Capítulos 6-10

A devastación dos montes idolátricos levará ó recoñecemento do Señor

 

Capítulo 6

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, dirixe o teu rostro cara ás montañas de Israel

e profetiza contra elas.

3Dilles: ¡Montañas de Israel, escoitade a palabra do Señor, Iavé!

Así lles fala o Señor Deus ás montañas e ós outeiros,

ós regueiros e ás veigas:

‑Velaquí que eu mando a espada contra vós

e destruirei os santuarios dos vosos outeiros;

4serán arrasados os vosos altares de sacrificios,

esnaquizados os vosos altares de queimar incenso,

e farei que caian os vosos mortos diante dos vosos ídolos.

5Poñerei os cadáveres dos fillos de Israel

diante dos seus altares.

Esparexerei os vosos ósos ó arredor dos vosos altares.

6En todas as vosas bisbarras

as cidades quedarán devastadas,

e os santuarios dos vosos outeiros

quedarán destruídos,

de xeito que os vosos altares de sacrificio

queden arrasados, esnaquizados os vosos ídolos,

desfeitos os vosos altares para queimar incenso

e desaparezan os que son obra vosa.

7No medio voso caerán mortos os homes

e vós recoñeceredes que eu son Iavé.

8Cando de vós non queden máis cós que escaparon da espada

por entre as nacións, eu manterei un resto;

cando vos vexades esparexidos por entre os países,

9os que de vós escaparon lembraranse de min

nas nacións onde sexan deportados,

pois eu farei que se rompa o seu corazón prostituído

que se apartou de min,

e os seus ollos prostituídos que se foron tralos ídolos;

sentirán nas súas caras a vergonza

polas maldades que cometeron,

por todas as súas abominacións.

10Entón recoñecerán que eu son o Señor,

non en van lles dixen que lles causaría tal desgraza.

11Así fala o Señor, Iavé:

‑Bate as túas palmas, patea cos teus pés e di:

¡Ai de todas as malignas abominacións

da casa de Israel!

¡Por fin! A casa de Israel caerá pola espada, de fame e mais de peste.

12Os que están lonxe morrerán de peste,

os que están cerca caerán pola espada,

os que queden asediados morrerán de fame:

eu chegarei ó colmo da miña ira contra eles.

13Coñeceredes que eu son o Señor

cando os seus mortos estean entre os seus ídolos,

ó arredor dos seus altares,

sobre todo outeiro elevado,

en toda cima de montaña,

debaixo de toda árbore frondosa

e debaixo de toda aciñeira retorta,

lugares onde eles ofrecen recendentes perfumes ós seus ídolos.

14Estenderei o meu brazo contra eles

e converterei esta terra nunha desolación:

unha desolación en todas as súas bisbarras

desde o deserto ata Diblah.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

 

A chegada do día do Señor levará a recoñecelo

 

Capítulo 7

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Oe ti, fillo de Adam:

Así lle fala o Señor, Iavé, á terra de Israel:

¡A fin! ¡Chega a fin

polas catro esquinas do país!

3Agora chega a fin para ti,

pois mandarei a miña ira contra ti

e xulgareite conforme o teu comportamento comigo,

e cargareite coas túas abominacións.

4Os meus ollos non terán piedade de ti,

nin me compadecerei de ti,

senón que te cargarei co teu mesmo comportamento

e as túas abominacións estarán diante de ti.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor.

5Así fala o Señor, Iavé:

‑¡Unha desgraza única! ¡Unha desgraza!

6Velaí chega a fin, a fin chega,

espértase contra ti, velaí chega.

7A túa vez chega, habitante do país,

chega a hora, aproxímase o día do pánico,

e o estrondo é máis forte cás montañas.

8Agora, de seguida, vou verter o meu noxo sobre ti,

vou esgotar a miña ira contra ti;

voute xulgar conforme o teu comportamento,

vou presentar cargos contra todas as túas abominacións.

9Os meus ollos non terán compaixón,

nin eu me compadecerei;

consonte o teu comportamento

vou presentar cargos contra ti,

e as túas abominacións estarán á vista na túa presenza.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor, que castiga.

10Velaí o día do Señor, velaí chega,

tócalle a vez.

Xermina a inxustiza,

florece o orgullo,

11a violencia érguese sobre a inxustiza dos ruíns,

e será máis forte ca eles,

será máis forte có seu exército,

será máis forte có seu barullo:

a gloria do Señor prevalecerá sobre eles.

12Chega a hora, aproxímase o día:

o que merca, que non estea ledo;

o que vende, que non se poña triste,

pois a ira do Señor alcanza toda a súa riqueza.

13O que vende xa non ollará para o que vendeu

e, aínda que viva entre os vivos,

non volverá a súa vista a toda a súa riqueza,

e por culpa da súa dignidade ninguén conservará a vida.

14Tocarán a trompeta e todo estará preparado;

pero non haberá quen vaia á guerra,

pois a miña ira alcanzará toda a súa riqueza.

15A espada está fóra, a peste e mais a fame saen da casa:

quen estea nas terras, morrerá pola espada;

ó que estea na cidade, devorarano a fame e a peste.

16Os seus fuxitivos escaparán, estarán nas montañas;

coma as pombas no val, todos eles andarán escorrentados,

cada un por culpa da súa iniquidade.

17Todos os brazos se debilitarán

e todas as pernas perderán a forza;

18vestiranse de saco e cubriraos o terror,

en todas as caras haberá vergonza

e en todas as cabezas, calvicie.

19Botarán nas rúas a súa prata,

e considerarán o seu ouro unha inmundicia;

nin o seu ouro nin a súa prata serán capaces de os salvar

o día da ira do Señor;

non se fartarán as súas gorxas,

nin se encherá o seu ventre,

pois o ouro e mais a prata foron a causa da súa iniquidade.

20Foi precisamente o esplendor das xoias

o que converteron en motivo de orgullo,

e nelas esculpiron as súas abominables imaxes

e mais os seus ídolos;

por isto lles converto as xoias en inmundicia.

21Convertereinas en botín nas mans dos estranxeiros,

daréillelas en ganancia ós peores do mundo,

que as profanarán.

22Retirarei deles os meus ollos,

para que sigan profanando o meu tesouro escondido:

estraños entrarán nel e profanarano,

23facéndoo encadear,

pois a capital está chea de xuízos sanguinarios

e a cidade está chea de violencia.

24Traerei os pobos máis malvados

para que se apoderen das súas casas,

e acabarei co orgullo dos poderosos,

e os que eles consideran sagrados serán profanados.

25Chega a angustia do castigo,

buscan a paz, pero non a hai.

26Virá desastre tras desastre,

unha mala noticia seguirá a outra mala noticia;

pediranlle oráculos ó profeta,

faltaralle a normativa ó sacerdote,

e o consello ó ancián.

27O rei porase de loito,

o príncipe vestirase de desolación,

e ós campesiños tremeranlles as mans;

tratareinos conforme o seu comportamento,

e xulgareinos conforme os seus inxustos xuízos.

Recoñecerán que eu son o Señor.

 

 

RESPOSTA DE EZEQUIEL Á CUESTIÓN DE QUEN É O VERDADEIRO ISRAEL

 

Visión da idolatría no templo de Xerusalén

 

Capítulo 8

 

1No ano sexto, no mes sexto, o cinco deste mes, estando eu sentado na miña casa e estando sentados os anciáns de Xudá diante de min, caeu alí sobre min a man do Señor, Iavé. 2Entón tiven unha visión: e velaí unha forma, coma o aspecto dun home: desde o que parecía a súa cintura para abaixo, era lume; e desde a súa cintura para arriba tiña coma o aspecto do fulgor, coma o brillo do electro.  3Alongou unha especie de man e colleume polas guedellas da cabeza; entón o Espírito levantoume entre a terra e o ceo, e en visións divinas levoume a Xerusalén, á entrada da porta interior, que dá ó norte, onde está o sitio da imaxe dos celos, a imaxe do creador.

4E alí estaba a gloria do Deus de Israel, semellante á visión que eu tivera na chaira. 5Entón díxome:

‑Fillo de Adam, levanta os teus ollos, en dirección ó norte. Eu levantei os meus ollos en dirección ó norte, e velaí que ó norte da porta do altar estaba a imaxe dos celos, a que estaba na entrada. 6Logo engadiu:

‑Fillo de Adam, ¿non estás a ollar o que eles fan: as grandes abominacións que comete aquí a casa de Israel ó apartarse do meu santuario? Aínda volverás ver abominacións maiores.

7Logo levoume á porta do adro; ollei, e vin unha físgoa na parede. 8Díxome:

‑Fillo de Adam, fai que a físgoa se abra no muro.

Eu fixen que a físgoa se abrise no muro, e había unha abertura.

9Logo díxome:

‑Entra e olla as perversas abominacións que eles están facendo aquí.

10Entrei e ollei, e vin todo xeito de réptiles e animais, as abominacións e todos os ídolos da casa de Israel esculpidos sobre o muro ó arredor. 11E alí, tamén ó arredor, setenta homes dos anciáns da Casa de Israel, con Iezanías, fillo de Xafán no medio deles; estaban de pé cara ás imaxes; cada un tiña o seu incensario na man e o perfume da nube de incenso subía. 12Díxome:

‑¿Non ves, fillo de Adam, o que están a facer os anciáns da Casa de Israel na escuridade, cada un no camarín da súa imaxe? Oe o que están a dicir: "O Señor non é capaz de nos ver, o Señor abandonou o país".

13E seguiume dicindo:

‑Aínda volverás a ver as abominacións máis grandes que eles fan.

14Entón levoume á entrada da porta do templo do Señor que dá ó norte, e vin as mulleres sentadas chorando por Tamuz. 15Díxome:

‑¿Non ves, fillo de Adam? Aínda volverás ver abominacións máis grandes ca estas.

16Entón levoume ó adro interior do templo do Señor, e vin na porta do templo do Señor, entre a entrada e mais o altar, coma uns vinte e cinco homes, de costas para o templo do Señor e coa cara para o nacente: eles estaban prostrados cara ó nacente adorando o sol. 17Díxome:

‑¿Víchelo, fillo de Adam? ¡Parécelle pouco á Casa de Xudá cometer as abominacións que está a cometer aquí, que enche o país de violencia e volve enfadarme! ¡Velaí que envían tropa forzuda, a súa forza irada!

18Pois eu tamén obrarei con carraxe,

nin o meu rostro terá compaixón deles, nin os perdoarei;

clamarán a grandes berros ós meus oídos,

pero eu non os escoitarei.

 

Visión do anuncio de castigo contra Xerusalén

 

Capítulo 9

 

1Unha gran voz resoa nos meus oídos, dicindo:

‑Xa chegan os verdugos da cidade, cada un ten na propia man a súa arma de destrución. 2Velaí seis homes que entran polo camiño da porta de arriba, que dá ó norte, cada un ten na propia man a súa arma de esmagar. No medio deles, un home vestido de liño, co tinteiro de escribán á súa cintura. Entraron e puxéronse de pé ó lado do altar de bronce. 3Entón a gloria do Deus de Israel levantouse de enriba dos querubíns, sobre os que estaba, camiño da soleira do templo, e chamou ó home vestido de liño, que tiña na cintura o tinteiro de escribán, 4e díxolle o Señor:

‑Atravesa a cidade, cruza Xerusalén e pon unha marca na fronte dos homes que fan dó e suspiran por causa de todas as abominacións que se cometen no medio dela.

5E ós outros díxolles ós meus oídos:

‑Percorrede a cidade detrás del e dade golpes,

que o voso rostro non se apiade, nin teñades compaixón.

6Os vellos, ós mozos e mozas,

ós meniños e ás mulleres,

matádeos ata o exterminio;

pero non vos arrimedes a ningún home que leve a marca.

Comezade polo meu santuario.

E eles comezaron cos homes vellos que estaban diante do templo.

7Seguiulles dicindo:

‑Profanade o templo, enchede os adros de cadáveres, e saíde.

Eles saíron a matar pola cidade. 8Resultou que cando eles mataban, quedei eu só con vida. Entón caín rostro en terra e berrei deste xeito:

‑¡Ai, meu Señor Iavé! ¿Vas ti acabar con todo o resto de Israel, lanzando a túa ira contra Xerusalén?

9Respondeume:

‑A iniquidade da Casa de Israel e de Xudá

é grande, grande abondo;

o país está cheo de sangue

e a cidade está chea de inxustiza;

pois din: "O Señor abandonou o país,

o Señor xa non ve".

10Pero, pola miña parte, o meu rostro non se apiadará, nin terei compaixón; o comportamento deles volvereino sobre a súa cabeza.

11E o home vestido de liño, que tiña o tinteiro na cintura, deu contas nestes termos:

‑Fíxeno tal como ti me mandaches.

 

A gloria de Iavé deixa o templo e vaise cos deportados

 

Capítulo 10

 

1Entón tiven unha visión: enriba da plataforma que estaba sobre a cabeza dos querubíns había coma unha pedra de zafiro, cun aspecto parecido ó dun trono, que se vía por enriba deles. 2E faloulle ó home vestido de liño nestes termos:

‑Entra no sitio que hai entre as rodas, no sitio que hai debaixo dos querubíns e enche os teus puños de brasas ardentes, das que hai entre os querubíns, e logo esparéxeas pola cidade. El entrou á miña vista. 3Cando el, o home, entrou, os querubíns detivéronse á dereita do templo e a nube encheu o adro interior. 4Entón a gloria do Señor levantouse de enriba dos querubíns, camiño da soleira do templo; o templo encheuse da nube e o adro estaba cheo do resplandor da gloria do Señor. 5Entón o ruído das ás dos querubíns oíuse ata o adro exterior: era coma a voz de Deus todopoderoso, cando fala.

6Cando El lle deu ordes ó home vestido de liño, dicíndolle: "Colle lume de entre as rodas, de entre os querubíns", el foi e púxose ó lado dunha das rodas; 7un dos querubíns alongou o seu brazo por entre os querubíns cara ó lume que había no medio dos querubíns; levantouno e púxoo nos puños do que estaba vestido coa roupa de liño, que o colleu e saíu. 8Os querubíns aparecíalles debaixo das ás unha especie de man de home. 9Ollei, e vin catro rodas ó lado dos querubíns. O aspecto das rodas era coma o brillo do crisólito. 10Este era o aspecto delas: a mesma forma era a das catro, pois unha roda estaba encaixada no medio da outra; 11ó camiñaren, camiñaban cara ós catro lados; non se volvían ó camiñaren, pois camiñaban cara ó lugar a onde se dirixía a cabeceira, sen se volveren ó camiñar. 12Todo o seu corpo e as súas costas, as súas mans e as súas ás e mais as rodas estaban cheas de resplandores ó arredor, nas catro caras das súas rodas.

13A oídas miñas, eles ás rodas chamábanlles "A Roda". 14Cada un tiña catro caras; as primeiras caras eran caras de querubín, as segundas eran caras de home, as terceiras eran caras de león, e as cuartas de aguia, 15pois os querubíns podíanse levantar. Estes eran os catro animais que eu vira xunto ó río Quebar. 16O camiñaren os querubíns, camiñaban as rodas ó seu lado, e nin sequera ó levantaren os querubíns as súas ás para se alzaren de sobre o chan, non se apartaban as rodas do seu lado. 17O parárense eles, tamén elas se detiñan, e ó levantárense eles, levantábanse tamén elas, porque o espírito dos viventes estaba nelas.

18A gloria do Señor saíu de enriba da soleira do templo, e púxose sobre os querubíns. 19Os querubíns ergueron as súas ás e levantáronse do chan, diante dos meus ollos, eles e mais as rodas xunto con eles; logo pararon á entrada da porta do templo do Señor; a gloria do Deus de Israel sobresaía por enriba deles. 20Estes eran os viventes que eu vira por debaixo do Deus de Israel, xunto ó río Quebar, e deime conta de que eran querubíns. 21Os catro tiñan catro caras cada un, e cada un catro ás, e forma de mans de home debaixo das súas ás. 22A forma das súas caras era a mesma có aspecto e sinal das que eu vira xunto ó río Quebar. Cada un camiñaba de fronte.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com