Capítulos 1-5

LIMIAR

 

1Xa que tantas e tan grandes ensinanzas nos foron transmitidas na Lei, nos Profetas e nos restantes que os sucederon ‑polo que ben merecen ser loadas a Instrución e a Sabedoría de Israel‑ e posto que non só cómpre que sexan doutos os escribas 5senón que estes amigos do saber poidan asemade ser útiles ós profanos cos seus discursos e escritos, o meu avó, Xesús, despois de se ter intensamente dedicado ó estudio da Lei, dos Profetas 10e dos outros libros recibidos dos nosos devanceiros, e acadando neles unha ampla habelencia, quixo el pola súa banda compor algunha cousa sobre a Instrución e a Sabedoría para que os que teñan degoiros de aprender, someténdose a estas disciplinas, puidesen tanto mellor progresar no xeito de vida segundo a Lei.

15Prégovos, xa que logo, que o leades cunha atención benévola e que escusedes aqueles pasos nos que dea a impresión 20de non traducir ben algúns xiros, a pesar dos nosos esforzos de interpretación. Pois de feito non teñen a mesma forza as cousas ditas no seu propio idioma, que é o hebreo, cando se verten noutra lingua. E isto non só na presente obra, senón que a mesma Lei, as Profecías 25e os libros restantes difiren non pouco do seu texto orixinal.

Pois ben, chegado eu a Exipto no ano 38 do finado rei Euerxetes, mentres facía alí morada, como tivese boa ocasión de me instruír, 30coidei que sería moi necesario empregar algo do meu traballo e esforzo en traducir este libro; dediqueille daquela moitas vixilias e ciencia co obxecto de rematar e dar á publicidade este libro para uso daqueles emigrados que arelen instruírse 35e estean dispostos a manter os bos costumes vivindo de acordo coa Lei.

 

 

PARTE PRIMEIRA

 

O Libro das Máximas (1,1-42, 14)

 

Volume I

 

Loanza da Sabedoría

 

Capítulo 1

 

1Toda Sabedoría vén do Señor

e fica onda El para sempre.

2A area dos mares, as pingas da chuvia

e os días da eternidade ¿quen poderá contalos?

3O alto do ceo, o grande da terra,

o fondo do abismo ¿quen os sondará?

4Antes de todo foi creada a Sabedoría,

a intelixencia prudente desde a eternidade.

 

6A raiceira da Sabedoría ¿a quen se lle revelou?

E os seus planos secretos ¿quen os coñeceu?

8Non hai máis ca un que sexa Sabio e moi terrible

cando asenta no seu trono:

9¡O Señor!

Foi El quen a creou, mirou e mediu;

e esparexeuna sobre todas as súas obras,

10entre todos os seres vivos, conforme a súa xenerosidade;

e déullela en agasallo ós seus amigos.

 

A actitude relixiosa

 

11O temor do Señor é boa sona e motivo de orgullo,

gozo e coroa de xúbilo.

12O temor do Señor dá folgos ó corazón,

procúralle gozo, ledicia e vida longa.

13Para quen teme ó Señor todo remata ben,

no día do seu pasamento será bendicido.

 

14O principio da Sabedoría é temer o Señor;

xa no seo materno foi creado xunto cos fieis.

15Entre os homes fixo un niño, alicerce eterno,

e hase manter leal a carón da súa caste.

16Plenitude da Sabedoría: temer o Señor;

pois dos seus froitos embebédaos;

17énchelles todo o casal de tesouros

e os piornos dos seus produtos.

 

18Coroa da Sabedoría é o temor do Señor

que fai florecer a paz e a cura saudable.

19Fai orballar a ciencia e o coñecer intelixente

e agranda a sona dos que a posúen.

20A raiceira da Sabedoría é temer o Señor;

e as súas pólas, a lonxevidade.

 

Ser sabio é ser paciente

 

22Quen sen razón se alporiza non sairá impune

pois o pulo da paixón fará a súa ruína.

23O paciente, con todo, mantense ata o momento oportuno,

e ó remate a ledicia recompénsao.

24Contén por certo tempo as súas razóns

mais moitas bocas pregoarán o seu siso.

 

Ser sabio é ser piadoso

 

25Entre os tesouros da Sabedoría atópase o modelo da prudencia,

mais para o pecador a relixiosidade é de aborrecer.

26¿Cobizas a Sabedoría? ¡Garda os mandamentos!

O Señor daracha a eito;

27porque Sabedoría e instrución é o temor do Señor

e quen o deleita son a sinceridade e a humildade.

 

Ser sabio é ser auténtico

 

28Non andes con retrancas perante o temor do Señor

nin te achegues a El cun corazón dobre.

29Non fagas o hipócrita diante da xente

e pon tino nos teus labios.

30Non te exaltes, non sexa que caias

e atraias a infamia;

pois o Señor descubrirá os teus segredos

e botaríate por terra no medio da asemblea

por te achegares ó temor do Señor

levando o corazón cheo de engano.

 

Para chegar a sabio, resiste a  adversidade

 

Capítulo 2

 

1Filliño, se te achegas a servir o Señor,

prepárate para a proba;

2ten firme o corazón, se constante,

non te axites no intre da conmoción;

3apégate a El, non te lle afastes

e ó remate serás exaltado.

 

4Canto che veña enriba, acéptao,

aínda na doenza e na pobreza, ten paciencia.

5Pois no lume próbase o ouro

e os homes elixidos, na forxa da humillación.

6Afiúnza nel, e hache axudar,

endereita os teus camiños e espera nel.

 

7Vós, que temedes o Señor, agardade a súa misericordia

e non vos extraviedes para non caer.

8Vós que temedes o Señor, afiuzade nel

non se vos negará a paga ó vir a noite.

9Vós que temedes o Señor, esperade bens,

eterna ledicia e misericordia.

 

10Considerádevos das xeracións antigas e ollade:

¿quen afiuzou no Señor e foi avergonzado?

Ou ¿quen perseverou no seu temor e foi desatendido?

Ou ¿quen berrou por El e foi pasado por alto?

11Pois o Señor é compasivo e piadoso,

perdoa o pecado e salva na hora da angustia.

 

12¡Malia os corazóns covardes e as mans febles

e o pecador que discorre por dobre vieiro!

13¡Malia o corazón que afrouxa porque non cre

pois ficará sen protección!

14¡Malia vós que desbotastes a perseveranza!

¿Que faredes cando o Señor vos veña pedir contas?

 

15Os que temen o Señor non transgriden os seus mandados

e os que o aman gardan os seus camiños.

16Os que temen o Señor procuran compracelo

e os que o aman cumpren coa lei.

17Os que temen o Señor teñen o corazón disposto

e saben facerse pequenos diante del.

 

18¡Botémonos nas mans do Señor

que non nas mans dos homes!,

pois tal como é a súa maxestade

tamén é a súa piedade.

 

O cuarto mandamento

 

Capítulo 3

 

1Escoitade, fillos, a corrección paterna

e obrade de xeito que vos salvedes;

2pois o Señor honrou ó pai máis cós fillos

e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.

3Quen honra a seu pai redime as culpas.

4Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.

5Quen honra a seu pai gozará dos fillos

e cando vaia pregar será atendido.

6O que respecta ó pai terá vida longa

e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai

7e servirá coma a amos a aqueles que o xeraron.

8Meu fillo, honra a teu pai de palabra e de obra

para que veña sobre ti toda clase de bendicións.

9A bendición dun pai fai botar raigaños,

a maldición dunha nai arrinca a planta.

10Non te gloríes coa deshonra de teu pai

pois non é para ti un motivo de honor.

11A un home vénlle honor da honra de seu pai

mais quen maldí de súa nai fai un grave pecado.

12Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,

non o desatendas nos días da túa vida.

13Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento

e non o aldraxes todo o tempo que viva.

14O ben que se lle faga a un pai non será borrado,

hache valer coma compensación do pecado;

15no día da proba teráseche en conta;

coma coa calor a xeada esluiranse as túas culpas.

16É coma un blasfemo quen avergonza a seu pai

e provoca ó seu creador quen maldí de súa nai.

 

Humildade e teimosía

 

17Meu fillo, cando sexas rico procede modestamente

e virás a ser máis amado có que fai moitos agasallos;

18faite pequeno diante das grandezas do mundo

e encontrarás favor onda Deus;

19pois grande é a misericordia de Deus

que revela os seus segredos ós humildes.

 

21Non vaias á procura do difícil de máis para ti

nin pescudes o que te supera;

22dedica a túa reflexión ó que está no teu poder

e non te ocupes do profundo e escondido.

23Non te afanes no que te supera

pois amosáronseche cousas que non podes comprender.

24Certamente moitas son as teimas dos humanos

mais as matinacións perversas desvarían.

 

25Sen pupila falta a luz

e onde falta o coñecemento non hai Sabedoría.

26Mente teimuda terá mal final

e quen ama os praceres neles será alindado.

27Mente teimuda multiplica as súas coitas,

quen se atormenta engade culpa á culpa.

28Non corras a sandar a ferida do burlón;

non ten cura pois é grelo de planta cativa.

29A mente sabia comprende os ditos dos Sabios,

o oído atento á Sabedoría aledarase.

 

Caridade co marxinado

 

30Coma a auga mata o lume flamante,

a esmola encobre os pecados.

31Quen fai o ben, atópao nos seus camiños,

cando tropece encontrará un acougo.

 

Capítulo 4

 

1Filliño, non te burles da vida do coitado

nin entristezas a quen sofre mágoas;

2non deixes que xema o necesitado

nin te escondas dos deprimidos.

3Non conturbes as entrañas do asoballado

nin causes mágoa no interior do miserento;

non negues unha dádiva ós mendigos.

4Non refugues as demandas do pobre,

5non lle deas motivo de te maldicir

6pois queixaríase co corazón amargado da dor

e a súa Rocha escoitaría o son do seu laio.

 

7Fai que te queiran ben na comunidade

e abaixa a cabeza diante do maxistrado.

8Párate a escoitar ó pobre

e devólvelle con modestia o saúdo.

9Ceiba ó asoballado do seu opresor

e non teñas reparo en defender unha causa xusta.

10Serás coma un pai para os orfos,

fai as veces de marido para as viúvas;

daquela Deus hate chamar fillo,

seraslle grato e ceibarate da cova.

 

A Sabedoría, pedagoga

 

11A Sabedoría instrúe ós seus fillos

e exhorta ós que a estudan.

12Os que a aman, aman a vida,

os que a procuran, acadan beneplácito de Iavé.

13Os que a acaden, encontrarán gloria,

farán morada na bendición de Iavé.

14Dan culto ó Santo os que a serven,

Deus en persoa ama ós que a aman.

15Quen me escoita, vive seguro;

quen me preste atención morará nas miñas cámaras.

16Se afiúza en min, terame en herdanza

e a súa descendencia conservará a miña posesión,

17pois disfrazada, camiñarei ó seu carón:

de primeiras probareino con tentacións,

infundireille terror e medo,

e en tanto o seu corazón non se encha de min

poreino a proba cos meus exames;

18volverei entón a conducilo

e revelareille os meus segredos.

19Mais se se afasta refugareino,

e entregareino ás cadeas.

 

Respecto humano e sinceridade

 

20Meu fillo, no tempo da fartura, gárdate con temor do mal

para non ter que te avergonzares de ti mesmo

21pois hai vergonza que leva aparellada a culpa,

como outra vergonza carrexa boa sona e favor.

22Non andes con miramentos que te prexudiquen

e non te rebaixes ante quen te quere humillar.

23Non conteñas unha palabra ó seu tempo

nin agaches a túa sabedoría,

24pois falando dáse a coñecer a Sabedoría

e o discernimento na resposta da lingua.

 

25Non lle leves a contra a Deus;

sométete a Deus.

26Non te avergonces de te converter da culpa:

non fagas fronte á corrente.

27Non te sometas ó mal asisado

nin te revires contra os que gobernan.

28Loita ata a morte pola xustiza

e Iavé combaterá do teu lado.

29Non sexas de lingua fachendosa

nin frouxo nin remiso nos teus feitos;

30non sexas coma un león no teu casal

mais tampouco afastado e tímido cos teus criados.

31Que a túa man non estea aberta para recibir

e pechada cando se trata de dar.

 

Fachenda

 

Capítulo 5

 

1Non te apoies nas túas riquezas

nin digas: ‑"Está no meu poder".

2Non te apoies na túa forza

seguindo os impulsos do teu devezo.

 

3Non digas: ‑"¿Quen poderá comigo?",

pois Iavé pide contas de canto sucede.

4Non digas: ‑"Pequei e ¿que me aconteceu?",

só porque Deus é paciente.

5Non contes co perdón

para engadires culpa á culpa

6dicindo: ‑"Grande é a súa misericordia

e perdoará a multitude dos meus pecados".

Pois nel van xuntas misericordia e ira

e sobre os malvados envorca a súa carraxe.

7Non tardes en volver a El,

nin o deixes dun día para outro,

pois xorde de súpeto o seu furor

e no día da vinganza perecerás.

 

8Non poñas a confianza nas riquezas inxustas

que non che han valer no día da carraxe.

 

Control da palabra

 

9Non aventes a todo vento

nin xires para onde vaian as espigas;

10tente firme nas túas conviccións

e sexa unha a túa palabra.

11Se pronto para escoitares

e calmo ó responderes.

12Se podes, responde ó teu veciño;

e se non podes, pon a man na boca.

13Honor e vergonza fican a carón do paroleiro

e a lingua do home é a súa ruína.

 

14Non collas sona de home dobrado

nin aldraxes coa túa lingua,

pois para o ladrón creouse a vergonza

e o escarnio severo para o de falar dobrado.

15Non fagas mal nin pouco nin moito,

non pases de ser amigo a ser inimigo,

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com