Capítulos 46-51

Heroes, reis e profetas

a) Tempo da posesión da terra

 

Capítulo 46

 

1Heroico guerreiro foi Xosué, fillo de Nun,

axudante de Moisés no oficio profético,

creado para acadar nos seus días

unha grande vitoria a prol dos elixidos

vingándose dos inimigos

e distribuíndo a herdanza a Israel.

2¡Que glorioso cando tendía o brazo

ou cando brandía a lanza en contra dunha vila!

3¿Quen foi tal de lle facer fronte

cando loitaba as guerras do Señor?

4¿Non se detivo o sol ó seu mandado

trocando un día en dous?

5Pois invocou ó Deus Altísimo

cando arredor o envolvían os inimigos

e o Deus Altísimo respondeu

con pedras de sarabia e de xeo,

6dando con elas sobre o pobo adversario

e destruíndo na "Baixada" ós rebeldes,

de xeito que todo este pobo consagrado ó exterminio

soubese que era Iavé quen dirixía as súas batallas.

7E por riba diso, dado que seguira a Deus en todo

e se mantivera fiel no tempo de Moisés

xunto con Caleb, fillo de Iefuné,

resistindo á subversión da asemblea

para afastaren a ira da comunidade

e facer cesar a maliciosa murmuración,

8foron gardados só os dous

de entre seiscentos mil homes de a pé

para seren introducidos na súa herdanza

nunha terra que deita leite e mel.

9A Caleb concedeulle Deus un tal pulo,

que lle había durar ata a vellez,

para facelo subir ata os altos do país

e que a súa posteridade conservase tamén a herdanza,

10e para que deste xeito toda a descendencia de Xacob se decatase

de que é boa cousa dedicarse de cheo ó Señor.

 

b) Tempo dos Xuíces

 

11Doutra banda están os Xuíces con cadanseu nome,

todos persoas que non deixaron perverter o seu ánimo

e non se apartaron de Deus:

¡Bendita sexa a súa lembranza!

12¡Que os seus ósos reflorezan na cova

e a súa sona se renove nos seus fillos!

13Querido do pobo e predilecto do seu facedor,

chamado desde o ventre da súa nai,

consagrado do Señor para profeta,

foi Samuel, xuíz e sacerdote.

Por mandado de Deus instituíu a monarquía

e unxiu príncipes sobre o pobo.

14Gobernou a comunidade segundo os mandamentos do Señor

inspeccionando as tendas de Xacob;

15pola súa fidelidade foi consultado coma vidente

e pola súa palabra deuse fe a un pastor.

16Tamén el invocou a Deus

cando o envolvían os seus inimigos

ó tempo que sacrificaba un año mamote;

17tronou o Señor desde o ceo

e a súa voz oíuse cun estrondo terrible;

18esnaquizou os caudillos adversarios

e destruíu a todos os príncipes filisteos.

19Cando xacía no seu leito

puxo por testemuñas ó Señor e ó seu Unxido:

‑"¿De quen xamais aceptei un regalo ou un par de sandalias?"

e ninguén lle puido responder.

20Aínda despois do seu pasamento fixéronlle consultas

e prediciulle ó rei o seu futuro,

facendo xurdir da terra a súa voz profética.

 

c) Forza e febleza da Monarquía

 

Capítulo 47

 

1Despois del xurdiu Natán

para servir a David,

2pois o mesmo que se reserva a graxa do sacrificio

así foi escolleito David entre Israel.

3Xogaba cos leonciños coma con cabuxas

e cos osos coma con años.

4De rapazote matou  un xigante

afastando así a infamia do pobo,

xirando coa man a fonda

para destruír o orgullo de Goliat,

5xa que invocara a Deus Altísimo

que reforzou a súa destra

para que derrubase a un experimentado guerreiro

e refixese o vigor do seu pobo;

6por iso cantábanlle as rapazas

celebrándoo polos "dez mil".

7Cinguida a coroa, seguiu loitando

pois someteu  todos os inimigos ó seu arredor,

desbaratando ós filisteos

que ata o día de hoxe non se refixeron.

8Por todos os seus feitos daba as grazas

ó Deus Altísimo, proclamando a súa gloria;

amaba de todo corazón ó seu facedor

e todos os días lle cantaba himnos.

9Dispuxo instrumentos musicais diante do altar

e harmonizou co salterio o canto dos himnos;

10deu grande brillo ás festas

e regulou as solemnidades anuais;

cando loaba o seu santo Nome

antes do amencer facía resoar o Santuario.

11Deste xeito o Señor perdoou a súa culpa

e exaltou eternamente o seu poderío,

concedeulle a institución monárquica

fundándolle o trono en Xerusalén.

12Por mor del sucedeulle

un fillo sabio que viviu en tranquilidade,

13Salomón, que reinou en tempos prósperos.

Deus concedeulle paz ó seu arredor

para que erguese unha casa ó seu Nome

e fundase un templo perenne.

14¡Que sabio fuches na túa mocidade

rebordando instrución coma un Nilo!

15Enchiches o país coa túa intelixencia

cubríndoo coa harmonía do teu canto.

16A túa sona viaxaba ata as apartadas illas

e fuches desexado polo teu reino pacífico.

17Cos teus cantos, refráns, enigmas

e ditos agudos deixaches abraiados ós pobos,

18e déronche un nome glorioso

que aínda se invoca a prol de Israel.

Mais amoreaches ouro coma ferro

e acugulaches prata coma chumbo;

19entregaches os teus lombos ás mulleres

e permitiches que dominasen no teu corpo;

20botaches unha chata ó teu honor

profanando o teu leito,

atraendo a ira sobre a túa descendencia

e saloucos sobre a túa cama;

21dividindo ó pobo en dúas estirpes

e soerguendo en Efraím un reino rebelde.

22Deus, non obstante, non retirou a súa piedade

nin deixará caer ningunha das súas promesas;

non extingue a prole nin a caste dos seus elixidos

nin aniquila a descendencia dos seus amigos,

senón que concedeu a Xacob un resto

e a David unha raiceira da súa caste.

23Salomón repousou desilusionado.

Deixou tras si un fillo,

home de grande tolemia e desasisado,

que coa súa política revirou o pobo.

Entón xurdiu ‑nin se faga lembranza del‑

o que, pecando, fixo pecar a Israel

introducindo o escándalo en Efraím

24ata facelo deportar do seu país.

O seu pecado foi enorme

25dándose a todos os vezos.

 

d) Os profetas taumaturgos

 

Capítulo 48

 

1Ata xurdir un profeta semellante ó lume,

con verbas que foron coma un forno aceso.

2Este quitoulles o sustento do pan

e no seu celo decimounos;

3coa palabra de Deus pechou os ceos

e fixo descender lume por tres veces.

4¡Que terrible fuches, Elías!

¡Gloria a quen te semelle!

5Ti soerguiches da morte un cadáver

tirándoo do Xeol co favor do Señor;

6reis fixeches baixar para a cova

e principais desde os seus leitos.

7Ti escoitaches no Sinaí as reprensións

e no Horeb os xuízos de vinganza;

8ti unxiches reis que levasen a cabo o desquite

e deixaches no teu posto un profeta que te sucedese;

9ti fuches arrincado no alto por un trebón

entre escuadróns de lume, ata o ceo;

10ti estás reservado ‑segundo a Escritura‑ para o instante xusto

de proclamar a carraxe antes de que chegue o día do Señor,

para reconciliar os pais cos fillos

e restaurar as tribos de Israel.

11¡Feliz quen te poida ver antes de morrer!

Con todo, máis feliz aínda ti, que vives.

 

12Cando Elías desapareceu no trebón

quedou Eliseo, cheo do seu espírito;

este multiplicou por dous os signos

e todo canto saíu da súa boca foi prodixioso.

De vivo non cedeu ante ninguén

nin houbo quen dominase no seu espírito.

13Nada lle foi imposible

e mesmo se reanimaban os corpos debaixo del;

14mentres viviu fixo milagres

e de morto, cousas sorprendentes,

15e, non obstante, o pobo non se converteu

nin cesou de pecar

ata que foron arrincados do país

e espallados por toda a terra.

Pouco quedou de Xudá

cun príncipe da casa de David.

16Algúns deles actuaron rectamente,

mais outros fixeron maldades insospeitadas.

 

e) Reformadores e profetas

 

17Ezequías fortificou a súa cidade

levando as augas ó seu interior;

furou co bronce as rochas

e fixo represas entre os montes para construír encoros.

18No seu tempo xurdiu Senaquerib

que enviou ó seu Rab-Saqué

para que tendese o brazo contra Sión

blasfemando de Deus na súa fachenda.

19Daquela cederon na soberbia dos seus corazóns

ó se retorceren coma muller en parto

20e invocaron ó Deus Altísimo

tendendo cara a El as mans.

Escoitou o Señor a súa pregaria

e salvounos por medio de Isaías,

21batendo no campamento de Asur

e aniquilándoos coa peste,

22pois Ezequías fixo o ben

manténdose nas vías de David

segundo a recomendación de Isaías, o profeta,

grande e preciso nos seus presaxios;

23polo seu medio o sol recuou

prolongándolle ó rei a vida,

24co seu espírito potente viu o futuro

e deu consolo ós aflixidos de Sión;

25anunciou as cousas vindeiras ata a fin dos tempos,

e o máis oculto antes de que sucedese.

 

Capítulo 49

 

1O nome de Ioxías é coma incenso recendente,

ben mesturado, arte de perfumista;

a súa lembranza é doce coma o mel no padal

coma unha cántiga nun banquete,

2pois entristeceuse cos nosos extravíos

e fixo cesar as vas abominacións;

3dedicou a Deus por enteiro o seu corazón

e en tempos de violencia foi piadoso;

4fóra de David, Ezequías

e Ioxías, todos prevaricaron;

abandonaron a Lei do Altísimo,

os reis de Xudá, ata o derradeiro,

5que cedeu o seu poder a outro

e a súa dignidade a un pobo estranxeiro,

6que meteu lume á santa cidade

e baleirou as súas rúas

7conforme o de Xeremías cando o asoballaron,

quen xa desde o ventre foi formado para profeta,

para demoler, arrincar e derrubar,

mais tamén para destruír, plantar e restaurar.

 

f) Outras figuras

 

8Ezequiel tivo unha aparición

e describiu a fasquía do carro;

9tamén fixo lembranza de Xob

que foi consumado nas xeiras da xustiza.

 

10Dígase o mesmo dos doce profetas

‑¡reflorézanlles os ósos na cova!‑

Eles sandaron a Xacob

e salvárono coa súa rexa esperanza.

 

11¡Que grande foi Zerubabel!

Foi coma selo na man dereita.

12Outro tanto Iexúa, fillo de Iosédec;

no seu tempo reconstruíuse o altar

e reedificouse o santo templo

destinado a unha gloria perdurable.

 

13Nehemías, ¡como brilla a súa lembranza!

El soergueu as nosas ruínas,

reparou as fendas dos nosos muros,

repuxo portas e ferrollos.

 

14¡Poucos houbo na terra coa feitura de Henoc!

Tamén el foi arrebatado en persoa.

 

15Non naceu ningún semellante a Xosé;

mesmo o seu corpo foi gardado con veneración;

primoxénito entre os irmáns, honra do seu pobo.

 

16Xem, Xet e máis Enox foron enxalzados,

mais a sona de Adam sobresae á de todo vivente.

 

Simeón

 

Capítulo 50

 

1Simeón, fillo de Onías o sacerdote, foi grande:

na súa xeración reparouse o templo

e nos seus días reforzouse o santuario;

2tamén no seu tempo se construíu o muro

coas torres reforzados coma un pazo real;

3na súa época cavouse o estanque,

unha poza capaz coma o mar.

4Protexeu ó seu pobo contra a bandidaxe

e fortificou a capital contra o inimigo.

5¡Que maxestosa a súa aparición na tenda,

ó saír do pavillón!

6Era coma o luceiro por entre as nubes,

coma a lúa chea nos días de festa,

7coma o sol refulxente sobre o pazo real,

coma o arco da vella aparecendo no nubeiro,

8como a flor na póla pola festa da primavera,

coma o lirio á beira das correntes,

coma o abrochar do Líbano polo verán,

9como a luminaria do incenso sobre a ofrenda,

coma vaso de ouro macizo

engastado con pedras preciosas,

10coma vizosa oliveira ateigada de olivas,

coma acivro de mestas gallas,

11cando vestía a roupa de gala

e se puña as vestimentas magníficas,

cando subía ó glorioso altar

e ornaba o recinto do santuario,

12cando recibía da man dos irmáns as porcións,

de pé, a carón do feixe da leña,

arredor del a coroa dos seus fillos,

semellantes ós gromos dos cedros do Líbano,

e cando ‑coma salgueiros dos regatos‑ o cinguían

13todos os fillos de Aharón na súa gloria,

tendo nas mans as ofrendas do Señor

perante toda a asemblea de Israel.

 

14O rematar o servizo do altar

e dispor os sacrificios do Altísimo

15tendía a man ó cáliz

e libaba o zume da uva

esparexéndoo ó pé do altar

coma recendente aroma para o Altísimo;

16entón aclamaban os fillos de Aharón, os sacerdotes,

coas súas trompetas metálicas,

resoaban e facían oír un clamor potente

para anunciar a presenza do Altísimo.

17Toda a xente por xunto dábase présa

a se botar rostro en terra

prostrándose diante do Altísimo

na face do Santo de Israel,

18mentres o coro entoaba,

espallándose o canto pola multitude.

19Alegrábanse todas as xentes do país

pregando diante do Misericordioso

ata que remataba o sacrificio do altar

dándolle o culto debido.

20Entón baixaba el, erguía os brazos

sobre toda a asemblea de Israel

coa bendición do Señor nos beizos,

e gloriábase do nome do Señor.

21Nese intre volvían eles a se prostrar

para recibir del a bendición.

 

Epílogo

 

22Bendicide, logo, ó Señor, Deus de Israel,

que fai marabillas na terra,

que engrandece ó home desde o seo

e fórmao segundo a súa bondade.

23Que El vos dea a Sabedoría do corazón

e haxa paz entre vós.

24Que sosteña o seu favor a Simeón

e lle manteña o pacto de Pinhás;

que non llo retire a el nin ós seus descendentes

namentres dure o ceo.

 

Pobos infames

 

25Hai dúas nacións que aborrezo

e unha terceira que nin pobo é:

26os habitantes de Seir e Filistea

e o pobo de tolos que mora en Xequem.

 

Colofón primeiro

 

27Instrucción prudente e proverbios rimados

de Iexúa, fillo de Elazar, fillo de Sírah,

difundidos segundo a súa mente os cavilaba

e esparexidos con intelixencia.

28Benia quen neles matine;

quen a eles se aplique farase sabio,

29o que os practique sempre terá éxito

pois o temor do Señor é a vida.

 

Apéndice primeiro: Himno de Acción de Grazas

 

Capítulo 51

 

1Quero loarte, meu Deus, meu salvador,

e darche as grazas, Deus de meu pai,

celebrar o teu nome, refuxio da miña vida,

2pois liberaches a miña alma da morte

e preservaches o meu corpo da cova

librando os meus pés do poder do Xeol,

librándome da zorregada da lingua

e dos labios que propagan mentiras;

puxécheste a meu carón contra os meus adversarios.

3Acorréchesme coa túa grande piedade

salvándome da trampa dos que espreitaban trala rocha

e do poder dos que atentaban contra a miña vida,

e de angustias sen número,

4da estreitura das labaradas que me rodeaban,

do incendio dun lume inextinguible,

5do ventre profundo do océano,

dos labios impuros e argalleiros de mentiras,

das frechas dunha lingua falsa.

6Xa estaba eu a morrer

e afundido no Xeol,

7volvíame arredor sen ninguén que me acorrese,

procuraba un apoio e non o había,

8cando lembrei a piedade do Señor

e as súas bondades permanentes

de quen salva a cantos a El se acollen

rescatándoos de todo mal.

9Lancei o meu berro desde a terra,

pedín axuda desde as portas do inferno;

10gritei: ‑"Señor, ti es o meu pai,

es ti o meu heroe salvador,

non me deixes no día da angustia,

no tempo da desfeita e da destrución;

11loarei de continuo o teu nome,

lembrareite na miña pregaria".

Daquela escoitou o Señor a miña voz

e oíu a miña súplica;

12libroume de todo mal,

salvoume no día da angustia;

por iso doulle grazas e enxálzoo

bendicindo o nome do Señor.

 

Salmo de loanza

 

I Loade o Señor porque é bó

porque a súa bondade non ten fin;

II Loade o Deus das gabanzas

porque a súa bondade non ten fin;

III Loade o protector de Israel

porque a súa bondade non ten fin;

IV Loade o creador do universo

porque a súa bondade non ten fin;

V Loade o redentor de Israel

porque a súa bondade non ten fin;

VI Loade o que xunta os dispersos de Israel

porque a súa bondade non ten fin;

VII Loade o construtor da súa cidade e Santuario

porque a súa bondade non ten fin;

VIII Loade o que fai renovarse a forza da casa de David

porque a súa bondade non ten fin;

IX Loade o que elixe sacerdote de entre os fillos de Sadoc

porque a súa bondade non ten fin;

X Loade o escudo de Abraham

porque a súa bondade non ten fin;

XI Loade a rocha de Isaac

porque a súa bondade non ten fin;

XII Loade o forte de Xacob

porque a súa bondade non ten fin;

XIII Loade o que escolleu a Sión

porque a súa bondade non ten fin;

XIV Loade o rei de reis

porque a súa bondade non ten fin;

XV El ergueu a nobreza do seu pobo

para loanza de todos os seus santos,

dos fillos de Israel, o pobo que lle é íntimo.

¡Aleluia!

 

Apéndice segundo: Poema da Busca da Sabedoría

 

13Cando eu era novo, antes de me pór a viaxar

devecín por ela e procureina;

14veume arredor

e eu seguireina ata a fin.

15Coma cando cae a flor ó madurecer os acios,

aledouse nela o meu corazón;

o meu pé seguiu fielmente as súas pegadas:

desde a miña mocidade estudei a Sabedoría.

16Tendinlle un pouco o meu oído

e adquirín grande coñecemento;

17o seu xugo foi para min glorioso

e doulle grazas a quen me ensinou.

18Resolvín procurala

e non tiven que avergonzarme cando a atopei.

19abA miña alma apegouse a ela

e xa non a deixei de vista.

20abDeime a seguila

e xa non me afastarei dela endexamais

19cdA miña man abriu a súa porta,

contemplei a súa intimidade e atopeina pura.

20cdNo meu ánimo desposeina desde o comezo,

e por iso xa non a abandonarei.

21Coma un forno ardían as miñas entrañas ó ollala,

por iso conseguina coma posesión prezada.

22Concedeume o Señor o éxito cos labios,

coa miña lingua heille dar as grazas.

 

23Achegádevos onda min, ignorantes,

e instaládevos na miña escola.

24¿Por canto tempo seguiredes baleiros de tantas cousas

e as vosas almas tan sedentas?

25Abro a boca e exhórtovos:

‑"adquiride gratis Sabedoría,

26sometede o pescozo ó seu xugo

e cargue a vosa alma co seu peso;

fica ela preto dos que a procuran

e quen se aplica atópaa".

27Ollade vós mesmos que, sendo eu ben pouco,

púxenme á súa beira, e atopeina.

28Escoitade o meu ensino por pequeno que sexa

e con el adquiriredes prata e ouro.

29Alédase o meu ánimo nos meus alumnos;

non teredes de que vos avergonzar co meu canto.

30Facede con xustiza as vosas obras

e Deus daravos o premio ó seu tempo.

 

Bendito sexa o Señor para sempre,

e loado o seu Nome de xeración en xeración.

 

Ata aquí, as verbas de Simeón, ben Iexúa, de sobrenome Ben Sírah.

Sabedoría de Simeón, fillo de Iexúa, fillo de Elazar, fillo de Sírah.

O Nome do Señor sexa bendito desde agora e para sempre.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com