Capítulos 41-45

CAPÍTULO 41

 

Os soños do faraón

 

1A volta de dous anos, o faraón tivo un soño. Soñou que se atopaba na ribeira do Nilo. 2Da beira do río subían sete vacas ben feitas e cebadas, e púñanse a pacer xuncos. 3Detrás delas subían outras sete, feas e ensumidas e parábanse onda as primeiras, á beira do río. 4As vacas feas e ensumidas devoraban as sete ben feitas e cebadas.

5Volveu durmir e tivo outro soño: sete espigas saían dun só pé, todas graúdas e boas. 6Despois delas agromaban outras sete, miúdas e queimadas. 7As espigas miúdas devoraban as sete graúdas e cheas. E o faraón espertou. Fora todo un soño.

8Pola mañá, inquedo polo soño, mandou o faraón convocar os adiviños e os sabios de Exipto, e contoulles o seu soño. Mais ninguén sabía interpretarllo.

9Nisto díxolle o copeiro maior ó faraón: ‑"Agora recordo a miña culpa. 10Alporizado connosco, o faraón fixéranos deter a min e mais ó panadeiro maior, na casa do xefe da garda. 11Unha noite tivemos un soño cada un, cada soño co seu significado. 12Estaba alí connosco un mozo hebreo, servo do xefe da garda, contámoslle os soños, e el interpretounos, cada un conforme o seu significado. 13E xustamente como el interpretou, así aconteceu: eu volvín ó meu oficio; ó outro, en troques, colgárono".

14O faraón mandou chamar a Xosé. Sacárono do alxube, afeitouse, cambiou a roupa e presentouse ó faraón. 15O faraón díxolle: ‑"Tiven un soño, e non hai quen o interprete. Oín dicir que ti interpretas un soño en oíndo contalo".

16Xosé respondeulle ó faraón: ‑"Eu non; mais Deus ten a resposta, para ben do faraón".

17O faraón contoulle a Xosé: ‑"Soñei que me atopaba na ribeira do río. 18Del subían sete vacas cebadas e ben feitas, e pacían nos xuncos. 19Despois delas subían outras sete vacas ensumidas, moi feas e tan secas coma endexamais se viran en todo o Exipto. 20As vacas fracas e ensumidas devoraban as sete cebadas. 21Mais despois de comelas, non daban mostras de máis fartas; tiñan tan mal aspecto coma antes. E espertei.

22Volvín soñar, e vin sete espigas saíndo dun so pé, graúdas e boas. 23Despois delas agromaban outras sete, febles, miúdas e agostadas. 24As espigas miúdas devoraban as espigas boas. Contéillelo ós meus magos, e ninguén me deu explicación".

25Xosé díxolle ó faraón: ‑"Os soños do faraón son todos un. Deus revélalle ó faraón o que está para facer. 26As sete vacas boas e as sete espigas boas son sete anos. As dúas cousas son un só soño. 27As sete vacas esgotadas e feas que soben detrás delas, e as sete espigas miúdas e murchas son sete anos de fame. 28Como acabo de dicir ó faraón, Deus revélalle con iso o que está para facer. 29Van vir sete anos de moita fartura en todo o país de Exipto. 30Pero tras deles virán sete anos de fame, que farán esquecer toda a fartura que houbo antes, e aflixirán todo o país. 31A fame que virá será tan pesada, que non deixará sinal da fartura. 32O feito de que o soño do faraón se repetise proba que Deus confirma esta cousa e que se dará présa en cumprila. 33Agora, que o faraón busque un home intelixente e asisado e que o poña á fronte de Exipto; 34que nomee gobernadores no país e que faga recadar un quinto dos produtos da terra nos sete anos de fartura. 35Que se recollan víveres nos anos bos que veñen, e que, baixo a autoridade do faraón, entullen trigo para comer e o garden nas cidades. 36Os víveres serán reserva para o país nos sete anos de fame que virán, para que Exipto non pereza de fame".

 

Xosé vicerrei de Exipto

 

37A proposta de Xosé pareceulle ben ó faraón e a todos os seus ministros. Aquel preguntoulles a estes: 38‑"¿Atopariamos un home tan cheo do espírito de Deus como o está este home?" 39E díxolle a Xosé: ‑"Polo feito de que Deus che revelase todo isto, non hai outro home tan intelixente e asisado coma ti. 40Estarás á fronte da miña casa. O pobo todo obedecerá as túas ordes; soamente polo trono estarei por riba de ti." 41E engadiu: ‑"Olla que che dou o mando de toda a terra de Exipto".

42O faraón tirou o anel do selo do seu dedo e púxoo no de Xosé. Fíxoo vestir de roupa de liño e púxolle un colar de ouro no pescozo. 43Mandouno montar no carro do vicerrei e que pregoasen ó seu paso: ‑"Axeonlládevos". Con iso púñao á cabeza de todo o país de Exipto.

44Díxolle o faraón: ‑"Eu son o faraón. Ninguén en todo o Exipto moverá a man nin o pé, sen contar contigo". 45O faraón púxolle a Xosé o nome de Safenat Panéah e deulle por muller a Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On. Xosé saíu para percorrer a terra de Exipto.

46Tiña Xosé trinta anos cando se presentou ó faraón, e saíu da súa presenza para percorrer as terras todas de Exipto. 47Nos sete anos de fartura a terra deu froitos a manchea. 48Xosé axuntou os víveres dos sete anos de fartura e entullounos nas cidades, en cada unha os produtos das terras do arredor. 49Recolleu tanto trigo coma as areas do mar ata deixar de medilo, pois xa non o daba medido.

 

Os fillos de Xosé

 

50Antes que chegase o primeiro ano da fame, nacéronlle dous fillos a Xosé. Deullos Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On. 51O primoxénito chamouno Menaxés pensando: "Deus fíxome esquecer os meus traballos e a casa de meu pai". 52O segundo chamouno Efraím: "Deus fíxome frutificar na terra da miña aflición".

 

Os anos da fame

 

53Acabáronse os sete anos de fartura en Exipto e 54empezaron a chegar os sete anos de fame, que Xosé agoirara. En todos os países houbo fame, e só en Exipto había pan.

55O estenderse a fame polo Exipto, o pobo clamaba por pan ó faraón, e el dicíalles a todos os exipcios: ‑"Ide onda Xosé, e facede o que el vos diga". 56A fame estendeuse por toda a terra adiante. Xosé abriu os celeiros e repartía ós exipcios, cando a fame apertaba en Exipto. 57Pero de todos os países viñan xentes a Exipto, para mercaren gran onda Xosé, pois a fame apertaba en toda a terra.

 

 

 

CAPÍTULO 42

 

Primeiro encontro de Xosé con seus irmáns

 

1Soubo Xacob que había á venda trigo en Exipto, e díxolles ós fillos: ‑"¿Que facedes aí mirando? 2Oín que hai trigo á venda en Exipto. Ide alá, mercade para vivirmos e non morrermos de fame".

3Baixaron, pois, a Exipto dez dos irmáns de Xosé, para mercaren alí trigo, 4Xacob non deixou ir con seus irmáns a Benxamín, o irmán de Xosé, por medo de que lle puidese pasar unha desgraza. 5Os fillos de Israel ían mercar trigo entre outros moitos, pois había fame en todo o país de Canaán.

6Xosé era quen mandaba en Exipto e quen vendía o trigo a todo o mundo. Chegados onda el, os irmáns prostráronse por terra. 7En canto Xosé os viu, recoñeceunos; pero el non se lles deu a coñecer, senón que lles falou con dureza. Preguntoulles: ‑"¿Vós de onde vindes?"

Eles responderon: ‑"Vimos do país de Canaán para mercar víveres".

8Xosé recoñecía a seus irmáns, pero eles non recoñecían a Xosé. 9Xosé acordouse dos soños que tivera acerca deles, e díxolles: ‑"Vós sodes espías. Viñestes pescudar os lados febles do país".

10Respondéronlle eles: ‑"Non é así, señor. Os teus servos viñeron para adquirir víveres. 11Somos fillos dun mesmo pai, xente de ben. Os teus servos non son espías".

12El insistiu: ‑"Non é certo. Viñestes pescudar os lados febles do país".

13Responderon: ‑"Nós, os teus servos, eramos doce irmáns, fillos dun mesmo pai, na terra de Canaán. O máis pequeno quedou co noso pai, e o outro xa faltou".

14Díxolles Xosé: ‑"A verdade é o que vos dixen, que vós sodes espías. 15Pero vouvos pór á proba. Pola vida do faraón, que non sairedes de aquí, namentres non veña convosco o voso irmán máis pequeno. 16Mandade un de vós para que o traia. Os demais quedades presos. Comprobarase se dixestes a verdade. E se non, pola vida do faraón, que sodes espías". 17E tívoos detidos tres días.

18O terceiro día díxolles: ‑"Eu son un home que cre en Deus. Facede como vos digo, e salvaredes a vida. 19Se sodes xente de ben, un de vos quedará preso no cárcere onde estades, e os demais iredes levar o trigo que mercastes, ás vosas xentes famentas. 20Despois diso traerédesme a voso irmán máis novo, para que se comprobe o que dixestes e non teñades que morrer". Eles fixérono así. 21Niso dicíanse uns ós outros: ‑"Abofé somos culpados polo que lle fixemos ó noso irmán. Vímolo no apuro, suplicándonos, e non lle fixemos caso. Por iso nós vémonos agora no apuro". 22Entón dixo Rubén: ‑"¿Non vos dicía eu: Non lle fagades mal ó rapaz, e vós non fixestes caso? Por iso esíxennos agora o seu sangue".

23Eles non sabían que Xosé os entendía, pois falaran por intérprete. 24Xosé retirouse da súa vista e botou a chorar. Logo volveu para falarlles. Colleu de entre eles a Simeón e fíxoo prender á súa vista. 25Xosé ordenou logo que lles enchesen as sacas de trigo, que metesen o diñeiro de cada un na súa saca e que lles desen provisións para á viaxe. E fixérono así con eles.

 

O diñeiro nas sacas do trigo

 

26Eles cargaron o trigo nos asnos fóronse de alí. 27A noite, na pousada, un deles abriu a saca para lle dar penso ó seu burro, e atopou na boca da saca o seu diñeiro. 28Díxolles ós irmáns: ‑"Devolvéronme o diñeiro. Védeo aquí na saca".

Asombrados e tremendo, dicíanse uns ós outros: ‑"¿Que está facendo Deus connosco?"

29Chegados onda seu pai Xacob, en Canaán, contáronlle o que lles pasara: 30‑"O señor de Exipto tomounos por espías da súa terra e tratounos con dureza. 31Nós dixémoslle que eramos xente de ben, e non espías. 32Que eramos doce irmáns, fillos do mesmo pai: que un deles xa faltara e que o máis novo quedara con noso pai en Canaán.

33O señor de Exipto díxonos: Deste xeito probarei se sodes xente de ben: un de vós ficará comigo; os demais collede os víveres para a mantenza das vosas familias, e marchade. 34Pero para outra vez traédeme convosco o irmán máis pequeno; así comprobarei que non sodes espías, que sodes xente de ben. Entón devolvereivos eu o irmán e vós poderedes mercar neste país".

35Cando baldeiraron as sacas, atoparon cadansúa bolsa do diñeiro. En vendo as bolsas, tremían eles e seu pai.

36Xacob díxolles entón: ‑"¡Ídesme deixar sen fillos! Xosé xa non está e Simeón tampouco. E agora queredes levar tamén a Benxamín. Todo cae riba de min".

37Respondeulle Rubén: ‑"Se non che traio de volta a Benxamín, podes matar os meus dous fillos. Déixao nas miñas mans, que eu cho volverei".

38Xacob dixo: ‑"Non baixará convosco o meu fillo. Seu irmán morreu, e quédame el só. Se na viaxe que fagades pasa calquera desgraza, farédesme baixar ó sepulcro cargado de dor".

 

 

 

CAPÍTULO 43

 

Benxamín baixa a Exipto cos irmáns

 

1A fame apertaba en Canaán. 2Cando se lles acabaron as provisións que trouxeran de Exipto, Xacob díxolles a seus fillos: ‑"Volvede alá, e mercade qué comer".

3Respondeulle Xudá: ‑"O home aquel xurounos: Non vos quero ver diante de min, se non está convosco voso irmán. 4Se consentes, pois, que veña connosco noso irmán, iremos alá e poderemos mercar víveres. 5Pero se non consentes, non iremos, pois aquel home díxonos: Non vos quero ver diante, se non está convosco o voso irmán".

6Díxolles Israel: ‑"¿Por que me fixestes este mal de lle dicir a aquel home que tiñades outro irmán?"

7Respondéronlle: ‑"O home aquel non paraba de preguntarnos acerca de nós e das nosas familias: ¿Vive aínda voso pai? ¿Tedes algún outro irmán? Nós respondiamos a todo o que el nos preguntaba. ¿Como podiamos sospeitar que nos diría: Traédeme a voso irmán".

8Xudá díxolle entón a Israel seu pai: ‑"Deixa vir comigo o rapaz, e vaiamos xa, para salvar a vida. Doutro xeito morreremos, ti, nós e  nosos fillos. 9Eu respondo polo rapaz. Ti poderasme pedir contas. Se non cho traio de volta e non cho poño diante, quedarei en culpa contigo para sempre. 10Se non fose por estas dúbidas, agora estariamos xa de volta dúas veces".

11Díxolles seu pai Xacob: ‑"Se ten, pois, que ser, facede como vos digo: collede uns cestos cos mellores froitos do país e levádelle un regalo a aquel home: un pouco de resina, un pouco de mel, goma, mirra, láudano, pistachos e améndoas. 12Levade tamén convosco o dobre do diñeiro e volvédelle o que puxeron na boca das vosas sacas, pois se cadra foi un erro. 13Collede a voso irmán e ide ver a aquel home. 14Que o Deus todopoderoso faga que teña dó de vós e deixe vir convosco a voso irmán e a Benxamín. Canto a min, se teño que quedar só, quedarei".

 

Benxamín con Xosé

 

15Os homes colleron consigo os regalos, o dobre do diñeiro e a Benxamín, encamiñáronse para Exipto e presentáronse a Xosé. 16Cando Xosé viu a Benxamín cos irmáns, díxolle ó seu mordomo: ‑"Leva estes homes para a casa, mata un animal e prepárao, pois xantarán comigo". 17O criado cumpriu o que o amo lle mandara: levou os homes á casa de Xosé.

18O vérense conducidos á casa de Xosé, os homes colleron medo, pois pensaban: ‑"Tráennos aquí por culpa do diñeiro que a primeira vez puxeron nas nosas sacas, para botarse en nós, baternos, converternos en escravos e quedaren cos nosos asnos". 19Entón acaroáronse ó mordomo de Xosé e dixéronlle, á porta da casa: 20‑"Escóitanos, señor. Nós xa viñemos outra vez para mercarmos víveres. 21Mais, en chegando, de volta, á pousada, abrimos as nosas sacas e na boca de cada saca atopamos o diñeiro que antes pagaramos. Agora aquí o traemos. 22Para mercarmos novos víveres, trouxemos outros cartos. Non sabemos quen puido meter nas nosas sacas o diñeiro".

23Díxolles el: ‑"Estádevos tranquilos e non teñades medo. O voso Deus e Deus dos vosos pais púxovos nas sacas o tesouro. O voso diñeiro eu recibino". E tróuxolles a Simeón. 24Logo fíxoos entrar na casa de Xosé, deulles auga para lavaren os pés, e ós asnos botoulles penso.

25Eles dispuxeron os regalos para cando chegase Xosé, ó mediodía, pois oíran que xantarían alí con el. 26Cando Xosé entrou na casa, presentáronlle os regalos que trouxeran, e prostráronse no chan.

27Xosé preguntoulles: ‑"¿Como estades? ¿O voso vello pai, de quen me falastes, está ben? ¿Vive aínda?"

28Eles dixeron: ‑"Os teus servos están ben, noso pai vive aínda". E prostráronse por terra outra vez.

29Nisto puxo Xosé os ollos en Benxamín, seu irmán, fillo da mesma nai, e preguntou: ‑"¿É este voso irmán máis pequeno, do que me falastes?" E coa mesma díxolle a el: ‑"Deus te garde, meu fillo". 30E retirouse axiña, pois, conmovido á vista do irmán, tiña ganas de chorar. Entrou na súa cámara e chorou. 31Logo lavou a cara e saíu. E mandou servir o xantar.

32Servíronlle a el por un lado, ós seus irmáns por outro, e á parte ós exipcios que o acompañaban, pois ós exipcios estalles prohibido comer onda os hebreos; téñeno por cousa mala. 33Sentados fronte a Xosé, comezando o primoxénito e rematando o máis novo, ollábanse admirados uns ós outros. 34Xosé mandáballes talladas da súa mesa. A tallada de Benxamín era cinco veces máis grande. Eles beberon e alegráronse na compaña de Xosé.

 

 

 

CAPÍTULO 44

 

A copa de Xosé

 

1Xosé deulle ó seu mordomo esta orde: ‑"Ateiga de víveres as sacas, canto poidan levar, e pon o diñeiro de cada un na boca da súa saca. 2E a miña copa, a de prata, métea na saca do máis novo, xunto co seu diñeiro". E el fixo o que Xosé lle ordenou.

3O amañecer, os homes foron despedidos e marcharon cos seus asnos. 4Saíron da cidade e, cando non ían aínda lonxe, mandou Xosé ó xefe da súa casa: ‑"Vai detrás deses homes e, cando os atrapes, dilles: ¿Por que pagastes mal por ben? 5¿Non levades aquí a copa onde bebe o meu señor e da que se serve para adiviñar? O que fixestes está mal". 6O home atrapounos e repetiulles as palabras.

7Respondéronlle eles: ‑"Señor, ¿por que nos falas dese xeito? Lonxe dos teus servos faceren semellante cousa. 8Viches que o diñeiro que encontramos na boca das nosas sacas, trouxémoscho desde Canaán. ¿Cómo iamos roubar prata nin ouro da casa do teu señor? 9Aquel dos teus servos a quen se lle atope a copa, será reo de morte, e todos os demais quedaremos como escravos do noso señor".

10Díxolles el: ‑"Que sexa deste xeito: Aquel a quen se lle atope a copa será escravo meu; os demais quedaredes libres".

11Cada un baixou de seguida ó chan a súa saca, e abriuna. 12El comezou a cachear polo maior e acabou polo máis pequeno. E atopou a copa na saca de Benxamín. 13Eles esgazaron as vestiduras, cargaron os seus asnos e volveron para a cidade. 14Xudá e seus irmáns entraron na casa de Xosé que estaba aínda alí, e prostráronse por terra diante del.

15Xosé díxolles: ‑"Que feito é ese que fixestes? ¿Non sabiades que un home coma min ten o poder de adiviñar?"

16Respondeulle Xudá: ‑"¿Que poderiamos responder ó noso señor? ¿Con que palabras mostrar a nosa inocencia? Deus mostrou culpables ós teus servos. Recoñecémonos escravos de meu señor, o mesmo nós coma o que tiña a copa no seu poder".

17Dixo Xosé: ‑"Lonxe de min facer tal cousa. Aquel que tiña a copa no seu poder quedará por escravo meu. E vós marchade en paz para onda voso pai".

 

Xudá defende a Benxamín

 

18Dirixíndose a Xosé, dixo Xudá:

‑"Rógoche, meu señor, que lle consintas ó teu servo dicir unha palabra, sen que o meu señor se anoxe. Ti es coma o faraón. 19O meu señor preguntoulles ós seus servos: ¿Tedes pai ou algún outro irmán? 20E nós respondémoslle ó meu señor: Temos un pai xa vello e un irmán pequeno, que lle naceu na súa vellez. Un irmán seu, da mesma nai, está xa morto. Agora quedoulle só el, e o pai quéreo moito. 21Ti dixécheslles entón ós teus servos: Traédemo aquí, para que o vexa cos meus ollos. 22Nós dixemos ó meu señor: O rapaz non pode deixar só a seu pai, pois se o deixase, morrería. 23E ti dixécheslles ós teus servos: Se non vén convosco o irmán máis novo, non volveredes ver a miña cara. 24Nós volvemos para onda teu servo, noso pai, e referímoslle o que nos dixera o meu señor. 25Cando noso pai nos mandou: Volvede alá e mercade algo que comer, 26nós respondémoslle: Non podemos ir alá. Iremos, se noso irmán máis pequeno vai connosco; onda non, non poderemos presentarnos diante daquel home. 27Entón díxonos o teu servo, noso pai: Sabedes que a miña muller me deu dous fillos. 28Un deles foise de onda min, e penso que foi esnaquizado; ata hoxe non o vin máis. 29Se agora me levades estoutro e lle pasa unha desgraza, enterraredes un vello, que morre cheo de dor. 30Se eu volvo agora onda teu servo, meu pai, e non vai connosco o rapaz, téndolle o apego que lle ten, 31en vendo que el falta, morrerá, e nós enterraremos ó teu servo, noso vello pai, colmado de pesar. 32Este teu servo respondeu ante seu pai polo rapaz, xurando: Se non che volvo o rapaz, quedarei en culpa diante de meu pai por toda a vida. 33Agora pídoche que poida este teu servo quedar de escravo do meu señor no posto do rapaz, e que poida el subir con seus irmáns. 34¿Como podería eu volver onda meu pai, sen levar o rapaz comigo? ¡Que eu non vexa a meu pai en tan grande aflición!"

 

 

 

CAPÍTULO 45

 

Xosé descóbrese ós irmáns

 

1Xosé non puido xa conterse máis diante da súa corte e mandou que saísen todos. Non quedou ninguén con el, cando se deu a coñecer a seus irmáns. 2Entón Xosé botouse a chorar, de xeito que o oían os exipcios ata o pazo do faraón.

3Díxolles a seus irmáns: ‑"Eu son Xosé. ¿Vive aínda meu pai?" Pero os irmáns non lle podían responder, por quedaren estarrecidos diante del.

4Xosé díxolles: ‑"Achegádevos aquí". Eles achegáronse. E el repetiu: ‑"Eu son Xosé, voso irmán, o que vendestes para Exipto. 5Agora non vos aflixades nin vos pese de me vender, pois para manter vidas mandoume Deus aquí diante de vós. 6Van dous anos de fame na terra; pero quedan aínda cinco sen sementeira nin colleita. 7Deus mandoume diante de vós, para asegurarvos a escapada da morte no país e para facervos sobrevivir, con vistas á gran liberación. 8Polo mesmo non fostes vós os que me mandastes aquí. Foi Deus que fixo de min ser coma un pai para o faraón, dono da súa casa, gobernador da terra toda de Exipto. 9Volvede onda meu pai e dicídelle que o seu fillo Xosé lle manda dicir isto: Deus fíxome señor de todo o Exipto. Ven sen deterte ó meu lado. 10Asentarás na terra de Goxén e alí estaredes cerca de min, ti e mais os teus fillos, os teus netos, os teus fatos, os teus gandos e todas as túas posesións. 11Eu mantereite alí, pois quedan aínda por diante cinco anos de fame, de xeito que non pases miseria ti, nin a túa familia, nin os teus servos. 12Os vosos ollos e os de meu irmán Benxamín están vendo que son eu mesmo quen vos fala. 13Contádelle a meu pai do meu poder en Exipto e de todo o que vistes. E traédemo aquí axiña".

14Abrazando a seu irmán Benxamín, botouse a chorar; Benxamín choraba tamén, abrazado a el. 15Bicou a todos os irmáns e chorou con eles. E seguiron falando uns cos outros.

 

O faraón abre a Xacob as portas de Exipto

 

16Ata o pazo do faraón correu a voz: ‑"Viñeron os irmáns de Xosé". E pareceulles ben ó faraón e ós seus ministros.

17O faraón díxolle a Xosé: ‑"Manda a teus irmáns que carguen os asnos e vaian a Canaán, 18que collan a seu pai e as súas familias e que se veñan onda min. Dareilles do mellor que hai en Exipto, e poderán comer do máis prezado da terra. 19Dilles tamén que leven de aquí carros, para traeren neles os nenos, as mulleres e a seu pai. E que se veñan. 20Que non lles doia deixar alá cousas, pois o mellor de Exipto é para eles".

21Os fillos de Israel cumpriron o mandado. Seguindo a orde do faraón, Xosé proveunos de carros e de provisións para a viaxe. 22A cada un deulle tamén un vestido para se mudar. A Benxamín deulle trescentas moedas de prata e cinco mudas. 23Para seu pai mandou Xosé dez asnos cargados coas cousas mellores de Exipto, e dez asnos con pan e provisións para a viaxe. 24O despedilos, díxolles Xosé ós seus irmáns: ‑"Non rifedes polo camiño".

25Eles saíron de Exipto e chegaron a Canaán, onda Xacob seu pai. 26E contáronlle a nova: ‑"Xosé vive aínda, e goberna o Exipto enteiro". Xacob quedou desconcertado, porque non o podía crer. 27Eles referíronlle todo o que Xosé lles dixera. O ver Xacob os carros que mandaba Xosé para levalo, reviviulle o espírito. 28E dixo Israel: ‑"Chégame con que o meu fillo Xosé viva. Irei velo, antes de morrer".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com