xudá e a todos os veciños de Xerusalén, dicíndolles: 3‑Desde o ano trece de Ioxías, fillo de Amón, rei de Xudá, ata hoxe estame vindo a palabra do Señor e véñovos falando, madrugo para falarvos; pero non facedes caso. 4O Señor mandouvos os seus servos, os profetas, madrugou para mandárvolos; pero non fixestes caso nin prestastes o voso oído para escoitar. 5Véñovos dicindo: "Volvédevos cada un do seu mal camiño e da ruindade dos vosos feitos e vivide na terra, que desde sempre e para sempre vos deu o Señor a vós e a vosos pais. 6Non vos vaiades tras deuses alleos, nin os sirvades e adoredes, nin me enchades de ira coas obras das vosas mans, e deste xeito non vos farei mal".

7Pero non me fixestes caso ‑é o Señor quen fala‑, e enchéstesme de ira coas obras das vosas mans, para a vosa desgraza.

8Por iso, así fala o Señor dos Exércitos:

‑Xa que non fixestes caso da miña palabra, 9velaquí que eu pola miña conta ‑é o Señor quen fala‑ envíovos todas as tribos do norte e mais a Nabucodonosor, rei de Babilonia, o meu servo; heinos de traer contra esta cidade e os seus habitantes e contra todos os pobos que están ó seu arredor, e consagrareinos á destrución total; heinos converter nunha vergonza, nunha burla e nunha ruína para sempre.

10Farei desaparecer entre eles os berros de alegría e os berros de gozo, as cántigas dos mozos, as cántigas das mozas, o ruído das pedras de moer e a luz do candil. 11Todo este país será unha desolación e un estrago, e todos estes pobos serán servos do rei de Babilonia durante setenta anos. 12Pero cando se cumpran os setenta anos, heilles pedir contas ó rei de Babilonia e ó seu pobo das súas iniquidades, o mesmo que ó país dos caldeos, que converterei nunha desolación para sempre. 13E cumprirei con este país todas as ameazas que contra el pronunciei.

Cumprirei todo o escrito neste libro, que contén o que Xeremías profetizou contra todos os pobos. 14Xa que eles escravizaron a moitos pobos e a grandes reis, tamén eu lles pagarei conforme os seus feitos e as obras das súas mans.

 

O profeta failles beber a taza do viño envelenado ás nacións

 

15O Señor, Deus de Israel, díxome isto:

‑Cólleme esta taza de viño, colle da miña man este veleno:

fáillelo beber a todos os pobos, ós que eu che mando.

16Que beban, que vomiten a borracheira,

que enlouquezan ante a espada que eu boto entre eles.

17Collín a taza da man do Señor,

e deilles de beber a todos os pobos ós que o Señor me mandou.

18Deilles de beber a Xerusalén e ás cidades de Xudá, ós seus reis e ós seus nobres, para os converter nunha ruína desoladora, en mofa e en maldición tal como hoxe están.

19Deilles de beber ó Faraón, rei de Exipto, ós seus criados, ós seus principais, a todo o seu pobo, 20e a todos os seus sacerdotes; a todos os reis do país de Us, a todos os reis de Filistea: a Axquelón, a Gaza, a Ecrón e ó que quedaba de Axdod.

21Deilles de beber a Edom, a Moab e ós amonitas: 22a todos os reis de Tiro, a todos os reis de Sidón e ós reis da illa que está ó poñente do mar; 23a Dedán, a Temá e a Buz e a todos os que levan a cabeza rapada polos lados. 24A todos os reis da Arabia, e a todos os reis do poñente que viven na estepa; 25a todos os reis de Zimrí, a todos os reis de Elam e a todos os reis de Madai. 26A todos os reis do norte, ós de preto e ós de lonxe. A cada un despois do outro, e a todos os reinos que viven na superficie da terra, pero o rei de Xexac beberá despois deles.

27Haslles dicir: ‑así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

"Bebede, emborrachádevos, vomitade e caede,

sen serdes capaces de vos ter de pé,

á vista da espada que eu estou lanzando no medio de vós".

28E se refugasen coller a taza da túa man para beber, dilles:

‑Así fala o Señor dos Exércitos:

"Beber si que haberedes beber".

29Pois se eu comezo a castigar empezando pola cidade onde se invoca o meu Nome, ¿ides quedar vós libres? Non quedaredes libres, pois eu estou reclamando a espada contra todos os habitantes do mundo ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑.

 

Xuízo do Señor contra as nacións e elexía polos pastores e os seus pobos

 

30‑Ti proclama contra eles todos estes oráculos e dilles:

"O Señor roxe desde o alto,

lanza a súa voz desde a súa santa morada;

roxe contra as súas posesións,

lanza berros, coma os dos que pisan no lagar,

a todos os habitantes do mundo".

31A devastación chega ó cabo da terra,

xa que o Señor ten un preito cos pobos,

está xulgando a todos os homes,

e os culpables entregaraos á espada

‑é o Señor quen fala‑.

32Así fala o Señor dos Exércitos:

‑Velaí a desgraza que salta dun pobo a outro pobo,

unha gran tempestade ponse en camiño desde os extremos da terra.

33No día aquel os feridos de morte polo Señor

estenderanse dun cabo ó outro da terra;

non se fará loito por eles,

non serán retirados nin enterrados;

quedarán de esterco sobre a tona da terra.

34¡Ouveade, pastores! ¡Dade gritos!

¡Enzoufádevos na lama, xefes do rabaño!

Velaí cumpridos os vosos días para serdes degolados;

eu fíxenvos nadar na fartura,

pero vós caedes coma un vaso precioso.

35Perdeuse todo refuxio para os pastores,

e todo escriba para os xefes do rabaño.

36Oense berros de desesperación dos pastores,

ouveos dos xefes do rabaño:

é o Señor quen está arruinando os seus pasteiros.

37Desaparecen os pasteiros da fartura,

por causa do furor da ira do Señor.

38Coma o león deixa a súa cova,

así o país vólvese unha desolación,

por causa do furor do Poderoso,

por causa do furor da súa ira.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com