CAPÍTULOS 31-35

CAPÍTULO 31

 

Xacob foxe de Labán

 

1Xacob oíu que os fillos de Labán ían dicindo: ‑"Xacob apoderouse da facenda de noso pai e fixo co que era noso unha fortuna". 2Xacob tivo medo de Labán, pois vía que xa non o trataba coma antes.

3O Señor díxolle a Xacob: ‑"Volve á terra de teus pais, á túa patria. Eu estarei contigo".

4Xacob mandou chamar a Raquel e a Lea ó monte onde estaba co gando. 5E díxolles: ‑"Observo que o voso pai non me trata coma antes. Pero o Deus de meu pai estivo da miña parte. 6Vós sabedes que eu teño servido ó voso pai con todas as miñas forzas. 7Voso pai tratou de me enganar, mudándome dez veces a soldada. Pero Deus non lle permitiu facerme dano. 8Se dicía: As crías riscadas serán a túa soldada, todo o rabaño traía crías riscadas. Se dicía: as crías pintas serán a túa soldada, todo o fato paría crías pintas. 9Deus quitoulle o gando a voso pai e deumo a min. 10Unha vez, no tempo en que se emparellan os fatos, tiven en soños esta visión: Os carneiros que montaban nas ovellas eran riscados e pintos. 11No soño o anxo de Deus chamou por min: ¡Xacob! E eu respondín: Aquí estou. 12E el seguiu: Ergue os ollos e fíxate: Todos os carneiros que montan nas ovellas son riscados e pintos, porque eu teño visto o que Labán che leva feito. 13Eu son o Deus de Betel, onde ti unxiches unha pedra e fixeches un voto. Agora disponte para saíres deste país e volver á terra onde naciches".

14Raquel e Lea respondéronlle: ‑"¿Temos nós aínda algo que herdar na casa de noso pai?  15¿Non nos tratou coma alleas, vendéndonos e comendo despois o noso prezo? 16A riqueza que Deus lle tolleu a noso pai era nosa e de nosos fillos. E, con iso, agora fai o que Deus che mandou".

17Xacob púxose en movemento. Fixo montar en camelos ós fillos e ás mulleres, 18recolleu toda a facenda e os bens que adquirira en Padán-Aram, e botouse ó camiño, para volver á casa de seu pai Isaac no país de Canaán.

19Labán fora á rapa do gando, e Raquel rouboulle a seu pai os ídolos domésticos. 20Xacob enganou a Labán o arameo, ó non deixarlle sospeitar que fuxiría. 21Fuxiu, pois, Xacob con todo o que tiña, atravesou o río e camiñou na dirección da montaña de Galaad.

 

Labán persegue a Xacob

 

22Pasados tres días, dixéronlle a Labán que Xacob escapara. 23Levando consigo algúns parentes, Labán púxose a perseguilo. Os sete días de camiño colleuno na montaña de Galaad. 24Aquela noite Deus aparecéraselle en soños a Labán para dicirlle: ‑"Ten coidado co que lle fas a Xacob". 25Cando Labán o alcanzou, Xacob plantara as súas tendas na montaña, e el plantou tamén as súas na montaña de Galaad.

26Labán díxolle a Xacob:  ‑"¿Por que me enganaches? ¿Por que me levaches as fillas, o mesmo que se fosen prisioneiras de guerra? 27¿Por que fuxiches ás agachadas, finxindo, sen dicíresmo? Despediríate con festa e con cantos, con pandeiros e cítaras. 28Non me deixaches sequera dar un bico ós meus fillos e ás miñas fillas: portácheste coma un parvo. 29Teño poder de sobra para che facer mal. Pero o Deus de teu pai díxome onte á noite: Ten coidado co que lle fas a Xacob. 30Pero se te vas porque tes morriña pola casa de teus pais, ¿por que me roubaches os meus deuses?"

31Respondeulle Xacob: ‑"Tiña medo, pensando que me quitases as túas fillas. 32Mais aquel onda quen atopes os teus deuses será reo de morte. Busca ti mesmo, á vista da túa xente, e se atopas onda min algunha cousa túa, cóllea". Xacob non sabía que Raquel roubara os deuses.

33Labán entrou na tenda de Xacob, na de Lea e na das dúas servas; pero non atopou nada. Da tenda de Lea pasou á de Raquel. 34Raquel collera os amuletos, puxéraos na albarda do camelo e sentárase enriba. Así, Labán remexeu a tenda toda, mais non atopou cousa.

35Raquel díxolle a seu pai: ‑"Non che pareza mal, señor, que non poida erguerme diante túa, pois veume a regra que temos as mulleres". Labán rebuscou, pero non atopou os ídolos.

36Anoxado xa con Labán, Xacob recriminouno deste xeito: ‑"¿Cal é a miña culpa e cal o meu delito, para que con tanto asaño me persigas? 37Despois que rexistraches toda a miña equipaxe, ¿atopaches algo teu? Pono aquí, á vista da miña familia e da túa, e que eles xulguen entre nós.

38Levo vinte anos contigo. As túas ovellas e as túas cabras non perderon as crías, nin eu che comín os cordeiros do rabaño. 39Non che fun cunha res esnaquizada polas feras; iso foi sempre á miña conta. O roubado de día ou de noite esixíchesmo. 40Polo día comeume o sol, pola noite a xeada, e o sono fuxiu dos meus ollos.

41Dos vinte anos que levo na túa casa, catorce servinte polas túas dúas fillas e seis polos teus fatos, e ti cambiáchesme dez veces a soldada. 42Se non estivese comigo o Deus de meu pai, o Deus de Abraham e Padriño de Isaac, despediríasme en baldeiro. Pero onte á noite Deus fixouse na miña aflición e no esforzo das miñas mans,  e fíxome xustiza".

43Labán respondeulle a Xacob: ‑"As rapazas son miñas fillas, os seus fillos son meus, e meu é tamén o gando e todo o que ves. ¿Que poderei facer eu agora por estas miñas fillas e polos fillos que elas deron a luz? 44Pero agora fagamos un pacto ti e mais eu, e que sirva de testemuño entre os dous". Xacob colleu unha pedra e erixiuna como estela. 45E díxolle á súa xente: ‑"Collede aquí pedras". 46Eles xuntáronas, amoreáronas nunha mámoa e comeron onda ela. 47Labán púxolle o nome de Iegar-Sahadutá e Xacob chamoulle Galaad. 48Labán dixo: ‑"Esta mámoa é hoxe testemuña entre min e ti". Por iso nomeouna Galaad: 49Tamén a chamou Torre de Garda, pois dixo: ‑"Que o Señor nos vixíe ós dous, cando nos vexamos afastados un do outro. 50Se maltratas as miñas fillas e se tomas outras mulleres fóra delas, aínda que ninguén o vexa, Deus será testemuña entre nós".

51E dixo tamén Labán: ‑"Velaí esta mámoa e esta estela que erixín entre min e ti. 52Sexa testemuña esta mámoa e testemuña esta estela de que nin eu as traspasarei cara ó teu lado, nin ti cara ó meu, para nos facermos mal. 53O Deus de Abraham e o Deus de Nahor, Deus de nosos pais, xulgue entre nós". E Xacob xurou polo Padriño de Isaac seu pai. 54Xacob ofreceu un sacrificio e pasaron a noite na montaña.

 

 

 

CAPÍTULO 32

 

1Labán ergueuse cedo, bicou as súas fillas e os seus netos, bendiciunos e deu volta para á casa. 2Xacob seguiu o seu camiño, atopouse cos anxos de Deus 3e, en véndoos, exclamou: ‑"Campamento de Deus é este". E púxolle a aquel lugar o nome de Mahanaim.

 

Xacob ten medo de Esaú

 

4Xacob mandou por diante mensaxeiros a seu irmán Esaú, no país de Seir nos campos de Edom. 5Encargoulles que lle dixesen a Esaú: ‑"Meu señor, isto di Xacob o teu servidor: Estiven vivindo con Labán e demoreime ata agora. 6Teño bois, ovellas, servos e servas; e mándollo dicir ó meu señor para pedirlle o seu favor".

7Volveron os mensaxeiros e dixéronlle a Xacob: ‑"Chegamos e atopámonos con teu irmán Esaú. El vén tamén ó teu encontro con catrocentos homes".

8A Xacob entroulle moito medo e, estarrecido, dividiu en dous  campamentos a súa xente, as ovellas, os bois e os camelos. 9Pensaba desta maneira: ‑"Se Esaú se mete nun campamento e o ataca, salvarase o outro".

10E Xacob fixo esta oración: ‑"Deus de meu pai Abraham, Deus de meu pai Isaac, Señor que me dixeches: Volta á patria onde naciches: eu farei que che vaia ben. 11Son indigno de tantos favores e da grande lealdade con que ti trataches o teu servo. Con só  o meu caxato pasei este Xordán, e gora traio dous campamentos. 12Líbrame do poder de meu irmán, das mans de Esaú, pois teño moito medo de que chegue e nos mate a min e ás nais, xunto cos fillos. 13Mais ti tesme prometido: Farei que che vaia moi ben e acrecentarei os teus descendentes coma a area do mar, que non se pode contar de tanta que é".

 

Agasallos para o irmán

 

14Xacob pasou alí aquela noite. Do que tiña á man colleu regalos, para agasallar a Esaú,  seu irmán: 15duascentas cabras, vinte castróns, duascentas ovellas, vinte carneiros, 16trinta camelas paridas coas súas crías, corenta vacas, dez touros, vinte asnas e dez asnos. 17Repartiunos en fatos, cada un ó cargo dun criado, e mandoulles: ‑"Pasade diante de min e deixade un espazo entre fato e fato".

18O primeiro mandoulle: ‑"Cando te encontres con meu irmán Esaú e el che pregunte: ¿De quen es ti, a onde vas, para quen é iso que levas?, ti diraslle: 19É un agasallo que o teu servo Xacob manda ó meu señor Esaú. El vén tamén detrás de nós". 20Iso mesmo ordenoullo ó segundo e a todos os que ían guiando os outros fatos: ‑"Dirédeslle todos iso a Esaú, cando o encontredes. 21E dirédeslle tamén: ‑O teu servo Xacob vén tras de nós". Pensaba deste xeito: ‑"Acalmareino cos agasallos que lle mando por diante. Logo, cando eu chegue onda el, quizais me acolla ben". 22Os regalos foron diante, e el durmiu no campamento aquela noite.

 

Xacob loita co anxo

 

23Xacob ergueuse de noite, colleu as dúas mulleres, as dúas servas e os once fillos, e atravesou o vao do Iaboc. 24Despois que os pasou a eles, fixo pasar toda a facenda.

25Xacob quedou só. Un home loitou con el ata o amañecer. 26En vendo o home que non podía nel, feriuno, no medio da loita, na articulación da coxa e escordoulla. 27Logo díxolle: ‑"Déixame marchar, que xa rompe o día".

Respondeulle Xacob: ‑"Non te deixarei, namentres non me bendigas".

28Preguntoulle el: ‑"¿Como te chamas?"

Respondeulle: ‑"Xacob".

29Díxolle el: ‑"Desde hoxe non te chamarás Xacob, senón Israel, porque loitaches con Deus e cos homes, e puidécheslles".

30Preguntoulle Xacob: ‑"Dime agora o teu nome".

El dixo: ‑"¿Por que preguntas polo meu nome?" E deulle alí mesmo a bendición.

31Xacob púxolle a aquel lugar o nome de Penuel, porque dicía: ‑"Vin a Deus cara a cara e puiden seguir vivindo". 32Cando atravesaba Penuel saía o sol, e el ía coxo dunha perna. 33Por iso os israelitas non comen o tendón da articulación da coxa ata o día de hoxe, por ser Xacob ferido nel.

 

 

 

CAPÍTULO 33

 

Encontro de Xacob con Esaú

 

1Xacob ergueu os ollos e viu vir a Esaú con catrocentos homes. El repartiu os nenos entre Lea, Raquel e as dúas servas. 2Puxo diante as dúas servas cos seus fillos, logo a Lea cos seus e detrás de todos a Raquel con Xosé. 3El pasou diante de todos, e foise prostrando por terra sete veces. Ata que chegou onda o seu irmán.

4Esaú correu ó seu encontro, apertouno, abrazóuselle ó pescozo e bicáronse chorando. 5Logo Esaú ergueu os ollos e vendo as mulleres e os nenos, preguntou: ‑"¿Quen che son eses?"

Xacob respondeulle: ‑"Son os fillos que Deus lle concedeu ó teu servo".

6Adiantáronse cara a eles as servas cos seus fillos, e prostráronse no chan. 7Despois achegouse Lea cos seus fillos, e prostrouse tamén. O cabo viñeron Xosé e Raquel, e tamén se prostraron.

8Preguntou Esaú: ‑"¿Que pretendes con esa caravana que vin encontrando?"

Respondeu el: ‑"Merecer o favor do meu señor".

9Dixo Esaú: ‑"Teño abondo, irmán. Queda co que é teu".

10Xacob insistiu: ‑"Non, meu señor. Se merezo o teu favor, acepta o meu regalo, pois o verte foi para min coma se vise o rostro de Deus. Acollíchesme con afecto. 11Acepta eses bens que trouxen para ti, pois Deus favoreceume e teño abundancia de todo". Xacob insistiu tanto, que Esaú aceptou.

12Logo dixo Esaú: ‑"Agora emprendamos a viaxe. Eu irei ó teu lado".

Respondeulle Xacob: 13‑"O meu señor dáse conta de que os nenos son febles e que comigo van ovellas e vacas de cría. Se os obrigo de máis, morrerame nun só día o gando todo. 14Que o meu señor pase diante do seu servo. Eu seguireino pouco a pouco. O paso da caravana que camiña en cabeza e ó paso dos nenos, ata que cheguemos a Seir, onda o meu señor".

Esaú dixo: 15‑"Polo menos deixarei contigo uns poucos dos meus homes".

Respondeulle Xacob: ‑"¿Para que? Chégame con saber que conto co favor do meu señor".

16Esaú emprendeu a viaxe de volta para Seir, 17e Xacob colleu o camiño de Succot. Alí fixo morada para si e cabanas para o gando. Por iso púxolle ó lugar o nome de Succot.

18Desde Padán-Aram, Xacob chegou san e salvo a Xequem, no país de Canaán. Acampou fronte á cidade. 19O sitio onde montou as súas tendas compróullelo por cen moedas ós fillos de Hamor, pai de Xequem. 20Alí construíu un altar e invocou ó Deus de Israel.

 

 

 

CAPÍTULO 34

 

Aldraxe a Dinah

 

1Dinah, a filla que Lea lle dera a Xacob, saíu visitar as rapazas do lugar. 2En véndoa Xequem, fillo do hivita Hamor, xefe daquel país, agarrouna, deitouse con ela e violouna. 3Namorado da filla de Xacob, tolo de amor por ela, faloulle ó corazón. 4Logo díxolle a seu pai Hamor: ‑"Adquíreme para muller esa rapaza".

5Xacob recibiu a nova da aldraxe de Dinah, súa filla. Pero como os seus fillos estaban no monte co gando, calou ata que viñesen.

6Hamor, o pai de Xequem, foi ver a Xacob para falarlle. 7Os fillos de Xacob volvían entón do monte e oíron o feito. Doéronse e alporizáronse moitísimo de que unha infamia así se cometese contra Israel. Hai cousas que non se fan, como a de violar a filla de Xacob.

8Hamor faloulles deste xeito: ‑"Meu fillo Xequem namorouse da vosa filla. Dádella, se podedes, por muller. 9Emparentade connosco, dádenos das vosas fillas e vós tomade das nosas. 10Podedes facer morada onda nós. A terra está aí, á vosa disposición. Habitade nela, sacádelle proveito, adquiride posesións".

11Xequem, pola súa parte, díxolles ó pai e ós irmáns de Dinah: ‑"Que eu mereza o voso favor, e dareivos o que queirades. 12Fixade un dote alto, reclamade regalos. Dareivos o que pidades, con tal de que me deades a rapaza por muller".

13Os fillos de Xacob, á vista da aldraxe á irmá, responderon con retranca a Xequem e a seu pai Hamor. 14‑"Non podemos facer iso de dar a nosa irmá a un home non circuncidado. Sería para nós unha baixeza, cousa deshonrosa. 15Poderemos só consentir, coa condición de que vós fagades coma nós, circuncidando todos os varóns. 16Entón darémosvos as nosas fillas, e nós tomaremos as vosas. Habitaremos convosco e faremos un mesmo pobo. 17Pero se non vos avindes á circuncisión, colleremos a rapaza e irémonos".

18A proposta pareceulles ben a Hamor e a seu fillo Xequem. 19O mozo Xequem non esperou para cumprir a condición, de namorado que estaba da filla de Xacob. El era o máis respectado da familia de seu pai.

20Hamor e seu fillo Xequem foron logo á porta da cidade e faláronlles ós xequemitas: 21‑"Estes homes son xente de paz. Que habiten na nosa terra, que lle saquen proveito, pois vedes que a terra é abondosa. Nós tomaremos mulleres das súas fillas e darémoslles a eles das nosas. 22Pero esa xente avirase só a habitar connosco e a facer un mesmo pobo, se circuncidamos todos os varóns, como tamén eles o fan. 23As súas facendas, as súas posesións, os seus gandos, serán nosos. Soamente temos que avirnos á súa condición. Entón morarán connosco".

24Todos os que pasaban polas portas da cidade acollían a proposta de Hamor e do seu fillo Xequem. E circuncidáronse todos os varóns.

 

Vinganza de Simeón e de Leví

 

25Tres días despois de se circuncidaren os xequemitas, doentes aínda da operación, dous dos fillos de Xacob, Simeón e Leví, irmáns de Dinah, colleron as súas espadas, entraron na cidade que se cría segura, e mataron a todos os homes. 26Mataron tamén a fío de espada a Hamor e ó seu fillo Xequem. Tiraron do pazo a Dinah súa irmá e saíron con ela.

27Os demais fillos de Xacob botáronse sobre os despoxos e roubaron a cidade onde fora aldraxada súa irmá. 28Levaron consigo ovellas, vacas, asnos e todo o que había na cidade e nos campos. 29Colleron como presa os bens, os nenos, as mulleres, roubaron todo o que había nas casas.

30Xacob díxolles a Simeón e a Leví:

‑"Botástesme a perder, facéndome noxento para os habitantes desta terra, cananeos e perizitas. Eu teño pouca xente. Se eles se xuntan contra min e me atacan, acabarán comigo e coa miña familia".

31Dixeron eles: ‑"¿Habían tratar a nosa irmá coma unha calquera?"

 

 

 

CAPÍTULO 35

 

Xacob en Betel

 

1Deus díxolle a Xacob: ‑"Vai, sube a Betel, asenta alí e fai un altar ó Deus que se che apareceu, cando ías fuxindo de teu irmán Esaú".

2Xacob mandoulles á súa familia e á toda a súa xente: ‑"Retirade os deuses alleos que teñades, purificádevos e mudádevos de roupa. 3Imos subir a Betel, para levantar alí un altar ó Deus que me gardou cando eu andaba apurado, e que estivo comigo na viaxe que fixen".

4A xente entregou a Xacob os deuses alleos que tiñan e os brincos que levaban nas orellas, e Xacob enterrounos debaixo do carballo que está onda Xequem.

5En canto se puxeron de camiño, un medo de Deus invadiu todas as vilas do arredor, de xeito que ninguén perseguiu ós fillos de Xacob. 6Xacob chegou a Luz, hoxe Betel, en terra de Canaán, e con el a súa xente. 7Construíu alí un altar, e púxolle ó lugar o nome de Betel, porque se lle apareceu Deus alí, cando fuxía de seu irmán. 8Daquela morreu Déborah, a ama de leite de Rebeca, e enterrárona por baixo de Betel, ó pé do carballo coñecido por carballo do pranto.

 

A promesa patriarcal

 

9Deus aparecéuselle a Xacob, à volta de Padán-Aram, bendiciuno 10e díxolle: ‑"O teu nome é Xacob. Pero non seguirás levando o nome de Xacob, senón o nome de Israel". E chamouno Israel.

11Deus engadiu: ‑"Eu son o Deus todopoderoso. Ti reprodúcete e medra. De ti sairá un pobo, ou unha chea de pobos, e reis nacerán das túas entrañas. 12A terra que eu lle dei a Abraham e a Isaac, doucha tamén a ti e daréillela ós teus descendentes".

13Deus retirouse do lugar onde falara con Xacob. 14Xacob erixiu unha estela de pedra no lugar onde Deus lle falara, verteu enriba dela unha libación e unxiuna con óleo. 15E púxolle a aquel lugar onde Deus lle falou o nome de Betel.

 

Morte de Raquel

 

16Xacob saíu coa súa xente de Betel, e cando lles faltaba un treito curto para chegaren a Efrátah, Raquel sentiu que ía dar a luz. O parto resultou moi traballoso. 17Nos apuros do parto díxolle a parteira: ‑"Non teñas medo. Tes un neno". 18E ela, saíndoselle a alma, pois estaba morrendo, púxolle ó neno o nome de Fillo da miña dor. Pero seu pai chamoulle Benxamín.

19Raquel morreu, e enterrárona no camiño de Efrátah, que é Belén. 20Enriba do seu sepulcro erixiu Xacob unha estela. É o monumento funerario de Raquel, que existe aínda hoxe. 21Israel marchou de alí e montou as tendas máis alá de Migdal-Éder.

 

Os fillos de Xacob

 

22Estando Israel naquela terra, achegouse Rubén a Bilhah, concubina de seu pai. A cousa chegou a oídos de Israel.

Os fillos de Xacob foron doce. 23De Lea tivo a Rubén o primoxénito, Simeón, Leví, Xudá, Isacar e Zebulón. 24De Raquel tivo a Xosé e Benxamín. 25De Bilhah, serva de Raquel, a Dan e Naftalí; 26e de Zilpah, serva de Lea, a Gad e Axer. Estes son os fillos que tivo Xacob en Padán-Aram.

 

Morte de Isaac

 

27Xacob chegou á casa de seu pai Isaac, en Mambré, en Quiriat-Arbá, hoxe Hebrón, onde viviran Abraham e Isaac. 28Isaac viviu cento oitenta anos. 29A esa idade expirou. Morreu e foise xuntar cos seus, vello e satisfeito de vivir. Enterrárono os seus fillos Esaú e Xacob.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com