Capítulos 16-20

Deus xulga

 

Capítulo 16

 

1Non te deleites no bo parecer de mozos nugalláns

nin goces en ter fillos impíos:

2aínda que fosen moitos, non te aledes neles

se lles falta o temor do Señor;

3non confíes en que estean vivos

nin esperes no seu porvir:

non van ter unha boa posteridade;

pois mellor é un que fai o seu debido ca non milleiros,

e morrer sen fillos mellor é que ter descendentes soberbios.

4Por un que tema a Deus xa se enche unha vila,

mentres un fato de perversos a arruína.

 

5Moitos casos semellantes teño eu visto

e o meu oído escoitou meirandes cousas:

6Contra unha morea de malvados foi prendido o lume,

contra unha nación impía alampou a ira;

7non deixou impunes os xigantes antigos

que se revolveron na súa arrogancia;

8nin perdoou os conveciños de Lot

ó se excederen con fachenda;

9tampouco houbo piedade para o pobo danado,

que foi desposuído pola súa culpa;

10tal aconteceu ós seiscentos mil de a pé

exterminados polo seu ánimo orgulloso,

11de xeito que aínda que fose un só o teimudo,

milagre sería que ficase impune.

Verdade é que nel van xuntas misericordia e carraxe,

e que transixe e perdoa,

mais sobre os pecadores bota o seu furor.

12Grande coma a súa compaixón é o seu castigo

e xulga a cadaquén de acordo cos seus feitos.

13Non fuxirá o malvado co seu furto

nin constantemente será o xusto privado da súa esperanza.

14Para quen faga esmola haberá premio

e cadaquén será tratado de acordo coas súas obras.

16As súas misericordias están á vista de todas as criaturas,

El reparte luz e tebra ós seres humanos.

 

Deus todo o ve

 

17Non digas: ‑"Escondinme de Deus,

¿quen se vai acordar de min alá arriba?

Entre tanta xente non me recoñecerán

¿que son eu entre tal multitude de persoas?

18Velaí os ceos e o máis alto dos ceos,

o océano e mais a terra:

cando descende para eles, tremen,

cando pasa revista, abanéanse.

19Tamén os raigaños dos montes e os alicerces do orbe

conmóvense cando Deus lles bota unha ollada.

20Pero en min non vai reparar,

¿quen descubrirá o meu proceder?

21Se peco, ninguén me verá

se minto ás furtadelas, ¿quen o sabe?

22E ¿quen lle vai ir contar as miñas boas obras?

¿Que esperanza vou ter se cumpro co debido?"

23Xente sen siso matina deste xeito,

tal é o pensar dos parvos.

 

Deus creador é quen xulga

 

24Escoitádeme e aprendede da miña discreción,

poñede atención nas miñas verbas;

25vou expoñer con tino o meu pensamento

e a dar razón con xusteza do que eu sei:

26Cando no comezo Deus creou as súas obras,

non ben existiron, distribuíulles os papeis;

27organizoulles para sempre as tarefas

e os seus elementos por xeracións.

Nin pasan fame nin cansan

nin fallan nos seus traballos,

28ningunha molesta á súa veciña

e endexamais non desobedecen o seu mandado.

29Despois ollou o Señor para a terra

e encheuna cos seus bens;

30cubriulle a faciana con toda caste de viventes

que a ela deberán volver.

 

Capítulo 17

 

1Da terra creou o Señor ó home

e de novo faino volver a ela.

2Concedeulles días contados, un tempo xusto

e deixou no seu poder canto hai sobre ela,

3revestiunos dunha forza coma a súa

e fíxoos á súa imaxe,

4impuxo o temor do home en toda criatura

para que impoña o seu dominio nas bestas e nas aves.

 

6Dotounos de discernimento, lingua e ollos,

deulles oídos e unha mente para cavilar;

7encheunos de sabedoría e intelixencia,

mostroulles o ben e o mal;

8púxolles a súa luz nos corazóns

para lles amosar a magnitude das súas obras,

9de xeito que pregoen a grandeza dos seus feitos

10e loen o nome santo.

11Engadiulles a ciencia

e concedeulles en herdanza a lei da vida.

12Concluíu con eles unha alianza eterna

e deulles a coñecer as súas determinacións;

13cos propios ollos contemplaron a dimensión da súa gloria

e os seus oídos escoitaron a súa voz magnífica;

14e díxolles: ‑"Gardádevos de toda impiedade";

e deu a cadaquén mandatos verbo do seu próximo.

 

15A súa conduta tena sempre diante,

non se esconde ós seus ollos.

17A cada pobo púxolle un gobernante

mais Israel é a porción do Señor.

19Todas as súas accións son para El manifestas coma o sol

e os seus ollos pousan decote nos camiños deles,

20nin lle foxen as inxustizas que fan

e todos os seus pecados fican diante do Señor.

22A esmola que un home fai vale para El coma un selo

e o favor feito gárdao coma a propia pupila;

23erguerase polo tanto para recompensalos

e fará recaer sobre cadaquén o que lle cómpre.

24Os que se arrepintan permitiralles volver

e dará consolo ós que perdan a esperanza.

 

Chamada á conversión

 

25Volve ó Señor e deixa os pecados

prega diante del e reduce as caídas;

26torna para o Altísimo e afástate da inxustiza,

refuga con forte pulo a iniquidade;

27pois ¿quen vai loar o Altísimo no Hades

igual que o fan os que viven confesándoo?

28Para un morto que xa non existe rematou a loanza;

é o vivo e quen ten saúde quen loa ó Señor.

29¡Que grande é a piedade do Señor

e o perdón para os que volven cara a El!

30Pois entre homes non todo é posible

xa que o ser humano non é inmortal.

31¿Que cousa hai máis resplandecente có sol?

Non obstante eclípsase.

32El é quen pasa revista ó exército das alturas do ceo

mentres que os homes todos son terra e cinsa.

 

Deus, o home e a piedade

 

Capítulo 18

 

1Aquel que vive eternamente creou todo xunto.

2Só o Señor leva razón.

 

4A ninguén lle foi dado o poder proclamar as súas obras.

¿Quen pescudará as súas grandezas?

5¿Quen calculará o poderío da súa maxestade

ou quen poderá narrar as súas misericordias?

6Non se lle pode minguar nin engadir

nin é doado descubrir as marabillas do Señor.

7Cando o home remata, entón comeza El;

se un para a pensar, fica abraiado.

 

Dar co corazón

 

8¿Que é o home? ¿Para que vale?

¿Que ten de bo ou de malo?

9O número dos días do home

coma moito son cen anos.

10Coma unha pinga de auga do mar ou un gran de area,

así son os seus poucos anos perante o día eterno.

11Velaquí por que Deus ten mesura con eles

e esparexe sobre eles a súa piedade;

12El ben sabe que o seu remate é miserento,

por iso fai medrar o perdón.

13O home ten piedade do seu próximo

mais o Señor apiádase de todo canto vive

reprendendo, corrixindo, ensinando

e recuperando, coma o pastor a súa grea.

14Apiádase dos que acollen a corrección

e dos que aceptan as súas disposicións.

15Meu fillo, cando fagas beneficios, non os mestures con críticas

nin verbas molestas con dádivas.

16¿Non calma o orballo a quentura?

Pois a palabra fai mellorar a dádiva.

17Abofé, máis vale unha palabra ca un bo regalo;

ámbolos dous atópanse no home cortés.

18O insensato aldraxa de malas maneiras

e a dádiva do envexoso irrita os ollos.

 

A precaución

 

19Antes de falares, instrúete;

antes de caeres enfermo, cóidate;

20antes de seres xulgado, examínate:

cando se che pidan contas serás perdoado;

21antes de enfermares, humíllate;

e cando peques, mostra que te arrepintes;

22nada te demore en cumprir un voto ó seu tempo,

non esperes a morte para pagar a débeda.

23Antes de faceres promesa, prepárate;

non sexas coma quen tenta ó Señor.

24Pensa na carraxe dos últimos días,

no momento da vinganza, cando El torna a face.

25Lembra a fame no tempo da fartura,

a pobreza e a miseria no tempo da riqueza.

26Do amencer ó solpor o tempo cambia,

todo pasa axiña ante o Señor.

27O home sabio mantense sempre presto,

no tempo de pecados presérvase da falta.

28Todo home asisado coñece a Sabedoría,

quen dá con ela  merece ser loado;

29tamén os de razóns sutís se fan sabios

facendo chover ditos axustados.

 

Control das paixóns

 

30Meu fillo, non te deixes levar das túas paixóns,

frea os teus degoiros,

31pois se dás solta á satisfacción do teu desexo,

faraste motivo de riso para o teu inimigo.

32Non te aledes por un momento de pracer

que vai dar nunha pobreza dobrada.

33Non sexas lambón nin bébedo,

se ter o peto baleiro.

 

Capítulo 19

 

1Quen tal fai non chegará a rico,

quen desbota o pequeno arruínase ós poucos.

2O viño e as mulleres volven o ánimo lercho

e quen se xunta con rameiras faise máis desvergonzado aínda;

3a podremia e os vermes farán presa del,

pois o temerario será aniquilado.

 

Do falar e das lerias

 

4O que axiña confía é un espírito lixeiro

e quen peca faise mal a si mesmo;

5quen se goza no mal será danado,

6quen aborrece as lerias diminúe en malicia.

7Non vaias repetindo unha leria

e ninguén te amolará;

8non leves contos a amigo nin inimigo

e se non é con dano teu, non o reveles,

9doutro xeito quen te escoite gardarase de ti

e chegará a odiarte.

10¿Escoitaches algo? ‑¡Que morra contigo!

Resiste, que non vas estoupar.

11Diante dunha noticia o insensato entra en dores

coma a parturiente ó chegar o neno.

12Coma unha frecha espetada na coxa

é unha noticia na entraña do parvo.

13Inquire do teu amigo; pode que non fixese nada,

e se fixo algo, para que non continúe.

14Inquire do veciño; pode que non dixese nada,

e se dixo algo, para que non o repita.

15Inquire do teu amigo: ¡dinse tantas calumnias!

¡Non deas creto a todo o que se fala!

16Tamén hai quen esvara sen pretendelo.

¿Quen hai que nunca pecase coa lingua?

17Inquire do teu veciño antes de chegares ás ameazas,

e deixa lugar á lei do Altísimo.

 

Falsas sabedorías

 

20O temor de Deus é o celme de toda Sabedoría

e en toda Sabedoría hai cumprimento da lei.

22Non é Sabedoría coñecer a malicia,

nin prudencia o matinar dos pecadores.

23Hai unha habilidade que é abominable

como existe un parvo que carece de Sabedoría.

24Mellor é o minguado de siso, máis temeroso

có que abonda en intelixencia e viola a lei.

25Hai sagacidade sutil, mais inxusta:

a de quen recorre a manexos para se dar aires de recto.

26Hai quen camiña cangado pola coita,

mais no seu interior está cheo de engano;

27baixa a cabeza, faise o xordo,

mais cando non te decatas aprovéitase de ti;

28e se por falta de forzas non pode pecar,

cando atope ocasión fará o mal.

29Polo aspecto coñécese o home

e polo porte da faciana o sabio.

30O atavío dun home, o riso dos seus labios

e o xeito de camiñar amosan o seu carácter.

 

A arte de corrixir

 

Capítulo 20

 

1Hai correccións fóra de tempo

e tamén hai quen, calando, amosa siso.

2Canto mellor é corrixir que alporizarse.

3O que confesa a culpa líbrase dun mal peor.

4Coma o eunuco que arela desflorar unha virxe

é quen quere impor a xustiza pola forza.

 

Calar e calar

 

5Hai quen cala e pasa por sabio

e quen fala de máis e non hai quen o ature.

6Hai quen cala por non ter resposta

e quen cala porque agarda a súa quenda.

7O Sabio cala ata o momento xusto,

o parvo non ten en conta a ocasión.

8O paroleiro faise odioso

e quen se adxudica a autoridade será aborrecido.

 

Facendas, regalos, doazóns

 

9Un home en angustias pode acadar fortuna

mais tamén pode que unha ganancia traia ruína.

10Hai regalos sen proveito

e regalos polos que pagar dobrado.

11Hai quen por certos honores queda humillado

e quen desde a humillación ergue a cabeza.

12Hai quen merca moito a baixo prezo

e quen paga sete veces polo mesmo.

13O Sabio con pouco faise amar,

os favores dos necios bótanse a perder.

14A dádiva do necio non che é de proveito

pois espera unha compensación sete veces meirande;

15o que el dá é pouco, mais bótao moito en cara,

abrindo a boca coma pregoeiro,

presta hoxe e reclama mañá;

un home así é de aborrecer.

16Di o parvo:‑ "Non teño amigos,

ninguén agradece os meus regalos";

17os que lle comen o pan son malas linguas;

¡cantas veces e cantos se burlan del!

 

Palabras fóra de tempo

 

18Trae máis conta esvarar no chan que esvarar coa lingua;

‑tan axiña chega a caída dos perversos‑.

19Un home sen xeito é coma unha saída a destempo:

atópase de continuo na boca dos ignorantes.

20Na boca do parvo o refrán estrágase:

nunca o dirá no momento xusto.

 

Ánimos febles

 

21Hai quen non pode pecar por pobreza

e así cando acouga non ten remorsos.

22Hai quen se perde por respecto humano

e quen se perde por descaro.

23Hai quen por timidez fai promesa a un amigo

e para si gaña un inimigo sen necesidade.

 

Mentiras danosas

 

24Chata grave no home é a mentira,

atópase sempre na boca dos malvados.

25Un ladrón é de preferir ó que mente a eito,

ámbolos dous herdarán a perdición;

26o ámbito do mentireiro é a mala sona,

quédalle para sempre esa vergonza.

 

A condición do Sabio

 

27Quen ten sabias razóns progresa

e un home asisado agrada ós grandes.

28Quen traballa a terra acrecenta os seus monllos,

e a quen lles dá gusto ós grandes perdóano.

29Regalos e agasallos cegan ollos sabios,

coma buceira na boca conteñen os reproches.

30Sabedoría oculta e tesouro escondido,

¿para que serven entrambos?

31Máis vale o que esconde a súa tolemia

có que esconde a súa sabedoría.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com