Capítulos 41-45

e) A morte: laio e bendición

 

Capítulo 41

 

1¡Oh morte, que aceda é a túa lembranza

para quen mora quedo nos seus eidos,

para quen vive en paz e todo lle vai ben

e aínda ten folgos para gozar de pracer!

2¡Oh morte, que bo é o teu decreto

para o home mísero e falto de vigor,

para quen tropeza e se ve atrapado por todas partes,

para quen abanea e perdeu a esperanza!

3Non teñas medo do teu destino mortal,

lembra que o mesmo vale para os que te precederon e te sigan.

4É a sorte que Deus impuxo a todo vivente,

¿como vas refugar a Lei do Altísimo?

Vivas mil, cen ou dez anos,

non se protesta no Xeol polo que dura a vida.

 

f) Descendencia e sona

 

5Descendencia desbotada é a dos malvados

que van a miúdo á casa dos impíos.

6Arrincaranlle o poderío ó fillo do perverso

e a aldraxe acompañará á súa prole.

7A un pai malvado maldío seu fillo

pois por culpa del sofre a deshonra.

8¡Ai de vós, impíos,

que abandonades a Lei do Altísimo!

9Se vos multiplicades será para a desventura,

se xerades será para a coita,

ó caerdes haberá escarnio permanente,

cando morrades será na maldición.

10Canto vén da nada volve á nada,

así o impío: do baleiro ó baleiro.

11Un home no seu corpo é un sopro,

mais o nome do piadoso non perece.

12Coida do teu bo nome pois hache valer máis

do que un milleiro de tesouros prezados.

13A ledicia de vivir dura días contados;

a boa sona, anos sen fin.

 

Clases de vergonza

 

14bSabedoría agachada e tesouro oculto

¿de que serven ámbolos dous?

15Máis vale quen agacha a súa tolemia

có que esconde a súa sabedoría.

14aFilliños, escoitade a instrución sobre a vergonza

16e confundídevos seguindo o meu xuízo;

pois non é valiosa unha vergonza calquera

nin é aceptable calquera rubor.

17Avergónzate da fornicación diante de teu pai e de túa nai,

e diante do principal e o maior, pola mentira;

18da falsidade ante o dono e a ama;

diante da asemblea do pobo, por un crime;

ante o compañeiro e veciño, pola traizón;

19no lugar da túa morada, por un roubo,

por non manter compromisos xurados,

por afincar os cóbados na mesa,

por refugar un don que se che pide;

21por non recoñecer a un amigo,

por impedir o reparto das partillas;

20por facer o xordo a quen te saúda,

por fitar muller allea

21por frecuentar a súa criada;

22diante do amigo, por verbas inxuriosas,

e despois de facer un don, por botalo en cara;

 

Capítulo 42

 

1de repetir unha verba que escoitaches

e descubrir un plano secreto.

Deste xeito avergonzaríaste de verdade

atopando favor ós ollos de todos.

Mais do seguinte non te avergonces

nin teñas respectos pecaminosos:

2da Lei do Altísimo e do mandato,

do dereito, ata absolver un culpado,

3de facer as contas co socio e o patrón,

de distribuír a herdanza e a facenda,

4de limpar a balanza e os pratiños,

de comprobar a medida e o peso,

dun prezo de venda nin moi alto nin moi baixo,

5de axustar o mercado co tratante;

de corrixir os fillos a miúdo

e de escorrerlle o sangue do lombo ó criado túzaro;

6de atrancar con ferrollo a muller viciosa

e botar chave onde anden mans lixeiras;

7de levar conta do que che deixan en depósito

e ter anotado no libro o debe e o haber;

8de corrixir ó desasisado e ó inxenuo

e ó vello decrépito que coa luxuria perdeu os cascos.

Dese xeito serás verdadeiramente sabido

e home de ben ante todo vivente.

 

Crianza das fillas

 

9Para un pai unha filla é un tesouro incerto,

coa preocupación lévalle o sono:

de moza, que se non vai casar,

de casada, que se a van repudiar;

10cando é virxe, por se lla violan,

vivindo no lar do marido, para que non sexa infiel;

no lar de seu pai, que non fique preñada,

no lar do seu home, que non sexa estéril.

11Filliño, vixía a túa rapaza

non che vaia procurar mala sona,

murmurios na cidade, escarnio do pobo,

e che cause deshonra na asemblea da porta.

Na súa alcoba, nada de fiestras,

nin peza con accesos visible pola volta.

12Que non amose a súa beleza a home ningún

nin vaia rexoubar no xineceo,

13pois, se dun vestido sae a couza,

dunha muller sae a malicia doutra.

14Mellor é malicia de home ca boas maneiras de muller,

e moza deshonrada carrexa baldón.

 

 

PARTE SEGUNDA

Libro da Grandeza de Deus

I A Creación

 

Grandeza de Deus na creación

 

15Quero lembrar as obras de Deus,

contarei canto teño contemplado:

Pola palabra de Deus foron creadas

e foi instrución del que fagan a súa vontade.

16Coma o sol do abrente resplandece sobre todo,

así a gloria do Señor sobre todas as obras.

17Nin os santos de Deus foron tales

de narraren as marabillas do Señor.

Concede Deus a forza ós seus exércitos

para se manteren rexos na presenza da súa maxestade.

18El sonda o abismo ó igual có corazón

e inquire todos os seus segredos,

porque o Altísimo coñece todo o coñecible

e albisca os signos do mundo futuro,

19manifesta o pasado e o vindeiro

e desvela o celme dos misterios.

20Non lle foxe saber ningún,

non hai cousa que se lle esconda.

21A magnitude da súa Sabedoría está ben confirmada

desde a eternidade é o único

sen que se lle poida engadir ou quitar

e non precisa de sabidos.

22¿Non son por caso admirables todas as súas obras

sendo só unha faísca o que delas se ve?

23El vive e permanece para sempre

e, en canto se precisa, escoita a todos.

24Calquera cousa é diversa doutra

mais nada fixo en van.

25Unha supera a outra na perfección

e ¿quen se dará farto de contemplar beleza tal?

 

As marabillas da creación

 

Capítulo 43

 

1Esplendor das alturas é o firmamento na súa enxebreza

e a fasquía dos ceos é un espectáculo maxestoso.

2Érguese o sol espallando a calor,

‑¡que admirable feitura do Señor!‑

3ó mediodía abura a terra:

¿quen pode facer fronte á súa quentura?

4Forno ben atizado pon candente o metal fundido,

as raiolas do sol incendian os montes;

unha labarada do astro consome a terra habitada,

é un facho que cega os ollos.

5Abofé, grande é o Señor que o fixo,

coas súas verbas fai brillar os seus seres poderosos.

6Tamén a lúa reloce en tempos sucesivos

medindo os períodos coma sinal constante;

7ela determina festas e datas

coa súa luz suave que vai esmorecendo;

8renóvase mes tras mes:

¡que admirable nas súas fases!

Axuda para as caravanas, candea celeste

que aluma o firmamento co seu esplendor.

9As estrelas son fermoso ornamento do ceo,

a súa luz resplandece nas alturas divinas,

10ó mandado de Deus seguen quedas no seu lugar

e non ceden dos seus postos de vixía.

11Olla para o arco da vella e bendice a quen o fixo.

¡Que marabilloso no seu esplendor!

12Cingue o ceo cun círculo glorioso,

é a man de Deus a que o tende.

13O seu poderío fai coruscar o lóstrego

e fulxir as faíscas de acordo cunha orde;

14a este fin creou os seus piornos

e fixo voar as nubes coma voitres;

15a súa potencia condensa as nubes

e esfaragulla as pedras da sarabia.

16O seu trebón bruante arrepía á terra

e coa súa forza tremen as montañas;

17á súa orde érguese o vento do sur,

o nordés, a treboada e a galerna;

18coma banda de paxaros esparexe a neve

que cae coma cando pousan os saltóns;

o brillar da súa brancura enfeitiza os ollos,

ó farrapear fica o ánimo arroubado.

19Espalla a xeada coma o sal

e as súas floriñas resplandecen coma zafiros.

20Ceiba o fría xistra

que conxela a lagoa coma unha codia,

pon un cobertor sobre toda superficie de auga

e reviste a fonte dunha coiraza;

21do mesmo xeito que a seca, queima a vexetación dos montes

e os pasteiros da campía coma unha chama;

22menciña disto todo é a súbita nube de orballo

que se esparexe para amolecer o sequeiro.

23Co seu plan puxo orde no océano

e plantou illas no mar;

24os mariñeiros contan dos seus confíns

e ó escoitalos cos nosos oídos ficamos abraiados;

25nel atópanse as máis estrañas das súas criaturas,

toda caste de bestas e monstros oceánicos;

26grazas a el o mensaxeiro cumpre co seu mandado

e as súas verbas levan a cabo o intento.

27Non é cousa de seguir repetindo outro tanto;

en conclusión: ‑"El éo todo".

28Continuaremos a loalo pois non é doado definilo,

El é meirande ca todas as súas obras.

29O Señor é digno de toda admiración

e as súas empresas son marabillosas.

 

Exhortación á loanza

 

30Vós que enxalzades o Señor, erguede a voz

con todos os azos, pois sempre será pouco;

os que entoades, renovade os folgos

sen darvos cansos, que non o esgotaredes.

31¿Quen o viu para poder describilo?

¿A quen lle é dado enxalzalo como é?

32Moitas cousas hai máis arcanas ca estas;

eu só considerei un anaquiño das súas obras;

33porque o Señor fíxoo todo

e ós piadosos concédelles a Sabedoría.

 

II  Loanza dos devanceiros

Introdución solemne

 

Capítulo 44

 

1Farei loanza dos homes de ben,

dos nosos devanceiros, pola súa orde;

2o Altísimo concedeulles unha gloria inmensa

e engrandeceunos desde días antigos:

3a gobernantes do país, pola dignidade real,

a homes famosos, polos seus grandes feitos,

a conselleiros, pola súa habelencia,

a visionarios universais, polas súas profecías,

4a príncipes de nacións, pola súa perspicacia,

a maxistrados, pola súa profundidade,

a razoadores tribunos, pola súa elocuencia,

a relatores de sentencias, pola súa vixilancia da tradición,

5a compositores de cántigas segundo as normas,

a escolmadores de refráns por escrito,

6homes ricos e cheos de poder

que viviron pacíficos nas súas moradas;

7todos eles foron distinguidos entre os seus contemporáneos

e glorificados xa no seu tempo;

8máis dun deixou tras de si un nome

que vai unido á súa herdanza.

9Doutros non se conserva a lembranza,

ó eles finaren, acabouse,

e foron como se non existisen,

e outro tanto os seus fillos despois deles.

10Mais estes foron homes virtuosos

e a súa esperanza non tivo fin;

11na súa prole mantense a felicidade

e a súa herdanza chega ata os seus netos;

12os descendentes manteñen os seus compromisos

e, polo medio deles, tamén os netos;

13a súa lembranza permanece eternamente,

non se borrará a súa caridade;

14o seu corpo foi enterrado en paz,

a súa sona vive por idades sen termo;

15a súa Sabedoría cóntaa a comunidade,

o seu loor repíteo a asemblea.

 

Os fundadores

a) Patriarcas no tempo do diluvio

 

16Henoc foi atopado íntegro no seu camiñar co Señor,

exemplo de mística para todas as xeracións.

 

17Noé, home xusto, foi encontrado perfecto;

no tempo do exterminio foi coma un reconciliador,

por el subsistiu un resto,

polo seu pacto cesou o diluvio,

18concluído con el por medio dun sinal eterno

de xeito que non fosen aniquilados todos os viventes.

 

b) Os pais da raza

 

19Abraham foi pai dunha chea de nacións,

no seu honor non se atopa chata

20pois observou os mandatos do Altísimo

e estableceu con El unha alianza

tallando na súa carne o que lle fora prescrito

e amosándose fiel na proba.

21Por iso prometeulle con xuramento

bendicir as nacións na súa posteridade

multiplicándoo coma o po da terra

e exaltando ós seus descendentes coma astros,

concedéndolles unha herdanza de mar a mar

desde o Éufrates ata as lindes do mundo.

 

22Tamén con Isaac fixo o mesmo

en razón de seu pai Abraham.

23A alianza de todos os devanceiros pousou

e a bendición descendeu sobre a cabeza de Israel.

Confirmouno na bendición

e deulle a súa herdanza.

Organizouno en tribos,

dividiuno nunha ducia de grupos.

 

c) Os pais da lei e do culto

 

Capítulo 45

 

1Del saíu un home

que atopou favor ós ollos de todo vivente,

amado de Deus e dos homes:

Moisés, de feliz lembranza.

2Constituíuno Elohim

e fíxoo potente entre os ilustres;

3á súa palabra acelerou os signos,

fortaleceuno diante do rei,

púxoo ó mando do seu pobo

e reveloulle a súa gloria.

4Pola súa fidelidade e sinxeleza

escolleuno de entre todos os viventes;

5fíxolle escoitar a súa voz

e deixouno aproximarse á mesta nube;

puxo na súa man o mandato,

a lei da vida e a comprensión dela,

para que ensinase a Xacob os seus decretos

e os seus preceptos e dereito a Israel.

6Soergueu a outro santo, Aharón, da tribo de Leví,

7instituíndoo cun decreto eterno,

impoñéndolle a dignidade

para que fixese o servizo da súa gloria;

cinguiuno coa forza do búfalo,

vestiuno co manto de honor.

8Revestiuno de ornamentos magníficos,

adornándoo con alfaias preciosas,

cos calzóns, a túnica e o manto;

9púxolle, todo en torno, campaíñas

cunha morea de granadas arredor

que repinicasen harmoniosas ó camiñar,

de xeito que a súa música se oíse no Santo dos Santos,

coma memorial para os fillos do pobo;

10vestimentas sagradas de ouro e púrpura

e vermellas, traballo de bordador,

o peitoral do xuízo, o Efod e o cinto,

o pano escarlata, feitura do tecedor;

11as xoias sobre o saquiño peitoral,

as tallas nos selos engastados,

cunha inscrición incisa para a lembranza

segundo o número das tribos de Israel;

12a coroa de ouro no turbante

e a lámina coa inscrición: "Santo",

dignidade gloriosa, poderosa nobreza,

delicia para os ollos, fermosura perfecta.

13Antes del non houbo nada semellante,

endexamais non as vestira un profano;

soamente un de seus fillos

e os fillos deles conforme as xenealoxías.

14As súas oblacións consómense totalmente,

dúas veces no día sen interrupción.

15Consagrouno Moisés

unxíndoo co aceite sacro;

isto foi para el un compromiso eterno

e para a súa proxenie, mentres o ceo dure

de xeito que sirvan a Deus e fagan de sacerdotes,

e bendigan ó pobo no seu nome.

16Escolleuno de entre todos os viventes

para que presente o holocausto e as graxas,

para fumegar o aroma suave e o memorial

e para expiar polos fillos de Israel.

17Encargouno dos seus mandamentos,

deulle poder sobre decretos e dereito,

para que ensinase ó seu pobo o prescrito

e a súa lei ós fillos de Israel.

18Algúns profanos acendéronse contra el,

envexándoo no deserto:

xentes de Datán e Abirán

co grupo dos de Coré, cheos de carraxe.

19O Señor, ó velo, encheuse de ira

e exterminounos na súa ardente xenreira;

fíxolles vir enriba un prodixio,

a labarada do seu lume que os engulipou.

20En troques a Aharón acrecentoulle o honor

determinándolle a súa herdanza

e asignándolle por xantar as primicias sagradas

21para que coman das ofrendas do Señor:

o pan da presentación é a súa parte,

don para el e para a súa descendencia.

22Soamente na terra non terán herdanza

nin percibirán posesións de entre eles;

partilla e herdanza súa son as oblacións do Señor

no medio dos fillos de Israel.

 

23Tras el vén Pinhás, fillo de Elazar,

coma terceiro en sona polas súas fazañas;

no seu celo polo Deus do universo

mantívose na brecha a favor do seu pobo,

e co seu nobre corazón

fixo expiación polos fillos de Israel.

24Con el estableceu tamén un decreto,

o contrato pacífico de manter o Santuario

de xeito que fose del e da súa prole

o Sumo Sacerdocio para sempre;

25pois se ben a alianza con David,

o fillo de Iexé, da tribo de Xudá,

é herdanza individual en razón da súa dignidade,

a herdanza de Aharón pasa a todos os descendentes.

 

E agora, bendicide ó Señor, o bo,

que vos coroou de gloria.

26Déavos El a Sabedoría do corazón

para gobernardes con xustiza ó seu pobo

e para que El non se esqueza da nosa felicidade

e da vosa grandeza por xeracións sen conta.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com