CAPÍTULOS 6-10

CAPÍTULO 6

 

A corrupción xeral

 

1A humanidade creceu, estendeuse pola terra e nacéronlle fillas. 2En vendo os fillos de Deus que as fillas dos homes eran belas, tomaron de entre elas mulleres, como ben lles parecía.

3Entón dixo o Señor: ‑"O meu alento de vida non permanecerá cos homes para sempre, pois non son máis ca carne. A súa vida non durará máis de cento vinte anos".

4Cando os fillos de Deus se achegaban ás fillas dos homes e tiñan fillos delas, e aínda despois, existían na terra os xigantes. Son os nomeados heroes doutros tempos.

5O ver o Señor que a maldade dos homes medraba na terra e que todos os seus pensamentos eran só para o mal, 6arrepentiuse de os ter posto sobre a terra, pesoulle no corazón. 7E decidiu: ‑"Vou borrar da terra o home que creei, e con el tamén o gando, as feras e os paxaros, pois mesmo sinto telos feito". 8Pero Noé achou o favor do Señor.

 

Noé

 

9Esta é a historia de Noé. Noé era un home xusto, enteiro, entre as xentes do seu tempo. Seguía os camiños de Deus. 10Tiña tres fillos, Sem, Cam e Iafet.

11Ora que a terra estaba toda enviciada ós ollos de Deus, chea de violencia. 12Deus ollou para a corrupción na que toda a terra caera, pola conduta dos homes, 13e díxolle a Noé: ‑"Para min chegou a fin de todos os seres vivos, pois por culpa deles está a terra chea de crimes. Vounos exterminar todos con ela.

14Ti constrúe unha arca de madeira resinosa. Fai nela celas e calafatéaa con betume por dentro e por fóra. 15Farala deste xeito: o longo de trescentos cóbados, o ancho de cincuenta, a altura de trinta. 16Poraslle unha cuberta; un cóbado debaixo dela deixaraslle unha bufarra e por un lado unha porta; levará tres pisos superpostos: o baixo, o medio e o alto.

17Eu vou mandar un diluvio ‑as augas‑ sobre a terra, para acabar coa vida toda de debaixo do ceo: perecerá canto hai na terra. 18Pero contigo establezo unha alianza. Ti entra na arca cos teus fillos, coa túa muller e coas mulleres de teus fillos. 19Meterás tamén nela, para que salven a vida, unha parella de animais, macho e femia, de todas as especies, 20paxaros, animais domésticos, réptiles, conforme as súas especies respectivas. 21Terás que te prover de alimentos e os gardar contigo, para que vos sirvan de mantenza a ti e mais a eles". 22Noé fixo todo conforme Deus lle mandara.

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

O diluvio

 

1O Señor díxolle a Noé: ‑"Entra na arca con toda a túa familia, pois teño visto que ti es o home xusto desta xeración. 2De todo animal puro colle sete parellas, macho e femia; dos non puros, unha parella, macho e femia; 3dos paxaros, tamén sete parellas, macho e femia, para que se garde viva a especie na terra. 4Dentro de sete días farei chover sobre a terra corenta días seguidos, coas súas noites, e varrerei da face da terra os seres todos  que creei".

5Noé fixo todo conforme lle mandara o Señor. 6Tiña seiscentos anos cando veu o diluvio sobre a terra. 7Para se salvar del, entrou na arca cos seus fillos, coa súa muller e coas súas noras. 8Con Noé entraron na arca animais puros e impuros, paxaros e todas as especies de réptiles que hai na terra, por 9parellas, macho e femia, conforme Deus lle mandara.

10O cabo de sete días as augas do diluvio alagaban a terra. 11Noé tiña seiscentos anos, e era o día dezasete do segundo mes, cando se espalancaron as fontes do abismo, en riba do firmamento, e se abriron as comportas do ceo. 12Choveu sobre a terra corenta días coas súas noites.

13Nese mesmo día entrou Noé na arca cos seus fillos, Sem, Cam e Iafet, coa súa muller e coas tres noras. 14Ademais deles entraron animais de todas as especies, gandos, réptiles, aves, paxaros. 15Con Noé entraron na arca parellas de todos os seres con vida, 16macho e femia de cada especie, conforme Deus lle mandara. Despois o Señor pechou por fóra.

17Durante corenta días caeu un diluvio sobre a terra. As augas, ó encheren, erguían a arca sobre o chan. 18Chegaron a medrar tanto, que a arca aboiaba por riba delas. 19Subiron máis e máis sobre a terra, ata cubrir las máis altas montañas que hai debaixo do ceo. 20Cubríanas a feito, rebordando por riba delas quince cóbados.

21Todas as criaturas vivas que se moven na terra pereceron: paxaros, gandos, feras, réptiles e os mesmos homes. 22Morreu canto tiña alento de vida polo nariz, todo o que hai na terra. 23Foron exterminados todos os seres vivos, desde os homes ós gandos, desde os réptiles ós paxaros; todo foi borrado da terra. Quedaron soamente Noé e os que estaban con el na arca. 24A auga dominou sobre a terra por cento cincuenta días.

 

 

 

CAPÍTULO 8

 

Fin do diluvio

 

1Deus pensou en Noé e nos animais e gandos que estaban con el na arca. Fixo  pasar un vento pola terra, e as augas comezaron a minguar. 2Cerráronse as fontes do abismo e as comportas do ceo, e parou de chover.

3Pouco e pouco as augas foron deixando libre a terra, diminuíndo sen parar, despois de cento cincuenta días. 4O día dezasete do mes sétimo a arca pousou en riba dos montes de Ararat. 5As augas seguiron baixando ata o décimo mes. No día primeiro dese mes víronse os cumes das montañas.

6O cabo de corenta días, Noé abriu a bufarra que deixara na arca, 7e soltou un corvo, que saíu e foi voando dun lado para outro, ata secaren as augas que cubrían a terra. 8Despois soltou unha pomba, para ver se as augas se deran retirado. 9Mais a pomba non atopou sitio enxoito onde pousar, porque a auga cubría a terra, e volveu para a arca. Daquela, alongou Noé a man, colleuna e meteuna na arca.

10Noé agardou sete días, e soltou de novo a pomba fóra da arca. 11O serán volveu entrar cunha folla verde de oliveira no peteiro. Noé decatouse de que a auga baixara un pouco máis. 12Agardou outros sete días e soltou novamente a pomba. Esta xa non volveu.

13O día un do primeiro mes do ano seiscentos un da vida de Noé secaron as augas que cubrían a terra. Noé retirou a cuberta da arca e viu que a terra estaba enxoita. 14O día dezasete do segundo mes a terra acabara de secar.

 

Sacrificio de Noé

 

15Deus díxolle a Noé: 16‑"Sae da arca cos teus fillos, a túa muller e as túas noras, 17e fai saír tamén os animais que están contigo, os seres vivos de todas as especies, paxaros, gandos, réptiles que se arrastran polo chan, para que se reproduzan e crezan".

18Saíu, pois, Noé da arca, e con el seus fillos, súa muller e súas noras. 19E saíron tamén todas as feras, todos os gandos, todos os paxaros, todos os réptiles, segundo as súas especies.

20Noé construíulle un altar ó Señor, colleu gandos puros e aves puras e ofreceunos en sacrificio no altar. 21Agradoulle ó Señor o recendo e decidiu: ‑"Non maldicirei a terra outra vez por mor dos homes, por máis que a súa inclinación tenda cara ó mal desde a súa mocidade. Non ferirei outra vez a todos os seres vivos, como acabo de facer.

22Namentres a terra dure;

sementeira e colleita,

frío e calor,

verán e inverno,

día e noite

endexamais non faltarán".

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

Alianza de Deus con Noé

 

1Deus bendiciu a Noé e ós seus fillos:

‑"Crecede, reproducídevos e enchede a terra. 2Que vos teñan respecto e medo os animais todos da terra e os paxaros do ceo. No voso poder están os réptiles todos da terra e os peixes do mar. 3Todo o que vive e se move serviravos para mantenza. Dóuvolo todo, como vos dei os vexetais. 4Mais non comeredes carne coa súa vida, quere dicir, co seu sangue. 5Tamén da vosa vida ‑do voso sangue‑ pedirei eu as contas. Pedireillas a todo home da vida do seu irmán. 6Quen mate un home, pola man de home morrerá, pois Deus fixo os homes conforme a súa imaxe. 7Reproducídevos, crecede, espalládevos pola terra e sometédea". 8Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos: 9‑"Vou establecer a miña alianza convosco e cos vosos descendentes, 10con todos os animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra. 11Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".

12E Deus engadiu: ‑"Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: 13Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza entre min e a terra. 14Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas, 15lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida. 16Aparecerá o arco nas nubes e, ó velo, lembrarei a alianza perpetua entre Deus e todos os seres vivos". 17Deus aclaroulle a Noé: ‑"Este é o sinal da alianza que establezo entre min e canto ten vida na terra".

 

Os fillos de Noé

 

18Os fillos de Noé que saíron da arca eran Sem, Cam e Iafet. Cam era pai de Canaán. 19Eses tres eran os fillos de Noé, e con eles repoboouse a terra toda.

20Noé fíxose labrador e plantou unha viña. 21Bebeu viño, embebedouse e botouse espido na súa tenda. 22En vendo Cam, pai de Canaán, a seu pai espido, saíu a contárllelo ós outros dous irmáns. 23Sem e Iafet colleron un mantelo, puxérono ós ombreiros e, camiñando de costas, cubriron as partes de seu pai. Como miraban cara a atrás, non o viron espido. 24Cando espertou Noé da bebedela e soubo o que lle fixera o fillo máis novo, dixo:

25‑"¡Maldito Canaán!

Sexa para seus irmáns o derradeiro dos escravos". 26E engadiu:

‑"Bendito o Señor, Deus de Sem, e que Canaán sexa o seu escravo. 27Estenda Deus a Iafet para que more nas tendas de Sem, e que Canaán sexa o seu escravo".

28Noé viviu, despois do diluvio, trescentos cincuenta anos. 29Por xunto viviu Noé novecentos cincuenta anos, e logo morreu.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

Táboa dos pobos

 

1Estes son os descendentes dos fillos de Noé, nacidos despois do diluvio.

2Descendentes de Iafet: Gomer, Magog, Madai, Iaván, Tubal, Méxec e Tirás. 3Descendentes de Gomer: Axcanaz, Rifat e Togarma. 4Descendentes de Iaván: Eliseo, Tarxix, os Quitim e os Dodanim. 5Deles descenden os pobos marítimos, cada un na súa terra e coa súa lingua, por familias e por nacións.

6Descendentes de Cam: Cux, Exipto, Put e Canaán. 7Descendentes de Cux: Sebá, Havilah, Sabtah, Ramah e Sabtecá. Descendentes de Ramah: Xebá e Dedán. 8Cux tivo a Nimrod, que empezou a facer valentías na terra. 9Foi un cazador valente á vista do Señor, segundo o dito que corre: ‑"Cazador valente á vista do Señor, coma Nimrod". 10Empezou sendo rei de Babel, Érec, Acad e Calneh, no país de Xinar. 11De alí emigrou para Asur e construíu Nínive, Rehobot-Ir, Calah 12e Resen, a grande cidade entre Nínive e Calah. 13Exipto xerou os lidios, os anamitas, os lehabitas, os naftuhitas, 14os patrusitas, os casluhitas e os caftoritas, dos que veñen os filisteos. 15Canaán xerou a Sidón, seu primoxénito, a Het, 16ós iebuseos, ós amorreos, ós guirgaxitas, 17ós hivitas, ós arquitas, ós sinitas, 18ós arvaditas, ós semaritas e ós hamatitas. Despois os clans dos cananeos estendéronse e 19as súas fronteiras abranguían desde Sidón, cara a Guerar, ata Gaza, incluíndo tamén Sodoma, Gomorra, Ademah Seboim preto de Laxa. 20Estes foron os descendentes de Cam por clans e linguas, nas súas respectivas terras e nacións.

21Tamén Sem tivo descendentes; o irmán máis vello de Iafet foi o pai de todos os heberitas. 22Descendentes de Sem: Elam, Asur, Arfaxad, Lud e Aram. 23Descendentes de Aram: Us, Hul, Guéter e Max. 24Arfaxad tivo a Xálah e este a Héber. 25Héber tivo dous fillos: o primeiro chamábase Péleg, por razón de que nos seus días se dividiu a xente da terra; seu irmán chamábase Ioctán. 26Ioctán xerou a Almodad, a Xelef, a Haarmot, a 27Iárah, a Hadoram, a Uzal, a Diolah, 28a Obal, a Abimael, a Xebá, 29a Ofir, a Havilah e a Iobab. Todos estes eran fillos de Ioctán. 30Habitaban na montaña oriental, desde Mexá ata Sefar. 31Estes foron os fillos de Sem, segundo as súas familias, linguas, países e nacións.

32Estes foron os clans dos fillos de Noé, segundo as súas liñaxes nas propias nacións; e desde elas espalláronse os pobos pola terra, despois do diluvio.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com