CAPÍTULOS 36-40

CAPÍTULO 36

 

Os descendentes de Esaú e de Seir

 

1Esta é a historia dos descendentes de Esaú, que é Edom. 2Esaú tomou mulleres de entre as cananeas: Adah, filla de Elón o hitita; Oholibamah, filla de Anah, fillo de Sibón o hurrita; 3e Basemat, filla de Ismael e irmá de Nebaiot.

4Adah deulle a Esaú a Elifaz; Basemat, a Reuel; 5e Oholibamah, a Ieux, Ialam e Córah. Estes son os fillos que lle naceron a Esaú en Canaán.

6Esaú colleu as súas mulleres, os seus fillos e fillas, a xente toda da súa casa, os fatos, os gandos e todos os bens que adquirira en Canaán, e foi a outro país, por mor de Xacob seu irmán. 7As posesións dos dous eran tantas, que non podían vivir xuntos. A terra onde habitaban non podía sostelos, pola grandeza dos seus fatos.

8Esaú asentou na montaña de Seir. Esaú é Edom. 9Esta é a historia de Esaú, pai de Edom, na montaña de Seir. 10Estes son os nomes de seus fillos: Elifaz, fillo de Adah, muller de Esaú; Reuel, fillo de Basemat, outra muller de Esaú.

11Os fillos de Elifaz foron: Temán, Omar, Sefó, Gatam e Quenaz. 12Elifaz, fillo de Esaú, tivo por concubina a Timná, que lle deu a Amalec. Todos estes viñan de Adah, muller de Esaú.

13E estes agora son os fillos de Reuel: Nahat, Zérah, Xamah e Mizah. Estes viñan de Basemat, muller de Esaú. 14Os fillos de Oholibamah, filla de Anah, fillo de Sibón, os que lle deu a Esaú foron: Ieúx, Ialam e Córah.

15Estes agora son os xefes dos descendentes de Esaú: Fillos de Elifaz, o primoxénito de Esaú, estes xefes: Temán, Omar, Sefó, Quenaz, 16Córah, Gatam e Amalec. Os ditos son os xefes, fillos de Elifaz, no país de Edom, fillos de Adah.

17Fillos de Reuel, fillo de Esaú, estes xefes: Nahat, Zérah, Xamah e Mizah. Os ditos son os xefes, fillos de Reuel, no país de Edom, os que lle deu Basemat a Esaú.

18Fillos de Oholibamah, muller de Esaú, estes xefes: Ieúx, Ialam e Córah. Os ditos son os xefes, fillos de Oholibamah, filla de Anah, muller de Esaú. 19Todos estes son os fillos de Esaú, que é Edom, e os seus xefes.

20Os fillos de Seir o hurrita, que habitaban de antes no país, son: Lotán, Xobal, Sibón, Anah, 21Dixón, Éser e Dixán. Os ditos foron os xefes hurritas, fillos de Seir, na terra de Edom.

22Os fillos de Lotán foron: Horí e Hemam; e a súa irmá foi Timná. 23Os fillos de Xobal foron: Alván, Manáhat, Ebal, Xefó e Onam. 24Os fillos de Sibón foron: Aiah e Anah. Este Anah é o que atopou auga no deserto, cando gardaba os asnos de seu pai Sibón. 25Os fillos de Anah foron: Dixón e a filla Oholibamah. 26Os fillos de Dixón foron: Hemdán, Exbán, Itrán e Querán. 27Os fillos de Éser foron: Bilhán, Zaaván e Acán. 28Os fillos de Dixán foron: Us e Arán. 29Estes foron os xefes dos hurritas: Lotán, Xobal, Sibón, Anah, 30Dixón, Éser e Dixán. Estes foron os xefes de clans no país de Seir.

31Agora os reis que reinaron na terra de Edom, antes que os israelitas tivesen o seu rei: 32En Edom reinou Bela, fillo de Beor; a súa cidade chamábase Dinhabah. 33Morto Bela, reinou Iobab, fillo de Zérah, de Bosrah. 34Morto Iobab, reinou Huxam, do país dos temanitas. 35Morto Husam, reinou Hadad, fillo de Bildad, que venceu a Madián nos campos de Moab; a súa cidade chamábase Avit. 36Morto Hadad, reinou Samlah, de Masrecah. 37Morto Samlah, reinou Xaúl, de Rebobot do Río. 38Morto Xaúl, reinou Baal-Hanán, fillo de Acbor. 39Morto Baal-Hanán, fillo de Acbor, reinou Hadar; a súa cidade era Pau e a súa muller chamábase Mehetabel, filla de Matred, filla de Mezahab.

40Estes son os nomes dos xefes dos descendentes de Esaú, segundo as súas familias, os seus lugares e os seus nomes: Timná, Alvah, Ietet, 41Oholibamah, Elah, Pinón, 42Quenaz, Temán, Mibsar, 43Magdiel e Iram. Estes foron os xefes de Edom, segundo os seus lugares de morada, na terra da súa posesión. Este foi Esaú, pai de Edom.

 

 

 

 

CAPÍTULO 37

 

XOSÉ E OS SEUS IRMÁNS

 

Os soños de Xosé

 

1Xacob estableceuse na terra de Canaán, a onde seu pai peregrinara. 2E esta é agora a historia da familia de Xacob.

Cando Xosé era un rapaz de dezasete anos e gardaba o gando cos irmáns, fillos de Bilhah e de Zilpah, mulleres de seu pai, chegou un día e acusounos diante deste dun mal feito.

3Israel quería a Xosé máis ca a ningún dos fillos, porque lle nacera na vellez. E encargou para el unha túnica de mangas. 4Seus irmáns, ó dárense conta de que seu pai o prefería, colléronlle xenreira e non podían falar de boas con el.

5Xosé tivo un soño e contóullelo ós irmáns, polo que estes o aborreceron aínda máis. 6Díxolles el: ‑"Escoitade o que soñei. 7Parecíame que estabamos na eira atando monllos. Nisto o meu monllo levantouse e tíñase ergueito; os vosos, en troques, rodeábano e prostrábanse diante del".

8Dixéronlle os irmáns: ‑"¿Seica queres ser o noso rei e fas conta de dominarnos?" E aborrecérono aínda máis, por culpa dos soños e da súa interpretación.

9Tivo Xosé outro soño e contóullelo tamén ós irmáns. Tiven estoutro soño: ‑"O sol, a lúa e once estrelas prostrábanse diante de min". 10Cando llelo contou a seu pai e a seus irmáns, o pai reprendeuno: ‑"¿Que clase de soño é ese? ¿Teremos que vir e prostrarnos diante túa eu, túa nai e teus irmáns?" 11Os irmáns tíñanlle envexa, pero seu pai gardaba a cousa nos adentros.

 

A vinganza dos irmáns

 

12Os irmáns de Xosé foran para Xequem apacentar os fatos de seu pai. 13Israel díxolle a Xosé: ‑"Teus irmáns estarán co gando en Xequem. Ven, que te vou mandar onda eles".

Xosé respondeulle: ‑"Aquí me tes".

14Israel díxolle: ‑"Vai ver se están ben os teus irmáns e o gando, e logo tráesme as novas". Despediuno no val de Hebrón, e el marchou para Xequem. 15Cando andaba dando voltas, perdido polo monte, encontrouno un home e preguntoulle: ‑"¿Ti que buscas?"

16Respondeu el: ‑"Busco a meus irmáns. Dime, se podes, onde andan co gando".

17O home díxolle: ‑"Fóronse de aquí. Oínlles dicir: Vaiámonos a Dotán". Xosé foi tras eles, e encontrounos en Dotán.

18Vírono eles desde lonxe e, antes de que chegase, matinaron matalo. 19Dicíanse uns ós outros: ‑"Aí vén ese soñador. 20Imolo matar agora mesmo. Botarémolo nun pozo e diremos que unha fera salvaxe o devorou. Veremos en que paran os seus soños".

21En oíndo isto Rubén, tratou de o librar das súas mans, e propuxo: ‑"Non lle quitemos a vida". 22E engadiu, coa intención de o salvar e de llo volver a seu pai: ‑"Non vertades o seu sangue. Botádeo nunha cisterna do deserto, pero non poñades as mans nel".

23En chegando Xosé onda os irmáns, estes quitáronlle a túnica, aquela túnica de mangas que levaba posta, 24e despois guindárono na cisterna. Pero esta non tiña auga.

 

Xosé vendido para Exipto

 

25Sentados para comer, ergueron os ollos e viron unha caravana de ismaelitas que viña de Galaad, cos camelos cargados de especias, de bálsamo e resina, camiño de Exipto.

26Nisto díxolles Xudá a seus irmáns:

‑"¿Que proveito tiraremos con matar o noso irmán e tapar o seu sangue? 27Vaiamos, vendámosllelo ós ismaelitas. Non poñamos as mans nel, pois é noso irmán, do noso sangue". Os irmáns asentiron. 28Pasaron unhas caravanas madianitas, e os irmáns tiraron a Xosé do fondo do pozo. Por vinte moedas de prata vendérono ós ismaelitas, que o levaron a Exipto.

29Cando volveu Rubén ó pozo e non atopou a Xosé, rachou os seus vestidos, 30e foi onda os irmáns para lles dicir: ‑"O rapaz non está. ¿A onde vou eu agora?"

31Eles colleron a túnica de Xosé, mataron un cabuxo, tinxírona co sangue 32e mandárona levar a seu pai, con este recado: ‑"Atopamos isto. Mira se é ou non a túnica de teu fillo".

33Xacob recoñeceu a túnica, e dixo: ‑"É a túnica de meu fillo. Devorouno unha fera salvaxe. Xosé foi esnaquizado". 34Xacob rachou os seus vestidos, cubriuse de saco e fixo por moito tempo loito polo fillo. 35Todos os fillos e fillas viñeron consolalo, pero el rexeitaba o consolo, dicindo: ‑"Baixarei coa dor ó sepulcro co meu fillo". E choraba por el.

36Os madianitas, pola súa banda, venderon a Xosé en Exipto a Potifar, alto funcionario do faraón, xefe da súa garda.

 

 

 

CAPÍTULO 38

 

Xudá e Tamar

 

1Por aquel mesmo tempo afastouse Xudá de seus irmáns e foi á casa dun home de Adulam chamado Hirah. 2Alí coñeceu unha muller cananea que se chamaba Xúa; tomouna e achegouse a ela.

3Xúa quedou embarazada e deulle a Xudá un fillo, a quen puxo o nome de Er. 4Quedou de novo embarazada e deulle outro fillo, ó que chamou Onán. 5Volveu aínda ter un fillo e chamoulle Xelah. A nai atopábase en Quezib cando deu a luz.

6Xudá tomou, co tempo, unha muller para Er, seu primoxénito; chamábase Tamar. 7Er, o primoxénito de Xudá, era un mal home á vista do Señor, e o Señor fíxoo morrer. 8Entón Xudá díxolle a Onán: ‑"Achégate á muller de teu irmán; cumpre co teu deber de cuñado e dálle descendencia a teu irmán".

9Pero Onán, sabendo que non sería súa a descendencia, vertía o seme polo chan cando se achegaba á muller de seu irmán, para non lle dar descendencia. 10Pareceulle mal ó Señor o que Onán facía e fíxoo morrer a el tamén.

11Xudá díxolle entón á súa nora Tamar: ‑"Consérvate viúva na casa de teu pai, deica creza o meu fillo Xelah". Pensaba nos seus adentros: ‑"Non sexa que morra tamén el, coma seus irmáns". E Tamar foi vivir á casa de seu pai.

12Moito tempo despois morreu Xúa, muller de Xudá. En acabando o loito por ela, Xudá subiu a Timnah, en compaña de Hirah de Adulam, para a rapa das ovellas. 13Dixéronlle a Tamar: ‑"Mira que o teu sogro sobe a Timnah, á rapa das ovellas". 14Ela quitou a roupa de viúva, cubriu a cara cun veo e, disfrazada, púxose na encrucillada que hai no camiño de Timnah, en Enaim. Pois vía que Xelah medraba, e Xudá non a casaba con el.

15O ver Xudá a Tamar, tomouna por unha prostituta, pois tiña a cara cuberta. 16Dirixiuse a ela no camiño e propúxolle, sen darse conta de que era a súa nora: ‑"Ven, deixa que me achegue a ti".

Díxolle ela: ‑"¿Que me vas dar por achegarte  a min?" 17El respondeulle: ‑"Mandareiche un cabuxo do fato". Ela dixo: ‑"Ben, se me dás un peñor ata que o mandes". 18Preguntoulle el: ‑"¿Que peñor queres que che dea?" Respondeulle ela: ‑"O teu anel coa cadea e o caxato que levas na man". El deullos, achegouse a ela, e ela quedou embarazada. 19Tamar marchou, quitou o veo da cara e volveu poñer a roupa de viúva.

20Xudá mandoulle o cabuxo polo seu amigo de Adulam, coa intención de recoller o peñor que tiña a muller; pero aquel non a atopou. 21Preguntou á xente do lugar: ‑"¿Onde está a prostituta que se pon en Enaim, à beira do camiño?"Dixéronlle: ‑"Aí non se pon prostituta ningunha".

22O home volveu onda Xudá e díxolle: ‑"Non a encontrei. Por parte, a xente do lugar di que alí non hai ningunha prostituta".

23Repuxo Xudá: ‑"Pois que se quede co peñor; que non se rían de nós. Eu mandeille o cabuxo e ti non a encontraches".

24O cabo de tres meses dixéronlle a Xudá: ‑"A túa nora Tamar prostituíuse e quedou embarazada".

Dixo Xudá: ‑"Sacádea fóra e queimádea".

25Cando a sacaban fóra, mandou ela dicir ó seu sogro: ‑"O dono destas cousas é quen me deixou embarazada". E engadiu: ‑"Comproba de quen é este anel coa súa cadea e esta vara".

26Xudá recoñeceunos e dixo: ‑"Ten máis razón ca min, pois non lle dei o meu fillo Xelah". Pero non se achegou a ela nunca máis.

27Chegada a hora do parto, viuse que tiña xemelgos. 28O dalos á luz, un deles sacou a man para fóra, e a parteira atoulle nela un fío vermello, dicindo: ‑"Este é o primoxénito". 29Pero a man volveuse atrás, e saíu primeiro seu irmán. Entón dixo a parteira: ‑"¡Que saída te forzaches!" E púxolle o nome de Peres. 30Despois saíu  seu irmán co fío atado na man, e chamárono Zérah.

 

 

 

CAPÍTULO 39

 

Xosé na casa de Potifar

 

1Os ismaelitas levaron a Xosé para Exipto e vendéronllo ó exipcio Potifar, alto funcionario do faraón, xefe da súa garda. 2O Señor favoreceu a Xosé e deulle boa sorte en todo o que facía na casa do amo exipcio. 3O seu amo decatouse de que o Señor estaba con el, facendo prosperar todo nas súas mans; 4colleulle afecto a Xosé e gardouno ó seu servizo. Encargoulle o goberno da casa e encomendoulle toda a facenda.

5Desde que lle encomendou a Xosé a súa casa e toda a súa facenda, o Señor bendiciu por causa del a Potifar e acrecentou todo o que tiña, o mesmo na casa coma fóra. 6O exipcio deixouno todo nas súas mans, sen preocuparse persoalmente máis ca da comida. Xosé era fermoso e ben plantado.

 

Xosé tentado e no cárcere

 

7Despois de certo tempo, a muller de Potifar pousou os ollos en Xosé e propúxolle: ‑"Déitate comigo".

8El refugou a proposta, dicindo: ‑"Ves que o meu amo non se ocupa de cousa ningunha na súa casa, senón que deixou nas miñas mans todo o que ten. 9Ninguén está nesta casa por enriba de min, e o meu amo non se reservou cousa ningunha, fóra de ti mesma, súa muller. ¿Como podería eu cometer un crime semellante, e pecar contra Deus?"

10Ela teimaba un día tras outro, mais el non lle facía caso e non se deitou con ela. 11Un día que entraba el na casa para facer o seu traballo, cando non había alí ningún da casa, 12agarrouse ela ó seu manto, esixíndolle: ‑"Déitate comigo". El deixou o manto nas mans dela e fuxiu para fóra.

13O verse ela co manto nas súas mans e que el se botara fóra, 14chamou ós criados e díxolles: ‑"Vede, trouxéronos aquí este hebreo para que se aproveitase de nós. Veu onda min coa intención de se deitar comigo; pero eu chamei a berros. 15Cando viu que eu chamaba a berros, deixou o manto onda min e fuxiu para fóra".

16Ela gardou consigo o manto para, cando viñese á casa o seu home, 17volver contarlle todo: ‑"O servo hebreo que trouxeches, veu onda min e quería aproveitarse de min. 18Cando viu que eu chamaba a berros, deixou o manto onda min e fuxiu para fóra".

19O que Potifar oíu o que lle dicía a súa muller: ‑"Isto e isto fíxome o teu servo", enrabechouse moitísimo, 20e meteu a Xosé no cárcere, onde estaban os presos do rei. Xosé quedou alí encarcerado.

21Mais o Señor estivo con Xosé, mostroulle compaixón, facendo que lle caese ben ó xefe do cárcere. 22Este encomendoulle os presos que alí había, e facíase todo o que el mandaba. 23O xefe do cárcere non controlaba cousa ningunha do que Xosé facía. O Señor estaba con el, e todo o que el facía saía ben.

 

 

 

CAPÍTULO 40

 

Soños do copeiro e do panadeiro do faraón

 

1Nunha ocasión o copeiro e mais o panadeiro do rei de Exipto ofenderon ó seu señor. 2O faraón anoxouse contra eles, contra o copeiro maior e o panadeiro maior, 3e meteunos en prisión, na casa do xefe da garda, onde estaba Xosé detido. 4O xefe da garda confioullos a Xosé, quen os servía.

5O copeiro e o panadeiro do rei de Exipto que estaban presos no cárcere, levaban xa tempo detidos, cando unha noite cada un deles tivo seu soño, cada soño co seu sentido. 6Pola mañá entrou Xosé onda eles e atopounos deprimidos. 7E preguntoulles ós dous ministros, compañeiros do cárcere: ‑"¿Por que tedes hoxe mala cara?"

8Respondéronlle eles: ‑"Tivemos un soño, e non hai quen nolo interprete".

Díxolles Xosé: ‑"¿Non lle corresponde a Deus a interpretación? Contádeme o soño".

9O copeiro maior contoulle o seu soño a Xosé: ‑"Soñei que tiña diante unha vide. 10A vide tiña tres bacelos. Agromou, floreceu e as uvas madureceron nos acios. 11Eu sostiña nunha man a copa do faraón, collía as uvas e espremíaas na copa, e puña a copa na man do faraón".

12Xosé díxolle: ‑"Este é o seu significado. Os tres bacelos da vide son tres días. 13No termo de tres días erguerá o faraón a túa cabeza, repoñéndote no teu posto, e ti porás a copa na súa man, coma cando eras o seu copeiro. 14Cando che vaia ben, acórdate de min. Faime o favor de falarlle de min ó faraón, para que me leve desta casa. 15Trouxéronme secuestrado do país dos hebreos, e aquí non fixen ningún mal, para que me botasen neste alxube".

16Cando o panadeiro maior oíu que o significado do soño do copeiro era bo, díxolle a Xosé: ‑"Tamén eu soñei que levaba na cabeza tres cestas de pan. 17Na cesta de riba levaba toda sorte de repostería para o faraón, pero os paxaros peteiraban na cesta que eu levaba na cabeza".

18Xosé díxolle: ‑"Este é o seu significado. As tres cestas son tres días. 19_ cabo de tres días erguerá o faraón a túa cabeza, pendurarate dunha árbore e os paxaros comerante".

20O cabo de tres días, día de anos do faraón, deu este un banquete a todos os seus ministros, e de entre todos tivo por ben erguer a cabeza do copeiro maior e do panadeiro maior. 21O copeiro maior repúxoo no seu posto de copeiro, para que puxese a copa na man do faraón. 22Pero ó panadeiro maior pendurouno dunha forca, como Xosé interpretara. 23O copeiro maior non se lembrou máis de Xosé, esqueceuse del.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com