Capítulos 1-5

Relato da vocación profética. Data e circunstancias

 

Capítulo 1

 

1Desde os trinta anos, no día quinto do mes cuarto, cando eu me atopaba entre os deportados onda o río Quebar, véuseme abrindo o ceo e veño tendo visións de Deus.

2O día cinco deste mes era o ano cinco da deportación do rei Ioaquín.

3Veulle a palabra do Señor a Ezequiel, fillo de Buzí, o sacerdote, no país dos caldeos xunto ó río Quebar, e foi alí onde a man do Señor pousou sobre el.

 

Visión da teofanía vocacional

 

4Tiven unha visión, e velaí que un vento de tormenta viña desde o norte, unha nube enorme, un lostregueo continuado, un resplandor arredor da nube, e do medio da nube baixaba coma un gran resplandor de ouro branco. 5Tamén baixaba a figura de catro seres viventes. O seu aspecto era este: tiñan semellanza de homes; 6cada un deles tiña catro caras e catro ás; 7as súas pernas eran rectas, e a planta dos seus pés era coma o casco do pé dun becerro e brillaban coma o resplandor do bronce brunido. 8De debaixo das súas ás botaban vermello de sangue para os catro lados, e as súas caras e as súas ás miraban para os catro lados. 9As súas ás xuntábanse cada unha coa súa compañeira. Non se volvían ó camiñaren: cada un marchaba de fronte. 10A forma das súas ás era a de caras de home e de caras de leóns, á dereita dos catro; de caras de touros, vistas desde a esquerda dos catro; e de caras de aguias, os catro. 11¡Tales eran as súas caras! As súas ás estaban estendidas cara arriba: cada un deles tiña dúas ás que se xuntaban e dúas que lle cubrían o corpo. 12Cada un marchaba de fronte, cara onde o Espírito o movía a camiñar, e camiñaba; non se volvía ó camiñar.

13Velaí a forma dos seres viventes: o aspecto deles era coma o de carbóns ardendo en labarada; coma unha luminaria que se movía; a visión relucía por mor da labarada, e da labarada saían lóstregos.

14Os seres viventes corrían para un lado e volvíanse para o outro coma lóstregos. 15Ollei para os viventes e velaí unha roda no chan a carón dos viventes, ós catro lados. 16O aspecto das rodas e a súa feitura era coma o resplandor dunha perla de crisólito, e a mesma forma era a das catro. O aspecto e a feitura delas era coma se unha roda estivese encaixada na outra. 17O camiñaren nas catro direccións camiñaban de fronte, non se volvían ó camiñaren. 18Velaí as súas lamias: ¡eran sublimes e impresionantes! Pois as catro lamias estaban cheas de resplandor por todo arredor. 19O se moveren os seres viventes, movíanse tamén as rodas xunto con eles; ó se levantaren os seres viventes da terra, levantábanse tamén as rodas sobre o sitio. 20O Nome era o Espírito do camiñar; camiñaban cara ó mesmo sitio, o Espírito do camiñar e mais as rodas, que se levantaban a un tempo, pois o Espírito de cada vivente estaba nas rodas. 21O camiñaren, camiñaban a un tempo; ó pararen, paraban a un tempo; e ó levantárense da terra, levantábanse a un tempo, pois o Espírito de cada vivente estaba nas rodas.

22Sobre as cabezas de cada un dos viventes había algo parecido a unha plataforma, coma o resplandor dun cristal abraiante, estendida por riba das súas cabezas. 23Por debaixo da plataforma estaban as súas ás estendidas, unha cara á outra; cun par tapaban a cara e co outro tapaban os seus corpos. 24Es-coitei o ruído das súas ás, ¡fragor de augas caudalosas!, ¡ruído do Todopoderoso! O camiñaren, ¡ruído dunha multitude! ¡Barullo dun exército! O pararen deixaban quedas as súas ás. 25Do alto da plataforma que estaba sobre as súas cabezas veu un estrondo. O pararen, deixaron quedas as súas ás. 26No alto da plataforma que estaba sobre as súas cabezas, velaí a visión dunha pedra de zafiro da forma dun trono e sobre esta especie de trono sobresaía cara arriba unha figura co aspecto dun home.

27Desde o que parecía a súa cintura para arriba, vin coma o resplandor do ouro branco, coma unha especie de lume que lle servía de marco arredor; e desde o que parecía a súa cintura para abaixo, vin coma unha especie de lume e resplandor ó seu arredor. 28Coma o aspecto do arco que hai nas nubes un día de chuvia, así era o aspecto e resplandor que había ó arredor. Era o aspecto da forma da gloria de Iavé.

O ollala, caín rostro en terra e oín unha voz que falaba.

 

Misión profética

 

Capítulo 2

 

1Díxome:

‑Fillo de Adam, ponte de pé, que che vou falar.

2Entón, mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o que estaba a falar.

3Díxome:

‑Fillo de Adam, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se reviraron contra min ‑eles e mais os seus pais‑, que pecaron contra min, ata o mesmo día de hoxe. 4Estes fillos, ¡que duros son de cara! ¡Que obstinados de corazón! Voute mandar onda eles, e vaslles dicir: "Así fala o Señor, Iavé". 5Deste xeito, eles –escóitente ou rexéitente, pois son casa rebelde‑ han saber de certo que hai un profeta no medio deles. 6E ti, fillo de Adam, non teñas medo nin a eles nin ó que eles che digan. Certo que se reviraron contra ti e que te rexeitaron, pero aínda que sentes sobre alacráns, non teñas medo ó que che digan, nin te sintas acovardado ante eles, pois son casa rebelde. 7Diraslles as miñas palabras, escóitente ou rexéitente, pois son rebeldes.

 

Rito de consagración profética: visión

 

8E ti, fillo de Adam, escoita o que eu che digo: "¡Non sexas rebelde coma a casa rebelde! Abre a túa boca e come o que eu che dou".

9Entón tiven unha visión, e velaí unha man estendida cara a min, e, na man, un libro en forma de rolo. 10Estaba escrito por unha cara e mais pola outra; estaban escritas nel elexías, prantos e mais lamentacións.

 

Capítulo 3

 

1Logo díxome:

‑Fillo de Adam, o que tes diante, cómeo: come este rolo, e vai logo falarlle á casa de Israel.

2Entón eu abrín a miña boca e deume a comer este rolo, 3dicíndome:

‑Fillo de Adam, alimenta o teu ventre, enche as túas entrañas con este rolo que che dou.

Comino e volvéuseme na boca doce coma o mel. 4E díxome:

‑Fillo de Adam, marcha á casa de Israel e fálalle coas miñas palabras, 5pois non se te manda a un pobo de inintelixible falar e de lingua difícil; es enviado á casa de Israel, 6non a pobos numerosos de inintelixible falar e de lingua difícil, dos que ti non comprendes o seu falar. Certo, se te mandase onda eles, eles faríanche caso; 7pero a casa de Israel non quererá escoitarte, porque non me quere facer caso a min, pois toda a casa de Israel é dura de cabeza e obstinada de corazón. 8Mira que eu volvo a túa cara tan dura coma a súa cara e a túa cabeza tan dura coma a súa. 9Eu volvo a túa testa coma o diamante, que é máis duro ca un croio. Non lles teñas medo nin te amedrentes diante deles, pois son casa rebelde.

10E díxome tamén:

‑Fillo de Adam, todos os oráculos que eu che diga, apréndeos de memoria e escóitaos atentamente. 11Vai onda os deportados, onda os fillos do teu pobo e ‑así te escoiten, así te rexeiten‑ dilles: "Así fala o Señor".

 

Remate da visión

 

12O Espírito colleume en arroubo e escoitei detrás miña o ruído dun gran terremoto: "¡Bendita a gloria do Señor no seu templo!". 13Despois, o ruído das ás dos seres viventes, ó se daren o ósculo as dun contra as do outro, e ó mesmo tempo o ruído das rodas: o ruído dun gran terremoto. 14O Espírito colleume en arroubo, e marchei fortalecido polo ardor do meu espírito, pois a poderosa man do Señor estaba sobre min. 15E fun onda os deportados de Tel Abib, os que vivían xunto ó río Quebar, pois era alí onde eles vivían, e quedei alí sete días, sendo un horror entre eles.

 

O profeta, sentinela responsable do malvado

 

16E ó cabo de sete días sucedeu que me veu esta palabra do Señor:

17‑Fillo de Adam, constitúote sentinela para a casa de Israel. Cando escoites unha palabra da miña boca, avísaos da miña parte. 18Se eu lle digo ó malvado "vas morrer", e ti non o avisas ‑isto é, non falas avisando ó malvado de que deixe o seu ruín comportamento, para que el viva‑, el, sendo malvado, morrerá por culpa da súa iniquidade; pero a ti pedireiche contas do seu sangue. 19Pero se ti avisas o malvado, e el non deixa a súa ruindade nin o seu comportamento malvado, el morrerá por culpa da súa iniquidade; pero ti salvarás a túa vida. 20Se o xusto deixa a súa xustiza, e comete iniquidades, eu poñerei diante del un tropezo e morrerá, porque ti non o avisaches; morrerá polo seu pecado e non se recordarán as obras de xustiza que fixo, pero a ti pedireiche contas do seu sangue. 21Pero se ti avisas o xusto, para que non peque e el non peca, de certo vivirá, porque foi avisado, e ti salvarás a túa vida.

 

Xesto simbólico: o profeta atado e mudo

 

22Estando alí, púxose sobre min a man do Señor, que me dixo:

‑Levántate e sae cara ó val, que che vou falar alí.

23Entón levanteime e fun cara ó val, e velaí a Gloria do Señor, a mesma Gloria que eu vira xunto ó río Quebar; e entón caín rostro en terra. 24Entrou en min un espírito que me puxo de pé, faloume e díxome:

‑Vai cerrarte dentro da túa casa. 25Es-coita ti, fillo de Adam, velaí que che porán cordas e atarante con elas, de xeito que non poidas saír de entre elas. 26Eu farei que se che apegue a lingua ó padal e volveraste mudo, de xeito que xa non serás para eles o home que os reprende, pois son casa rebelde. 27Pero cando eu che fale, abrirás a túa boca e diraslles: "Así fala o Señor Deus". O que che faga caso, que cho faga; e o que te rexeite, que te rexeite, pois son casa rebelde.

 

 

SERIE DE XESTOS SIMBÓLICOS ACERCA DA CAÍDA DE XERUSALÉN

 

O asedio da vila, marcado nun ladrillo

 

Capítulo 4

 

1‑Oe ti, fillo de Adam, colle un ladrillo,

pono diante de ti e grava nel unha cidade: Xerusalén;

2pon contra ela un asedio,

constrúe contra ela muros de asalto,

levanta contra ela ramplas;

pon contra ela campamentos militares,

e coloca contra ela arietes todo ó arredor.

3E ti, colle unha tixola de ferro

e pona de muro entre ti e esta cidade;

dirixe a túa face cara a ela;

quedará en asedio, pois ti montarás asedio contra ela.

Isto é un sinal para a casa de Israel.

 

O profeta expía a iniquidade do pobo

 

4‑Oe ti, déitate para o teu lado esquerdo,

e pon para este lado as iniquidades da casa de Israel:

cantos días te deites para este lado,

outros tantos soportarás as súas iniquidades.

5Pero eu sináloche en número de días os anos das súas iniquidades:

trescentos noventa días,

que ti cargarás coa iniquidade da casa de Israel.

6O acabares estes días, déitate de novo para o lado dereito,

para cargares coas iniquidades da casa de Xudá

durante corenta días, día por ano:

márcoche o tempo, día por ano.

7Mantén a túa cara e mais o teu brazo

do lado do asedio de Xerusalén

e profetizarás contra ela.

8Velaí que che poño cordas

e non poderás dar a volta dun lado para o outro,

ata acabares os días de estares atado.

 

A comida impura e taxada do profeta, símbolo do asedio

 

9‑Oe ti, colle para ti trigo e mais cebada,

fabas e lentellas, millo e centeo mocho:

pon todo nunha ola

e logo con todo isto farás para ti pan,

que has comer todos os días que estarás deitado de lado:

trescentos noventa días.

10E a túa comida, que ti comerás taxada,

será de vinte siclos por día,

comerala de día en día.

11A auga beberala taxada:

un litro e cuarto,

beberala de día en día.

12Unha bola de pan de cebada é o que ti comerás;

cocerás a bola na presenza deles

con excrementos humanos.

13E dixo o Señor:

‑Deste mesmo xeito comerán os fillos de Israel o seu pan impuro

nas nacións onde eu os dispersarei.

14E repuxen:

‑¡Ai, meu Señor, Deus! Fíxate: a miña gorxa nunca estivo lixada,

nunca comín carne morta nin res matada por unha fera

desde a miña nenez ata hoxe,

nin entrou na miña boca carne impura.

15El respondeume:

‑Pois ben, permítoche bosta de vacas

en vez de excremento humano,

para faceres o teu pan sobre ela.

16Logo díxome:

‑Fillo de Adam, velaí que vou suprimir o subministro de pan a Xerusalén:

van comer o pan taxado e con preocupacións,

e van beber a auga racionada, e con medo

17de que lles falte o pan e mais a auga;

deste xeito vivirán atemorizados uns e outros,

e consumiranse por culpa da súa iniquidade.

 

O rapado e afeitado do profeta, sinal da destrución de Xerusalén

 

Capítulo 5

 

1‑E ti, fillo de Adam,

colle unha coitela ben afiada,

colle unha navalla barbeira,

e pásaa pola túa cabeza e máis pola túa barba.

Despois colle unha balanza de pesar e distribúe o pelo en partes.

2Unha terceira parte quéimaa no lume no medio da cidade,

cando se acaben os días do asedio;

logo colle outro terzo e dálle cortes coa espada

todo ó arredor da cidade;

e o outro terzo esparéxeo ó vento:

certo, eu desenfundarei a espada tras eles.

3Destes últimos pelos collerás unha pequena cantidade

e meteralos ben apertados na dobrez do teu manto;

4logo volverás coller algúns deles

e botaralos no medio do lume e queimaralos nel,

e deste lume sairá un incendio para toda a casa de Israel.

5Isto di o Señor, Iavé:

‑¡Esta é Xerusalén!

Púxena no medio dos pobos,

arredor dela puxen países;

6pero rebelouse contra as miñas ordes,

é máis desleal cós pobos pagáns;

rebelouse contra os meus preceptos

é máis desleal cós países

que hai ó seu arredor.

Rexeitaron as miñas ordes,

non se comportaron conforme os meus preceptos.

7Por isto así fala o Señor, Iavé:

‑Xa que a vosa seguridade proviña das nacións

que se atopaban ó arredor voso,

non seguistes os meus preceptos,

nin cumpristes as miñas ordes,

e nin sequera vos comportastes de acordo cos costumes

dos pobos que están ó arredor voso.

8Por isto así fala o Señor, Iavé:

‑Olla: eu estou contra ti, eu mesmo,

para facer en ti xustiza á vista dos pobos.

9Farei en ti o que nunca fixen,

nin volverei  facer cousa semellante,

por causa de todas as túas abominacións.

10Pois os pais devorarán os fillos no medio de ti

e os fillos devorarán a seus pais;

e executarei a sentencia en ti,

ó esparexer ós catro ventos o que queda de ti.

11Pois, pola miña vida ‑é o Señor, Iavé, quen fala‑,

por teres profanado o meu santuario cos teus ídolos

e coas túas abominacións,

xuro que tamén eu te rexeitarei,

e que o meu rostro non terá compaixón de ti

e eu tampouco non te perdoarei.

12Unha terceira parte de ti morrerá pola espada

e consumirase de fame no medio de ti;

o outro terzo caerá pola espada ó arredor de ti;

e ó último terzo esparexereino ós catro ventos

e logo desenfundarei a espada tras eles,

13e a miña ira chegará á fin,

desabafarei o meu furor contra eles,

e quedarei tranquilo

cando o meu furor contra eles chegue á fin:

entón daranse conta de que eu son o Señor que falei coa paixón dos meus celos.

14Pois eu á vista de todos os que pasan

convertereite nunha morea de ruínas

e nunha vergonza entre todos os pobos que están ó teu arredor,

15e serás para todos os pobos que están ó teu arredor

obxecto de vergonza e de escarnio,

de escarmento e horror,

cando faga en ti xustiza con ira e furor,

con furiosos castigos.

Son eu, o Señor, quen o digo.

16Cando eu lance as fatídicas frechas da fame,

vós seredes destruídos por elas,

que se converterán no destrutor,

pois son eu quen as lanzarei.

Aumentareivos a fame e privareivos da abundancia de pan.

17Mandarei contra vós fame e animais salvaxes:

deixarante sen fillos,

pois a peste e mais o sangue pasarán por ti,

e mandarei a espada contra ti.

Eu, o Señor, son quen o di.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com