Capítulos 36-40

Capítulo 36

 

1‑Fillo de Adam, profetiza sobre os montes de Israel e di:

Montes de Israel, escoitade a palabra do Señor:

2Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Por diciren os vosos inimigos:

"¡Que ben! O outeiro perpetuo

queda para nós en posesión",

3por iso, profetiza e di:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Xa que de propio intento vos desolaron

e vos esmagaron por todo o arredor,

para que vós fosedes posesión do resto dos pobos,

e xa que andastes nas linguas difamadoras e calumniadoras dos pobos,

4por iso, montes de Israel,

escoitade a palabra do meu Señor, Iavé:

Así lles fala o meu Señor, Iavé, ós montes e ós outeiros, ás veigas e ós vales, ás ruínas desoladas e ás cidades abandonadas,

que serviron de botín e de escarnio

ó refugallo dos pobos do arredor:

5Ben certo que así fala o meu Señor, Iavé:

‑Xuro que no incendio dos meus celos

falei contra o resto dos pobos

e contra todo o Edom,

porque lles entregaron a miña terra en posesión

con alegría de todos os corazóns e con desprezo de todo afán lexítimo,

xa que a superficie da miña terra lles servía de botín.

6Si, profetiza acerca da terra de Israel

e dilles ós montes e ós outeiros,

ás varcias e ós vales:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí: nos meus celos e na miña ira

dixen que cargásedes coa vergonza que vos causaron as nacións.

7Pero así fala o meu Señor, Iavé:

‑Eu xuro coa miña man levantada

que as nacións que están ó voso arredor,

elas cargarán coa súa ignominia.

8E vós, montes de Israel,

floreceredes as vosas pólas

e darédeslles os vosos froitos

ó meu pobo Israel,

porque el está para chegar.

9Pois sabede que eu vou cara a vós

e me volvo cara a vós:

seredes traballados e seredes sementados.

10Multiplicarei sobre vós a poboación

da casa de Israel, toda ela,

e as cidades serán habitadas

e as ruínas serán reconstruídas.

11Multiplicarei sobre vós a poboación e o gando

que se multiplicará e dará crías,

e fareivos habitar coma noutros tempos vosos,

e fareivos mellores ca nos vosos comezos.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor.

12E farei camiñar sobre vós unha poboación,

o meu pobo Israel;

eles apoderaranse de ti e ti volveraste herdanza deles

e nunca máis os volverás privar de fillos.

13Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Porque dixeron de vós: "Ti es quen devora a poboación,

ti es a que deixa sen fillos ó teu pobo".

14Por isto, non volverás devorar o teu pobo,

nin o volverás deixar sen fillos

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

15Eu farei que non se volvan oír as burlas

entre as nacións contra ti,

e ti non volverás soportar os insultos dos pobos,

e o teu pobo non volverá quedar sen fillos

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Teoloxía da historia en perspectiva salvífica: o santo Nome do Señor

 

16Veume a palabra do Señor nestes termos:

17‑Fillo de Adam, cando a Casa de Israel habitaba na súa terra,

volvérona impura co seu comportamento e cos seus feitos;

o seu comportamento foi na miña presenza

coma a impureza dunha muller na menstruación.

18Pero eu desafoguei o meu noxo neles polo sangue

que verteron sobre a terra,

e polos feitos cos que a mancharon.

19Entón eu esparexinos por entre os pobos

e dispersáronse polos países;

xulgueinos conforme o seu comportamento

e conforme os seus feitos.

20O entraren nas nacións onde foron,

profanaron o meu santo Nome,

e dicíase deles:

"Estes son o pobo do Señor,

e tiveron que saír da terra del".

21Entón eu tiven consideración co meu santo Nome,

o que profanara a Casa de Israel

entre os pobos onde fora.

22Por isto, dille á Casa de Israel:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Casa de Israel, non por vós vou eu actuar,

senón por mor do meu santo Nome,

que vós profanastes entre as nacións onde fostes.

23Pois vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome,

profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.

Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑,

cando eu vos faga recoñecer a miña santidade na súa presenza.

24Pois recollereivos das nacións,

xuntareivos de todos os países

e traereivos á vosa terra.

25Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;

de todas as vosas impurezas e de todas as vosas idolatrías heivos purificar.

26Dareivos un corazón novo

e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;

sacarei da vosa carne o corazón de pedra

e poreivos un corazón de carne.

27Porei nas vosas entrañas o meu espírito

e farei que camiñedes conforme os meus preceptos

e que gardedes os meus mandamentos e os cumprades.

28Viviredes no país que lles dei a vosos pais:

seredes o meu pobo e eu serei o voso Deus.

29Librareivos de todas as impurezas,

chamarei polo pan, e farei que o haxa abondo:

non vos impoñerei a fame.

30Farei que abunden os froitos das árbores

e os produtos dos campos,

para que non volvades recibir de parte das nacións

o desprezo de pasar fame.

31O lembrarvos do voso comportamento perverso

e dos vosos feitos nada bos,

sentiredes noxo en vós mesmos das vosas iniquidades e das vosas abominacións.

32Que vos quede sabido que non é por vós

que eu vou actuar;

sentide a vergonza e a confusión do voso comportamento,

Casa de Israel.

33Así fala o meu Señor, Iavé:

‑O día que vos purifique das vosas iniquidades,

farei que as cidades se habiten

e que as ruínas se reconstrúan.

34O país que estea desolado

será traballado despois de estar ermo,

á vista de todos os que o cruzaban.

35Velaí o que estes dicían:

"O país este, antes desolado, é agora coma o xardín do Edén;

e as cidades, arruinadas, desoladas e esborralladas,

son agora fortalezas inaccesibles".

36As nacións que queden ó voso arredor

recoñecerán que eu son o Señor,

que reconstrúo o esborrallado

e replanto o desolado,

eu o Señor, díxeno e fareino.

37Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Volverei deixar que me busquen para isto, para lles facer ben;

multiplicareinos coma un rabaño humano.

38Coma os rabaños do templo,

coma os rabaños de Xerusalén na súa asemblea pola festa,

así as cidades arruinadas estarán cheas de rabaños humanos.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

 

O Espírito do Señor fai revivir os ósos resecos

 

Capítulo 37

 

1A man do Señor pousou sobre min e fíxome saír coa forza do seu espírito, e púxome no medio do val, que estaba cheo de ósos. 2Fíxome pasar ante eles dando voltas: e velaí que había moitísimos sobre a superficie do val, e estaban totalmente resecos. 3Entón díxome:

‑Fillo de Adam, ¿poderán revivir estes ósos?

Eu repuxen:

‑Señor, Iavé, ti sábelo.

4Logo díxome:

‑Pronuncia un oráculo sobre estes ósos e dilles:

‑Osos resecos, escoitade a palabra do Señor:

5Así lles fala o meu Señor, Iavé, a estes ósos:

‑Velaí: vou traer sobre vós o alento

e reviviredes.

6Porei sobre vós tendóns

e farei que criedes carne;

cubrireivos con pel, porei en vós o alento,

e reviviredes.

Entón recoñeceredes que eu son o Señor.

7Eu pronunciei o oráculo tal como se me mandara; e mentres eu pronunciaba o oráculo, houbo un trono e logo un terremoto, e os ósos xuntáronse cada un co seu compañeiro.

8Logo ollei e vin que sobre eles había tendóns, a carne ía medrando e a pel íaselles estendendo por riba. Pero non había neles alento. 9Logo díxome:

‑Pronúncialle un oráculo ó espírito,

pronúnciao, fillo de Adam,

e dille ó espírito:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Desde os catro ventos, vén, espírito,

e sopra nestes cadáveres, para que revivan.

10Eu pronunciei o oráculo, conforme me mandara.

Entón o espírito entrou neles,

e reviviron, e tíñanse de pé sobre as súas pernas:

era un exército enormemente grande.

11Entón díxome:

‑Fillo de Adam, estes ósos son a Casa de Israel enteira.

Velaí o que din: os nosos ósos están resecos,

a nosa esperanza está perdida;

estamos esnaquizados.

12Por iso profetiza e dilles: así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,

e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,

e vouvos levar á terra de Israel.

13Recoñeceredes que eu son o Señor,

cando eu abra as vosas sepulturas,

e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.

14Vou poñer en vós o meu espírito

e vouvos facer revivir na vosa terra.

Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago

‑é o Señor quen fala‑.

 

Xesto simbólico da unión dos dous paus

 

15Veume a palabra do Señor nestes termos:

16‑Oe ti, fillo de Adam, colle un pau

e escribe nel "Xudá e os fillos de Israel, os seus aliados";

logo colle outro pau e escribe nel "Xosé, pai de Efraím

e toda a Casa de Israel, os seus aliados".

17E que alguén chos empalme un co outro

para que formen un só pau

e dos dous resulte na túa man un só pau.

18Cando che digan os fillos do teu pobo:

"¿Non nos explicas que queren dicir para ti estas cousas?",

19respóndelles: ‑Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí que eu vou coller o pau de Xosé,

que está na man de Efraím, e os cetros de Israel, os seus compañeiros,

e poreinos sobre o cetro de Xosé, xunto co pau de Xudá,

e convertereinos nun só pau,

para que resulten un só pau,

para que resulten un só na miña man.

20Os dous paus, nos que escribas,

teralos na túa man á vista deles,

21e haslles dicir:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Sabede que eu recollerei os fillos de Israel

de entre os pobos onde marcharon,

xuntareinos do arredor,

e traereinos á súa terra.

22Convertereinos en nación única no seu país, nos montes de Israel,

e un único rei fará de rei para todos eles,

e ese pobo non se volverá converter en dous,

nin se volverá dividir en dous reinos nunca máis.

23E nunca máis se volverán manchar cos seus ídolos,

nin coas súas abominacións,

nin con todos os seus pecados,

senón que os librarei de todos os lugares

onde viven, nos que pecaron.

Purificareinos e serán para min o meu pobo,

e eu serei para eles o seu Deus.

24E o meu servidor David será o seu rei,

o pastor único de todos eles,

e camiñarán conforme as miñas leis,

gardarán os meus preceptos e cumpriranos.

25Entón habitarán no país

que eu lle dei ó meu servidor Xacob,

no que habitaron vosos pais,

e habitarán nel para sempre,

eles, os fillos e os fillos de seus fillos;

e o meu servidor David será o seu príncipe para sempre.

26Establecerei con eles unha alianza perfecta,

e o sinal que eu lles darei

é que a alianza será eterna,

e farei que se multipliquen.

Porei para sempre o meu santuario no medio deles,

27e a miña morada estará no medio deles;

serei o seu Deus e eles serán o meu pobo.

28E cando o meu santuario estea no medio deles para sempre,

recoñecerán que eu son o Señor,

o que consagra a Israel.

 

Sección escatolóxica: oráculos contra Gog, do país de Magog

 

Capítulo 38

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam, ponte de cara a Gog,

oriúndo do país de Magog, gran príncipe de Méxec e de Tubal,

e profetiza contra el.

 

Primeiro oráculo de castigo contra Gog, que atacará a Israel

 

3Di: así fala o meu Señor, Iavé:

Velaí que eu veño contra ti, Gog,

grande príncipe de Méxec e de Tubal:

4voute sacar fóra e pór

ganchos nas túas meixelas;

fareite saír a ti e todo o teu exército:

cabalos e cabaleiros,

vestidos esplendidamente todos eles,

unha grande multitude militar de rodelas e de escudos,

todos eles empuñando espadas.

5Persia, a Nubia e Put irán con eles;

todos eles con escudo e helmo.

6Gómer e todas as súas formacións militares,

Bet-Togarmah, no remoto norte,

con todos os seus exércitos

valentes e numerosos, estarán contigo.

7¡Certo! Estate ben preparado

ti e toda a túa multitude militar,

reunida ó teu lado,

pois serviraslle de protección.

8O cabo de moitos días recibirás unha orde miña;

ó remate deses anos entrarás nunha nación,

rescatada da espada, de entre moitos pobos.

Congregada sobre os montes de Israel,

foi unha continua desolación,

pero logo foron sacados de entre as nacións

e por último todos eles viviron na tranquilidade.

9Ti subirás coma o nubrado dunha tormenta,

entrarás coma unha nube a cubrir esta nación,

ti, todos os teus exércitos,

e os moitos exércitos que están contigo.

 

Segundo oráculo: Fracaso do ataque de Gog

 

10Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Sucederá no día aquel,

que se che subirán os proxectos á cabeza,

e cismarás en matinacións de destrución.

11Pensarás: "Subirei contra un país de chairas,

entrarei a xunto das xentes pacíficas,

que viven todas elas na tranquilidade,

que viven sen murallas, nin trancas,

e nin sequera portas teñen".

12Entrarei a saquear e a conseguir botín,

a facer que a túa man se volva contra as ruínas repoboadas,

e contra un pobo reunido de entre as nacións,

que conseguiu gando e bens, e que vive no embigo do mundo.

13Sabá e Dedán, os traficantes de Tárxix

e todos os seus moradores, diranche:

"¿É a saquear ó que viñeches?

¿Xuntaches o teu exército para conseguir botín,

para levar prata e ouro,

para roubar gando e bens,

para facer un grande saqueo?".

 

Terceiro oráculo: orde divina de atacar a Israel

 

14Si, por iso, profetiza, fillo de Adam,

e dille a Gog: así fala o meu Señor, Iavé:

‑No día aquel, cando o meu pobo Israel

viva na tranquilidade,

¿non te vas dar conta?

15Virás desde o teu lugar, desde o remoto norte,

ti, e contigo numerosos exércitos, todos eles montados a cabalo,

unha multitude enorme, un exército numerosísimo.

16E subirás contra o meu pobo Israel,

coma unha nube que cobre o seu país;

ó cabo deses días estarás alí

e eu fareite entrar en ataque contra o meu pobo,

para que as nacións me recoñezan a min,

cando ti, Gog, me recoñezas por santo á vista deles.

 

Cuarto oráculo de castigo contra Gog: teofanía no terremoto

 

17Así fala o meu Señor, Iavé:

‑¿Es ti aquel de quen eu falei nas épocas antigas

por medio dos meus servidores, os profetas de Israel,

que veñen profetizando desde aquelas épocas e aqueles anos

que eu te traería contra eles?

18Pois sucederá o día aquel,

o día que veña Gog contra a terra de Israel

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑,

que o noxo subirá á miña cara.

19Movido polos celos

e polo lume da miña ira, dixen:

Ben certo que o día aquel

haberá un grande terremoto no territorio de Israel.

20E tremerán ante a miña cara anoxada

os peixes do mar, os paxariños do ceo,

os animais salvaxes, todos os bechos que serpean pola terra,

e todos os homes da superficie da terra;

estomballaranse os montes, e derrubaranse as fragas,

e caerán as murallas da capital: virán ó chan.

21Por todos os meus montes chamarei a espada contra el

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑

e a espada de cada un volverase contra seu irmán.

22Executarei a sentencia contra el coa peste e co sangue;

e unha chuvia de diluvio e pedrazo,

lume e xofre, farei chover sobre el, sobre as súas tropas

e sobre os numerosos exércitos que estarán con el.

23Deste xeito mostrarei a miña grandeza e a miña santidade,

e dareime a coñecer na presenza de pobos numerosos.

Recoñecerán que eu son o Señor.

 

Quinto oráculo de castigo contra Gog e de salvación para Israel

 

Capítulo 39

 

1‑Oe ti, fillo de Adam,

profetiza contra Gog e di:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Velaí, eu estou contra ti, Gog,

grande príncipe de Méxec e de Tubal,

2vou conducirte fóra e facerte saír,

fareite subir desde o remoto norte,

e levareite ós montes de Israel.

3A golpes farei que soltes o arco da túa man esquerda,

e farei caer as frechas da túa man dereita.

4Nos montes de Israel caerás ti e todas as túas tropas,

e os exércitos que estarán contigo.

Entregareite en pasto ás aves de rapina,

ós paxariños, ós paxaros de toda clase

e ós animais salvaxes.

5Caerás no campo raso,

pois eu son quen o dixen

‑oráculo do meu Señor, Iavé‑.

6Mandarei lume contra Magog

e contra os que viven nas illas con tranquilidade.

Entón recoñecerán que eu son o Señor.

7Darei a coñecer o meu santo Nome entre o meu pobo Israel,

e non deixarei que volvan profanar o meu santo Nome.

Recoñecerán as nacións que eu son Iavé,

o Santo de Israel.

8Velaí que isto chega, que acontece

‑oráculo do meu Señor, Iavé‑:

é o día do que falei.

9Entón os que viven nas cidades de Israel sairán

e prenderán lume e queimarán as armas:

rodelas e escudos, arcos e frechas grandes,

mazas e lanzas.

Con isto terán para facer lume durante sete anos.

10Xa non levarán dos montes a madeira,

nin cortarán leña para a traer desde a touza,

senón que coas armas farán lume.

Saquearán ós seus saqueadores,

e roubarán ós seus ladróns

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

Sexto oráculo salvífico: a purificación do país

 

11Sucederá no día aquel que eu lle darei a Gog sepultura alí,

unha tumba en Israel, no Val dos Camiñantes,

ó nacente do mar Morto,

o val que lles cerra o camiño ós camiñantes.

Alí enterrarán a Gog e a toda a súa tropa,

por isto lle chamarán o val das tropas de Gog.

12A Casa de Israel enterraraos

para facer a purificación do país en sete meses.

13Enterraraos toda a xente do país,

e o día no que eu me cubra de gloria seralles memorable

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

14Os membros da confraría dos medidores da terra

escollerán ós que percorran o país,

para enterraren ‑eles que percorren o país‑

ós que queden sobre a superficie da terra,

e deste xeito a limpen.

O cabo de sete meses empezarán a inspección.

15Os corredores percorrerán o país,

e quen ollar uns ósos humanos,

poralles ó lado, de sinal, unha pedra dereita.

De tanto enterraren ósos os sepultureiros

no val das tropas de Gog,

16empequenecerá a cidade coas sepulturas da tropa,

pero limparán o país.

 

Sétimo oráculo: a vitoria definitiva sobre Gog e o recoñecemento da gloria de Iavé

 

17‑Oe ti, fillo de Adam:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Dilles ós paxariños de toda clase de pluma,

e a todos os animais do campo:

‑Xuntádevos, vinde, reunídevos de todo o arredor

para a matanza coa que vos vou convidar,

unha grande matanza nos montes de Israel.

Comeredes carne e beberedes sangue.

18Comeredes a carne dos heroes,

e beberedes o sangue dos príncipes da terra;

todos eles serán os carneiros, os años, os castróns,

os xatos e os becerros de Baxán.

19Comeredes graxa ata fartarvos

e beberedes sangue ata emborracharvos:

tal será o banquete que vos teño preparado.

20Na miña mesa fartarédesvos de cabalos e de cabaleiros,

de heroes e de todos cantos interveñen na guerra

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

21Porei a miña gloria no medio das nacións

e todas as nacións verán a sentencia que eu executarei

e a miña man, que eu porei sobre eles.

22Desde o día aquel e de alí para adiante

recoñecerá a Casa de Israel

que eu son o Señor, o seu Deus.

23E as nacións recoñecerán que a Casa de Israel

marchou ó desterro pola súa culpa,

porque se rebelaron contra min,

e entón eu escondinlles a miña cara,

e entregueinos na man dos seus inimigos:

todos eles caeron pola espada.

24Trateinos de acordo coas súas porcalladas,

e conforme as súas rebeldías,

e escondinlles a miña cara.

 

Oitavo oráculo: a restauración definitiva de Israel, realizada coa efusión do Espírito

 

25Pero, fixádevos, así fala o Señor:

‑Agora eu fago volver os desterrados de Xacob

e compadézome de toda a Casa de Israel,

pois sinto celos polo meu santo Nome.

26Esquecerán a súa vergonza e a súa rebeldía

coa que se rebelaron contra min,

cando vivan na súa terra con tranquilidade

e sen haber quen os atemorice.

27Cando os faga volver de entre os pobos

e os reúna traéndoos dos países dos seus inimigos,

mostrarei a miña santidade neles,

na presenza doutros pobos grandes e numerosos.

28E recoñecerán que eu son o Señor, o seu Deus,

pois, aínda que os levei deportados a outras nacións,

xuntareinos na súa terra e non deixarei

que volva quedar alá ningún deles.

29Nin lles volverei esconder a miña cara

porque vertín o meu espírito sobre a Casa de Israel

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

 

A RECONSTRUCIÓN E REORGANIZACIÓN EXTERNA DO ISRAEL ESCATOLÓXICO

 

Introdución

 

Capítulo 40

 

1O ano vinte e cinco despois de que nos levaron desterrados, no comezo do ano, o día dez do mes, catorce anos despois da caída da cidade, nese mesmo día, veu sobre min a man do Señor e levoume alá. 2En éxtase levoume ó país de Israel e deixoume nun monte altísimo e na cima del, cara ó sur, había coma as construcións dunha cidade. 3Levoume alí, e vin un home: o seu aspecto era coma o aspecto do bronce; tiña na súa man un cordel de liño e unha cana de medir. Estaba de pé á porta. 4Entón o home díxome:

‑Fillo de Adam, olla cos teus ollos, escoita atentamente cos teus oídos, e pon toda a túa atención en todo o que eu che vou mostrar, pois fuches traído aquí para que vexas. Cóntalle á Casa de Israel todo o que ti vas ver.

 

O novo templo: o muro exterior

 

5E velaí: unha muralla exterior do templo en todo o arredor. A cana de medir que o home tiña na man, era de seis cóbados (en cóbados vellos, de cóbado e palmo). El mediu a anchura da construción: unha cana; e a altura, unha cana.

 

A porta do nacente

 

6Logo foi á porta que mira cara ó nacente e subiu polos seus chanzos e mediu a entrada da porta: unha cana de fondo; e cada entrada, unha cana de ancho. 7As garitas eran dunha cana de longo por unha cana de ancho; entre as garitas había cinco cóbados; a entrada da porta, desde o lado de dentro da porta polo lado do santuario, era dunha cana. 8E mediu o interior da porta, desde o que xa é santuario: unha cana. 9Logo mediu o portal interior: oito cóbados; e as súas pilastras: dous cóbados.Tal era a soleira da porta polo lado do santuario. 10As garitas da porta que daba ó nacente eran tres dun lado e tres do outro lado. As tres tiñan a mesma medida e tamén as pilastras dun lado e máis do outro tiñan a mesma medida. 11Logo mediu a anchura do oco da portada: dez cóbados; e o longo, trece cóbados. 12Había un adro diante das garitas dun cóbado por un lado, e un cóbado de adro polo outro lado; e cada garita medía seis cóbados por un lado e seis cóbados polo outro. 13Logo mediu a entrada, desde o teito dunha garita ó teito da garita oposta: un ancho de vinte e cinco cóbados; cada entrada estaba fronte á outra entrada. 14Fixo a medición das pilastras: sesenta cóbados; e diante das pilastras, todo arredor, o adro da entrada. 15Enfronte estaba a fachada da porta; había un corredor de cincuenta cóbados, ata a fachada interior do vestíbulo da porta. 16E nas garitas e nas súas pilastras de cara ó interior da portada, todo arredor, había fiestras enreixadas; tamén había a barreira para a morte con fiestras todo arredor cara a dentro, e sobre as pilastras había adornos en forma de palmeira.

 

O adro exterior: medidas e salas

 

17Logo levoume ó adro exterior, e velaí as salas e un lousado; había no adro todo arredor unha construción: trinta salas ó lado do lousado. 18O lousado estaba a carón mesmo das portas, en proporción coa lonxitude das portas: tal era o lousado de máis abaixo. 19Logo mediu a anchura desde fronte á porta de abaixo ata a porta interior, por fóra da porta: cen cóbados. Isto polo nacente.

 

A porta do norte

 

E polo norte, 20velaí a porta que dá cara ó norte: no adro exterior mediulle o longo e mais a anchura. 21As súas garitas ‑tres dun lado e tres do outro‑, as súas pilastras e a súa entrada tiñan as mesmas medidas cá primeira porta: cincuenta cóbados de longo e vinte e cinco cóbados de ancho. 22As súas fiestras, a súa entrada e os adornos en forma de palmeira eran das mesmas medidas cá porta que miraba cara ó nacente; subíase a ela por sete banzos, e o vestíbulo estaba fronte a eles. 23Había unha porta no adro interior enfronte da porta que daba ó norte, o mesmo que cara ó nacente; mediu de porta a porta: cen cóbados.

 

A porta do sur

 

24Logo levoume cara ó sur, e velaí unha porta cara ó mediodía. Mediu as súas pilastras e o seu vestíbulo: o mesmo cás medidas das outras portas. 25As súas fiestras e o seu vestíbulo todo arredor eran da mesma medida cás outras fiestras: cincuenta cóbados de longo e vinte e cinco cóbados de anchura. 26As súas escaleiras eran de sete banzos e tiñan o seu vestíbulo enfronte delas; e sobre as pilastras había esculturas en forma de palmeira, unha nunha cara e outra noutra. 27Había unha porta no adro interior cara ó sur; mediu de porta a porta cara ó sur: cen cóbados.

 

O adro interior: a porta sur

 

28Logo fíxome entrar no adro interior pola porta do sur, e logo mediu a porta do sur: as mesmas medidas cás outras. 29As súas garitas, as súas pilastras e o seu vestíbulo tamén tiñan as mesmas medidas cás outras; tiña fiestras e o seu vestíbulo todo arredor medía cincuenta cóbados de longo; e de ancho, vinte e cinco cóbados. 30Había vestíbulos todo arredor de vinte e cinco cóbados de longo por vinte e cinco cóbados de ancho. 31O seu vestíbulo daba ó adro exterior, e tamén había palmeiras esculpidas nas súas pilastras; as súas escaleiras eran de oito banzos.

 

Adro interior: porta do nacente

 

32Logo fíxome entrar no adro interior pola entrada do nacente, e mediu esta porta, que deu as mesmas medidas cás outras. 33As súas garitas, as súas pilastras e o seu vestíbulo deron as mesmas medidas cás outras; tamén tiña fiestras, e o seu vestíbulo todo arredor medía cincuenta cóbados de longo por vinte e cinco cóbados de ancho. 34O seu vestíbulo daba ó adro de fóra, e tamén había palmeiras esculpidas nas súas pilastras dun lado e do outro; as súas escaleiras eran de oito banzos.

 

Adro interior: porta do norte

 

35Logo levoume á porta do norte, e mediuna: as mesmas medidas cás outras. 36Tiña as súas garitas, as súas pilastras, o seu vestíbulo e as fiestras todo arredor: cincuenta cóbados de longo por vinte e cinco de ancho. 37O seu vestíbulo daba ó adro de fóra, e tamén había palmeiras esculpidas nas súas pilastras dun lado e do outro; as súas escaleiras eran de oito banzos.

 

Complemento á descrición das portas do adro interior

 

38Había unha sala, e a súa porta daba ó vestíbulo desta porta; nela era onde se lavaban as vítimas dos holocaustos. 39No vestíbulo desta porta había dúas mesas a un lado e dúas mesas ó outro, para sacrificar sobre elas as vítimas dos holocaustos e as vítimas dos sacrificios polos pecados e as ofensas.

40Polo lado de fóra das escaleiras da entrada da porta norte había dúas mesas e polo outro lado, isto é, no vestíbulo desa porta, había outras dúas mesas. 41Catro mesas a un lado e catro mesas ó outro. O lado desta porta, oito mesas, sobre as que sacrificaban. 42As catro mesas para as vítimas dos holocaustos eran de pedras de labra; tiñan un cóbado e medio de longo, un cóbado e medio de ancho, e un cóbado de alto; sobre elas tamén puxeran as ferramentas coas que sacrificaban as vítimas dos holocaustos e as dos sacrificios. 43Dúas repisas dun palmo estaban amarradas no interior todo arredor; sobre as mesas estaba a carne das ofrendas.

44Fóra da porta interior, no adro interior, estaban as salas dos xefes: a que estaba ó lado da porta do norte, tiña a súa fachada cara ó sur; a outra estaba ó lado da porta do nacente, e tiña a fachada de cara ó norte. 45Entón díxome: ‑Esta sala que ten a fachada cara ó sur é para os sacerdotes que atenden o servizo do santuario. 46A sala que ten a súa fachada cara ó norte é para os sacerdotes que atenden o servizo do altar; eles, fillos de Sadoc, son os que de entre os fillos de Leví están cerca do Señor para o serviren.

 

Medidas do adro interior

 

47Logo mediu o adro: cen cóbados de longo e cen cóbados de ancho: un cadrado. O altar estaba fronte ó santuario.

 

O Santuario: a) O vestíbulo

 

48Logo fíxome entrar no vestíbulo do santuario e mediu as pilastras do vestíbulo: cinco cóbados dun lado e cinco cóbados do outro; o ancho da porta era de tres cóbados dun lado e tres cóbados do outro. 49O longo do vestíbulo era de vinte cóbados, e o ancho, de doce cóbados; por dez banzos subíase ata el, e tiña columnas xunto ás pilastras: unha dun lado e outra do outro.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com