Capítulos 31-35

Grandeza, caída e lugar de Exipto

 

Capítulo 31

 

1O ano once, o primeiro día do mes terceiro, veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, dilles ó Faraón, rei de Exipto, e á súa tropa:

¿A quen te pareces na túa grandeza?

3Velaí unha exuberante ramaxe,

ramallada sombriza, impoñente altura,

as súas pólas están entre as nubes.

4As augas da chuvia fano medrar,

e as augas de baixo terra fano crecer,

a súa raizame camiña por todo o arredor

cara ás correntes de baixo terra,

que manda os seus regos onda todas as árbores do campo.

5Por isto a súa altura supera a todas as árbores do campo,

as súas pólas multiplicáronse,

o seu talo ensanchou,

ó lanzarse el onda as augas abundantes.

6Nas súas pólas aniñaban todos os paxariños do ceo,

debaixo da súa ramallada parían todos os animais do campo,

e á súa sombra descansaban todos os pobos ricos.

7¡Que fermoso era coa súa grandura

e coa anchura da súa ramaxe!

¡Como alongaba as súas raíces cara ás augas abundantes!

8No xardín dos deuses os cedros non eran máis altos ca el,

nin os cipreses se podían comparar á súa ramaxe,

nin os plátanos eran coma as súas ramas;

ningunha árbore do xardín dos deuses

se podía comparar con el na súa beleza.

9Espléndido o fixen, coa abundancia da súa ramaxe,

¡Como lle tiñan envexa todas as árbores do Edén,

que está no xardín dos deuses!

 

10Pois ben, así fala o meu Señor, Iavé:

‑Por ensoberbecerse da altura,

e por poñer a súa ramaxe entre as nubes,

e por oufanarse os seus pensamentos coa altura,

11eu entregueino ó poder do xefe das nacións,

que o ha tratar conforme á súa maldade,

12Deixeino para que o corten os bárbaros,

os máis tiranos de entre os pobos,

e o abandonen no monte,

e as súas pólas caian por todos os barrancos,

e a súa ramaxe sexa esnaquizada polos máis valentes do mundo,

e todos os poderosos do mundo saian da súa sombra

e o rexeiten.

13Nas súas pólas caídas pousáronse todos os paxariños do ceo

e todos os animais do campo estiveron na súa ramaxe.

14Deste xeito ningunha árbore ben regada se oufanará coa altura,

nin poñerá a súa ramaxe entre as nubes,

nin ningunha árbore ben regada

se manterá firme na súa soberbia fronte ás outras,

pois todas elas están destinadas á morte,

ás profundidades da terra, a estaren cos fillos de Adam,

cos que baixan ó abismo.

 

15Así fala o meu Señor, Iavé:

‑O día que o cedro baixou ó reino dos mortos,

eu fixen que o Abismo fixese loito por el,

e que o cubrise:

parei a súa corrente

e detivéronse as augas caudalosas.

Fixen que o Líbano se puxese de loito por el,

e cubríronse de loito por el todas as árbores do campo.

16Fixen que co estrondo da súa caída

se estremecesen as nacións,

cando o fixen baixar ó reino dos mortos

cos que baixaban ó Abismo;

consoláronse nas profundidades da terra

todas as árbores do Edén,

e o escollido e o mellor do Líbano,

todas as árbores ben regadas de auga.

17Pois tamén baixaron elas xunto co cedro ó reino dos mortos,

o exército dos atravesados pola espada e os xermolos do cedro,

que vivían á súa sombra no medio das nacións.

18E, así, ¿a quen te parecías en gloria e grandeza

entre as árbores do Edén?

Farante baixar xunto coas árbores do Edén

ás profundidades da terra,

e deitaraste no medio dos incircuncisos,

xunto cos pasados pola espada.

Tal será o Faraón e todo o seu exército

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Elexía polo Faraón, crocodilo do Nilo

 

Capítulo 32

 

1O ano doce, no mes doce, o primeiro do mes, veume a palabra

do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, entoa unha elexía sobre o Faraón, rei de Exipto, e dille:

Parecías o leonciño das nacións,

pero eras coma crocodilo nas canles do Nilo,

a rebolos atoldabas a auga cos pés e enlodabas as correntes.

3Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Estenderei sobre ti a miña rede:

cando se xunten as nacións populosas,

sacarante na miña rede varredoira;

4botareite contra a terra,

e contra a superficie do chan esnaquizareite,

farei pousar sobre ti a todas as aves de rapina do ceo,

e farei que se farten de ti todos os animais carnívoros da terra.

5Porei a túa carnaza sobre as montañas

e encherei os vales da túa carne podrecida.

6Dareille de beber á terra,

verténdote a ti co teu sangue sobre as montañas,

e os barrancos encheranse de ti.

7Cando ti te apagues, cubrirei o ceo

e porei de loito as súas estrelas,

o sol tapareino con nubes

e a lúa non alumará coa súa luz.

8A todos os astros luminosos que hai no ceo,

poreinos de loito por ti,

e porei as tebras sobre a túa terra,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

9Perturbarei o corazón dos pobos ricos,

cando leve os teus despoxos a nacións,

a países que non coñecedes.

10Farei que se sintan desolados por ti os pobos ricos,

e ós seus reis poránselles os pelos de punta por ti,

cando eu faga voar a miña espada na súa presenza;

tremerán conturbados cada un pola súa vida,

o día da túa caída.

 

11Pois, así fala o meu Señor, Iavé:

‑Chegará sobre ti a espada do rei de Babilonia,

12farei caer a túa tropa por espadas de valentes,

que en conxunto forman o máis tirano dos pobos:

eles arrasarán o orgullo de Exipto

e quedará devastada toda a súa tropa.

13Farei desaparecer todos os seus       animais

da presenza do caudaloso río,

e nin pé de home o volverá a alodar,

nin casco de animal o atoldará.

14Entón lanzarei ó Abismo as súas augas,

e farei correr os seus afluentes de cor amarela,

‑é o meu Señor, Iavé quen fala‑.

15Cando se converta o país de Exipto nun deserto,

entón quedará despoxado de todo o que o enche;

cando eu fira a todos os seus habitantes,

entón recoñecerán que eu son o Señor.

16Esta será a elexía que cantarán,

cantarana as cidades das nacións,

cantarana por Exipto e por toda a súa tropa

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Lamentación profética sobre a baixada do Faraón ó Abismo

 

17O ano doce, o quince do mesmo mes, veume a palabra do Señor nestes termos:

18‑Fillo de Adam, entoa unha lamentación pola tropa de Exipto;

fai baixar a tropa cos seus afáns de poder,

e as cidades das nacións poderosas ata as profundidades da terra,

xunto cos que baixan ó abismo.

19¿Foi acaso Exipto máis agraciado cós máis?

Pois anda vagabundo e cae xunto cos incircuncisos,

20que caen canda os acoitelados pola espada.

Entréganse espadas que dispersan a Exipto e a toda a súa tropa.

21Un exército de valentes persegue a tropa de Exipto,

persegue ata o medio do Xeol os reforzos da tropa:

os incircuncisos baixarán a descansar no Abismo,

acoitelados con espada.

22Alá está Asur e todo o seu exército,

arredor da tropa de Exipto,

arredor das súas sepulturas,

todos eles acoitelados, caídos a espada.

23Pois a sepultura de Asur está posta no máis fondo do Abismo,

e o seu exército está arredor da súa sepultura;

todos eles caeron acoitelados con espada,

pois puxeron terror no mundo dos vivos.

24Alí está Elam e todas as súas tropas arredor da súa sepultura:

todos eles caeron acoitelados con espada,

e así baixaron incircuncisos ó profundo da terra,

pois puxeron terror no mundo dos vivos;

levaron a súa deshonra xunto cos que baixaban ó Abismo.

25Entre os acoitelados puxéronlle o leito a Elam,

con toda a súa tropa arredor do leito,

arredor da súa sepultura.

Todos eles foron incircuncisos, acoitelados con espada,

pois o seu terror estendeuse polo mundo dos vivos;

por isto levaron a súa deshonra xunto cos que baixaron ó Abismo,

e foron colocados entre os acoitelados.

 

26Alí está Méxec, Tubal e todo o seu exército arredor do leito,

arredor da súa sepultura:

todos eles incircuncisos, acoitelados con espada,

pois estenderon o seu terror polo mundo dos vivos.

27Pero non están deitados xunto cos heroes

que caeron separados dos incircuncisos

e que baixaron ó Xeol coas súas armaduras de guerra,

que puxeron as súas espadas debaixo das súas cabezas

e os seus escudos sobre os seus esqueletos,

pois o terror dos heroes estendérase polo mundo dos vivos.

28Pero ti iraste descompoñendo entre incircuncisos

e descansarás cos acoitelados con espada.

 

29Para alá van Edom, os seus reis e todos os seus príncipes,

que coas súas poderosas mulleres foron sepultados

xunto cos acoitelados con espada;

eles mesmos descansan xunto cos incircuncisos

e cos que baixan ó Abismo.

 

30Para alá van os príncipes do Norte,

todos eles e todos os sidonios,

que, apartados das súas poderosas mulleres,

polo seu propio terror baixaron ó Abismo xunto cos acoitelados,

e, incircuncisos, descansaron xunto cos acoitelados a espada;

e levaron a súa deshonra xunto cos que baixaron ó Abismo.

31O ver a estes, o Faraón consolarase de toda a súa tropa,

pois os mortos a espada son o Faraón e todo o seu exército

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

32Pois eu deixei que provocase o terror no mundo dos vivos,

para que o Faraón e toda a súa tropa

se deitase entre incircuncisos,

cos acoitelados a espada,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

 

PARÁBOLA DOS VIXÍAS

 

Responsabilidade do profeta e do pobo

 

Capítulo 33

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, fálalles ós fillos do teu pobo e dilles:

‑Se eu traio contra unha cidade un exército,

a poboación da cidade colle a un dos seus

e pono ó seu servizo coma vixía;

3e el, ó ver que vén o exército contra a cidade,

toca o corno e avisa á poboación.

4Se alguén oe o toque do corno e non fai caso nin avisa,

cando chegue o exército e o colla

será responsable da propia vida.

5Oíu o toque do corno e non colleu o aviso,

é responsable do seu propio sangue.

Quen colle o aviso salva a propia vida.

6Pero se o vixía ve que vén o exército e non toca o corno,

e a poboación non está avisada,

se cando chega o exército mata a algún deles,

este morre pola culpa súa,

pero do sangue pediránselle contas ó vixía.

7¡Eh ti, fillo de Adam!: a ti constituínte vixía para a Casa de Israel,

vas escoitar da miña boca as palabras,

e valos avisar da miña parte.

8Cando eu lle diga ó malvado:

"Malvado, vas morrer",

se ti non lle falas para avisalo do seu destino,

el, o malvado, morrerá pola súa culpa;

pero a ti pediránseche contas do seu sangue.

9Pero se ti avisas o malvado do seu destino

para apartalo del, e el non cambia de conduta,

el morrerá pola súa culpa

pero ti salvarás a túa vida.

 

10‑Oe ti, fillo de Adam, dille á Casa de Israel:

Así vindes dicindo:

"Velaí, as nosas rebeldías e os nosos pecados

están contra nós, e con eles estámonos consumindo:

¿como poderemos seguir vivindo?"

11Dilles, ¡pola miña vida! ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑

que non me dá gusto que morra o malvado,

senón que o malvado se converta da súa conduta e viva.

¡Convertédevos, cambiade a vosa conduta depravada!

¿Por que queredes morrer, Casa de Israel?

12Oe ti, fillo de Adam, dilles ós fillos do teu pobo:

‑A xustiza do xusto non o salvará o día da súa rebeldía,

e a maldade do malvado non o fará caer

o día en que el se arrepinta da súa maldade;

nin o xusto será capaz de vivir na súa xustiza o día do seu pecado.

13Se eu lle digo ó xusto: "Certo que vivirás"

e el, porque confía na súa xustiza, comete iniquidade,

todas as súas obras xustas non se terán en conta,

senón que, pola iniquidade que cometeu,

por ela morrerá.

14Cando eu lle digo ó malvado: "Certo que morrerás",

pero logo el convértese do seu pecado,

e practica o dereito e a xustiza,

15devolve a fianza inxusta, restitúe o roubado,

e compórtase conforme os preceptos de vida,

de xeito que non comete iniquidade,

ben certo que vivirá, non morrerá.

16Todos os pecados que cometeu non se lle terán en conta;

practicou o dereito e a xustiza, pois certo que vivirá.

17Entón responderán os fillos do teu pobo:

"Non é xusto o comportamento do Señor",

cando é o comportamento deles o que non é xusto.

18Cando o xusto se aparta da súa xustiza,

e comete iniquidades, entón morre por culpa delas.

19Cando o malvado se aparta das súas maldades

e pon en práctica obras conforme o dereito e a xustiza,

por mor destas obras é polo que el vive.

20Vós dicides: "Non é xusto o comportamento do Señor".

Pois eu xulgareivos a cada un, Casa de Israel,

conforme o seu comportamento.

 

A terra non pertence ós que quedaron  en Xudá

 

21O ano doce da nosa deportación, o día cinco do mes once,

veu onda min un escapado de Xerusalén dicirme:

"A cidade foi abatida".

22A man do Señor estivo sobre min a tarde aquela, antes de que chegase o escapado, e abriu a miña boca tan pronto como el chegou onda min pola mañá; abriuse a miña boca e non volvín estar mudo. 23Entón veume a palabra do Señor nestes termos:

24‑Fillo de Adam, os habitantes desas ruínas sobre a superficie de Israel andan falando deste xeito:

"Se Abraham era un só

e tomou posesión desta terra,

¡canto máis a nós, que somos moitos,

nos deron esta terra en posesión!

25Por isto dilles: así fala o meu Señor, Iavé:

‑Vós andades facendo banquetes sobre o sangue vertido,

levantando os vosos ollos cara ós vosos ídolos

e vertendo sangue,

e  ¿ides ter en posesión esa terra?

26Vós mantédesvos firmes, confiados nas vosas espadas.

Vós, mulleres, cometedes delitos abominables

e cada un de vós, homes, profana a muller do seu próximo,

e  ¿ides quedar en posesión desa terra?

27Dilles isto: así fala o meu Señor, Iavé:

‑Pola miña vida que os que estean nas ruínas caerán a espada,

a quen estea no campo entregareino en pasto ás feras,

e os que estean nas fortalezas e refuxios morrerán de peste.

28Eu converterei esa terra nunha soidade deserta,

e acabaráselle o orgullo do seu poderío;

os montes de Israel volverán ser un  deserto

sen que haxa quen pase por eles.

29E entón recoñecerán que eu son o Señor,

cando converta esa terra nunha soidade desértica

por mor de todas as abominacións que cometeron.

 

Mala acollida da palabra profética

 

30‑Oe ti, fillo de Adam, os fillos do teu pobo cánsanse falando de ti á beiriña das paredes, ás portas das casas, e din cada un ó seu veciño, deste xeito: "Imos escoitar cál é a palabra que nos vén da parte do Señor".

31Veñen onda ti coma ás xuntanzas do pobo.

Así os do meu pobo sentan na túa presenza;

escoitan as túas palabras,

pero cumprir, non as cumpren;

coas súas bocas están facendo promesas de amor,

pero os seus corazóns van tralas inxustas ganancias.

32Velaí, ti es coma un canto de promesas de amor,

coma unha voz temperada e que se acompaña ben cun instrumento de corda.

Escoitan as túas palabras,

pero entre eles non hai quen as cumpra.

33Cando se cumpran ‑e velaí que se están cumprindo‑

recoñecerán que hai un profeta no medio deles.

 

Os pastores de Israel, o Pastor divino e o Pastor mesiánico

A) Xuízo divino contra os pastores

 

Capítulo 34

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, profetiza contra os pastores de Israel,

profetiza e dilles:

Pastores, así fala o Señor Deus:

‑¡Ai dos pastores de Israel

que se están apacentando a si mesmos!

¿Non é o rabaño o que teñen que apacentar os pastores?

3Comédeslle a manteiga,

vestídesvos da súa lá;

matades a res gorda,

pero o rabaño non o apacentades.

4Non fortalecestes a res débil

nin curastes a enferma,

nin vendastes a da pata partida;

nin fixestes volver a extraviada,

nin buscastes a perdida,

senón que as dominastes

¡e con que opresión!

5Espalláronse por falta de pastor

e convertéronse en pasto de todas as feras do monte,

¡e como se descarreiraron!

6Andaron perdidas as reses do meu rabaño

por todas as montañas, por todos os altos outeiros;

e por toda a superficie da terra erraron as reses do meu rabaño,

por falta de quen lles seguise as pisadas

e por falta de quen as buscase.

7Por isto, pastores, escoitade a palabra do Señor:

8‑¡Pola miña vida! ‑é o meu Señor,   Iavé, quen fala‑

por converterse o meu rabaño en presa

e por ser o meu rabaño pasto de todas as feras do monte, por falta de pastor,

pois os meus pastores non seguiron o rastro do meu rabaño,

senón que os meus pastores se apacentaron a si mesmos,

e o meu rabaño non o apacentaron;

9por isto, pastores, escoitade a palabra do Señor:

10Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Vede, eu estou contra estes pastores:

voulles reclamar a eles as reses do meu rabaño

e retirarei o meu rabaño do seu poder,

pois estes pastores non se volverán apacentar a si mesmos;

vou salvar as miñas reses das bocas dos pastores,

e non lles servirán máis de comida.

11Pois así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, eu en persoa virei

seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas.

12O mesmo que mira o pastor polos años,

o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,

así eu vou mirar polas miñas reses,

e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios

por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.

13Vounas sacar de entre os pobos,

vounas reunir dos países,

e vounas facer volver á súa terra

e pastorealas nos montes de Israel,

nos vales e en todos os lugares habitables do país.

14Fareinas pastar en bos pasteiros,

e nos montes do alto Israel estarán as súas praderías,

acougarán alí en boas camposas

e pastarán en pasteiros fértiles nos montes de Israel.

15Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,

e eu en persoa fareino acougar

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

16Buscarei a ovella perdida,

farei volver a extraviada,

vendarei a que ten a pata partida,

fortalecerei á feble,

pero farei que perezan a gorda e a forte.

Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.

 

B) Xuízo divino entre as ovellas

 

17¡Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,

entre carneiros e castróns.

18¿Aínda vos é pouco o pastardes o pasto mellor,

que, por enriba, esmagades cos vosos pés

o que vos sobra dos pastos?

¿Aínda vos é pouco beberdes a auga clara,

que, por enriba, cos vosos pés alodades a que vos sobra?

19E logo as ovellas do meu rabaño teñen que pacer

do estragado polos vosos pés,

e teñen que beber o alodado cos vosos pés.

20Por iso, así lles fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, eu mesmo en persoa vou ditar sentencia

entre as reses gordas e as reses fracas.

21Xa que empurrastes de lado no lombo,

e turrastes cos vosos cornos contra todas as débiles

ata que as fixestes espallar por fóra do pasteiro,

22por isto eu vou salvar o meu rabaño,

para que non volva servir de presa,

e vou ditar sentencia entre ovella e ovella.

23Vou suscitar á fronte deles un pastor único,

que os apacente: será o meu servo David;

el mesmo os apacentará: el en persoa será para eles o seu pastor.

24Eu, o Señor, serei para eles o seu Deus,

e o meu servo David será príncipe no medio deles

‑son eu o Señor, quen o dixen‑.

25Pactarei con eles unha alianza de paz,

e farei desaparecer do país os animais feroces,

para que poidan vivir con tranquilidade no deserto,

e adormecer na foresta.

26Entón farei deles

e do que hai arredor do meu monte unha bendición,

e farei baixar a chuvia no seu tempo

e serán chuvias de bendición.

27As árbores do campo darán froito

e a terra dará a súa colleita;

estarán na súa terriña con tranquilidade.

Entón recoñecerán que eu son o Señor,

cando rompa os cancís do seu xugo

e os libre do poder dos que os están escravizando.

28Nunca máis volverán servir de botín para as nacións

nin as feras do país os devorarán,

senón que vivirán na tranquilidade

sen que ninguén lles meta medo.

29Eu fareinos medrar nun plantío de sona

e xa non volverá haber no país mortos de fame

nin volverán soportar a vergonza das outras nacións.

30Entón recoñecerán que eu, o Señor, son o seu Deus,

que estou con eles, e que eles son o meu pobo, a Casa de Israel,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

31Vós seredes o meu rabaño, o rabaño dos pastos da miña terra seredes vós.

Eu serei o voso Deus ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Oráculos de xuízo de castigo para o monte Seir e oráculos salvíficos para os montes de Israel

 

Capítulo 35

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, dirixe a túa mirada cara ó monte Seir

e profetiza contra el:

3Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí  estou contra ti, monte Seir,

e estendo contra ti a miña man;

voute converter en desolación e soidade.

4E as túas cidades convertereinas en ruínas,

e ti serás unha desolación.

Entón recoñecerás que eu son o Señor.

5Por manteres xenreira perpetua

e por atacares os fillos de Israel

coa forza da espada no tempo do seu desastre,

no tempo en que a súa iniquidade chegou á fin,

6pois ben, ¡pola miña vida!

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑

deixo que ti fagas grande sangría,

pero o sangue perseguirate.

¿Certo que aborreces a sangradura?

Pois o sangue perseguirate.

7Converterei o monte Seir en desolación e soidade,

e retirarei del a quen alí vai

e a quen de alí vén.

8Encherei os seus montes cos acoitelados;

nos teus outeiros e petoutos

e en todas as túas veigas caerán os acoitelados pola espada.

9Convertereite en desolación perpetua

e as túas cidades non serán habitadas.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor.

10Por dicires: "O que resulte dos dous pobos,

e o que resulte dos dous países será para min,

recibirémolo en herdanza",

cando era o Señor quen estaba alí,

11por isto, ¡pola miña vida!

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑

que obrarei conforme a túa ira

e conforme o noxo

que ti, levado do teu odio, exerciches contra eles,

e serei recoñecido por eles

polo xeito como te xulgarei.

12Entón ti recoñecerás que eu son o Señor.

Escoitei todos os desprezos que ti dicías

contra os montes de Israel:

"Son unha desolación: fóronnos dados a nós

para os devorarmos".

13Encoraxástesvos contra min pola vosa boca,

e inzaron máis da conta as vosas palabras contra min,

‑e eu estábao oíndo‑.

14Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Xa que todo o país está alegre,

eu voute converter nunha desolación.

15O mesmo que te alegraches

da herdanza da Casa de Israel

por volverse unha desolación,

o mesmo farei contigo:

serás unha desolación, monte Seir,

e todo o Edom, todo enteiro.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com