CAPÍTULOS 46-50

CAPÍTULO 46

 

A familia de Xacob en Exipto

 

1Israel emprendeu a viaxe, con toda a súa xente e as súas posesións. En chegando a Beerxeba, ofreceu un sacrificio ó Deus de seu pai, Isaac.

2Nunha visión, de noite, Deus chamou a Israel:‑"¡Xacob! ¡Xacob!"

El respondeu: ‑"Aquí estou".

3Díxolle Deus: ‑"Eu son o Deus de teu pai. Non teñas medo de ires a Exipto, pois alí convertereite nun grande pobo. 4Eu baixarei alá contigo e farei que volvas aquí. Xosé pecharache os ollos".

5Xacob dispúxose logo a saír de Beerxeba. Os fillos montaron a seu pai, os nenos e as mulleres nos carros que lles mandara o faraón para levalos. 6Colleron tamén os gandos e as posesións que adquiriran no país de Canaán, e chegaron a Exipto. Xacob levaba consigo para alá todos os seus descendentes: 7os fillos e os netos, as fillas e as netas, todos os descendentes.

8Estes son os nomes dos fillos de Israel que foron para Exipto: Xacob e mais os seus fillos Rubén, primoxénito de Xacob, 9e os seus fillos: Hanoc, Palú, Hesrón e Carmí. 10Simeón e seus fillos: Iemuel, Iamín, Ohad, Iapín, Sohar e Xaúl, fillo da cananea. 11Leví e seus fillos: Guerxón, Quehat e Merarí. 12Xudá e seus fillos: Er, Onán, Xela, Peres e Zérah; Er e Onán morreron en Canaán, e Peres tiña dous fillos: Hesrón e Hamul. 13Isacar e seus fillos: Tolá, Puvah, Iob e Ximrón. 14Zebulón e seus fillos: Séred, Elón e Iahleel. 15Estes son os fillos que Lea lle deu a Xacob en Padán-Aram, ademais da filla Dinah. Por xunto eran trinta e tres fillos e fillas.

16Gad e seus fillos: Sifión, Haguí, Xuní, Esbón, Erí, Arodí e Arelí. 17Axer e seus fillos: Iimnah, Ixvah, Ixví, Beriah e Sérah súa irmá; fillos de Beriah: Héber e Malquiel. 18Estes son os fillos que lle deu a Xacob Zilpah, a criada que Labán lle dera a Lea súa filla; dezaseis persoas por xunto.

19Fillos de Raquel, muller de Xacob: Xosé e Benxamín. 20A Xosé deulle en Exipto dous fillos Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On: Menaxés e Efraím. 21Benxamín e seus fillos: Bela, Béquer, Axbel, Guerá, Naamán, Ehí, Rox, Mupim, Hupim e Ared. 22Estes son os fillos que Raquel lle deu a Xacob; catorce persoas por xunto.

23Dan e seu fillo Huxim. 24Naftalí e seus fillos: Iahseel, Guní, Iéser e Xilem. 25Estes son os fillos que lle deu a Xacob Bilhah, a criada que Labán lle dera á súa filla Raquel: sete persoas por xunto.

26O total das persoas que foron a Exipto con Xacob, todos os seus descendentes, fóra das súas noras, era de sesenta e seis. 27Cos dous fillos que lle naceron en Exipto a Xosé, a familia de Xacob compúñase alí de setenta persoas.

 

Encontro de Xacob e Xosé

 

28Xacob mandou diante a Xudá para lle dar novas a Xosé de que estaban chegando a Goxén. 29Xosé mandou enganchar o carro, e saíu para Goxén, ó encontro de Israel seu pai. En véndoo, correu abrazalo, e chorou abrazado a el.

30Israel díxolle a Xosé: ‑"Agora podo morrer, despois de que te vin vivo aínda".

31Xosé díxolles a seus irmáns e á familia de seu pai: ‑"Voulle levar a nova ó faraón: Viñeron onda min meus irmáns e a familia de meu pai, que estaba en Canaán. 32Son pastores de rabaños, criadores de gando. Trouxeron os seus fatos, os seus gandos, e todo o que tiñan. 33Cando vos chame o faraón e vos pregunte: ¿Cál é a vosa profesión?, 34dirédeslle: Os teus servos son criadores de gando, desde rapaces ata agora; e, coma nós, fórono xa os nosos pais. Dese xeito poderedes asentar na terra de Goxén, pois os exipcios aborrecen os pastores de rabaños".

 

 

 

CAPÍTULO 47

 

Xacob diante do faraón

 

1Xosé foille dar a nova ó faraón: ‑"Chegaron de Canaán meu pai e meus irmáns, cos seus fatos, os seus gandos e todas as súas posesións, e están na terra de Goxén". 2Levaba consigo cinco dos irmáns e presentoullos ó faraón.

3O faraón preguntoulles: ‑"¿Cál é a vosa ocupación?"

Respondéronlle eles: ‑"Os teus servos son pastores de rabaños, o mesmo ca nosos pais". 4E engadiron: ‑"Viñemos buscar asento nesta terra, pois en Canaán faltan pastos para os rabaños dos teus servos, e a fame pesa por alá. Deixa ós teus servos asentarse na bisbarra de Goxén".

5O faraón díxolle a Xosé: ‑"Agora que teu pai e teus irmáns chegaron onda ti, 6aí ter a terra de Exipto. Acomódaos onde mellor che pareza de todo o país; que habiten na terra de Goxén. E se pensas que entre eles hai homes dispostos, ponos á fronte da garda dos meus gandos".

7Xosé levou a seu pai Xacob e presentoullo ó faraón. Xacob bendiciu ó faraón.

8Este preguntoulle a Xacob: ‑"¿Cantos anos tes?"

9El respondeulle: ‑"Cento trinta son os anos da miña peregrinación. A miña vida é curta e chea de traballos, e non alcanza a onde chegou a vida de meus pais na súa peregrinación". 10Xacob bendiciu ó faraón e logo saíu da súa presenza.

11Xosé acomodou a seu pai e a seus irmáns, dándolles propiedades en Exipto, en terra boa, na bisbarra de Ramsés, conforme dispuxera o faraón.

12Xosé mantiña a seu pai, a seus irmáns e a toda a súa casa, conforme o seu número.

 

Goberno agrario de Xosé

 

13O pan faltaba xa na terra toda, e a fame era tan dura, que Exipto e Canaán desfalecían. 14Xosé recolleu a prata toda de Exipto e Canaán, pola venda do trigo, e amoreou o diñeiro no pazo do faraón. 15Acabouse o diñeiro en Exipto e en Canaán, e todos seguían acudindo a Xosé: ‑"Dános pan, ou morreremos aquí mesmo. O diñeiro acabouse".

16Xosé respondeulles: ‑"Se se acabou o diñeiro, traédeme os vosos gandos; dareivos o gran por eles". 17Eles trouxeron os gandos, e Xosé dáballes pan polos cabalos, as ovellas, as vacas, os asnos. Aquel ano proveunos de pan, a cambio dos seus gandos.

18Pasado ese ano, viñan onda el no seguinte: ‑"O noso señor non se lle esconde que non nos quedan cartos nin facendas para o noso señor. O noso señor pode ver que nos quedan soamente os nosos corpos e as terras. 19¿Teremos que perecer á túa vista? Mércanos por pan a nós e os nosos eidos, e seremos nós con eles escravos do faraón. Dános con que facer a sementeira, para que poidamos vivir e non morramos, e os nosos eidos non se convertan en deserto".

20Xosé adquiriu para o faraón as terras todas de Exipto. A fame apertaba tanto, que cada exipcio vendía os seus eidos; estes pasaban a ser propiedade do faraón. 21O pobo enteiro quedou en servidume, desde unha punta á outra do país. 22Soamente non mercou Xosé as terras dos sacerdotes, pois había en favor deles un decreto do faraón, que mandaba mantelos. Por iso os sacerdotes non venderon as súas terras.

23Xosé díxolle ó pobo: ‑"Vedes que agora vos adquirín a vós e as vosas terras para o faraón. Aquí tedes semente para sementar a terra. 24Cando fagades a colleita, darédeslle unha quinta parte ó faraón; as outras catro partes seranvos para semente e para mantervos vós, coas vosas familias e os vosos fillos".

25Dixéronlle eles: ‑"Ti déchesnos a vida. Que o noso señor nos mire con bos ollos; nós serviremos ó faraón".

26Xosé dispuxo por lei, que dura aínda hoxe, que todas as terras de Exipto paguen un quinto ó faraón. Soamente as terras dos sacerdotes non pasaron ó faraón.

 

Derradeira vontade de Xacob

 

27Israel asentou en Exipto, na bisbarra de Goxén. Adquiriu propiedades nela, reproduciuse e medrou moito. 28Xacob viviu dezasete anos en Exipto. A súa vida enteira foi de cento corenta e sete anos.

29Cando se lle aproximaba a Israel o día da morte, chamou a seu fillo Xosé e díxolle: ‑"Se merezo o teu favor, pon debaixo da miña coxa a túa man e xúrame que me mostrarar o amor e a lealdade de non enterráresme en Exipto. 30Cando durma con meus pais, lévame de Exipto e entérrame no seu sepulcro".

Respondeulle Xosé: ‑"Farei como me dis".

31Dixo Xacob: ‑"Xúramo". El xuroullo. E Israel debruzouse na cabeceira do seu leito.

 

 

 

CAPÍTULO 48

 

Xacob bendí  ós fillos de Xosé

 

1Pasado algún tempo, dixéronlle a Xosé: ‑"Teu pai está mal". Entón Xosé tomou consigo a seus dous fillos, Menaxés e Efraím. 2Déronlle a Xacob a nova: ‑"Teu fillo Xosé vénte ver".

Israel fixo un esforzo e sentouse no leito. 3E díxolle a Xosé: ‑"O Deus todopoderoso aparecéuseme en Luz, na terra de Canaán, e bendiciume. 4Díxome: Eu fareite fecundo, multiplicareite, trocareite nunha asemblea de pobos. Os teus descendentes dareilles esta terra en posesión duradeira. 5Os dous fillos que che naceron en Exipto, antes de chegar eu onda ti, serán agora meus fillos. Efraím e Menaxés son para min coma Rubén e Simeón. 6Os fillos que che nazan despois deles serán teus; mais a súa herdade levará o nome dos irmáns. 7Cando eu viña de Padán, morreume Raquel, en Canaán, no camiño onde está a tumba cerca de Efrátah. E enterreina alí mesmo, no camiño de Efrátah, que é Belén".

8Reparando Israel nos fillos de Xosé, preguntou: ‑"¿E estes quen son?"

9Xosé respondeulle a seu pai: ‑"Son meus fillos, os que Deus me deu aquí".

Dixo el: ‑"Tráemos aquí, que os bendiga". 10Os ollos de Israel, cargados pola vellez, non distinguían. Xosé acercoulle os fillos, e el bicounos e abrazounos. 11Israel díxolle a Xosé: ‑"Non contaba con verte, e Deus permitiume verte a ti e ós teus descendentes".

12Xosé retirou os nenos de entre os xeonllos de seu pai e prostrouse por terra. 13Despois colleunos ós dous, a Efraím coa súa dereita, á esquerda de Israel, e a Menaxés coa súa esquerda, á dereita de Israel, e achegounos a seu pai.

14Israel, cruzando os brazos, estendeu a dereita, e púxoa na cabeza de Efraím, o máis novo dos irmáns, e a esquerda na cabeza de Menaxés o primoxénito. 15E bendiciu a familia de Xosé:

‑"O Deus ante quen camiñaron meus pais, Abraham e Isaac,

o Deus que foi o meu pastor, desde que existo ata hoxe,

16 o anxo que me librou de todo mal, bendiga estes nenos.

Que resoe neles o meu nome e o de meus pais, Abraham e Isaac,

e que se convertan nun xentío sobre a terra".

17Percatouse Xosé de que seu pai puña a dereita na cabeza de Efraím, e pareceulle mal. E colleu a man de seu pai para tirala da cabeza de Efraím e levala á de Menaxés, 18dicindo: ‑"Así non, meu pai; o primoxénito é este. Pon na súa cabeza a túa dereita".

19Pero o pai negouse a facelo: ‑"Xa o sei, meu fillo, xa o sei. Tamén este chegará a ser un pobo; tamén el medrará moito. Pero seu irmán máis novo será máis ca el e os seus descendentes farán moitas nacións". 20E coa mesma bendiciunos:

‑"No voso nome felicitarase Israel e dirá:

  Fágate Deus coma a Efraím e a Menaxés".

  E puxo a Efraím por diante de Menaxés.

21Israel díxolle a Xosé: ‑"Ves que me atopo xa á morte. Deus estará convosco, e levaravos outra vez á terra de vosos pais. 22A maiores do que lles deixo a teus irmáns, a ti douche unha parte que lles arrebatei ós amorreos coa miña espada e co meu arco".

 

 

 

CAPÍTULO 49

 

Testamento de Xacob

 

1Xacob convocou con estas palabras a seus fillos:

‑"Xuntádevos, e direivos o

que vos vai pasar nos tempos que han vir.

2 Reunídevos, e escoitade, fillos de Xacob,

escoitade a Israel, voso pai.

3 Rubén, ti es o meu primoxénito,

a miña forza, a primicia do meu vigor,

primeiro en dignidade, primeiro en poder.

4Arrogante coma as augas, xa non medras,

porque subiches ó leito de teu pai

e, ó subires, profanaches o meu tálamo.

5 Simeón e Leví son irmáns

que trafican con instrumentos de violencia.

6 Non quero entrar no seu concello,

nin ser socio da súa asemblea,

pois con asañamento mataron homes,

por capricho esgazaron touros.

7 Maldita, por fera, a súa carraxe,

a súa cólera, por dura.

Dividireinos en Xacob,

ciscareinos por Israel.

8 Xudá, a ti loarante teus irmáns,

 Porás a túa man na cerviz dos teus inimigos,

prostraránseche teus irmáns.

9 Xudá é león agachado;

sobes de facer presa, meu fillo.

Coma león, repousa deitado,

coma leoa, ¿quen o fará erguer?

10 Non se afastará o cetro de Xudá

nin de entre os seus pés o báculo,

ata que chegue o seu dominador

e os pobos o obedezan.

11 Amarra o seu burro na vide,

o seu burriño no bacelo.

Lava en viño o seu manto,

no sangue das uvas a súa túnica.

12 Ten os ollos rubios de viño,

os dentes brancos de leite.

13 Zebulón asentará na beiramar,

está onde fondean os barcos,

chega coas ás a Sidón.

14 Isacar é burro rexo,

deitado nas súas cortes.

15 Atopou bo o lugar do seu acougo,

agasalleira a súa terra,

puxo a carga ó lombo,

e someteuse ó traballo de escravos.

16 Dan gobernará o seu pobo

coma unha das tribos de Israel.  

17 Coma cobra no camiño,

coma víbora no carreiro,

morde o cabalo nas unllas

e o cabaleiro cae para atrás.

18 ¡Eu espero, Señor, a túa salvación!

19 Gad é atacado por ladróns,

pero el ataca por detrás.

20Axer ten pan moi substancioso,

produce manxares de reis.

21Naftalí é corzo ceibe,

que dá corzos fermosos.

22 Xosé é árbore frutífera onda a fonte,

gromo que puxa polo muro.

23 Os arqueiros provócano,

combáteno e téntano.

24 O arco del resiste,

mentres a eles lles tremen os brazos e as mans,

diante do Deus poderoso de Xacob,

do pastor e da pedra de Israel.

25 O Deus de teu pai é a túa axuda,

o Deus todopoderoso bendí o teu ser

con bendicións de arriba, do ceo,

con bendicións de abaixo, do abismo,

con bendicións de peitos e seo.

26 As bendicións de teu pai son máis abondosas

cás das montañas antigas

e cás delicias dos outeiros eternos.

Veñan sobre a cabeza de Xosé,

sobre a testa do elixido dos irmáns.

27 Benxamín é lobo rapineiro:

Pola mañá engole a presa,

pola tarde reparte os despoxos".

28 Estas son as doce tribos de Israel e isto o que lles dixo seu pai, cando bendiciu a cada unha coa súa propia bendición.

29 Despois deulles estas ordes: ‑"Eu estou para ir xuntarme co meu pobo. Enterrádeme con meus pais, na cova que está no eido de Efrón o hitita. 30É a cova de Macpelah, enfronte de Mambré, en Canaán, a mesma que Abraham lle comprara a Efrón o hitita, para sepultura en propiedade. 31Alí enterraron a Abraham e a Sara, súa muller; alí enterraron a Isaac e a Rebeca, súa muller; e alí enterrei eu a Lea. 32O eido e mais a cova que hai nel foron comprados ós hititas".

33En acabando de dar as súas ordes, Xacob encolleu os pés na cama, expirou e foi xuntarse cos seus.

 

 

 

CAPÍTULO 50

 

Enterro de Xacob

 

1Xosé botouse enriba da cama de seu pai e, chorando, bicouno. 2Despois mandou ós médicos seus, servidores que embalsamasen a seu pai, e os médicos embalsamaron a Israel. 3O cumprírense os corenta días que leva o embalsamamento, os exipcios fixeron loito por Xacob setenta días.

4Pasados os días do pranto, Xosé falou así ós servidores do faraón: ‑"Se merezo o voso favor, facede chegar a oídos do faraón 5que meu pai me fixo xurar que, cando morrese, o enterraría na sepultura que se fixo en Canaán: Agora déixame ir, enterrarei a meu pai e volverei".

6O faraón respondeulle: ‑"Vai enterrar a teu pai, conforme lle xuraches".

7Xosé subiu de alí para enterrar a seu pai. Acompañábano os ministros do faraón, os anciáns da súa corte, os nobres do país, 8a familia toda de Xosé, seus irmáns, a servidume de seu pai. Soamente deixaron en Goxén os nenos, os rabaños e os gandos. 9Ian tamén con eles carros e cabaleiros, de xeito que o acompañamento era moi grande.

10Chegados á eira de Atad, do outro lado do Xordán, fixeron un pranto grande e solemne. Xosé fixo por seu pai un funeral de sete días. 11O veren os cananeos o funeral na eira de Atad, dicían: ‑"Grande loito é este para os exipcios". Por iso chamóuselle a aquel sitio Pranto de Exipto. Está do outro lado do Xordán.

12Os fillos de Xacob fixeron conforme el lles mandara. 13Levárono a Canaán e enterrárono na cova de Macpelah, no eido que Abraham comprara a Efrón o hitita, de fronte a Mambré, para propiedade sepulcral. 14Despois que enterraron a seu pai, Xosé volveu para Exipto, xunto con seus irmáns e todo o acompañamento fúnebre.

 

Comportamento de Xosé con seus irmáns

 

15Despois da morte de seu pai, os irmáns de Xosé pensaron: ‑"A ver se Xosé nos garda rancor, e nos paga agora o moito mal que lle fixemos". 16E mandaron dicirlle: ‑"O teu pai ordenounos, antes de morrer: 17Dicídelle isto a Xosé: Perdóalles a teus irmáns o seu crime e o seu pecado, cando te trataron mal. Perdoa agora a culpa dos servos do Deus de teu pai".

Cando oíu o que falaban, Xosé botou a chorar.

18Os irmáns fóronse prostrar diante del para lle dicir: ‑"Somos escravos teus".

19Xosé díxolles: ‑"Non teñades medo. ¿Estou eu no lugar de Deus? 20Vós pensastes facerme mal, pero Deus trocouno en ben, para conseguir o que hoxe vemos: facer vivir un grande pobo. 21Agora non teñades medo. Eu mantereivos a vós e a vosos fillos". Xosé consolou a seus irmáns e faloulles ó corazón.

 

Morte de Xosé

 

22Xosé viviu en Exipto con toda a familia de seu pai. Cumpriu cento dez anos. 23Chegou a ver os fillos de Efraím ata a terceira xeración. Tamén a Maquir, fillo de Menaxés, lle naceron fillos nos xeonllos de Xosé.

24Xosé díxolles a seus irmáns: ‑"Eu estou para morrer. Deus coidará de vós e sacaravos desta terra, para a terra que prometeu con xuramento a Abraham, a Isaac e a Xacob". 25Xosé fixo xurar ós fillos de Israel: ‑"Cando veña Deus vervos, levaredes convosco os meus ósos". 26Xosé morreu ós cento dez anos. Embalsamárono en Exipto e metérono nun sarcófago.