Capítulos 36-42

Discurso hímnico (36, 1 - 37, 13)

 

Capítulo 36

 

1Dixo Elihú de seguido:

2‑"Sopórtame un intre, voute instruír:

aínda teño palabras a prol de Deus.

3Desde lonxe aportarei o meu saber,

dareille a razón ó meu Facedor,

4pois non hai engano nas miñas verbas

e tes ante ti a un que as sabe todas.

5Certo que Deus é poderoso,

mais non rexeita ós de conduta sincera;

6non deixa con vida ós malvados

e failles xustiza ós pobres;

7non afasta os seus ollos dos xustos,

cos reis séntaos no trono,

exáltaos para sempre;

8e cando están presos con cadeas,

vinculados con cordas que os contristan,

9ponlles diante as súas obras,

os pecados con que se reviraron:

10ábrelles os oídos á corrección

e anímaos para que se arrepintan.

11Se o obedecen e serven,

rematan os seus días felizmente

e os seus anos nas delicias.

12Se non o escoitan, pasarán a Canle da morte,

expirarán sen se decataren.

13Pero os malvados anóxanse rancorosos,

non claman socorro cando os encadea.

14Morre deste xeito a súa alma aínda nova

e a súa vida cando son mozos,

15mais El ceiba ó coitado da súa coita,

ábrelle o oído co sufrimento.

16En canto a ti, ben que te librou da anguria,

púxote nun espazo sen estreituras,

a túa mesa estaba chea de manxares.

17Con todo, ti non xulgaches a causa do malvado,

negácheste a defender o dereito do orfo.

18¡Ten ollo non te seduza a abundancia,

non te dobregue unha dádiva copiosa!

19¿Nunha liorta con El, hanche valer os teus bens

ou todos os recursos da túa riqueza?

20¡Non suspires por aquela noite

na que pobos enteiros serán arrincados!

21¡Gárdate de te volver para o mal,

pois xa outrora preferiches rebeldía a sufrimento!

22Velaquí o Deus que é sublime no seu poder.

¿Quen é o mestre que se lle asemella?

23¿Quen lle corrixe a conduta

ou quen lle di: ¡Fixeches unha boa!?

24¡Lémbrate de loarlle os seus feitos,

que toda a xente canta!

25Todo humano o contempla,

todo home o observa desde lonxe.

26Deus é máis grande do que coñecemos,

non hai quen leve a conta dos seus anos,

27pois El deixa caer as pingas de auga

a esvarar como chuvia desde o ceo,

28orballando desde as nubes

petando a chuvieira contra o chan.

29¿Quen entende o pendurar das nubes

colgantes da súa tenda?

30Por riba delas esténdese a súa luz,

nas raíces do mar pon o seu trono.

31Por medio delas alimenta á xente

dándolles xantar abondo.

32Coas dúas mans aferra o lóstrego

para guindalo dereito contra o branco.

33Anúnciao por diante o seu tronar,

ó encirrar a súa xenreira contra a maldade.

 

Capítulo 37

 

1Por iso o meu corazón treme

e sáltame fóra do sitio.

2¡Oíde o son da súa voz tronante,

o balbordo que sae da súa boca!

3Dispara o raio por embaixo do ceo

e chega o lóstrego ata os confíns da terra;

4tras del vén o bruar do trono

retumbando coa alteza da súa voz;

non se contén o lóstrego

cando se empeza a oír a treboada.

5Amósanos Deus as súas marabillas,

fai prodixios que nós non comprendemos.

6Dille á neve: ¡Cae no chan!

ó orballo e á chuvia: ¡Sede fortes!

7Encerra os homes todos coma nun curro,

para que a humanidade coñeza os seus feitos.

8As feras foxen para os seus recunchos,

acochábanse nos seus cubís;

9sae a galerna da súa alcoba

e a xeada dos seus piornos;

10co sopro divino fórmase o xeo

e calla todo ó longo das augas;

11Tamén é El quen lles dá humidade ás nubes

e fai xurdir o raio dos nubeiros,

12que se moven arredor

e van e veñen segundo os goberne,

cumprindo todos os seus mandatos

sobre a face do orbe:

13sexa para castigar coa vara,

sexa para favorecer, eles sempre dan no fito.

 

Conclusión

 

14¡Escoita todo isto, Xob,

ponte en pé e pescuda as marabillas de Deus!

15¿Entendes ti como dispón Deus deles todos

e como fai brillar os lóstregos no nubeiro?

16¿Que sabes ti do cimbrarse das nubes,

marabilla dunha ciencia insondable?

17Ti, a quen xa queima o vestido,

cando a terra adormece baixo o vento do sur.

18¿Tendiches ti con El a cúpula celeste,

impenetrable coma un espello fundido?

19¡Aconséllanos ti o que lle teñamos que dicir!

Non atopamos razóns na nosa ignorancia.

20¿Coidas que o informarán, se eu lle quero falar;

que llo comunican cando un home di algo?

21¡Se xa agora non hai quen mire o sol

cando resplandece no ceo

ó pasar o vento e varrelo!

22¡Do norte vén un resplandor dourado,

a tremenda maxestade arredor de Deus!

23Nós non alcanzamos ó Omnipotente,

que é sublime en poder e dereito

e non destrúe a súa Orde grandiosa!

24Por iso tremen ante El todos os humanos

e non ten en conta ós que se cren sabios".

 

A RESPOSTA DE DEUS (38, 1 - 42, 6)

 

Título e introdución

 

Capítulo 38

 

1Entón respondeulle Iavé desde o trebón:

2‑"¿Quen é este que escurece o meu plan

cunha leria sen tino?

3¡Cingue os lombos coma un home!

Vouche preguntar para que ti me ensines:

 

Iavé creou o mundo

 

4¿Onde estabas cando fundei a terra?

¡Dimo, se tes tanto siso!

5¿Quen lle deu as proporcións, se é que o sabes?

ou ¿quen lle tendeu por riba a corda de medir?

6¿Onde afincan os seus alicerces?

¿Quen colocou a súa pedra angular

7entre o choutar dos luceiros do abrente

e os aturuxos dos seres celestes?

8¿Quen pechou os portóns do mar

ó xurdir debruzándose do seo materno,

9cando lle impuxen coma embozo as brétemas

e o envolvín en néboas coma panos?

10Daquela marqueille os límites

e asegureille os ferrollos e as portas,

11e díxenlle: Ata aquí has chegar e non pasar.

Aquí han rematar as túas altas ondas.

12¿Cando, na túa vida, mandaches no abrente

ou lle fixeches saber o seu lugar á aurora,

13para que aferrase a terra polas abas

e sacudise dela ós malvados,

14para que tome forma coma a arxila baixo o selo

e se tinga de cor coma a roupa;

15para que se lles negue ós impíos a luz

e se lle rompa o brazo ó malvado?

 

Iavé abrangue e coñece o universo

 

16¿Teste achegado ós mananciais do mar?

¿Paseácheste pola canle do océano?

17¿Descubríronseche os cancelos da morte?

¿Ollaches os portóns das tebras?

18¿Pescudaches ti as longuras da terra?

¡Cóntamo se é que o sabes todo!

19¿Cal é o camiño onde mora a luz

e onde habita a tebra,

20para que as poidas levar ata os seus eidos,

coñecendo os vieiros do seu casal?

21¡Tal debes ti saber, pois xa para entón naceras

e a cifra dos teus anos son milleiros!

22¿Achegácheste ós celeiros da neve,

axexaches nos piornos da sarabia,

23que eu conservo para o tempo da aflición

e para o día da loita e da guerra?

24¿Onde é o lugar no que se parte o vento?

¿Onde se esparexe o soán pola terra?

 

Deus dirixe e goberna a creación (38, 25 - 39, 30)

 

25¿Quen lles arou a canle ás chuvieiras

e o vieiro ás chispas da treboada,

26para que chova na campía erma,

na estepa onde non hai ninguén,

27fartando así páramos e desertos,

para que agromen as herbas na estepa?

28¿Ten pai a chuvia?

ou ¿quen xerou as pingotas do orballo?

29¿De que ventre saíu o xeo

ou quen pariu a xeada do ceo,

30cando a auga endurece coma pedra

e se conxela a superficie do océano?

31¿Es ti quen amarra as cadeas das Pléiades

ou quen desata os lazos do Orión?

32¿Fas ti xurdir ó seu tempo a Coroa

ou guías ti a Osa cos seus fillos?

33¿Coñeces ti por caso a lei do ceo

ou decretas as normas que van rexer na terra?

34¿Erguerás ti a voz ata as nubes

para que un ballón de auga te alague?

35¿Mandas ti nos lóstregos, e vanse

para dicirche ó remate: xa estamos de volta?

36¿Quen lle deu a sabedoría ó ibis

e o seu instinto ó galo?

37¿Quen conta sabiamente as nubes?

e ¿quen envorca as sellas do ceo

38cando o po se funde en lama

e se apegan os terróns os uns cos outros?

39¿Cázaslle ti a presa da leoa

ou fártaslle a fame dos cachorros,

40cando acochan nas súas covas

ou axexan deitados entre as silvas?

41¿Quen lle asegura ó corvo a súa mantenza,

cando berran a Deus as súas crías

toleando por non teren que comer?

 

Capítulo 39

 

1¿Sabes ti cando pare a cabra montesa?

¿Puideches observar a cerva nas súas dores?

2¿Contácheslles os meses de preñez?

¿Sabes cando lles vén o intre do parto?

3Dóbranse, dan saída ós seus fillos

e libéranse das crías.

4Os pequenos collen forzas e medran,

foxen e xa non volven.

5¿Quen deixou ceibe ó asno salvaxe,

quen lle soltou as cinchas ó onagro,

6a quen lle dei por eido a estepa

por morada as chairas salitrosas?

7Rise do xentío da cidade,

non ten que oír os berros do arrieiro;

8esculca os montes á procura do pasto,

procura o verde onde queira que estea.

9¿Vaite querer servir o touro bravo?

¿Pasará a noite no teu cortello?

10¿Manteralo da corda no teu suco?

¿Vai el arar as eiras tras de ti?

11¿Fíaste del porque ten moita forza

e descargas nel o teu traballo?

12¿Confías en que torne

para recoller o gran da túa eira?

13As ás da avestruz baten á présa,

aínda que non teñan plumas coma a cegoña,

14cando deixa polo chan os ovos

a quecer entre o po

15e non coida que un pé os pode esmagar

ou tripar neles unha fera salvaxe.

16É cruel cos seus fillos, como se non fosen dela,

non lle importa ter sufrido de balde,

17xa que Deus lle tolleu a Sabedoría

e non lle deu parte na intelixencia.

18Mais cando ergue o voo,

burla a cabalo e cabaleiro.

19¿Dáslle ti o brío ó cabalo?

¿Revísteslle de crinas o pescozo?

20¿Ensínaslle a saltar coma a lagosta?

¡O seu bufido fachendoso é abraiante!

21Dá patadas de ledicia no chan

e lánzase ó encontro das coirazas;

22rise do medo, e ninguén o aterra,

non dá volta ante a espada;

23por riba del sona a alxaba,

a punta da lanza e mais o alfanxe;

24cun tremer de estrondo corre a terra,

non se detén por máis que soe a trompa;

25cando escoita o clarín responde: ¡ea!

de lonxe venta a loita,

o bruar dos xefes e o grito de guerra.

26¿Es ti quen lle ensina a voar ó falcón,

tendendo as ás no vento do Sur?

27¿Remonta a aguia por orde túa,

e coloca elevado o seu niño?

28Nas rochas vive e fai a morada,

nos curutos das penas ten a súa atalaia;

29desde alí axexa a presa,

os seus ollos pescudan desde lonxe;

30as súas crías arelan zugar o sangue,

e onde haxa cadáveres, alí está".

 

Conclusión do discurso de Deus (40, 2.8-14)

 

Capítulo 40

 

1Engadiu Iavé falando con Xob:

2‑"¿Quere porfiar o censor do Omnipotente?

¡O que corrixe a Deus, que lle responda!"

3Respondeulle Xob:

4‑"Eu son un home feble, ¿que che hei responder?

porei a miña man sobre a boca.

5Xa falei unha vez, non replicarei;

dúas veces, nada engadirei".

6Respondeu Iavé a Xob desde o trebón:

7‑"Cingue os teus lombos coma un home;

vouche preguntar para que ti me ensines:

8¿Vas en verdade anular o meu dereito?

¿Declárasme culpable para saíres ti inocente?

9¿Tes ti un brazo coma o de Deus

ou atrona a túa voz coma a súa?

10¡Anda, vístete de gloria e maxestade,

envólvete nun esplendor glorioso!

11¡Derrama a furia da túa carraxe,

bota unha ollada ós soberbios e abáteos!

12¡Olla para os fachendosos e humíllaos,

esnaquiza os impíos onde estean,

13afúndeos todos a eito no po,

encadéaos no máis oculto!

14Entón tamén eu te hei loar:

¡De certo que a túa dereita che deu o triunfo!

 

Instrución das bestas monstruosas (40, 15 - 41, 26)

 

15Mais olla para o hipopótamo,

a quen eu fixen igual ca ti;

pace na herba coma os bois;

16pero observa a forza dos seus lombos,

a potencia nos músculos do seu ventre.

17Ergue o rabo coma un cedro,

os tendóns das súas coxas entretécense;

18ten os ósos coma tubos de bronce,

articulacións coma varas de ferro:

19é do mellor que Deus produciu,

só o creador pode aplicarlle a espada.

20Apórtanlle o seu xantar os montes,

onde brincan as feras montesías;

21déitase entre os xuncos,

acochado nos caneiros dos pantanos;

22os lotos fanlle sombra,

rodéano os salgueiros do regato.

23Por máis que o río veña cheo, non se turba,

fica confiado aínda que o Xordán lle chegue ós fociños.

24¿Quen poderá amarralo de fronte

ou furarlle o nariz por máis que estea no cepo?

25¿Podes pescar co anzol o crocodilo

ou atalo da lingua cunha corda?

26¿Podes pasarlle polo nariz unha liña

ou perforarlle a queixada cun gancho?

27¿Virá onda ti suplicarche

ou falarche con lingua agarimosa?

28¿Fará trato contigo,

para que o recibas coma servo perpetuo?

29¿Podes xogar con el coma cun paxaro

ou deixarásllelo atado ás túas nenas?

30¿Fará comercio del o gremio dos pescadores,

poxarano entre os mercadores?

31¿Ferirías de dardos o seu coiro

ou a súa cabeza con arpóns?

32¡Ponlle a túa man enriba:

pensa ben na pelexa, e non o farás dúas veces!

 

Capítulo 41

 

1O que del se fía engánase,

xa dunha ollada queda un derrubado;

2ninguén hai tan cruel cando o encirran;

¿quen lle fará fronte?

3¿Quen bateu con el, e saíu salvo?

¡Nin o primeiro baixo o ceo!

4Ninguén acalará o seu poder

nin a forza vital que é a súa defensa.

5¿Quen lle abriu o seu manto exterior

ou traspasou a súa dobre coiraza?

6¿Quen espalancou as portas dos seus beizos

rodeadas de dentes estarrecedores?

7O seu lombo ten ringleiras de placas

seladas con remaches de pedernal,

8unha a unha encaixadas;

nin o aire pasa por entre elas,

9apéganse as unhas ás outras,

tan trabadas que non se poden separar.

10O seu esbirro solta faíscas de lume,

os seus ollos son coma as pálpebras do abrente.

11do fociño sáltanlle muxicas,

xorden faíscas de lume;

12do seu nariz sae fume

coma dun crisol aceso e fervente;

13o seu bafo consome brasas,

chóutanlle labaradas do fociño.

14A forza resídelle no pescozo;

diante del baila o medo;

15ten carnes ben trabadas,

fundidas nel, e non remexen.

16O corazón é sólido coma un croio,

dunha peza, coma pedra de moer.

17Cando el se ergue, tremen os fortes,

devalan coma a marea.

18A espada do que o atope non resistirá,

nin lanza, nin dardo, nin frecha,

19pois para el o ferro é palla

e o bronce, madeira podre.

20Non o axota unha frecha,

e as pedras da fonda son para el coma lixos.

21Para el a maza é estopa,

e rise do asubío da azagaia.

22O seu ventre son tellas afiadas

que coma grade de ferro fan regueiros na lama.

23Fai ferver coma un pote os fondos,

deixa o mar coma un botafumeiro;

24tras el fai lucir un ronsel,

e imaxinas que o mar ten unha cabeleira branca.

25Non hai no mundo quen se lle semelle,

alguén coma el, creado sen medo de nada.

26Fai fronte a canto haxa de elevado;

el é o rei de todas as feras".

 

A derradeira resposta de Xob (40, 3-5; 42, 2-3c.d. 5-6)

 

Capítulo 42

 

1Falou Xob respondéndolle a Iavé:

2‑"Confeso que ti o podes todo

e non hai designio que che sexa imposible.

3¿Quen se arrisca a embazar un plan por ignorancia?

¡Por iso, falaba eu sen tino

de prodixios que non coñecía!

4Escoita o que che vou dicir,

preguntareiche para que ti me ensines.

5Coñecíate eu de oídas,

mais agora contémplante os meus ollos,

6por iso retiro o dito e arrepíntome

no po e na cinsa".

Epílogo

7Despois de falar Iavé estas razóns con Xob, díxolle a Elifaz o temanita: ‑Férveme a ira contra ti e contra os teus dous amigos porque non falastes de min o que é debido, coma o meu servo Xob. 8Collede logo sete vacas e sete carneiros e ide onda o meu servo Xob, para que os ofreza por vós en holocausto; e que o meu servo Xob pregue por vós, para que eu vos sexa propicio e non faga convosco un escarmento, porque non falastes de min o que era debido coma fixo o meu servo Xob.

9Foron entón Elifaz o temanita, Bildad o xuhíta e Sofar o namateo e fixeron o que lles mandara Iavé, e El escoitou a Xob.

10Iavé trocou a sorte de Xob cando intercedía polos seus amigos, e multiplicou polo dobre todo canto Xob puidera ter antes. 11Chegaron daquela todos os seus irmáns e as súas irmás e todos cantos o coñeceran antes, e comeron con el do pan da casa e déronlle o pésame, consolárono por todas as mágoas que Iavé lle impuxera, e déronlle cadansúa cantidade de diñeiro e   aneis de ouro.

12Bendixo Iavé a fin da vida de Xob máis aínda cós comezos, e chegou a ter catorce mil ovellas, seis mil camelos, mil xugadas de bois e mil asnas.

13Tivo sete fillos e tres fillas. 14Chamoulle á primeira "Rula", a segunda "Flor de Camela" e á terceira "Pomo de aromas". 15Non houbo en toda a bisbarra mulleres tan belidas coma as fillas de Xob, e o pai deulles herdanza coma a seus irmáns.

16Aínda viviu Xob cento corenta anos despois destes sucesos, e viu os seus fillos, os seus netos e os seus bisnetos. 17E morreu Xob vello e farto de vida.

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com