Capítulos 16-20

Alegoría dos amores culpables de Xerusalén

 

Capítulo 16

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam,

faille saber a Xerusalén as súas abominacións,

3dille: así fala o meu Señor, Iavé:

‑¡Xerusalén! As túas orixes e mais os teus devanceiros

proveñen do país dos cananeos:

teu pai é o amorreo e túa nai é hitita.

4Tales son os teus devanceiros:

O día que naciches,

non che ataron o cordón do embigo,

non te lavaron con auga por pura compaixón,

nin te lavaron con auga salgada,

nin te enfaixaron.

5Ninguén se apiadou de ti

facéndoche algunha destas cousas,

por compaixón de ti,

senón que dabas noxo,

e fuches botada ó campo

o día que naciches.

6Pero pasei eu onda ti, e olleite

no teu propio sangue,

e a ti, que estabas no teu propio sangue, repetinche:

"Vive 7e medra, vólvete coma as herbas do campo".

E ti medraches e fixécheste moza,

chegaches á ledicia do teu crecemento:

os dous peitos afirmáronseche

e naceuche o teu pelo,

pero estabas espida e en coiros.

8Volvín pasar onda ti e fixeime en ti:

Velaí, a túa idade era a idade do namoro;

estendín o meu manto sobre ti

e cubrín a túa nudez;

comprometinme contigo con xuramento,

e entrei en alianza contigo

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑

e fuches miña.

9Logo laveite con auga, limpeiche o sangue de enriba de ti

e unxinte con aceite.

10Despois púxenche roupas bordadas,

calceite con pel de coiro fino,

púxenche un cinto de liño ben curado,

e cubrinte cun mantón de seda.

11Engalaneite de xoias:

puxen pulseiras nos teus brazos

e colares no teu pescozo.

12Puxen un anel no teu nariz,

pendentes nas túas orellas

e unha coroa preciosa na túa cabeza.

13Engalanábaste con ouro e prata,

os teus vestidos eran de liño ben curado, seda e bordados;

comías a flor da fariña, mel e aceite;

estabas moi fermosa e conseguiches ser raíña.

14O teu nome correu entre as nacións por mor da túa beleza,

co esplendor que eu puxera en ti,

¡tan perfecta era a túa beleza!

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

15Fiácheste da túa beleza

e afincada no teu renome,

décheste á prostitución.

Ofreciches a cantos pasaban os teus engados de prostituta

‑é ben certo que así segue sendo‑.

16Colliches os teus vestidos

e fixeches con eles prostíbulos de cores,

para fornicar fóra sobre os vestidos;

e deste xeito segue sendo.

17Colliches as túas preciosas xoias,

feitas co ouro e a prata que eu che regalara,

e facías para ti imaxes de homes

para prostituírte con elas.

18Collías os teus vestidos bordados

para as cubrires, e ante elas

ofrecías o meu aceite e mais o meu incenso.

19A comida que eu che daba

‑a flor da fariña, o aceite e mais o mel con que eu te alimentaba‑

ofrecíchela ante elas coma perfume agradable:

así segue sendo,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

20Collías os teus fillos e fillas,

os fillos que ti me deras,

e ofrecíalos en sacrificio ás imaxes para que os comesen.

¿Acaso isto é menos grave cá túa prostitución?

21Degolabas os meus fillos,

e facíalos pasar polo lume en honra delas.

22Ante as túas abominacións e prostitucións

non te lembrabas dos días da túa mocidade,

cando estabas espida e en coiros,

a rebolos no teu propio sangue.

23E velaí, ademais de toda a túa ruindade,

¡Ai, ai de ti! ‑é o meu Señor, Iavé, quen o di‑

24construías os teus altares,

e facías os teus enganos en todas as prazas.

25Por todos os camiños máis importantes

construías os teus enganos;

emporcallabas a túa fermosura;

ofrecendo o teu corpo a todo aquel que pasa,

multiplicando así as túas prostitucións.

26Décheste á prostitución cos exipcios, os teus veciños,

de robusta natureza;

e tanto multiplicaches as túas prostitucións,

que me anoxaches a min.

27E así eu estendín a miña man contra ti,

e cortei as túas pretensións;

entregueite ás apetencias das túas inimigas,

as fillas dos filisteos,

que estaban avergonzadas do teu comportamento infame.

28Fornicaches cos fillos de Asur sen te fartares,

e volviches fornicar con eles

e tampouco te fartaches.

29Multiplicácher as túas fornicacións con Caldea,

no país de Canaán,

e nin con isto te fartaches.

30¡Que ardoroso estaba o teu furor sexual

‑é o Señor, Iavé, quen fala‑

cando facías todas estas cousas,

feitos de esposa prostituta e dominante!

31Cando construías os teus altares

nos camiños máis importantes,

e facías os teus enganos en todas as prazas,

non eras coma as outras prostitutas.

¡Ti burlábaste da paga!

32¡Er a muller adúltera, que en vez de ó seu esposo,

acolle a alleos!

33A todas as prostitutas lles dan regalos,

pero ti dábaslles o teu regalo de voda

ós teus amantes, e agasallábalos

para que viñesen a ti de todo o arredor

por mor das túas prostitucións.

34Pasaba contigo, nas túas prostitucións,

o contrario das outras mulleres:

detrás de ti non ía ninguén,

ti dabas o teu regalo,

pero regalo a ti non che daban,

e deste xeito ti andabas ó revés.

35Por iso, ti, prostituta, escoita a palabra do Señor:

36Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Xa que a lisura da túa pel se murchou,

e a túa nudez se descubriu nas fornicacións

cos teus amantes e con todos os teus abominables ídolos,

polo sangue dos teus fillos,

que ti lles ofreciches;

37por isto vou eu reunir

a todos os que odias, a todos os teus amantes,

os que ti compraciches,

a todos os que lles querías ben:

vounos reunir na túa presenza de todo o contorno

e vou descubrir a túa nudez diante deles,

para que miren toda a túa nudez.

38Xulgareite coa sentencia das adúlteras

e das que verten sangue

e lamentaraste baixo o meu furor e os meus celos.

39Poñereite nas súas mans, para que destrúan os teus prostíbulos

e rompan os teus enganos,

para que che quiten os vestidos

collan as túas preciosas alfaias,

e te deixen espida e en coiros.

40Farán subir a xente contra ti,

para que te acantacen con pedras

e te esnaquicen coas súas espadas.

41Queimarán as túas casas con lume

e cumprirán contigo a sentencia

á vista de moitas mulleres;

farei que deixes de ser unha prostituta,

e non volverás facer regalos.

42Aplacarei a miña ira contra ti,

os meus celos apartaranse de ti

e quedarei tranquilo para non volver irarme.

43Por non te dares acordado dos días da túa mocidade,

e mostrar o teu enfado contra min con todas estas cousas,

tamén eu farei recaer o teu comportamento

sobre a túa cabeza,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑

e realizarei de certo o meu plan,

á vista de todas as túas abominacións.

 

44E todos os que fan refráns,

din este acerca de ti:

"De tal nai, tal filla".

45Es ben filla de túa nai,

que renega do seu home e mais dos seus fillos;

es ben irmá das túas irmás

que renegaron dos seus homes e mais dos seus fillos.

A vosa nai era hitita

e o voso pai amorreo.

46A túa irmá maior é Samaría e mais as súas fillas,

vive á túa dereita;

e a túa irmá máis nova,

a que vive á túa esquerda,

é Sodoma e mais as súas fillas.

47Non imitaches moderadamente o seu comportamento

nin só cometiches as súas abominacións,

senón que con todo o teu comportamento

pecaches máis ca elas.

48Xuro pola miña vida ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑

que Sodoma, a túa irmá, e mais as súas fillas,

non se comportaron como vos comportastes ti e mais as túas.

 

49Velaquí o delito de Sodoma:

soberbia, fartura de pan e tranquilidade imperturbable

tiñan ela e mais as súas fillas,

pero non sostiveron o poder do desgraciado e do pobre.

50Ensoberbecéronse e cometeron abominacións na miña presenza,

e entón eu refugueinas tan pronto como as vin.

51E Samaría non cometeu nin a metade dos teus pecados;

ti multiplicaches as túas abominacións máis ca ela,

de xeito que coas abominacións que ti cometiches

fixeches parecer xustas as túas irmás.

52Pois ti soporta logo a túa vergonza,

xa que cos teus pecados fas de mediadora

en favor das túas irmás.

Xa que te fixeches máis abominable ca elas,

son elas máis xustas ca ti.

Avergónzate, pois, e soporta a túa vergonza,

xa que fas parecer xustas as túas irmás.

53Trocarei a súa catividade:

a catividade de Sodoma e das súas fillas,

e mais a catividade de Samaría e das súas fillas.

Catividade será a túa en comparanza coa delas,

54para que soportes a túa ignominia e te avergonces

de todo canto fixeches,

servíndolles así de consolación a elas.

55As túas irmás, Sodoma e mais as súas fillas,

volverán ó seu estado anterior,

e Samaría e mais as súas fillas

volverán ó seu estado de antes;

pero tamén ti e mais as túas fillas

volveredes ó voso estado de antes.

56Sodoma, a túa irmá, serviu de burla na túa boca

o día do teu orgullo, 57antes de que se descubrise a túa ruindade.

Certo, está chegando a vergonza das fillas de Aram

e todas as súas veciñas, e as fillas dos filisteos,

vanse burlar de ti por todo o arredor.

58Soporta, pois, a túa depravación e mais as túas abominacións

‑é o Señor quen fala‑.

 

59Pois, así fala o meu Señor, Iavé:

‑Comportareime contigo tal coma ti fixeches comigo,

pois desprezaches o xuramento

e rompiches a alianza.

60Pero eu lembrareime da miña alianza,

do sinal que che dei desde os días da túa mocidade,

e manterei contigo unha alianza eterna.

61E ti lembraraste do teu comportamento

e avergonzaraste, cando ti acollas as túas irmás,

a máis vella e a máis nova,

pois dareichas a ti por fillas,

e farei firme a túa alianza.

62Porque eu manterei a miña alianza contigo,

e ti recoñecerás que eu son o Señor,

63para que te acordes e te avergonces

e nunca máis teñas que abrir a boca con vergonza,

cando eu che perdoe todo o que fixeches

‑é o Señor quen fala‑.

 

Alegoría de xuizo de castigo e de salvación

 

Capítulo 17

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑Fillo de Adam propón un enigma,

imaxina unha parábola para a casa de Israel,

3dille: así fala o meu Señor, Iavé:

‑A aguia grande, de grandes ás,

de longa envergadura,

de espesa plumaxe,

de cor pintada,

voou ata o Líbano;

e colleu a copa do cedro,

4esgazou a punta do seu gromo,

levouna a unha cidade de traficantes,

e púxoa nunha cidade de arrieiros.

5Logo colleu parte da semente da cidade

e sementouna en terra de labradío,

á beira de augas abundantes,

xunto a un remanso.

6Prendeu e converteuse

nunha cepa opulenta, de baixa altura,

dirixía as súas ramas cara ó cedro,

e as súas raíces puxéronse debaixo del,

e converteuse nunha cepa.

Botou vides e sacou abrochos,

e agromou cos bacelos.

7Logo apareceu unha aguia grande,

de grandes ás

e de moita plumaxe;

e, velaí, a cepa estendeu avidamente as súas raíces cara á aguia

e dirixiu cara a ela as súas ramas,

para beber dela máis ca no bacelo do seu plantío,

8aínda que estaba plantada nun terreo chuvioso,

xunto a augas abundantes,

para botar vides e para dar froito,

para ser unha cepa excelente.

 

9Dille: así fala o meu Señor, Iavé:

‑¿Seguirá adiante?

¿Non a arrincará de raíz a aguia

e non lle esgazará o froito e secará?

Todos os xermolos da súa medra     secarán,

pois ela con brazo forte e cun pobo numeroso

é forte abondo para a levantar de raíz.

10Olládea, a plantada cepa,

¿seguirá adiante?

¿Acaso non secará cando a azoute

o vento soán?

¿Acaso non secará no bacelo onde foi plantada?

 

11Veume a palabra do Señor nestes termos:

12‑Dille á casa rebelde:

¿Non sabedes o que quere dicir isto?

Dille: vede, o rei de Babilonia veu a Xerusalén,

colleu o seu rei e mais os seus príncipes,

e levounos a xunto del a Babilonia.

13Colleu un de estirpe real

e fixo con el un pacto

comprometéndoo con xuramento;

levou os nobres do país,

14para que fose un rei humilde

e deste xeito non se levantase,

para que gardase a súa alianza

e que esta fose estable.

15Pero rebelouse contra el,

mandando mensaxeiros a Exipto,

para que lle desen cabalos e moitos soldados.

¿Terá éxito?

¿Librarase o que fixo tales cousas?

Quebrantou o pacto, ¿e librarase?

16Xuro pola miña vida, ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑ que no país do rei que o fixo reinar a el, o do xuramento que el desprezou e o do pacto que el quebrantou, nese país, el morrerá, no medio de Babilonia. 17Pero o Faraón non se fará ver na guerra cun grande exército e cunha numerosa multitude, cando se levanten terrapléns e se constrúan muros de asedio para segar moitas vidas. 18Desprezou o xuramento, quebrantando o pacto. Pois xa que deu a súa man, pero fixo todas estas cousas: non se librará.

 

19Por iso, así fala o meu Señor, Iavé:

‑Xuro pola miña vida que o xuramento que desprezou,

e o pacto que quebrantou,

llos volverei de certo sobre a súa cabeza.

20Botarei sobre el a miña rede,

e cazareino na miña trampa;

conducireino a Babilonia

para preitear con el no xuízo da deslealdade

que contra min cometeu.

21A todos os fuxitivos

dos seus exércitos decapitaranos,

e os fuxitivos dispersaranse ós catro ventos:

así saberedes que eu, o Señor, fun quen falou.

22Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Eu collerei das ramas do cedro a máis alta e fixareina;

dos gallos máis novos arrincarei un xermolo,

e plantareino nun monte alto e elevado,

23no monte elevado de Israel plantareino;

botará gromos e dará froitos

e volverase un cedro magnífico;

aniñarán debaixo del todos os paxariños,

todas as aves aniñarán á sombra das súas ramas.

24Entón todas as árbores do monte

caerán na conta de que eu, o Señor,

derreo a árbore ergueita

e levanto a árbore derreada;

seco a árbore verde

e fago florecer a árbore seca.

Eu, o Señor, díxeno e fareino.

 

O Deus xusto e a retribución individual

 

Capítulo 18

 

1Veume a palabra do Señor nestes termos:

2‑¿Que vos pasa a vós, que andades repetindo este dito na terra de Israel:

"Os pais comeron as uvas verdes

e os fillos sofren a denteira"?

3Pola miña vida ‑é o meu Señor, Iavé quen fala‑

xuro que vós non volveredes repetir

este dito en Israel.

4Pois, de certo, todas as vidas son miñas;

o mesmo cá vida do pai,

tamén a vida do fillo é miña;

a persoa que peque, esa é a que morrerá.

5Se un home é xusto,

e practica o dereito e mais a xustiza:

6non come banquetes sacros nas montañas

nin levanta os seus ollos

cara ós ídolos da casa de Israel;

non profana a muller do seu próximo,

nin se achega á muller na menstruación;

7se o tal non explota a ninguén,

devolve a fianza da súa débeda,

non comete roubo,

dálle o seu pan ó famento

e cobre ó espido con vestidos;

8se non presta con usura

nin cobra os intereses;

se aparta a súa man da iniquidade,

e xulga conforme o dereito e a verdade entre home e home;

9se camiña conforme os meus preceptos

e garda os meus mandamentos,

practicando a verdade e a xustiza:

este certamente vivirá.

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

 

10Pero se un xera un fillo asasino,

ou se o familiar comete algunha destas cousas

11aínda que el non faga ningunha:

tal coma comer banquetes sacros nas montañas

e profanar a muller do seu próximo;

12explotar o desgraciado e o pobre,

roubar e non volver o peñor da fianza,

erguer os seus ollos cara ós ídolos

e cometer abominacións;

13prestar con usura, cobrar intereses,

¿acaso vivirá? ‑Non vivirá:

cometeu todas estas abominacións

e morrerá sen remedio;

o sangue dos seus crimes volverase contra el.

14Pero, velaí, un ten un fillo

que ve os pecados que fai seu pai,

veos pero non se comporta conforme a eles;

15non come banquetes sagrados nas montañas,

non ergue os seus ollos cara ós ídolos da casa de Israel;

non profana a muller do seu próximo;

16non explota, nin retén o peñor da fianza;

non rouba, dálle o seu pan ó famento

e veste ó espido;

17aparta a súa man de provocar aflicións,

non cobra intereses nin usura;

cumpre os meus mandamentos

e camiña polos meus preceptos:

este non morrerá polos pecados de seu pai,

ben certo que vivirá.

18O seu pai, xa que oprimiu e roubou ó irmán

e xa que non fixo no medio do seu pobo o que está ben,

morrerá de certo pola súa iniquidade.

19Pero vós dicides: "¿por que non carga o fillo  coa iniquidade do pai?"

‑Porque se o fillo observou o dereito e a xustiza,

e se gardou todos os meus preceptos e se os puxo en práctica,

vivirá certamente.

20O que peque será quen morrerá;

o fillo non cargará coa iniquidade do pai,

o pai non cargará coa iniquidade do fillo;

sobre o xusto reverterá a súa xustiza,

sobre o malvado reverterá a súa ruindade.

 

21Se o malvado se converte de todos os pecados que cometeu,

e garda todos os meus preceptos

e practica o dereito e a xustiza,

vivirá de certo, non morrerá;

22Todas as maldades que cometeu non se lle terán en conta:

por mor da xustiza que practicou, vivirá.

23¿É acaso verdade que sinto eu pracer coa morte do malvado,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑

e non en que se converta do seu camiño

e que viva?

 

24Cando o xusto se aparta da xustiza

e comete a maldade,

e se comporta e vive segundo todas as abominacións que comete o malvado,

todas as obras boas que fixo non se terán en conta:

polas infidelidades que cometeu

e polos pecados que fixo,

por eles morrerá.

25E vós respondedes: "Non é xusto o proceder do Señor".

Escoitade, Casa de Israel:

‑¿Non é xusto o meu xeito de comportarme?

¿Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto?

26Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza

e comete iniquidades e morre debido a elas,

morre debido ás iniquidades que el cometeu.

27Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu

e practica o dereito e a xustiza,

entón el consegue a vida.

28Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu,

vivirá de certo, non morrerá.

 

29E responde a Casa de Israel:

"Non é xusto o xeito de se comportar o Señor".

‑¿Non é xusto o meu comportamento, Casa de Israel?

¿Non é mais ben o voso comportamento o que é inxusto?

30Por isto, xulgareivos a cada un de vós

conforme o propio comportamento, Casa de Israel,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

Convertédevos e apartádevos das vosas ruindades,

e non teredes o tropezo para caer na iniquidade.

31Quitade de diante de vós as vosas maldades

coas que pecastes,

e facédevos un corazón novo e un espírito novo.

¿Por que queredes morrer,

Casa de Israel?

32Non sinto eu pracer pola morte do que morre

‑é o meu Señor, Iavé quen fala‑

¡Convertédevos e viviredes!

 

Elexía polos reis de Xudá

 

Capítulo 19

 

1‑Ti entoa unha elexía polos príncipes de Israel,

2dilles:

¡Que leoa foi a túa nai no medio de  leóns!

Tombada no medio dos leóns,

criaba a súa camada.

3Criou un dos seus cachorros,

que se volveu un leonciño,

aprendeu a esnaquizar a presa,

devorou homes.

4Souberon del as nacións:

cazárono nas súas foxas

e levárono con ganchos ó país de  Exipto.

 

5Ela, ó ver que a súa esperanza

e a súa ilusión estaban perdidas,

colleu outro dos seus cachorros

e constituíno nun leonciño.

6El daba voltas entre os leóns,

feito un novato león;

7aprendía a esnaquizar a presa,

devoraba homes;

abusaba das súas viúvas e desolaba as súas vilas;

o país e os seus habitantes estaban amedrentados

polo ruído dos seus ruxidos.

8Pero os países de toda a volta viñeron contra el,

desde as provincias estenderon sobre el as súas redes

e atrapárono nas súas foxas.

9Metérono con ganchos na gaiola

para o levaren xunto ó rei de    Babilonia;

levárono a Babilonia, para que non se volva a oír a súa voz

nos montes de Israel.

10Túa nai era semellante a unha vide da túa caste

plantada xunto á auga:

daba froito e estaba chea de ramas

por mor da abundante auga.

11Daba bacelos de tal poder

que servían para cetros de reis;

a súa altura sobresae por entre as   nubes;

é impoñente pola súa altura

e pola multitude das súas ramas.

12Foi arrincada con carraxe

e foi tirada por terra,

o vento do nacente

secou o seu froito

que se desprendeu; e secou as súas ramas poderosas

e o lume consumiunas.

13E agora está plantada no deserto,

en terra reseca e sedenta.

14Saíu lume dunha das ramas

e consumiu os bacelos e os seus froitos.

Xa non hai nela ramas poderosas,

báculos para reinar.

Esta é unha elexía, e cántase coma unha elexía.

 

Historia das infidelidades de Israel

 

Capítulo 20

 

1No ano sétimo, o dez do mes quinto, viñeron algúns dos anciáns de Israel consultar o Señor e sentáronse diante de min.

2Veume entón a palabra do Señor nestes termos:

3‑Fillo de Adam, fálalles ós anciáns de Israel e dilles:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑¿Seica vindes consultarme a min?

Xúroo pola miña vida que non deixarei que me consultedes

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

4¿Non os vas xulgar ti?: ¿non os vas xulgar, fillo de Adam?

Amósalles as abominacións de seus pais;

5has de lles dicir: así fala o meu Señor, Iavé:

‑O día no que eu escollín a Israel,

xureille coa miña man erguida á liñaxe da Casa de Xacob,

cando me dei a coñecer a eles, xureilles coa man levantada:

Eu son o Señor, o voso Deus.

6No día aquel xureilles coa man erguida,

que os sacaría do país de Exipto,

para a terra onde eu me aparecera a eles,

terra que deita leite e mel,

terra que é a máis gloriosa de todas as terras.

7Tamén lles dixen:

Cada un de vós botade fóra as abominacións que vos levan os ollos,

e non vos lixedes cos ídolos de Exipto.

Eu son o Señor, o voso Deus.

8Pero eles reviráronse contra min,

e non me quixeron facer caso.

Ninguén deles botou fóra as abominacións que lles levan os ollos,

nin abandonou os ídolos de Exipto.

Entón véuseme ó pensamento verter  contra eles o meu noxo,

e esgotar contra eles a miña ira en pleno país de Exipto.

9Pero obrei de acordo co meu nome,

de xeito que non fose profanado á vista dos pobos

no medio dos que vivían,

e na presenza dos cales me dera a coñecer a eles,

sacándoos do país de Exipto.

10Saqueinos da terra de Exipto

e leveinos ó deserto.

11Deilles os meus preceptos

e fíxenlles coñecer as miñas leis,

que dan vida ó home que as cumpre.

12E tamén lles dei os meus sábados

para que sirvan de sinal entre min e eles,

para que se saiba que eu son o Señor que os consagra.

13Pero rebelouse contra min a Casa de Israel no deserto:

non seguiron os meus preceptos,

senón que rexeitaron os meus mandamentos,

que dan vida ó home que os cumpre,

e profanaron os meus sábados desde antigo.

Eu vinme tentado de verter contra eles

o meu noxo para os exterminar.

14Pero obrei por mor do meu Nome,

para que non fose profanado

á vista dos pobos,

á presenza dos cales os saquei.

15Pero volvín xurarlles no deserto,

coa man levantada,

que non os levaría á terra

que lles dera,

que deita leite e mais mel,

e que é a máis gloriosa de todas as terras;

16por rexeitaren as miñas leis

e por non se comportaren conforme ós meus preceptos,

e por profanaren os meus sábados,

pois íaselles o corazón tralos seus ídolos.

17Pero o meu ollo tivo compaixón de facerlles mal,

e así non os exterminei no deserto.

18Os seus fillos díxenlles no deserto:

Non sigades os preceptos de vosos pais

nin gardedes as súas leis,

nin vos contaminedes cos seus ídolos.

19Eu son o Señor, o voso Deus:

seguide os meus preceptos,

gardade as miñas leis e cumprídeas,

20santificade os meus sábados:

que sirvan de sinal entre min e vós,

para que se saiba que eu son o Señor, o voso Deus.

21Pero os fillos rebeláronse contra min:

non seguiron os meus preceptos,

nin gardaron as miñas leis, nin as cumpriron,

pois o home que as cumpre ten a vida por elas,

e profanaron os meus sábados.

Entón véuseme ó pensamento verter contra eles o meu noxo,

e esgotar a miña ira contra eles no deserto.

22Pero retirei a miña decisión de forza

e entón decidín obrar de acordo co meu Nome,

de xeito que non fose profanado á vista dos pobos,

á presenza dos cales eu os fixera saír.

23Volvín xurar coa man levantada contra eles no deserto

que os dispersaría entre os pobos e que os esparexería entre os países,

24por non cumpriren as miñas leis e por rexeitaren os meus preceptos,

por profanaren os meus sábados,

e por írenselles os seus ollos

tralos ídolos de seus pais.

25Por iso ¿non fun tamén eu quen lles dei preceptos que non son bos,

e leis que non os fan vivir?

26¿Non fixen eu que se contaminasen coas súas ofrendas,

ó faceren pasar polo lume a todos os primoxénitos,

para volvelos unha desolación

e para que así recoñezan que eu son o Señor?

27Por isto, fillo de Adam, fálalle á Casa de Israel e dille:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Aínda así me inxuriaron vosos pais,

coa súa infidelidade, coa que me traizoaron.

28Eu tróuxenos ó país que, coa miña man levantada,

xurara llelo dar a eles;

pero eles, ó veren calquera outeiro elevado

ou calquera árbore enramallada,

ofreceron alí os seus sacrificios,

deron alí as súas ofrendas provocadoras,

puxeron alí os perfumes que, segundo eles, aplacan

e verteron alí as súas libacións.

29Eu díxenlles:

"¿Que é ese outeiro onde ides?".

E quedoulle de nome o "outeiro"

ata o día de hoxe.

 

30Por isto dille á Casa de Israel:

Así fala o meu Señor, Iavé:

‑¿Non é verdade que vós vos lixades

segundo o vieiro dos vosos pais,

e que vos ides prostituír cos seus mesmos ídolos?

31Cando vós levantades as vosas ofrendas,

cando facedes pasar os vosos fillos polo lume,

estádesvos lixando con todos os vosos ídolos ata hoxe,

¿e voume deixar eu consultar por vós, Casa de Israel?

Pola miña vida ‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑,

que non me deixarei consultar por vós.

32O que se vos vén á cabeza

non sucederá de ningún xeito,

pois vós pensades:

"Debemos ser coma os demais pobos e razas dos outros países,

dando culto ó pau e mais á pedra".

33Pola miña vida ‑é o Señor, Iavé, quen fala‑

xuro que con man forte,

con brazo estendido,

e con noxo rebordado,

hei reinar sobre vós,

34pois con man poderosa,

con brazo estendido,

e con noxo rebordado,

heivos facer saír de entre os pobos,

e heivos xuntar,

traéndovos dos países onde estades esparexidos,

35e heivos levar ó deserto dos pobos,

para preitear alí convosco cara a cara.

36O mesmo que preiteei cos vosos pais,

no deserto do país de Exipto,

así preitearei convosco,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑,

37fareivos pasar por debaixo do cetro,

e fareivos entrar no compromiso da alianza;

38separarei de entre vós os que se rebelen e pequen contra min:

a estes fareinos saír do país do seu desterro,

pero non entrarán nas terras de Israel.

Deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor.

39¡Decatádevos, Casa de Israel! Así fala o meu Señor, Iavé:

‑Uns ide, e adorade os vosos ídolos;

e os demais, que ninguén de entre vós

deixe de me facer caso,

e non volvades profanar o meu santo Nome

coas vosas ofrendas e cos vosos ídolos.

40Que no meu monte santo,

no alto monte de Israel,

‑é o meu Señor, Iavé quen fala‑

que alí me adore toda a Casa de Israel,

toda ela no país.

Alí me sentirei compracido deles,

alí pedirei os vosos tributos,

as vosas ofrendas,

e todo o que vós consagredes.

41Coma do perfume que aplaca, sentireime compracido de vós,

cando vos faga saír de entre os pobos

e vos xunte traéndovos dos países

onde estades esparexidos:

entón mostrarei por medio voso a miña santidade

á vista dos pagáns.

42E vós recoñeceredes que eu son Iavé,

cando vos faga entrar na terra de Israel,

no país que, coa man levantada, lles xurara dar a vosos pais.

43Unha vez alí, lembrádevos do voso comportamento

e de todas as obras coas que vos lixastes,

e sentiredes noxo de vós mesmos

por todas as maldades que cometestes.

44Entón recoñeceredes que eu son Iavé,

cando me comporte convosco conforme o meu Nome,

non segundo o voso mal comportamento

e segundo as vosas obras perversas, Casa de Israel,

‑é o meu Señor, Iavé, quen fala‑.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com