Capítulos 26-30

CAPÍTULO 26

 

Isaac e Abimélec

 

1Houbo fame no país, como outrora en tempos de Abraham, e Isaac foi a Guerar, preto de Abimélec, rei dos filisteos.

2O Señor aparecéuselle e díxolle: ‑"Non baixes a Exipto. Asenta na terra que eu che mostrarei. 3Fai nesta terra a túa morada. Eu estarei contigo e bendicireite. A ti e ós teus descendentes dareivos esta terra, para manter o xuramento que fixen a teu pai Abraham. 4Farei crecer os teus descendentes como as estrelas do ceo, dareilles toda esta terra e por eles chamaranse benditas as nacións todas do mundo; 5todo porque Abraham me obedeceu, gardou a miña lei, os meus preceptos e as miñas instrucións".

6Isaac asentou en Guerar. 7A xente do lugar preguntáballe pola súa muller, e el respondía: ‑"É miña irmá". Tiña medo de confesar que era súa muller, pensando: ‑"Esta xente vaime matar por culpa de Rebeca". Porque era moi bela.

8Cando levaban xa ben tempo no lugar, Abimélec, rei dos filisteos, ollou pola fiestra e viu a Isaac acariñando a Rebeca súa muller. 9Entón fíxoo chamar para dicirlle: ‑"Conque é túa muller. ¿Por que me dixeches que era túa irmá?"

Isaac respondeulle: ‑"Porque pensei: Vanme matar por culpa dela".

10Abimélec replicou: ‑"¿Por que nos fixeches isto? Se chega a deitarse alguén coa túa muller, faríasnos reos dun delito". 11Abimélec advertiu a toda a súa xente: ‑"Se alguén lle toca a este home ou á súa muller, será reo de morte".

 

Prosperidade de Isaac

 

12Isaac sementou o agro e recolleu naquela anada o cento por un. O Señor bendiciuno, 13e o home foi medrando, ata se facer moi podente. 14Tiña fatos de ovellas e de vacas e moitísimos criados. Os filisteos tíñanlle envexa, 15e encheron de terra e cegaron os pozos que abriran os criados de seu pai Abraham.

16Abimélec díxolle a Isaac: ‑"Marcha de onda nós, pois ti es moito máis forte".

17Isaac marchou de alí, parou no val de Guerar e alí asentou. 18Abriu de novo os pozos que foran xa cavados en vida de seu pai Abraham e que despois da súa morte cegaran os filisteos, e púxolles os mesmos nomes que lles puxera seu pai.

19Os criados de Isaac cavaron tamén no torrente e deron cun manancial. 20Os pastores de Guerar rifaron cos de Isaac dicindo: ‑"A auga é nosa". Por culpa desa discusión puxéronlle ó pozo o nome de Contenda. 21Despois cavaron outro pozo e rifaron tamén por el. Chamáronlle, por iso, Inimizade. 22Isaac foise de alí e fixo abrir outro pozo. Por este non houbo discusión, e púxolle Rehobot, pensando: ‑"Agora dános largueza o Señor para que prosperemos nesta terra".

23De alí subiu Isaac ata Beerxeba. 24Aquela mesma noite aparecéuselle o Señor e díxolle: ‑"Eu son o Deus de teu pai Abraham. Non teñas medo, pois eu estou contigo. Bendicireite e aumentarei a túa descendencia, por mor do meu servo Abraham". 25Isaac construíu alí un altar e invocou o nome do Señor. Montou a súa tenda, e os seus criados abriron un pozo alí mesmo.

 

Pacto de Isaac con Abimélec

 

26Abimélec chegouse onda Isaac desde Guerar, con Ahuzat o seu amigo e con Picol xefe da súa xente. 27Isaac preguntoulles: ‑"¿A que vindes onda min, vós que me aborrecestes e me botastes da vosa compaña?"

28Respondéronlle eles: ‑"Acabamos por ver que o Señor está contigo. Queremos que haxa entre nós un compromiso, que establezamos un pacto. 29Ti non nos farás mal, como non te tocamos tampouco nós a ti. Tratámoste sempre ben e démosche unha boa despedida. E agora ti es o bendito do Señor".

30Isaac preparoulles un xantar, e comeron e beberon. 31Erguéronse de mañá e intercambiaron xuramentos. Despois Isaac despediunos, e eles fóronse en paz.

32O mesmo día chegaron os criados de Isaac para o informaren do pozo que estaban abrindo; dixéronlle: ‑"Atopamos auga". 33El púxolle o nome de Xeba. De aí o nome da cidade de Beerxeba ata hoxe.

 

As mulleres de Esaú

 

34Cando Esaú tiña corenta anos, tomou por mulleres a Xudit, filla de Beerí o hitita, e a Basmat, filla de Elón, tamén hitita. 35Foron razón de tristura para Isaac e para Rebeca.

 

 

 

CAPÍTULO  27

 

Isaac bendí a Xacob

 

1Isaac fíxose vello e anubróuselle a vista. Entón chamou ó seu primoxénito Esaú: ‑"¡Fillo!"

E el respondeulle: ‑"Aquí estou".

2E o pai seguiu: ‑"Ti ves que xa vou vello e non sei cando morrerei. 3Colle as túas armas, o arco e a alxaba, sae ó monte e cázame unha peza. 4Guísaa como sabes que me gusta, e tráesma que a coma, pois quero darche a miña bendición antes de morrer".

5Namentres Isaac dicía isto a seu fillo, Rebeca estábao escoitando. Esaú saíu ó monte, pola peza que lle cumpría

6Entón díxolle Rebeca a seu fillo Xacob: ‑"Oín que teu pai falaba con teu irmán Esaú e que lle dicía: 7‑"Trae caza e prepárame un bo guiso. Comerei e bendicireite na presenza de Deus, antes de morrer. 8Agora, fillo, atende ben ó que che mando. 9Vas ó rabaño, tráesme dous bos cabuxos, e guisareillos a teu pai, do xeito que a el lle saben. 10Ti levarasllos a teu pai, para que coma e che dea a súa bendición, antes de morrer".

11Xacob díxolle a súa nai: ‑"Repara que meu irmán Esaú é peludo e que eu, en troques, son lampo. 12Se meu pai me apalpase, descubriríame trampulleiro, e no lugar da bendición atraería sobre min a maldición".

13Súa nai respondeulle: ‑"Que esa maldición, meu fillo, caia sobre min. Ti escóitame, vai e tráeme os cabuxos".

14El foi, colleu os cabuxos e tróuxollos á nai. Ela preparou o guiso, do xeito que lle gustaba a seu pai. 15Rebeca botou man da roupa do fillo maior, Esaú, a mellor que tiña na casa, e vestiulla a Xacob, o fillo máis novo. 16Coas peles dos cabuxos cubriulle as mans e a parte lampa do pescozo. 17E puxo nas mans de Xacob, seu fillo, o guiso que preparara e mais un anaco de pan.

18Xacob entrou onda seu pai e saudou: ‑"Meu pai".

El respondeu: ‑"Aquí estou. ¿E ti, meu fillo, quen es?"

19Xacob díxolle a seu pai: ‑"Eu son Esaú, o teu primoxénito. Fixen conforme me mandaches. Érguete, séntate e come da miña caza, para que me deas logo a túa bendición".

20Isaac preguntoulle a seu fillo: ‑"¿Como a atopaches tan axiña, meu fillo?"

El respondeulle: ‑"O Señor Deus púxoma diante".

21Isaac díxolle a Xacob: ‑"Achégate, fillo, que te apalpe, para ver se es ou non meu fillo Esaú". 22Xacob chegouse a Isaac. Este apalpouno, e dixo: ‑"A voz é a de Xacob, pero as mans son as de Esaú". 23E non o recoñeceu, porque as súas mans eran peludas coma as de seu irmán. E bendiciuno. 24Despois volveulle a preguntar: ‑"¿Es ti de verdade meu fillo Esaú?"

El respondeulle: ‑"Son".

25Isaac dixo: ‑"Sírveme, meu fillo, a comida, e logo dareiche a miña bendición". Xacob serviuno, e el comeu; tróuxolle viño e bebeu. 26Despois díxolle Isaac: ‑"Achégate aquí e bícame, meu fillo". 27E Xacob achegouse e bicouno. O sentir Isaac o recendo da roupa, deulle esta bendición:

‑"Sentide o recendo do meu fillo,

coma recendo dun agro

bendito polo Señor.

28 Deus che dea o orballo do ceo,

a fartura da terra,

abundancia de trigo e de viño.

29 Que te sirvan os pobos

e te respecten as nacións.

Se señor de teus irmáns

e que te respecten os fillos de túa nai.

Maldito o que te maldiga,

bendito o que te bendiga".

30En acabando Isaac de bendicir a Xacob, e este de saír de onda seu pai, chegou Esaú coa súa caza. 31Preparou el tamén un guiso saboroso, levoullo a seu pai e díxolle: ‑"Érguete, meu pai, e come da caza do teu fillo, para que me deas logo a túa bendición".

32O pai Isaac preguntoulle: ‑"¿Ti quen es?"

El respondeulle: ‑"Son o teu primoxénito Esaú".

33Isaac tremeu desde os pés á cabeza, e preguntou: ‑"Entón ¿quen foi o que cazou a caza e ma trouxo? Eu comín xa a fartar, antes que ti chegases, bendicino e bendito quedará".

34En oíndo Esaú as palabras de seu pai, bradou con asaño e acedume e díxolle a seu pai: ‑"Bendíceme, meu pai, tamén a min".

35Díxolle el: ‑"Veu teu irmán con engano e marchou coa túa bendición".

36Dixo Esaú: ‑"Por algo lle puxeron Xacob, pois xa me suplantou por dúas veces. Levoume a primoxenitura e agora arrampla coa miña bendición". E preguntou: ‑"¿Non che queda unha bendición tamén para min?"

37Respondeulle Isaac: ‑"Fíxeno señor teu, deille por servos os irmáns, concedinlle trigo e viño, ¿que podo facer por ti agora, meu fillo?"

38Esaú díxolle a seu pai: ‑"¿É que non tes, meu pai, máis ca unha bendición? Bendíceme, meu pai, tamén a min". E rompeu a chorar a berros.

39Isaac atendeuno e dixo:

‑"A túa morada estará lonxe

da fartura da terra

e do orballo do ceo.

40 Vivirás da túa espada

e servirás a teu irmán.

Pero virá un tempo e serás libre:

Botarás o seu xugo

de enriba do teu pescozo".

41Esaú quedou aborrecendo a Xacob por causa da bendición que lle dera seu pai. E pensaba: ‑"O tempo do loito por meu pai xa se aveciña. Entón matarei a meu irmán". 42Faláronlle a Rebeca das intencións de Esaú, seu fillo maior, e mandou chamar ó fillo máis novo, a Xacob, para dicirlle: ‑"Mira que teu irmán pensa vingarse e matarte. 43Faime, pois, caso, meu fillo. Ponte ó camiño e fuxe a Harán, onda meu irmán Labán. 44Queda onda el por algún tempo, deica lle pase a teu irmán a carraxe, 45deica se apague a súa ira contra ti e se esqueza do que lle fixeches. Xa mandarei eu buscarte. ¿Por que tería que perder a un tempo os dous fillos?" 46Rebeca díxolle a Isaac: ‑"Dóeme a alma, por culpa destas hititas. Se tamén Xacob toma muller de entre elas, de entre as fillas deste país, ¿de que me serve aínda vivir?"

 

 

 

CAPÍTULO 28

 

Xacob foxe a Mesopotamia

 

1Isaac chamou a Xacob e bendiciuno. Coa mesma, deulle esta orde: ‑"Non tomes unha cananea por muller. 2Vaite a Padán-Aram, coa familia de Betuel, o teu avó paterno, e toma muller de entre as fillas de teu tío Labán. 3O Deus todopoderoso bendicirate, darache fecundidade e farate crecer; veraste convertido en moitas tribos. 4Deus darache a bendición de Abraham, a ti e ós teus descendentes, herdarás a terra onde vives, a que Deus lle prometeu a Abraham". 5Isaac despediu a Xacob, e este foise a Padán-Aram, á casa de Labán, fillo de Betuel o arameo e irmán de Rebeca, a nai de Xacob e de Esaú.

6Soubo Esaú que Isaac bendicira a Xacob e que o mandara a Padán-Aram para que buscase alí muller e que ó bendicilo lle dixera que non casase cunha cananea; 7e que Xacob obedecera a seu pai e súa nai, e fora a Padán-Aram. 8Entón decatouse Esaú de que as cananeas lle desagradaban a seu pai Isaac. 9E, coa mesma dirixiuse a Ismael e tomou por muller a Mahalat, filla de Ismael, fillo de Abraham, e irmá de Nebaiot.

 

Soño de Xacob en Betel

 

10Xacob saíu de Beerxeba, camiño de Harán. 11Chegado a certo lugar, parou para pasar alí a noite, pois xa se puxera o sol. Colleu alí mesmo unha pedra, púxoa de cabezal e deitouse a durmir.

12No soño que tivo viu unha esqueira afincada na terra e co cimo tocando o ceo; por ela subían e baixaban os anxos de Deus. 13Diante del viu o Señor en pé, que lle dicía: ‑"Eu son o Señor, Deus de teu pai Abraham e Deus de Isaac. A terra onde estás deitado dareicha para ti e para os teus descendentes. 14Os teus descendentes serán tantos coma o po. Estenderanse cara ó occidente e cara ó oriente, cara ó norte e cara ó sur. En ti e nos teus descendentes veranse benditos os pobos todos da terra. 15Eu estarei contigo, gardareite onde queira que te atopes e traereite outra vez a este país. Non te abandonarei, namentres non cumpra o que che teño prometido".

16O espertar do soño dixo Xacob: ‑"Abofé que está o Señor neste lugar, e eu non o sabía". 17E, tremendo, engadiu: ‑"¡Que estarrecedor este lugar! Non é senón unha casa de Deus e unha porta do ceo".

18Xacob ergueuse cedo, colleu a pedra que puxera de cabezal, erixiuna como estela e verteu aceite enriba dela. 19O lugar púxolle o nome de Betel, aínda que o seu antigo nome era Luz.

20Xacob fixo este voto: ‑"Se Deus está comigo, se me garda nesta viaxe que emprendín, se me dá pan para comer e roupa para vestir 21e me volve san e salvo á casa de meu pai, o Señor será o meu Deus, 22e esta pedra que chantei de pé será unha casa de Deus. De todos os bens que me deas, pagareiche o décimo".

 

 

 

CAPÍTULO 29

 

Xacob na casa de Labán

 

1Xacob púxose en camiño cara á terra dos orientais. 2Nun campío viu un pozo e tres fatos de ovellas, deitadas ó pé del, pois no pozo abeberaban os rabaños. O pozo estaba cuberto por unha grande pedra. 3Cando se xuntaban alí todos os rabaños, corrían a pedra que tapaba o pozo, abeberaban os rabaños e logo volvían a pedra ó sitio.

4Xacob preguntoulles ós pastores:

‑"Irmáns, ¿de onde sodes?"

Respondéronlle eles: ‑"Somos de Harán".

5E el seguiu: ‑"¿Coñecedes quizais a Labán, o fillo de Nahor?"

Eles dixeron: ‑"Coñecemos".

6El preguntoulles: ‑"¿Está ben de saúde?"

Eles dixeron: ‑"Está ben. Alí chega a súa filla Raquel co seu rabaño".

7Xacob dixo: ‑"Queda moito día por diante, e non son horas de recoller o gando aínda. Abeberádeo e levádeo a pacer".

8Respondéronlle eles: ‑"Non podemos, ata que non se xunten todos os rabaños. Entón corremos a pedra que tapa a boca do pozo e tirámoslles a auga ás ovellas".

9Estaba Xacob falando con eles, cando chegou Raquel coas ovellas de seu pai. Ela era a pastora. 10En vendo Xacob a Raquel, filla de Labán seu parente, coas ovellas deste, botou a man á pedra que tapaba a boca do pozo e correuna 11e abeberou as ovellas de Labán. Despois deulle un bico a Raquel e rompeu a chorar.

12Xacob díxolle a Raquel que el era parente de seu pai e fillo de Rebeca. E ela foi correndo dicirllo a seu pai. 13Cando Labán oíu as novas de Xacob, fillo de súa irmá, correu ó seu encontro, abrazouno, bicouno e levouno á casa. Xacob contoulle a Labán todo o que lle acontecera. 14E Labán díxolle: ‑"Somos da mesma carne e do mesmo sangue". Xacob quedou con el por un mes.

 

Casamento de Xacob

 

15Labán faloulle a Xacob: ‑"¿Vasme servir de balde, por seres meu parente? Dime cal é o teu xornal". 16Labán tiña dúas fillas, a máis vella chamábase Lea e a máis nova Raquel. 17Lea era de ollos apagados, pero Raquel era fermosa e aposta.

18Xacob quería a Raquel, e díxolle a Labán: ‑"Servireite sete anos por Raquel, a túa filla máis nova".

19Respondeulle Labán: ‑"Mellor darcha a ti que non a un calquera. Fica, pois, comigo".

20Xacob serviu sete anos por Raquel, e parecéronlle uns poucos días, de tanto que a quería. 21O cabo deles díxolle a Labán: ‑"Dáme a miña muller, pois xa se cumpriu o tempo, e quero xuntarme con ela".

22Labán reuniu os homes do lugar e ofreceu un xantar. 23Chegada a noite, colleu a súa filla Lea, meteuna na tenda de Xacob, e este durmiu con ela. 24Labán deulle a serva Zilpah á súa filla Lea.

25Pola mañá decatouse Xacob de que era Lea, e díxolle a Labán: ‑"¿Que é isto que me fixeches? ¿Non te servira por Raquel? ¿Por que me enganaches?"

26Respondeulle Labán: ‑"Onda nós non hai costume de dar a filla máis nova antes cá máis vella. 27Deixa pasar outra semana e darémosche tamén a outra rapaza, polo servizo de sete anos máis". 28Xacob deuno por bo e, ó cabo dunha semana, Labán entregoulle por muller a súa filla Raquel. 29A Raquel deulle por criada a súa serva Bilhah. 30Xacob levou tamén consigo a Raquel, e queríaa máis ca a Lea. E serviu a Labán por outros sete anos.

 

Os fillos de Xacob

 

31Visto que Lea era aborrecida, o Señor fixo fecundo o seu ventre, mentres Raquel era estéril. 32Lea quedou embarazada e deu a luz un fillo, ó que puxo por nome Rubén, porque dicía: ‑"O Señor ollou para a miña aflición, e agora quererame o meu home". 33Quedou de novo embarazada, deu a luz outro fillo e exclamou: ‑"O Señor oíu que era aborrecida e deume estoutro". E púxolle de nome Simeón. 34Quedou aínda embarazada, pariu outro fillo e dixo: ‑"Agora o meu home apegarase a min, pois xa lle dei tres fillos". Por iso lle puxo o nome de Leví. 35Quedou outra vez embarazada e deu a luz un cuarto fillo, e dixo: ‑"Arestora doulle as grazas ó Señor". Por iso lle puxo o nome de Xudá. E deixou de ter fillos.

 

 

 

CAPÍTULO 30

 

1Vendo Raquel que non lle podía dar fillos a Xacob e, celosa da súa irmá, díxolle ó seu home Xacob: ‑"Dáme fillos, ou morro".

2Xacob enfadouse con Raquel e díxolle: ‑"¿Estou eu no lugar de Deus, que che nega o froito do ventre?"

3Ela propúxolle: ‑"Aí tes a Bilhah, a miña serva. Achégate a ela, que dea a luz nos meus xeonllos, e así terei eu tamén fillos por medio dela". 4E deulle a súa serva Bilhah por muller, e el achegouse a ela.

5Bilhah quedou embarazada e deulle un fillo a Xacob. 6Raquel agradeceu: ‑"Deus fíxome xustiza, escoitoume e deume un fillo". E púxolle o nome de Dan. 7Bilhah, a serva de Raquel, quedou de novo embarazada e deulle un segundo fillo a Xacob. 8Raquel dixo: ‑"Moito tiven que loitar coa miña irmá, pero puiden con ela". E chamou ó fillo Naftalí.

9Vendo Lea que deixara de ter fillos, colleu e deulle á Xacob a súa serva Zilpah por muller. 10Quedou embarazada e deulle un fillo a Xacob. 11Lea dixo: ‑"¡Que boa sorte!" E chamou ó fillo Gad. 12Zilpah, a serva de Lea, deulle outro fillo a Xacob. 13E Lea dixo: ‑"¡Para a miña felicidade! Agora felicitaranme as mulleres". E chamou ó neno Axer.

14Na época da sega do trigo saíu Rubén ó agro. Atopou unhas mandrágoras e levoullas a Lea, súa nai. Raquel díxolle a Lea: ‑"Dáme desas mandrágoras que trouxo o teu fillo".

15Respondeulle Lea: ‑"¿Quizais che parece pouco quitarme o meu home, que queres tamén as mandrágoras de meu fillo?"

Díxolle Raquel: ‑"Ben: que durma contigo esta noite, en troque das mandrágoras".

16A tardiña, ó volver Xacob do campo, saíulle Lea ó encontro e díxolle: ‑"Achégate a min, pois adquirín o dereito a ti polas mandrágoras de meu fillo". E Xacob deitouse con ela aquela noite. 17Deus escoitou a Lea, e esta quedou embarazada e deulle un quinto fillo a Xacob. 18Daquela dixo Lea: ‑"Deus deume este pago, por terlle dado a miña serva ó meu home". E púxolle ó neno o nome de Isacar. 19Lea quedou outra vez embarazada e deulle un sexto fillo a Xacob. 20Esta vez dixo: ‑"Deus fíxome un bo regalo. Agora terame respecto o meu home, pois xa lle dei seis fillos". E chamou ó neno Zebulón. 21Despois deu a luz unha filla e púxolle de nome Dinah.

22Deus acordouse de Raquel, escoitouna e abriulle o seo. 23Quedou embarazada, deu a luz un fillo e dixo: ‑"Deus quitou a miña aldraxe". 24E púxolle o nome de Xosé, pregando: ‑"Engada o Señor outro fillo a este".

 

Enriquecemento de Xacob

 

25Cando Raquel deu a luz a Xosé, díxolle Xacob a Labán: ‑"Permíteme marchar para a miña patria, á miña terra. 26Dáme as mulleres polas que te servín e os meus fillos; quero irme. Ti sabes o ben que te servín".

27Respondeulle Labán: ‑"Gustaría de merecer o teu favor. Adiviño que o Señor me bendiciu por causa túa". 28E engadiu: ‑"Marca ti mesmo a soldada, e pagareicha".

29Dixo Xacob: ‑"Ti sabes como te servín e como lle foi comigo á túa facenda. 30O pouco que tiñas primeiro de vir eu, converteuse en abundancia. O Señor bendiciute ó meu paso. Agora terei que facer algo pola miña familia".

Preguntoulle Labán: 31‑"¿Que che teño que dar?"

Xacob respondeu: ‑"Non me deas nada. Fai o que che vou dicir, e seguirei gardando o teu rabaño. 32Imos repasar agora mesmo o teu rabaño. Arredaremos del as ovellas riscadas, as pintas e as mouras, e as cabras pintas e riscadas. Iso será a miña soldada. 33O día de mañá, cando chegue a hora de me pagares, falará por min a miña honestidade. Se houbese cabras non riscadas e pintas ou ovellas non escuras entre o meu, iso sería roubado".

34Labán respondeu: ‑"Está ben como ti dis".

35Aquel mesmo día apartou Labán os castróns e as cabras riscadas, pintas ou brancas, e todas as ovellas mouras, e encomendóullelas ós seus fillos. 36Mandounos afastar unha distancia de tres días de camiño de onde estaba Xacob gardando o resto do rabaño de Labán.

37Xacob colleu entón varas verdes de bidueiro, de abeleira e de pradairo, e pelounas á tiras, de xeito que o branco das varas quedase ó descuberto. 38Puxo as varas peladas nas canles por onde corría a auga dos bebedoiros, para que cando viñese o rabaño beber e se emparellase alí mesmo, as tivese diante. 39O rabaño que se emparellaba coas varas á vista, paría crías riscadas e pintas.

40Xacob apartaba os cordeiros, despois de que puxese as reses de cara para o que era pinto ou mouro no rabaño. Con iso fixo un fato á parte, que non deixaba xuntar co de Labán. 41Cando se emparellaban as reses vigorosas, Xacob puña as varas nos bebedoiros á súa vista, e emparellábanse diante delas. 42Cos animais febles non as puña. Dese xeito, as crías febles eran para Labán e as fortes para Xacob. 43Xacob fíxose moi rico. Chegou a ter moita facenda, servos, servas, camelos e asnos.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com